Música nas palabras1
I
Vou por un carreiro de estrume na procura do brión da inocencia dos nadais coa casa chea de sangue familiar e palabras quentes na fartura dos afectos da mamá vella que enchía o lar co seu calor vedraio.
II
Na escola falamos en murmurio pola calada. Mestra Cristal quéreme a rentes para escoitar os deberes do meu silencio. Eu penso na carrilleira que a lección de xeografía me transportará cara a un alpendre de herba seca e colmo onde poder espreitarmos a nosa inocencia de xogos con tacto sen pensamentos impuros de televisión.
III
E por que temos que ir ao rosario ás tardes? Será pola necesidade imperiosa de transusbstanciación entre os rezos en latín mesturados no cheiro a incenso das palabras dos que xa non están? Ou non? E non será porque despois xa non hai pretextos para impormos a nosa oración de verbos agachados no escuro das verdades prohibidas? Ora por nobis, ruegha por nosotros.
IV
A derradeira cea consumouse. Estabamos todos alí, creo que non faltaba ninguén. Non sabiamos se o pan estaba ou non por consagrar. A vendima fora farturenta e a colleita era xenerosa para degustar. Eran os sabores da palabra dun deus coñecido e próximo na lingua común dos sabores domésticos entre irmáns. Divina forma de exercer sacerdocio.
V
Sempre está alí, no camiño da Tapadiña. Xa non hai bandeira que despregar os sábados, transformador a medio esborrallar nin ollares á espreita dun cantar de carro baixando á colleita. Sen embargo a parede da hardade amosa en silencio os afagos entrecortados de tantos tactos adolescentes riscando as carreiras da vida.
VI
E que foi dela? Seguirá a lembrar o recendo intenso da nosa pel con suares de incerteza? Cubriría aquela nuez rotunda agachada nos camiños da inocencia co desarraigo da amnesia do que nos é propio?
VII
Cando nos volvamos atopar contareiche todo o que son, cantareite, contareite. Nunha táboa de multiplicar infinita. Coma a que ensaio cada vez que me afasto da orixe, de min mesmo.
Escudeiros, sen cumprir data
1 Texto composto, en abril de 2008, na biblioteca do IES de Celanova, escoitando unha música seleccionada por Baldo Ramos, no remate dun obradoiro de creación artística que alí desenvolveu.