O moucho son dous ollos
espetados na fronte
da noite e das estrelas;
dous seixos aquedados
chantados entre lúas e meixelas;
dous silencios infindos, axexantes;
lumieiras sen luz,
palpabrexantes.
O moucho-espía,
o moucho-garda,
o moucho-escoita,
o moucho-sentinela,
o moucho-mastro,
o moucho-pólaergueita,
o moucho-vixiador,
o moucho-esteo,
o moucho-cariátide,
o moucho-outeiro,
o moucho-grímpola,
o moucho-carrapucho,
o moucho-xeo,
o moucho-sempremoucho:
fita os peitos da noite,
o arrecadén da noite,
o corpo da Nai Noite,
e albisca as padiolas
que levan os fantasmas, camiñando,
turrando da canseira,
como un exército vello e desafouto
que tira os seus feridos
e mortos do que fora
o campo da matanza.