Centro de Documentación da AELG
Escolma de textos - Dúas cartas de insomnio e un des espero I, Estación sen tempo fixo
Domínguez Alberte, Xoán Carlos

 

Son eu    amor    quen choraba versos de follas entre o vendaval da paisaxe.

Ao lonxe    tu    abrías incendios noutro corazón    de amor    que provoca lume de extinguir, no esquezo desta serra branca, onde as árbores xa hai tempo que deixaron a compaña das prendas máis vistosas da súa pel nunha viraxe do tempo ao cerne de si mesmo.

Agora    amor    por entre este remuíño ocre, no sentimento, sopra un vento de despedida, que non alimenta tenrura nin vagar na terra que alicerza. As follas que se van, e con elas algún murmurio desolado, aquí no corazón mesmo da natureza destas terras altas, en caída perpetua.

A compaña incesante do frío é agora un raio seco que fende o sangue e aterece o interior. O roibo da arterias esgazadas tinxe a  natureza,  animada  en indefinidas formas de vida, con latexos e fluxos de seiva, coma un río na paisaxe, da cor da carne, a corazón aberto.

Uxe voume deiquí    para sempre    de nós algo fica naquel ollar de sol esplendoroso nos meus voos de paxaro. Tamén na ebriedade de sal das conversas con un mesmo. E naquel sabor a érbedo arrancado á présa dos teus beizos, cando paseaba descalzo, carrúa abaixo, polas sinuosas vereas do ensoño. O asubío coa aguillada ao lombo, ao compás do cantar da madeira. E ese carro de amor que sempre nos leva.

A Pobra de Trives, outono

 

Inédito