“O Guerreiro venceu e trouxo o Norte”
Luísa Villalta, En concreto.
Os ollos a ras da auga
somerxen e aboian o resplandor dos soños
nos cristais cambiantes da ría.
Espellos da vida profunda
en superficie
de caras asimétricas
co reflexo multicolor da adolescencia
en escala de grises.
A fantasía é unha cortina de néboa
con pés descalzos dispostos a profundar
a través dos remansos das ondas.
A singradura parte no intre preciso
da primeira refolada
co primeiro alento.
É unha viaxe cara adentro
o mar...
Baixar as congostras, descer os cómaros,
os ribeiros con bacelos de argazos,
esvarar polas grandes carballeiras
de brión e caranguexos con bugallas de osíxeno,
sucar os remuíños das corredoiras
sempre outonizas
e ao chegar ao máis fondo
dos nomes propios
mergullar os sentidos
nos sons do abismo
e conter a respiración.
En aparencia
espéllase un país ondeante
na brétema.
“A rama no aire” (nº 83), do xornal Faro de Vigo