Para os cativos Marcos Martínez Toro, Miguel Requeixo González, Aldara e Alexandre Vázquez Arias, Lucía Nicolás Ballesteros e Alona Fraulova Fraulova, que este verán sentiron as cóxegas do mar por primeira vez.
A lingua da inocencia
está presente
no abraio da ollada.
Regueiros de sangue
en enxurrada imparábel
—Arnoia, Arnoia—
nas ondas do mar de Vigo.
Hai unha corrente profunda
desbordante:
o brión dos bruños,
o latexar das lapas,
ourizos, caramuxos, milicroques,
e beizos de mexillón
nas palabras.
As cousas miúdas
en cuncha
conteñen a orixe da vida
salgada.
Sabores ameixa
fragancias salitre
ronseis escumantes
ouro de poñente
illas con tesouros
brazadas cósmicas
e mergullos siderais.
É unha escritura de claves
cifradas cos pés
na area,
un código morse antípoda,
un comunicado feito coa imaxinación
nunha escritura imborrábel na memoria.
O pensamento aboiando entre as ondas
abala, devala, respira, esvara
á deriva
o abraio inocente
da vida por primeira vez
que navega, navega...
sen límite.
O son de cada onda
irrepetíbel
nas palabras.
A emoción de cada sopro
irrefreábel
no arrepío.
A conmoción cegadora do salitre
imposíbel
extraer en algas de adxectivos para os ollos
cabo home que se deitan na planicie líquida
á procura dos tesouros do solpor.
“A rama no aire” (nº 83), do xornal Faro de Vigo