Xosé María
Lema Suárez

Natural da Terra de Soneira (Bamiro-Vimianzo, 30.9.1950), unha das catro comarcas da Costa da Morte.

A súa obra está relacionada coa investigación e co ensaio nos eidos da historia da arte, a historia xeral, a etnografía, a lexicografía, a lingüística e a onomástica.

Labor docente

Catedrático de Xeografía e Historia de ensino secundario desde 1992. Exerceu a docencia nos institutos Fernando Blanco de Lema, de Cee (1976-1978); Marqués de Suanzes, de Ferrol (1979-1982), e Antón Losada Diéguez, da Estrada (1982 á actualidade). Foi tamén profesor asociado do Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago (curso 1991-1992).

Doutor en Historia da Arte con Premio Extraordinario de Doutoramento do curso 1990-1991 da Universidade de Santiago, coa tese A Arte Relixiosa no arciprestado de Soneira (xaneiro 1991), que foi a primeira redactada e defendida en lingua galega na especialidade da Historia da Arte.

Foi tamén profesor-colaborador do ILGa e da Dirección Xeral de Política Lingüística nos primeiros cursos de lingua galega para a reciclaxe de profesores de EXB de 1977 a 1985, e tamén colaborou co Seminario de Didáctica da Historia do ICE da Universidade de Santiago no 2º ciclo do CAP.

Conferencias, relatorios, etc.

Impartiu cursos de lingua, historia e historia da arte galega na Cátedra 'Alfonso R. Castelao' da Universidade de Buenos Aires, República Arxentina (meses de setembro dos anos 1996, 1997 e 1998).

Participou como relator en congresos de historia, lingüística e onomástica convocados polo Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, ou celebrados nas universidades de Tréveris (Alemaña)- XVIIIth International Congress of Onomastic Sciences, convocado polo ICOS-, Nova York, Oxford, La Habana, Barcelona, etc.

Coordinou o I e II Simposio de Historia da Costa da Morte (1999 e 2000) e foi vocal do Comité Científico do V Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas. Fin de Milenio. Fisterra (Cee, 1999). Tamén coordinou a catalogación do "Patrimonio Etnográfico Inmobiliario da Costa da Morte" (fases I, II, III: 1993-1996), e na actualidade colabora no Proxecto de "Conservación e Revalorización Sociocultural do Patrimonio Megalítico da Costa da Morte" (dirixido por A.A. Rodríguez Casal, da Universidade de Santiago).

Premios

Ademais do Premio Extraordinario de Doutoramento (1990-1991) da Universidade de Santiago, como investigador recibiu os premios 'Pedrón de Ouro de Etnografía' (1976), e 'Antón Losada Diéguez' de Investigación (1994). En 2010 recibiu na Estrada o Premio Xornalístico ‘Reimóndez Portela’, na súa 15ª edición, con cinco artigos en defensa da lingua galega.

Entidades ás que pertence

Membro correspondente da Real Academia Galega (2002) e numerario (patrón) do Museo do Pobo Galego (2005). Tamén pertence á Asociación Galega de Onomástica (AGOn), á Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), á Asociación de Tradutores Galegos (ATG), á Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), a Nova Escola Galega (NEG). Foi elixido (2005) primeiro presidente do Seminario de Estudos Comarcais para a Promoción do Patrimonio Cultural da Costa da Morte (SEMESCOM).

[Setembro, 2015]