"As eirexas son
comercios
e os curas comerciantes,
e, ó toque de campana,
van os ignorantes.
Priguiceiro do convento,
aprende a traballar,
que o pan do Kirieleisón
sempre non ha de durar.
Si qués ter algo de teu
fai en todo coma os cregos
que nunca dan nada a naide
agás que sexan consellos". (O clero na literatura
popular galega) |
"Temos unha
Igrexa clericalizada, con medo aos leigos... Unha Igrexa que
atende aos pobres desde os ricos, pero nen cre neles, nen deixa
que os pobres se promocionen... Gran parte do clero e relixiosos
son conformistas tradicionais, cerrados á cultura actual e
concretamente á galega...
Dentro deste cadro sombrizo temos que
afirmar a existencia dunha minoría cristiá cunha nova
conciencia de servicio á sociedade, aos máis pobres, e con
mentalidade progresiva, democrática. Voceiros deste movimento
foron os Coloquios e son as Romaxes e grupos tan plurais como os
de HOAC, XOC, MECG, Movemento Rural, CCP, algunhas Comunidades
parroquiais de base, Irimia, Encrucillada, ...
grupos cheos de vida e esperanza". (Francisco Carballo) (1) |
1. Un bispo galeguista: Miguel-Anxo Araújo Iglesias
"Por todas
partes espunta hoxe en Galicia como un despertar de conciencia
comunitaria: vaise extendendo a convicción de que formamos un
pobo dotado de persoalidade propia, e de que o noso desenrolo
integral como persoas ten que pasar necesariamente polo
desenvolvimento desa persoalidade comunitaria...
Este fenómeno social apresenta un
desafío á Igrexa galega de hoxe... O despertar da conciencia
colectiva é un claro sinal dos tempos na nosa sociedade galega
de hoxe" (2) |
Estas verbas
publicadas no ano 1975 son as dun bispo que, penso que sen pretendelo
moito, foi branco de polémicas e tivo que aturar fortes detraccións,
parellas a sinceras adhesións. A "Hermandad de Alféreces
Provisionales" a mesma que anos despois felicitaría ó seu
sucesor á fronte da diócese de Mondoñedo-Ferrol, José Gea Escolano,
polas súas manifestacións contra o PSOE contestoulle inmediatamente
tras da súa pastoral sobre a lingua galega: "Si usted quiere
hablar en gallego desde el púlpito, le aconsejamos que nos presente una
traducción para seguirle".
Outros menos educados escribíranlle xa con ocasión dos dolorosos
sucesos do ano 72 en Ferrol, cando a policía asasinou a dous obreiros,
e o bispo falou valentemente defendendo os dereitos da clase
traballadora; dixéranlle cousas coma estas: "No estamos de acuerdo
con el Caudillo en que a estas alturas no le haya fusilado a Vd. y a
todos los curas y obispos que piensan así". Estes dous foron os
conflictos máis gordos nos que estivo metido o bispo Araújo, pero non
foron os únicos.
Non é difícil a estas alturas coñecer a
historia e o pensamento de Don Miguel-Anxo Araújo. Dous libros sobre el
e a publicación de case tódolos seus escritos permiten doadamente
coñecer a realidade deste bispo controvertido. O primeiro é o
capítulo correspondente do libro de Victor Freixanes Unha ducia de
galegos (1976), e o segundo, máis recente, é a súa autobiografía
aparecida co título de Memoria de vida (1993). A súa obra está
fundamentalmente publicada en Escritos cristiáns sobre problemas,
personaxes e conflictos de Galicia (1987) e Escritos pastorais
(1990), ademais de Palabras para os amigos (1989) e outros
artigos e colaboracións en libros.
Don Miguel-Anxo Araújo naceu en 1920 no pobo
ourensán de Sabadelle-Pereiro de Aguiar, nunha casa rectoral, como
conta nas súas memorias, pois estaba alí de párroco un tío cura. Ten
tamén un irmán cura, Amando, o que fai da súa unha familia moi
levítica. Por iso confesa: "A miña querencia polo sacerdocio debe
virme desde as mesmas raíces"(3). No libro de Freixanes fai un
rápido resumo das súas raíces e da súa descuberta do mundo
galeguista:
"Eu son un neno campesiño e coido
que o feito debe ser abondo significativo. Estudiei o bacharelato en
Ourense. Fíxenme cura e pasei a miña vida de crego nesta mesma cidade.
O meu contacto coa realidade da terra é forte e dun xeito constante...
