Xabier
Maceiras

Arteixo, 1970. Animador sociocultural que leva desde os anos oitenta traballando a prol da recuperación e divulgación da memoria histórica do seu Arteixo natal e das Comarcas de Bergantiños e As Mariñas.

Fundador con tan só 16 anos da Asociación Cultural O Rañal, na actualidade forma parte da Asociación Cultural Monte da Estrela e tamén do Colectivo Literario "In Nave Civitas" que comanda o polifacético Xurxo Souto, co cal coincidiría como "xefe de ruta" no grupo de rock Os Diplomáticos de Monte Alto, un dos máximos representantes do movemento bravú.

Como escritor colaborou nos xornais El Ideal Gallego e La Opinión de A Coruña e, na actualidade, faino na revista O Dez, un espazo que intenta unir o deporte do fútbol con diversos aspectos culturais que adoitan reivindicar o máis positivo deste xogo, afastándose da pura e dura comercialización. Ten publicado o libro de relatos mariños O mar de Arteixo e os seus naufraxios, editado por A.C.M.E en 2013, e De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam, editado por Embora en 2014 e escrito conxuntamente co autor Fernando Patricio Cortizo. Desde o ano 2014 escribe no seu blogue Crónicas de Arteixo, un lugar no que abarca diversos temas, situacións e personaxes do concello arteixán. Moitos dos relatos deste blogue están a piques de viaxar da rede ao papel e converterse nun libro que vai editar nos vindeiros meses Edicións Embora.

Xabier Maceiras tamén traballa, xunto ao realizador Xosé Antón Bocixa, nun proxecto audiovisual sobre o pasado do lugar que hoxe ocupa o Polígono Industrial de Sabón. Ademais, tamén participou en series exitosas do audiovisual galego como Padre Casares ou Serramoura.

[Marzo, 2017]