Facer carreiras pola area
todos os anos
coma un xogo beréber
entre as dunas.
Hai un neno que viaxa
con présa
por coller o tren
da vida
co seu brúo imparábel
entre a planta do océano
e os poros da area
que arelan beber.
É unha carreira constante
na marxe das horas
para apreixar o momento
de embarque
que os motores do océano
achegan e afastan a cada latexo
inseparábel do bruar das ondas.
A area dilátase entre o boureo de voces
dun idioma alleo
que confunden os acentos cálidos e confortables
dos acentos propios
e creban o espellismo
de non se atopar en país estraño.
A suor da raxeira
segue a reescribir os mesmos camiños
inventados na boca
do túnel do tempo.
As dunas da lembranza encobren os anos
dese rastro inextinto
entre a area e o mar
que é a vida.
E a compaña permanente das ondas
que non se deixan apreixar.
A raxeira.
Sensación de deserto.
Coma un tuareg.
Inédito