A miña lingua primeira foi a dos meus pais e a
dos meus abós, ou seña: a lingua de Galicia. Naquela nenez rural
vivín a fala e a circunstancia social dos seus falantes, eso que se
chama diglosia e da que eu me decatei cando cheguei á cidade falando o
meu galego de aldea e atopei outra lingua que se tiña superior e culta
frente a nosa, que era fala de iñorantes e xente cativa. Alí soupen
que o galego nos facía, na práctica social, xentes de segunda
caste"(4).
|
Na súa memoria
fai unha ampla referencia á súa nenez rural, os anos da escola
unitaria, a vida na casa rectoral do seu tío, "pegada ó cemiterio
e á igrexa", e o "sentimento de fraternidade que tiñan os
cregos que formaban o radio para funerais, festas e confesións",
as visitas episcopais, ...; e moi particularmente o ambiente relixioso e
moral, a disciplina e o orde, pero tamén o feito de que non se lle
impuxera falar castelán. Fai o bacharelato en Ourense, que comezou no
Instituto que dirixía Otero Pedrayo e rematou no Seminario, con
problemas co latín. Logo seguiría os seus estudios na Universidade de
Comillas, truncados momentaneamente pola Guerra Civil. En Comillas fai
os últimos cursos de Humanidades, e logo Filosofía e Teoloxía, que
rematou no ano 1945, licenciandose en Teoloxía coa tesiña Las
relaciones de la Iglesia y el Estado de Constantino. Entre os seus
compañeiros estiveron algúns que serían logo bispos de sona: Narcis
Jubany, Marcelo González, Xosé Maria Cirarda, e outros.
Ordenado sacerdote en 1945, tras unha breve
estancia nunha parroquia da capital, pasa ó Seminario de Ourense e
colaborará noutra parroquia do centro, onde estará ata ser nomeado
bispo de Mondoñedo-Ferrol. É en Ourense
onde vai coñecer ós galeguistas históricos, entablando particular
amistade con Florentino Cuevillas, do que foi confesor, cousa que facía
sempre en galego. "Foi el quen máis influíu na miña
galeguidade", e por quen coñeceu a Castelao, Losada e demais,
confesa nas memorias (5).
"Todos deixaron
o seu selo e, entre todos, matinando arreo na realidade que me
arrodeaba, na miña procedencia e máis na dos meus pais e a
miña xente, atopei Galicia" (6). |
En Ourense vai
participar na política clerical desde diversos cargos de
responsabilidade, sen abandonar o Seminario no que chegaría a Rector;
pero o seu irmán Amando foi marxinado dalgúns cargos de
responsabilidade que lle corresponderían pola súa preparación e
valía. Desta maneira, o nome de Don Miguel-Anxo barallouse entre os
episcopables, e en 1970 é consagrado bispo de Mondoñedo-Ferrol nunha
polémica celebración na que a coral de Ruada remata cantando o Himno
galego. Pero o máis conflictivo foron uns famosos versos da autoría do
seu irmán, como recoñeceu Don Miguel. Os versos foron considerados
subversivos por algunhas autoridades, particularmente polo gobernador
civil.
"Somos a xente
labrega
e vimos ó teu altar
a traerche o pan e o viño
que a nosa terra nos da;
a nosa alma cansiña,
cansiña de salaiar
por unha vida mellor
e unha terra máis humá.
(...)
Donos denantes, e agora
escravos do capital
os proletarios galegos
pouco temos que ofrendar..
(...)
Galicia crucificada,
todo o corpiño a sangrar
polas feridas das rías
os cravos de pés e mans.
Xungue o seu sacrificio
co de Cristo no Altar,
e agarda ó terceiro día
pra con El resucitar".(7) |
A este
conflictivo comezo do seu episcopado engadíronse de seguida outros
conflictos fundamentalmente en Ferrol. Nos mesmos días da súa entrada
na diócese o conflicto de MEGASA, empresa de Narón, que ocasionou unha
importante folga e un peche na concatedral de San Xulián, desaloxado
violentamente pola Forza pública, cousa que condenou Don Miguel. En
1972 foron os tristes sucesos da represión dos obreiros da Bazán, nos
que caeron baixo as balas da policía Amador e Daniel; Don Miguel tivo que
aturar os ataques dos elementos máis reaccionarios contra unha homilía
que el recomendou dicir nas igrexas (ver máis adiante). En 1975 foi o
rexistro da mesma residencia episcopal na Domus Ecclesiae de Ferrol,
polas sospeitas de que se esconderan alí activistas da UPG, tras do
asasinato de Moncho Reboiras (8). Ese mesmo ano veu tamén a luz o máis
polémico e comprometido dos seus escritos A fe cristiá ante a
cuestión da lingua galega. Don Miguel recoñece nas súas memorias como
estes conflictos condicionaron en gran maneira todo o seu labor de
bispo, que quedou marcado polo alcume de "vermello" e
"comunista" (9); tamén aquí se cumpriu aquelo de "calumnia
que algo queda".
Pola contra, este estar no ollo do furacán, e o seu compromiso
moderadamente galeguista, fixo del o bispo máis popular e querido de
Galicia, a pesar do seu carácter seco e ás veces cortante. Boa mostra
diso foron as constantes manifestacións de adhesión, de xente do mundo
da Igrexa e de fora dela, e os títulos que lle foron concedidos. El
sabe ben a clave da maior parte deles:
"As razóns expostas en tódolos
premios que me foron concedidos ata agora teñen sido a miña
galeguidade e, sobre todo, o meu labor a prol da nosa lingua galega e da
nosa cultura. A miña galeguidade xúlgoa normal de todo, é dicir,
aquela que corresponde a toda persoa nacida en Galicia. Ser galego é
algo que se nos da, que non escollemos. Exercer de galego, xa non se nos
da, senón que debe ser unha opción libre de cada quen... Ser galego e
non exercer de galego, polo manos para min, sería unha esquizofrenia
mental e cordial. E aínda máis, para un cristián sería ou é un
pecado contra o misterio da encarnación...
