NO AIRE, aí fica a túa raíz, aí
No aire.
Paul Celan, A rosa de ninguén
Onde se perde tanta fermosura
sen ter ollos para a gozar?
Dende cativa só tivera a ocasión
de lle facer as beiras a lúa
nas pozas camiño de ningures
Saber sabía que tiña rostro
aínda que só coñecese as caricias da alba
que chega para quen ten que madrugar
Talvez a súa imaxe fose esencia
coma aquel nome repetido
no esgrevio da xeografía do seu país
de cumes e castelos no aire esborrallados
sen fume nin faíscas no lar do seu ventre
Irrepetíbel
a fermosura
que se desfai na terra
de comer o pan
en soidade
sen compango de carne
que amasar entre as maus con luxuria
Chegar cabo dos días
unha noite crepuscular e sanguinaria
coma a vida
aqueles nomes de país
estiñando estiñando estiñando
xa só fica deles unha cima de aire
un mal vento ermo de desexo nun espello roto
un Castro
coma o de Inés.
Texto recitado no filo-café de Vigo (5-11-05) e incluído en http://incomunidade.blogspot.com