“Con pólvora”
Detrás do desánimo amerou unha estrema de silenzo
na fronteira de ningures.
Longa noite de pedra
no eco
do tempo
retumban as tempas.
Fóra das paredes, das reixas do mosteiro
e das mentiras
arrastran os destinos
a toque de caixa
a cabalo do mencer
a un paredón sen alentos.
A caeira do Furriolo
camiño de Galez
a corga da Videira...
Sangue derramado nos cavorcos
de nomes sen beizón nin alxemas
con pulsos rotos
e impulsos que retumban na memoria.
Son nomes esquecidos
no eirado da herba verde con flores malva.
Celso, o alcalde, tío Roberto...
Sempre as cruces de pedra na Galiza...
D.A.V., o Darío na distancia.
Son homes anónimos
sen dereito
que nunca figuraron na metáfora asasina
das listas dos caídos
dunha longa noite de pedra
con segredos de confesión.
Porque non son caídos
os que ollan o tiro da morte de pé.
“E magnolias”
A todos vos bautizaron roxos
correndo sempre á procura de aire ceibo
por entre os carreiros e carrilleiras da serra
onde nunca estiñou o sangue derramado nos cavorcos.
A inclemencia do tempo
á ventimperie,
entre toxeiros e carqueixas
as esgazaduras do afecto
en carne viva.
Baixo a tella do país
non hai caldo con unto
nin palabras de agarimo ao quentor da familia.
O tempo fíxovos duros de corazón
nos segredos da touza.
Agora véxome nos teus ollos e
como un irmau che falo
porque sei que houbo asasinos
que segaron a vida e a liberdade
contra os que ti loitaches.
Non son caídos os que fronte a fronte ao destino
ollan o tiro da morte de pé
e nunca derrean a cabeza.
Son semente de herba verde
e flores vermellas.
Nomes con pulso roto que levamos
no sangue de nós outros.
Iinclúe os poemas “Con pólvora”, “E magnolias”—, no número 3 de Arrainos (monográfico “Represión e resistencia antifranquista”).