Pero a Igrexa galega ten unha débeda e un pecado histórico con
respecto ó noso pobo, ó esquecer a nosa lingua e a nosa cultura"(10). |
Entre eses premios destacan: o
"Pedrón de Ouro" en 1977, en 1978 entra como membro numerario
na Real Academia Galega, dez anos despois déronlle a medalla de
Castelao; logo virían os premios de "Galego ilustre",
"Premio Trasalba" e ata o "Grelo de Ouro" (1992).
A cuestión de galeguismo e cristianismo ten atraído en numerosas
ocasións a atención de Don Miguel Araújo, pero os máis importantes
escritos que foron firmados por el, son sen dúbida o xa citado O
cristián ante a cuestión da lingua galega e Achegamento a unha ética
da galeguidade. Non se poden esquecer, sen embargo, algunhas das súas
brillantes homilías e escritos máis breves sobre persoeiros galegos,
con ocasión de pasamentos e centenarios; algúns foron recollidos en
Palabras para os amigos (11)
e algún máis nos Escritos cristiáns (12).
Antes de analizar eses dous grandes escritos aludidos, non será ocioso
lembrar algunhas das afirmacións verbo do tema feitas polo bispo
Araújo xa polo ano 75, a pouco de facer pública a primeira pastoral.
Estas verbas quedaron reflexadas na citada
entrevista de Víctor Freixanes:
"Si lle falo á miña nai ou
lle falaba ao meu pai en galego, esa mesma lingua tenme que
servir pra falar con Deus que, ao cabo, é o noso pai
tamén" (pax. 261).
"Quixera unha Eirexa máis encarnada cos verdadeiros
problemas dese home ao que ten que servir e alumear, unha Eirexa
que ten que estar arreo á escoita de todos os latexos deste
pobo noso pra poder, dende a vida real e concreta, acadar a
resposta evanxélica e liberadora" (pax. 265).
"A Eirexa ... ten que se encarnar nas diferentes
xeografías humáns... No caso de Galicia non so non vexo
inconveniente senón que me parece necesario que a Eirexa se
encarne na realidade galega social, cultural, temporal, etc. De
bo grado quixera ver unha Teoloxía galega, unha Liturxia
galega, un xeito galego de ser Eirexa" (páxs. 267-268). |
En O
cristián ante a cuestión da lingua galega, despois de falar do
moderno despertar da conciencia colectiva galega e o desafío que
representa para a Igrexa como verdadeiro "sinal dos tempos",
particularmente a súa vertente idiomática, Don Miguel fai unha
sintética historia do problema, falando do proceso de colonización
cultural ("A vinculación política de Galicia a castela trocouse
en presión uniformante, tendente a afogar a persoalidade propia de
Galicia") e particularmente da implicación da Igrexa neste
proceso:
"Se quixésemos
resumir en poucas palabras o comportamento histórico da Igrexa
galega, teríamos que recoñecer que, en definitiva, contribuíu
a intensificar o proceso de alienación cultural.
Ao noso pobo transmitíaselle a fe cristiá xeralmente non na
súa lingua cotiá, senon na lingua castelá; e ensinábaselle a
rezar, ou mesmo a confesarse, en castelán e non en galego"(13). |
A resposta da fe
cristiá ante esta situación que foi erosionando a identidade do pobo
galego, resulta clara para o bispo Araújo, desde o plantexamento de que
a salvación cristiá quere ser integral, de toda a persoa humana:
"Por fidelidade
á nosa fe cristiá, sentímonos obrigados en conciencia, por
unha parte, a denunciar como inxusto o estado de desfavor social
no que se ten relegada a lingua galega; e por outra, a exhortar
ao home galego a que tome conciencia da súa propia riqueza
espiritual...
Permitímonos exhortar aos sacerdotes a que adopten con
convicción a lingua galega pra que o seu labor apostólico en
todas as súas facetas e concretamente no terreo litúrxico,
cando se trate de comunidades galego falantes"(14) |
¡Que pouco caso
lle fixeron ó bispo, incluso a maioría dos seus diocesanos! El mesmo
tivo en ocasións unha praxe contradictoria, plegándose á actuación
castelanizante dos curas, mesmo cando non cadraba nin coa letra nin co
espírito deste escrito.
Achegamento a unha ética da galeguidade
representa un avance respecto da reflexión anterior, para darlle unha
fundamentación máis fonda e sólida á cuestión galega desde a súa
dimensión comunitaria e os riscos da súa persoalidade máis fonda,
particularmente, de novo, a fala como "alma do pobo". Pero o
máis interesante son os párrafos sobre o que significa actuar como
galego e cristián:
a) Asunción do noso ser galegos, primeira demanda ética.
