Fran Fernández Davila, Davila palabra grave e sen acento, é o fillo de Humberto, mecánico engraxador nun barco de pesca de altura, e Benilde, ama de casa, labrega e obreira nunha fábrica de conservas. Grazas ao duro esforzo dos seus pais e irmáns estudou enxeñaría, profesión que vén exercendo dende o ano 2000 deseñando e construíndo máquinas e instalacións que conxelen e conserven cousas. Gústalle viaxar, o café con natas, e bota de menos xogar ao fútbol cos amigos. Tocou o bombardino na banda da súa vila durante dez anos e comezou a escribir en 2016 como concepto de terapia antiestrés. Dende entón e ata este ano gañou máis dunha trintena de premios, a metade de poesía e a metade de narrativa, o que o levou a múltiples publicacións colectivas e oito libros individuais, cinco novelas, A senda de sal (Galaxia, 2017), Alana (Toxosoutos, 2018), O bosque do duque. ‘s-Hertogenbosch (Galaxia, 2022), Groenlandia (Galaxia, 2023) e Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (Fundación Vicente Risco, 2023); e tres poemarios en solitario: Mover os Marcos (Instituto de Estudos Miñoráns, 2019), koиpostєla (Concello de Padrón, 2023) e Palabras Mortas (Medulia, 2024).
[Febreiro, 2024]