Xosé
Fernández

Nacín en San Sadurniño. Dende mozo participei en movementos e asociacións de carácter social e cultural; da comunidade escolar, veciñais, pola paz e nomeadamente na busca da defensa do noso idioma. Tamén no ámbito político do meu concello, Narón, onde estiven un tempo coma concelleiro. A pesares de estar mesturado neses labores e inquedanzas e mesmo ter contacto co mundo literario, nunca me dera por arrincar no camiño da escrita. Foi un pouco antes da pandemia que empecei a escribir case sen pretendelo.

No ano 2023 saíu á luz o primeiro libro de relatos Aínda que te agoches publicado por Medulia. Ao mesmo tempo quedaba tamén rematado un poemario, este aínda inédito, que inicia o xerme de algo que parece ter continuidade noutros xéneros xa que estou a explorar o mundo da novela.

Neste medio xurdiu a ocasión de colaborar nun libro colectivo, Sempre Abril, no que interveñen autores e autoras de Portugal, Galiza, Asturias, Estremadura e Brasil baixo a coordinación da autora portuguesa Graça Amiguinho e co gallo de se celebrar o Cincuenta Aniversario da Revolución dos Cravos e o Cincocentos de Camôes. Nesta ocasión a miña aportación será en modo de prosa poética.

Entrementres, sigo participando da vida literaria en solitario ou en compaña de compañeiros de GAF, grupo de autoras e autores de Ferrolterra, en actos públicos.

[Febreiro, 2024]