"Nosoutros, queiramos ou non , somos en principio galegos.
Non somos folerpiñas de néboa que se esfiañan e esvaecen
nunha abstracción que chamamos 'humanidade'
ou 'ser home'... Somos unha existencia situada, unha existencia
concreta, galega, enraizada nun pobo, o pobo galego".
b) A asunción positiva do noso ser
galegos, por obriga con un mesmo e por obriga co propio pobo, e
finalmente por obriga con Deus e coa fe. "A negación da
propia galeguidade non só afecta á propia autenticidade, ó
propio pobo e á humanidade, senón que danaría gravemente a
autenticidade da fe cristiá e a fidelidade ó Deus que se
encarna entre os humildes... A non asunción pola fe do feito da
galeguidade, suporía reducir a fe a un estreito marco
individualista, idealista, acaso legalista, supeditando a Lei de
Deus á lei dos homes.... Conleva unha gravísima idolatración
de Deus".
c) A galeguidade como tarefa: Unha
ética maior de idade, unha ética creadora, unha ética que
sexa auténtica experiencia de fe, unha ética capaz de asumir o
conflicto desde a non-violencia, unha ética persoal e
comunitaria. "Unha ética adulta da galeguidade debe ser
crítica, superadora dun falso legalismo, unha ética de
liberdade". "A nosa primeira e máis fundamental
pregunta non debe ser: ¿Que nos permite a lei facer por
Galicia?, senón ¿Que é o que convén facer para construír
Galicia?, ¿Que é o que convén facer para construír pobo e
non masa?..."(15) |
Hoxe este bispo
xa xubilado ó que lle gosta escribir, aínda que segundo propia
confesión non se ten nin por escritor, nin por historiador, nin por
sociólogo, nin tan sequera por teólogo, segue tendo claro que a lei
evanxélica da encarnación obriga á Igrexa e ós cristiáns de Galicia
a asumir a galeguidade como compoñente necesaria dunha fe cristiá
adulta en Galicia. Pero, nunha das súas últimas publicacións, chega a
dicir nun alarde de optimismo que a xerarquía galega actual
"simpatiza cun nacionalismo equilibrado, non so cultural, senón
mesmo político". Máis aínda, "Poucas institucións galegas
están tan preto do pobo como o está esta Igrexa e, en concreto, a
mesma Xerarquía" (16). ¡Que Deus lle conserve o bo humor, Don
Miguel!, sobre todo polo que se refire á segunda parte da súa
afirmación.
1. Un bispo galeguista: Miguel-Anxo
Araújo Iglesias
I.
"Esta Santa Misa
é a primeira do mundo no noso idioma galego... O remata-la
Misa, D. Ramón Otero Pedrayo achegouse a min, doume unha forte
aperta e díxome:
Estaba agardando que chegara este día e chegou, xa podo
morrer contento.
Toda a xente estaba emocionada, porque en Galicia a relixión
vai moi unida coa Patria, coa Patria Galega, e isto non se soubo
aproveitar para facer unha Galicia nova" |
Estas verbas son
dun cura xesuíta XAIME SEIXAS SUBIRÁ, máis coñecido como o
Padre Seixas, que tivo a gloria grande de celebrar a primeira Misa en
galego en honra dunha santa non canonizada, Rosalía de Castro, un 25 de
Xullo, Día da Patria Galega, ademais do día do Apóstolo, precisamente
nun Ano Santo vai xa para os 30 anos (1965). Pioneiro do galego na
liturxia, foi un home grande en outros moitos aspectos; ven de finar moi
recentemente (o 14 de Novembro de 1994), na residencia dos xesuitas de
Villagarcía de Campos (Valladolid), onde vexetaba desde había nove
anos, tras sufrir unha parálise cerebral, este home de actvidade
gratuitamente febril a prol das causas marxinais.
Non cheguei a tratar moito ó P. Seixas, aínda que estiveramos varias
veces xuntos, nalgunhas con ocasión da Romaxe de Crentes Galegos. Nunha
delas, no monte Aloia, preto de Tui, o 10 de setembro de 1983. O lema
dese ano era, coma sempre, ben expresivo: "O Miño non separa"
(ou "non se para"), non separa Galicia de
Portugal e non se para desde Irimia ata a Garda; alí presidiu o P.
Seixas a eucaristía. Cando despois de moitos anos volvín velo no
verán do 94 lonxe da terra galega, xa sen coñecemento algún, a Benito
Santos e máis a min entrounos un arrepío polos osos, aínda que eramos
coñecedores da súa situación. "Sic transit gloria mundi".
As honras pasan, pero o traballo feito queda, e o deste home fora moito
a prol dunha Galicia e unha Igrexa galega novas. Benito Santos,
compañeiro xesuíta comprometido no mundo obreiro, que coñeceu ó P.
