Desde o balbucido do berce
-xa no primeiro pranto hai unha inquietude-
o home tenta expresarse
avanzando polos chanzos da intelixencia
sen saber en que estadio estamos
-tal vez na adolescencia da SABEDORÍA-
Sabemos que os sentidos están en diálogo constante
descifrando símbolos e significados
Pasiño a pasiño no labirinto da neurona certeira
(teimando entre o ensaio e o erro)
Aínda non descubrimos o equilibrio que sustenta o universo
(Ese supremo privilexio só os deuses o posúen)
mais a nosa obriga é ascender pola escada do insondábel
para non caer na caverna da ignorancia.
Crear é o desafío de todos os humanos
devecendo por dar coas conexións
con algunha das infinitas formas da ARTE.