Deixei as portas abertas para a túa luz. Nesta hora amiga que non hai máis sensación que o desalento, imaxino os teus pasos de mar con empeñas avultadas cara a min en camiño aproximante. Unha sombra da nostalxia que compartimos en siluetas asimétricas e corpos transparentes. Só unha sombra.
Un bafo da túa voz cálida no amor e farta en soidade. Na plenitude non pasaba o tempo, en caricias distanciadas, só co alimento da palabra. Da túa palabra. Deixar de existir e esquecer a memoria, as sensacións do tempo. Ser ausencia de min e, só, estar contigo. Abóndasme na voz.
E o amparo, de corpos transeúntes, que xa non dan de si, que a forza dos desexos volve opacos, con tapaporos de engano, porque só en ti había xel de luxuria, con vapores de silencio, e prendas delicadas cedendo nun clic nu coa xema das caricias. Sobre a túa pel tan intensamente de area movediza.
Como sabes, aínda que isto nunca leas, sígoche enviando mensaxes de papel e amor salgado, neste longo mar que nos distancia, ti avanzando ao norte e eu fincado ao van dunha idea. ¡E ben que aproveitas o tempo e fas da vida un acopio de fragancias que, agora, por acaso, espelles de todo inéditas! Pola contra, a este que che escribe para que nunca leas, abóndalle coa oquedade do recordo, cheo de fragmentos dun ollar en fite no silencio e emocións derradeiras.
Coma o eco do son, na voz da botella, que afonde o cristal da súa sede inmensa no naufraxio do mar sen que nunca chegue a hora de horizonte daquela emoción que me lea. Claridade dun resplandor que invade a casa de portas abertas...
Escudeiros, 25 de abril
Inédito