Seixas xa polo ano 57 en Salamanca, fálame da súa admiración por este
home "que tan ben uniu a fe, o amor á Terra e o amor
universal"; xunguido a unha gran creatividade e facilidade para a
relación coa xente. Nunha memorable entrevista, cando lle preguntaron
cal era o segredo para ser tan querido por todos, o P. Seixas non
dubidou en responder: "É que eu sempre procuro tratar ben á
xente, con agarimo, e polo xeral son ben correspondido"(17).
"Como un ave que se vai cun bater de ás
que non fire o vento, foi o devalar da súa vida que rematou neste
outono, pero que en nós habita por tódalas primaveras", rezaban
na misa do seu enterro lembrando os versos de Cunqueiro:
"Díxenlle á
rula: Pase miña señora!
E foise polo medio e medio do outono
por entre as bidueiras, sobre o rio". |
Non é de
extrañar, logo, que o seu enterro fora unha manifestación de dó, na
que ó pobo sinxelo se sumaron numerosos persoeiros da cultura e da vida
pública galega; desde Filgueira Valverde e Fernández del Riego ata
Laxeiro, sen esquecer a Xaime Isla, Zulueta e os seus amigos de SEPT e a
comunidade cristiá que fundara en Vigo. Xaime Isla destacaba nas
páxinas dun xornal que "Seixas traballou pola encarnación da voz
cristiá en galego". No mesmo xornal, Camilo Nogueira manifestaba
tamén a súa admiración por este crego, "porque era unha persoa
moi entregada ó galeguismo, o movememento obreiro e á idea
cristiá"; mesmo, lembraba que o P. Seixas "foi o educador do
grupo que formou a UPG".
Xaime Seixas
Subirá nacera en Compostela en 1915, Ano Santo, nunha familia de clase
media, con ascendencia de señorío. Unha familia galega e catalana;
Manuel Espiña escribe que "reúne a constancia e a forza
organizadora dos cataláns co amor telúrico e o sentimento dos
galegos"(18) Familia moi relixiosa, carlista, pero cun talante
democrático e aínda galeguista. "Nela aprendín o amor a Galicia
di (19) todos sentiamos
afervoadamente o ideal da galeguidade". O seu pai era un mestre
atípico nestes tempos, que "tiña moito a honra falar ben o galego
e que os fillos o falasemos". Do seu pai segue a confesar o
P.Seixas: "Facía moi compatible o ser galego co ser español e
doíanlle as ofensas que se facían nalgunhas partes de España a
Galicia". Mesmo, conta, cantaba o himno galego nas clases. O seu
avó, mallorquín, tamén era amante do galego e amigo de Alfredo
Brañas. Mesmo, o seu irmán máis vello foi das Mocidades Galeguistas.
Con todo,
Xaime Seixas, que confesa "era unha gloria de familia", diría
tamén máis adiante sen renegar do seu berce familiar: "Eu
nacín nunha familia burguesa, pero renego da miña condición
burguesa". Había razóns fondas para esta postura: "Sempre me
identifiquei totalmente coa clase proletaria" (20).
Foi confirmado nada menos que polo arcebispo
Lago González e fixo a súa Primeira Comunión na igrexa dos xesuítas
de A Coruña, dúas cousas que el mesmo toma coma unha verdadeira
premonición: "As veces penso que iso marcoume para o futuro porque
acabei sendo xesuíta e téñolle un gran amor a Galicia como lle tiña
Lago González".
Deste xeito, xa da infancia lle ven o amor ó
galego e a Galicia, en xeral a sensibilidade por toda a realidade
galega, que el descubre no que ten de fermosa e no que ten de dura. Vai
moito a aldea (en Tal, entre Coruña e Santiago), e confesa: "Foi
de moito proveito para o meu galego, porque son zonas onde se conservaba
un galego moi puro... Alí aprendín moito e bo galego... Aprendín a
amar a nosa xente, ós labregos; daquela o nivel de vida era
baixísimo... Alí naceu en min un espírito social, de irmandade co
pobo galego a través do idioma, os costumes e a vida"(21).
Lía na súa casa tanto a prensa carlista, como
a catalana e a galeguista. Por iso chegou a ser militante carlista na
súa mocidade, cousa que logo abandonou, por ideas máis progresistas.
"Considérome profundamente galeguista e funo toda a vida"
di, e igualmente "O que máis amo é a liberdade... Cristo é o
gran defensor da liberdade e do amor"(px.48).
Estudiou Maxisterio, pero exerceu pouco tempo
de mestre. Veulle a vocación de cura e entrou na Compañía de Xesús,
cousa ousada naquel tempo, pois estaba prohibida en España (1935).
Carrión de los Condes, Bélxica, Salamanca (estudios de Linguas
Clásicas) e finalmente os estudios de Filosofía e Teoloxía en
Comillas e Salamanca. Ordenado sacerdote en 1948 (de novo Ano Santo),
celebra a súa primeira Misa outro 25 de Xullo en Compostela. En
parroquias de aldea veciñas á cidade episcopal vai celebrar as súas
primeiras Misas, e xa predica en galego (ollo coas datas: arredor de
1950, máis de dez anos antes do Concilio Vaticano II, que permitiu o
uso das linguas vernáculas na Liturxia)."A xente collíao con
ledicia", no dubida en confesar.
