Xesús
Abalo

Autor

Os meus pais, aló pola metade dos anos 70 do século pasado, déronme en chamar Xesús Manoel e deixáronme en herdanza os Abalo e Piñeiro dos que ben presumo. Nacín e medrei nunha vila xeitosa, Pontecesures, mais a meirande parte da miña educación académica recibina en Compostela. Alí, na Universidade de Santiago de Compostela, licencieime e posteriormente doutoreime en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía, títulos que me levaron a traballar como investigador na Suecia dende hai xa quince anos. Ora que se ben emigrei para traballar “no meu”, na voluntariedade desa acción influíron decisivamente as miñas arelas por saber e prevaleceu a influencia do cativo que segue vivo dentro de min e me fai argonauta investigador.

Estilo

A miña relación coa literatura non pasara dun amor platónico, onde amei a Jules Verne, Xavier Alcalá, Álvaro Cunqueiro, Mikhail Bulgakov ou Julio Cortázar, até que ousei “dar o paso” para publicar non só ciencia, como levo facendo dende hai dúas décadas, senón unha roman, fermoso nome co que se denomina ás novelas en sueco. Tres foron os detonantes principais; por unha banda fun pai por primeira vez, ademais, as obrigas laborais facíanme empregar tres horas diarias nun tren, co que dei en escribir eses contos que nunca me atrevera, e por último, Xavier Queipo, compañeiro biólogo, afamado escritor e a quen teño a sorte de coñecer dende hai anos, deume o pulo definitivo para seguir adiante. Así pois, como Xulio López Valcárcel describiu: “o estilo abrangue espazos pouco convencionais e móvese nunha mestura na que conflúen o real e o ilusorio, memoria e imaxinación, tenrura e dureza, humor, crítica social, sarcasmo e violencia”. Todo adobado cunha xerga científica que non fai senón enriquecer o idioma.

Cara ao Norte. A Viaxe dunha historia sen Historia

Esta é a miña primeira novela, publicada por Medulia Editorial en marzo de 2022. Trátase de “unha compilación de historias de feirantes unidas polo maxín dun historiador que quedou sen historia”. A obra comeza e remata nun avión dende onde se divisa un tren cheo de seres voluntariamente inertes. Nel ocorren historias variadas en canto ao protagonista, á temática ou ao narrador, mais sempre coa intención de sorprender con reviravoltas maxicamente surrealistas, de espertar sentimentos como a carraxe, o desacougo ou mesmo a compaixón. O resultado, vinte e unha historias semi-independentes, unidas por varios nexos aleatorios: a morte, a cor verde, os cans e a revisora, quen dá a súa propia interpretación a cada historia nun conto na metade do libro. Diversidade e hipersurrealismo máxico adornan esta historia de feirantes, nunha novela que nunca quixen que fose dereita mais coido que enderezou polo camiño. O gran Xavier Queipo fixo o limiar da obra e acompañoume en presentacións do libro en Pontecesures e Compostela en xullo de 2022. Ademais, tiven a sorte de poder asistir e poder asinar libros nas Feiras do Libro de Vigo e a Coruña, neste verán de 2022.

En marzo de 2023 publiquei "Carta de Estocolmo: Oxímoro equilibrado", no número 237 da Revista Grial.

Fun finalista do VI Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal co microrrelato "Un minuto", publicado no número 117 da revista Luzes do mes de xullo de 2023.

En marzo de 2024 publiquei "Carta do Xarpón: Respecto polo pasado, aposta polo futuro", no número 241 da Revista Grial.

[Agosto de 2024]