X. H. Rivadulla Corcón naceu no barrio coruñés de Monte Alto no 1962, froito da emigración interior de Galiza, pois a súa familia é da vila de Muxía, o que motivou que a súa infancia e xuventude transcorrera a cabalo entre o barrio de Monte Alto e Muxía. Na actualidade reside no Concello de Oleiros e segue vinculado a Muxía.
Profesionalmente traballa no mundo audiovisual e no teatro. A primeira estrea do Centro Dramático Galego é da súa autoría, no ano 1985, tratábase do espectáculo "Festa rachada" que foi estreado en coprodución polo C.D.G. e a Compañía Titirití e dirixido por Cesar Lombera. Máis tarde estreou os espectáculos Praia na noite (2002) dirixido por Antonio Simón. O soño de Ulises (2002) e O inxenioso cabalo Rocinante da mancha (2004) dirixidos ambos por Juan Carlos Tirado, Furga Garabela (2001) e Salitre (2003) ambas dirixidas por el mesmo.
No terreo audiovisual traballou como xefe de produción da Área da Cultura de TVG, entre 1987 e 89. Como guionista traballou para diversas produtora privadas como "Corazón Negro", "Sincro Porducións", "C.A.I. Producions", "Productora Faro" "Lúa Films", "Non Si P. C.", "Vía Láctea filmes", "CTV", "Editorial Compostela", "Manivela Producións" e "Ficción Produccións", e tamén para TVG e Telecinco.
Tamén traballou en radio como guionista e locutor, nas emisoras: Radiocadena, Antena 3, Radio Nacional de España e Radio Galega.
Ten publicado artigos nos xornais: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego. Neste último xornal coordinou o suplemento de cultura "Xanela da Lúa" entre 1984 e 85. Formou parte da Comisión xestora fundadora da Academia Galega do Audiovisual é na actualidade é Presidente da Asociación Galega de Guionistas, cargo que desempeña dende 1999.
Durante o período de 1999 ao 2005, traballou como profesor de produción cinematográfica, produción teatral e guión audiovisual, na "E.I.S. O Raio Verde".
Durante 0 2006 dirixiu na TVG os programas "Planeta Fantasía", destinado á promoción da literatura infantil galega, e "Caravana de sabores" programa sobre a cociña popular de Galiza. A día de hoxe dirixe o programa sobre libros na Radio Galega titulado "A Casa do vagabundo" e ademais colabora na mesma emisora nos programas "As Quimbambas", "A Crónica" e "Mil Ribeiras".
No 2007 estreou o documental Os andolios sobre a chaira, sobre o mundo dos afiadores, do que é guionista e director. Emitido por TVG.
Como escritor ten publicado literatura infantil e xuvenil, novela, teatro e poesía e ensaio sobre temas audiovisuais. Sendo a poesía o xénero que el considera como o seu natural, traballando sempre os demais xéneros dende propostas e conceptos poéticos.
[xuño 2007]