O seu primeiro destino pastoral é unha
parroquia obreira rexida por xesuítas en Burdeos (1950-53). Alí lle
acontece a súa "segunda conversión" en contacto co
conflictivo mundo obreiro. Aquel home de sotana é ben acollido nas
casas dos traballadores emigrantes, exiliados pois saben da súa toma
de postura a prol dos marxinados, e por iso é quen de brindar cos
obreiros do PC pola revolución: "Vós facédela en nome do
proletariado e eu defendo a revolución da clase obreira no nome de
Cristo" (px. 52). Inicia unha relación epistolar con vellos
galeguistas cos que vai trabando fonda amistade (Otero Pedrayo, Manuel
Beiras,...). Tres anos despois ten que vir para Salamanca por motivos de
saúde; aquí traballa en movementos sociais e funda un grupo de
"Vangarda Obreira" (organizacións de pastoral obreira, que
teñen os xesuítas e que serviron de canle organizativo para o
movemento obreiro, particularmente naqueles anos da dictadura).
"Recibía e lía todo o que podía en galego, dime Benito Santos,
compartía especialmente cos galegos. Os pobres eran a súa dedicación
máis importante; os pobres e os obreiros de Vangarda Obreira".
A comezos dos 60 vai para A Coruña. Tamén
aquí funda logo Vangarda Obreira, que aínda segue funcionando.
"Aquí o noso traballo está xa moi galeguizado", di,
"organizamos a primeira conferencia en galego despois da
Guerra". Misa "clandestina" en galego. Entre 1960-65 vai
estar nas misións dos xesuítas na República Dominicana, tamén para
traballar na pastoral obreira. Esforzo de inculturación nunha realidade
tan distinta... Ata alí chegan os ecos do Vaticano II, con toda a súa
profunda transformación... Tamén vive a Revolución e guerra civil,
apoiando ós guerrilleiros, aínda que sen comprometerse armada nin
politicamente no conflicto.
E en 1965, Ano Santo, volta a Galicia, dicindo
a primeira Misa en galego en San Domingos de Bonaval, cos auspicios do
cardeal Quiroga Palacios:
"Hoxe a cidade
santa de Compostela volve ser a esperanza dun futuro mellor para
os doentes deste mundo predica o P.Seixas, para os pequenos
que amou Cristo, para os asoballados polas inxusticias...
Pidámoslle ó Señor Xesucristo que abenzoe a tódolos homes do
mundo: de tódalas razas, de tódalas linguas... a aqueles que
sofren persecuación racial, lingüística ou relixiosa". |
Antón Beiras, galeguista de esquerdas,
dille: "Dixeches todo o que se pode dicir, nin menos do que
podías, nin máis". Máis arriba liamos a reacción emocionada de
Otero Pedrayo (22). Para Seixas supuxo o compromiso estable co traballo en
Galicia. A Misa de Rosalía, celebrada cada 25 de Xullo desde o ano
1933, sería nos anos escuros unha caixa de resonancia do galeguismo, no
so do católico, senón tamén do cultural e político en xeral. Os
simpatizantes franquistas chamaranlle "a Misa dos ateos".
Desde este momento, a súa actividade vai xirar sobre todo arredor de
Vigo, onde funda a "Comunidade de Vida Cristiá Nosa Señora da
Guía e Santiago Apóstolo", e impulsa a liturxia galega, colabora
cos medios de comunicación, ...
A postura do P. Seixas sobre a relación entre Galicia e a relixión, e
entre galeguismo e cristianismo é clara e contundente. Velaí as súas
palabras, collidas das declaracións no libro citado, e xulgue o lector:
"Non se pode separa-la historia de
Galicia da relixión porque sempre foi moi relixiosa: foino cos celtas,
foino no mundo romano e co priscilianismo, foi relixiosa con
Xelmírez... con Brañas, Lousada Diéguez. E outras persoas
pertencentes a movementos de liña máis esquerdista ou eran
profundamente relixiosos ou cando menos eran moi respectuosos coa
relixión. Suárez Picallo... Castelao... Toda a tradición galega é
relixiosa" (páxs. 113-14).
"Cumprín unha obriga de conciencia
que é a encarnación da Igrexa nos valores galegos. Fixen un matrimonio
do idioma coa Igrexa, que levaban moito tempo apartados, e iso paréceme
que foi unha das maiores cousas da miña vida. A liturxia en galego é
un vencello de amor, algo marabilloso" (pax. 132).
"O traballar pola identidade e a
defensa do pobo galego é un xeito de vivi-la miña fe cristiá porque
é unha relación de amor ó próximo, e o máis próximo para o
cristián galego son os propios galegos... Ademais, o amor cristiano
sempre ten preferencia polos máis necesitados, polos oprimidos, e o
pobo galego leva séculos de opresión... Galicia aínda hoxe segue
sendo un país asoballado, que non lle dan dereito de vivir como pobo e
de chamarse nación" (pax. 138)
"O cristián progresista entende
mellor ese compromiso coa súa terra có cristián conservador, que
normalmente ten unha visión menos social, menos comunitaria da vida de
fe" (pax. 140) (23)
|
Manuel Espiña
chamouno merecidamente "un dos mellores galegos deste tempo".
