Nace en Lugo en 1946, cursando nesta cidade estudos de Bacharelato. En Compostela seguirá os de Filosofía e Letras (Sección de obtendo o título de Licenciado en 1968 e de Doutor en 1974.
Exerceu de Profesor Adxunto Interino de Prehistoria e Etnografía na citada Universidade e como profesor interino encargado de cátedra na Escola de Maxisterio de Lugo dende 1968 ata 1970. Neste ano obtén por oposición a praza de Catedrático de Instituto de Ensino Medio. Con posterioridade, dende 1995 ata 2007, exerceu a docencia na titulación de Técnicos Superiores de Turismo.
Como especialista en Antropoloxía cultural/Etnoloxía impartiu créditos de Doutoramento na Facultade de Historia (curso 1987-88) e de Filosofía (curso 1991-92), da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén formou parte dos tribunais que xulgaron catro teses de doutoramento na Universidade de Santiago, unha na Complutense de Madrid, unha na Universidade do País Vasco e unha na Universidade Fernando Pessoa (Porto).
Foi director da Sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento", membro da Sección de Antropoloxía do Consello da Cultura Galega, e do Consello de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Na actualidade é Presidente da Xunta Rectora do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) e académico correspondente da Real Academia Galega.
No ano 2012 foille concedido o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais pola monografía Os santos titulares de parroquia en Galiza.
Ata o ano 1980 alternará o cultivo da Etnografía e da Arqueoloxía prehistórica, codirixindo ou participando en campañas de escavación e prospección arqueolóxicas nas provincias de Lugo e A Coruña. A partir desta data concentra a súa dedicación na Etnografía/Antropoloxía Cultural, facendo traballo de campo no contorno da serra de Ancares (provincias de Lugo e León), A Ulla (provincias da Coruña e Pontevedra) e outras diversas localidades do país galego.
Participou como invitado en diversas xuntanzas peninsulares e interveu activamente na organización de varios simposios e congresos convocados por institucións como o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego Foi tamén encargado da programación da Sección de Antropoloxía do Congreso da Cultura Galega convocado pola Consellería de Cultura do Goberno Autónomo (Compostela, 1990), así como presidente do 111 Congreso de Historia da Antropoloxía e Antropoloxía Aplicada, dedicado a Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1996).
Leva pronunciado máis dun cento de conferencias en centros de ensino, asociacións culturais, museos e universidades de España e Portugal. Neste campo da divulgación participou, así mesmo, como asesor en iniciativas como a da serie Romarías, emitida pola Televisión Galega en 1996.
Formou, ou forma, parte do consello de redacción das revistas e series de publicacións Cuadernos de Estudios Gallegos (Santiago), Anuario de Historia de la Antropología (Barcelona), Antropológicas (Porto) ou Cadernos do Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social. Tamén foi coordinador e coautor dos tomos de Antropoloxía Cultural do Proxecto Galicia (Hércules de Ediciones-A Coruña), así como membro do Consello Editorial deste proxecto.
Na súa actividade de difusión mediante exposicións foi comisario, membro do comisariado ou asesor das exposicións "Galicia e a sega en Castela" (Consello da Cultura Galega/Museo Etnolóxico de Ribadavia), "Vida e obra de Xaquín Lorenzo" (Museo do Pobo Galego), "A Gandaría, tesouro de Galicia" (Museo do Pobo Galego), "A Terra e a Xente. Fotografías de W. Ebeling" (Deputación de Lugo/Museo Provincial de Lugo) e "Vida e Obra de Xesús Taboada Chivite" (Museo Arqueolóxico de Ourense/Museo do Pobo Galego).
A partir do ano 2003 comezou a súa colaboración como asesor etnográfico coa asociación galego-portuguesa Ponte ... nas Ondas, a cal tivo por obxectivo preparar unha candidatura para que a tradición oral de Galiza e o Norte de Portugal fose declarada pola UNESCO Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial da Humanidade.
Publicou máis de 150 escritos, tanto libros como artigos, relatorios en congresos, etc (en solitario ou en colaboración con outros autores). Entre eles figuran os titulados Lendas galegas de tradición oral (antoloxía), Galicia de lenda (Idem), Galicia de conto (Idem, con M. Quintáns Suárez), Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, Lugo, 2000, 1ª reedición (en colaboración con Xaquín Rodríguez Campos), Sociedade e tecnoloxía tradicionais do val de Ancares , Santiago, 1996 (en colaboración con Clodio González Pérez), La invención del Estado nación, Nos lindeiros da galeguidade-Estudio antropolóxico do val de Fornela, Santiago, 2002 (en colaboración con Luís Costa e Clodio González Pérez), Dicionario de Antropoloxia e Etnografla de Galicia (con X. R. Mariño Ferro), Os santos titulares de parroquia en Galicia, etc.
[Xuño, 2017]