o home ollou ao ceo e sentiu a friaxe das estrelas espetada na noite entanguecida
e nas súas mans nas súas peles mancadas polos ósos polos seus ósos que se
estarricaban como coitelos de chumbo
En Freixo pode un home
recoller o martelo e a sotana
o espantademos doce e eucarístico
e abanalo a cotío
nas portas nos latexos
nas perrucas dos xuíces
sentiu tamén chumbo nas pálpebras chumbo no seu cabelo pedra nos artellos
das mans e mais nos xoenllos area e lama nas canles eternas polas que percorrera
o sangue e unha mestura de xenreira e tristura nos mais pequenos recantos do seu
cerebro que ceibaba ideas como labaradas como semanas ceiba o ano como cabalos
bravos ceiba a montaña
En Freixo pode un home
argallar a traizón
agachado entre o salmo e o milagre
sentiu a friaxe das estrelas do ceo e da súa pistola no berce quente da man
a friaxe adiantou algúns pasos abalou medrou polos seus pulsos gabeando
primeiro despaciosa despois como unha teimuda tremeira e derradeiramente
como un galope que semellaba chegar dende o nacemento do Home do seixo
e da Colleita e da Treboada furando o tempo como un cicel un valo de manteiga
ou de madeira
En Freixo unhas moedas
poden repenicar encol das lousas
e brandindo
atravesar a noite
e cravarse nun peito descuberto
na pálpebra de chumbo,
nos sangues lamacentos.
sentiu que o espazo se encollía sentía que a distancia o afogaba atopouse a si
mesmo correndo atopouse entre unha mesta marusía de salaios atopouse entre
os foguetes que ventaban a morte esbronzando o mantelo da noite e os anteollos
dunha curuxa asosegada e vella e atopouse que en freixo hoxe
En Freixo hoxe a traizón pode chamarse
pérola, xoia, alfaia, patriotismo,
un milleiro cincocentas moedas,
canastro acugulado de semente,
alboio de ouro e vida,
e non ser mais que lixo apodrecido,
miserenta ruindade,
noxo,
cadea,
morte.