E o mesmo escritor Méndez Ferrín, que non é precisamente sospeitose
de clerical, falou publicamente da súa "forza moral e
solidaria". A Xunta de Galicia concedeulle en 1985 a medalla de
Castelao, un título un tanto abaratado polo abuso no seu reparto, pero
que nesta, coma nalgunhas outras ocasións, foi entregada con moita
xustiza. "De seguro que o irmán Daniel sentirá a meirande ledicia
por adorna-lo peito deste gran loitador da galeguidade". Seguro.
II. ANTONIO RODRIGUEZ FRAIZ, máis coñecido como "o cura de
Campañó", porque leva 45 anos nesta parroquia rural, preto de
Pontevedra, é outro dos curas galeguistas históricos, pero máis dado
a pluma que o P. Seixas. Tamén coma el estivo en Sudamérica de
misión. E tamén coma el é foi pioneiro da Liturxia en galego ó
celebrar outro 25 de Xullo (xa en 1961!) unha Misa en memoria de
Castelao, en Buenos Aires, introducindo o galego en tódalas partes da
celebración onde non era preceptivo o latín. Os textos das lecturas
daquela histórica Misa, foron traducidos nada menos que polo deputado
galeguista Ramón Suárez Picallo, que representaba a liña máis
esquerdosa do galeguismo, e era considerado un anticatólico, aínda que
non pasaba de ser un xustificado anticlerical. Así me contaba o feito o
cura de Campañó:
"Suárez Picallo díxome antes da Misa no cemiterio da
Chacarita: Cura, se me deixa tradúzolle as lecturas da Misa do
Apóstolo, pois aínda que alá me teñen por herexe, eu de
herexe non teño nada; pero dóeme moito a campaña que fixo a
Igrexa contra min". |
Antonio Rodriguez Fraiz naceu no 1912, en
Tamonde (Cercedo). Tras dos estudios eclesiásticos en Santiago,
ordénase de cura en 1937, e pasa polas parroquias de Vilariño, e
Cervás-Ares (entre 1940 e 1950), antes de chegar a Campañó. En
Cervás xa facía unha revista en galego na que chegou a colaborar Otero
Pedrayo, "Cando o bon de D. Ramón tiña fama de criminal pola súa
historia na República", dime. Esta afección a escribir seguiuna
cultivando en Campañó desde outra revista parroquial e logo desde as
páxinas de Faro de Vigo, e outras moitas revistas como Compostellanum,
Spes, Cuadernos de Estudios Gallegos, etc.
O cura de Campañó é membro do Instituto Padre Sarmiento, cofundador
do Museo do Pobo Galego, membro do Pedrón de Ouro e varias sociedades
máis, pola súa fama como meticuloso investigador da cultura galega. As
súas primeiras publicacións foron de tema mariano (Nuestra señora de
la Merced de Chanteiro, El santuario de Nuestra Sra. de los Milagros de
Amil, ...). Pero entre as súas obras destaca a máis querida para el
Canteiros e artistas da terra de
Montes e ribeiras do Lérez ("a máis querida para min pola
aportación ó mundo dos pobres"); pero tamén compre reseñar As
pontes do Lérez e Castelao na alma dos escritores do seu tempo.
Amigo de Otero Pedrayo, Filgueira Valverde e
Alvaro Cunqueiro, coñeceu tamén a Castelao nun mitin en defensa do
Estatuto Galego. Achegouse ó galeguismo pola relación con Bouza Brey,
a quen coñecera por medio do cura de Tamonde, o seu pobo natal.
"Foi un achegamento conflictivo, a causa da represión do galego
que viviramos no seminario, con prohibicións e castigos por
utilizalo". "Ver que un home da talla de Bouza Brey
confesábame en Campañó, xuíz de primeira instancia, falaba galego,
impactoume tanto que decidín recuperar publicamente a lingua da miña
infancia". E desde aquela vai sempre as Misas de Rosalía, nos
gloriosos anos en que Paulino Pedret casado e Xesús Carro predicaban en
galego nun dos únicos foros nos que isto era posible, nos anos da
posguerra.
"As miñas
lecturas do Seminario foron case sempre de temática galega e,
se era posible, galeguista. A miña lingua, coma a de todos, era
o galego. Non sei que me daba, cando se perseguía e castigaba
ós que falabamos na única lingua que coñeciamos, aprendida no
colo das nosas nais.
Como crego nas parroquias non tiven endexamais conflicto co
pobo, co que sempre falei na nosa lingua. Coas autoridades
eclesiásticas sempre falei tamén galego e non tiven conflicto
algún.
