Ás veces golpeamos a copa da amizade,
unha fenda finísima na transparencia
-delicada fraxilidade-
O doce viño que compartimos
fíltrase escorregando entre os dedos.
Un día o cristal escacha
-nun breve estalido doloroso-
derramando o penetrante aroma.
Crebaron dúas copas rebordantes
e os labios resécanse.
Perdeuse a mellor das reservas,
esa que gardamos para as ocasións.
O brillo dos ollos que celebraban o gozo,
cando brindabamos co sabor das palabras
que quentan por dentro,
non era bebedeira.
. . .
Rompeuse o ritual,
emborrachamos os sentidos de orgullo
co viño amargo da soidade.
Na adega dos sentimentos estragouse unha colleita.