Centro de Documentación da AELG
Escolma de textos - Os inmortais
Domínguez Alberte, Xoán Carlos

 

Dicirvos só nun nome 
sen esquecer
a memoria que nos une,
o cordón umbilical da terra
que me corre polo sangue.

Ecos de palabras mestras
pronunciadas de xeración en xeración,
homes e mulleres que souberon ler
no horizonte
solidariedade, progreso, compromiso
para a nosa terra.
Só aqueles.

A lingua que nos une,
un caravel florido
entre os beizos,
con acios de palabras celmosas
traballadas en suor,
retintadas de esperanza.

Unha parada no camiño
e abonda para ver os sucos
deixados polos vosos pasos
a través das corredoiras
onde segue vivo o voso alento,
ese aire...

E mesmo nos tempos máis escuros,
en Escudeiros,
nunca faltou quen prendese fachos
no corazón das tebras.
Homes e mulleres de intelixencia e progreso
de palabra quente,
corazón irmau
e ollar limpo de horizonte.

Atoutiñando nas tebras,
sen cobiza nin estraperlo,
o voso esforzo
un filón de estaño
entre tobeiras e lavadeiros
para soldar vontades e unir
homes e mulleres
no espírito de progreso.

Esta terra que nos une
é sempre a vosa,
para traballar por ela
coas mesmas ansias,
coas palabras de sempre.

O cordón umbilical
que flúe polo sangue
coma un filón de estaño
a través da terra
e veas de tempo.
Só aqueles

 

http://incomunidade.blogspot.com, nº 2 (outubro de 2003) e en Clave Orión, nº 9-11 (2005).