Noite e néboa1
Hai imaxes que non poden deixar nunca indiferente
unha voz sangrando
unha visión perforada na retina
a compaña do abrazo dun corpo frío
abatido
os riscos de unllas de súplica
ou suplicio
clamando ao ceo
da placa de cemento compacto
sen a porosidade da pel
para respirar
en cámara de gas
o silencio cómplice
do esquezo que se murcha
nun ramallo de flores amarelas
no destempo
do papel gastado
onde se perdeu a xema
das pegadas crueis
sen o tacto asasino
sen rastros
sen rostros
desfigurados
entre a noite e a néboa
do tempo
cando murchaban as flores
antes de nacer.
1 Texto escrito no descanso da primeira xeira do “III ciclo de Cine e Historia” (NEG, 2008) , logo da proxección do documental ‘Noite e néboa’ (1955), de Alain Resnais. Incluído no blog Caladiños, de Eladio Anxo Fernández Manso, en xaneiro de 2008: (http://www.blogoteca.com/heladio/index.php?mes=1&ano=2008)