Fco. Javier Martín Betanzos (Xabier M. Betanzos cando asina escritos en galego) naceu en Rociana del Condado (Huelva) en 1954. Estuda Bacharelato no instituto La Rábida (Huelva), onde entre outros estudaron Juan Ramón Jiménez, Ignacio Sánchez Mejías, Odón Betanzos ou Jesús Hermida. Na mesma cidade estudou a Diplomatura de Formación do Profesorado de EXB, especialidade de Ciencias Sociais.
En 1980 casa na Coruña e en 1984 trasládase a vivir a esta cidade definitivamente, polo que se considera un galego máis. Completa os seus estudos coas especialidades de EXB de Pedagoxía Terapéutica e Lingua Galega. Máis tarde consegue as licenciaturas de Filosofía e Ciencias da Educación e Psicopedagoxía na UNED. Doutórase en Ciencias da Educación na Universidade da Coruña coa tese Diagnóstico de las necesidades educativas de los alumnos con parálisis cerebral, pola que obtén a cualificación de sobresaínte cum laude por unanimidade e a felicitación do tribunal. Neste eido escribe artigos en revistas españolas e estranxeiras e publica Guía para la evaluación, orientación y atención a los alumnos discapacitados motóricos en centros ordinarios (2007) e Parálisis cerebral e contexto escolar (2011). Estes libros están incluídos nas bibliografías das disciplinas relacionadas co estudo da docencia a alumnos con estas características e figura no catálogo das bibliotecas das facultades de Educación e Psicoloxía tanto de España como do estranxeiro. Tamén crea o método de lecto-escritura CODES en formato dixital para persoas sen fala e sen escritura manual e colabora na adaptación a lectura fácil dunha das súas novelas.
En 2013 traduce ao galego un conto de Manuel Ferrero co título O reino dos mil chanzos. En 2017 edita o bildungsroman No creas lo que tus ojos te dicen. Esta primeira novela foi obxecto de varias adaptacións e de estudos relacionados coa discapacidade e o xénero. En 2018 publica a novela Ella lo quiso. En 2022 sae á luz a novela de ficción histórica Alfileres en los ojos de los jilgueros, ambientada na masacre de La Desbandá.
En 2023 publica a súa primeira novela en galego: Non máis aló das nubes. É autor de relatos en idioma galego e de poemarios en galego e castelán que espera publicar en breve.
[Novembro, 2023]