Pero doime moito que a miña Igrexa galega, que tanto quero, non
sexa siquera galeguista na medida do pobo que desenrola a súa
misión". |
Para Rodriguez
Fraiz "Non poden sernos indiferentes os movementos e loitas do noso
pobo por recuperar a súa personalidade que consciente ou
inconscientemente é a súa maneira de ser e de vivir; porque cando
utilizamos a nosa lingua reafirmamos a identidade de Galicia". Pola
mesma razón, sobre a cuestión da relación entre galeguismo e
cristianismo, contéstame contundente:
"A realidade
cristián na Galiza é tan profunda coma todas as demais que
configuran esta realidade nacional galega, e por iso teñen que
estar vencelladas. Todos sentimos que ese remar contracorrente,
ese quero e non quero no que se desenrola a vida eclesial na
Galiza, non acadará nada bo para o ben espiritual e material do
noso pobo. Cristianismo e galeguismo han de ser realidades
necesariamente vencelladas nesta Terra" |
Por iso, dime
tamén cun ton que soa a confesión de fe:
"Eu, por
temperamento e fidelidade a Xesús, o Señor, que se encarnou,
naceu, viviu e espallou a Boa Nova da Salvación na humildosa
lingua do seu pobo, teño que ser nacionalista e loitar, dentro
da miña humildanza e posibilidades, pola liberdade do noso
Pobo" |
3. Un frade e un cóengo: O P.Isorna
(O.F.M.) e Manuel Espiña
I.
"Galicia, sempre
Galicia.
Na ialma: coma un recendo;
no rostro: lus de ledicia;
no peito: baril alento.
Nos ollos: inxel primicia;
no cerebro: pensamento;
nas mans: saudosa caricia;
no corazón: sentimento.
Nas verbas: tenra xusticia;
no esprito: sacramento;
na vida: limpa ledicia;
na morte: rexurdimento." |
Son versos dun
frade franciscano, XOSÉ ISORNA FERREIROS, un dos poucos desa
venerable orde fundada por Francisco de Asís, que manifestan unha
sensibilidade galeguista, aínda que levan máis de seiscentos anos por
estas terras galegas (24). Un
dos poucos que chaman a Galicia "Nai" e celebran o "Día
de Galicia" como Día da "Patria Galega", aínda que a el
gústalle máis chamarlle "Matria". Un home bo e pacífico,
como o "poverello" de Asís. Un home acolledor, e amigo de
grandes persoeiros da cultura galega, que non casualmente colleu a
diócese compostelá hai anos coma relacións públicas. Ninguén coma
el debeu predicar tantas honras fúnebres de persoeiros coma Otero
Pedrayo, Ferro Couselo, Martínez Risco, Carballo Calero, ...
Naceu en 1921 en Santa Comba de Louro-Valga;
entrou cedo na orde franciscana e, tras estudiar Filosofía e Teoloxía,
ordenouse de crego en 1947. Profesor e predicador, ocupou diversos
cargos de responsabilidade na orde; espertou cedo nel a vocación
periodística e colaborou en diversos medios galegos (actualmente adoita
facelo no xornal El Correo Gallego e no seu homónimo galego),
foi director de El Eco franciscano e foi fundador doutras
revistas vencelladas á orde. As súas primeiras publicacións son de
carácter relixioso, en castelán.
Correspondente da Real Academia Galega, os seus
escritos son desde hai anos textos sobre a realidade cultural e humana
de Galicia, que manifestan o seu pasado coma profesor de oratoria e un
delicado lirismo. Son na súa meirande parte homilías pronunciadas con
ocasión do pasamento de galegos egrexios (Xesús Ferro Couselo. Un
home ó servicio de Galicia, 1975; Ramón Otero Pedrayo. Gloria
dunha cultura, 1976; Modesto R. Figueiredo, Leuter Salgado,
Sebastián Martínez Risco, ...) ou outras efemérides,
particularmente nas Misas do día do Apóstolo (Galicia ¿podes?,
1968; Galicia ¿poderás?, 1969; A Nai Galega, 1971, cun
fermoso prólogo de Otero Pedrayo; A Guadalupe de Rianxo, 1969,
homilía á Virxe no souto de Rianxo).
Este frade conservador e galeguista leva moitos
anos celebrando a Misa en galego; aínda que as primeiras que fixo en
Bonaval, aló polos anos 50, tiveran que ser en latín, menos a
homilía, tal como facían noutras ocasións Xesús Carro e Paulino
Pedret. E faino sen contradicción coa realidade dunha Igrexa que non
valora así as cousas, porque desde Pentecostes "ningunha lingua do
mundo ha ser estraña á Igrexa; para Deus tódalas linguas son
fermosas, por seren humanas". Máis aínda, "a lingua galega
é un vieiro seguro para achegarnos entrañablemente a Deus, porque é
como o sangue do corpo social", dime.
Para o P. Isorna, Galicia é "a terra
nai", "agasallo de Deus", e a lingua tamén un don de
Deus, que cultivou desde cativo na súa familia e na lectura temperá
dos Cantares Gallegos de Rosalía, os versos de Curros e
Cabanillas e as Cousas de Castelao:
"Desde o colo da
miña nai aprendín a falar galego, e sentinme sempre feliz de
poder expresarme en lingua tan garimosa... O gusto pola lingua
foi medrando en min coma unha primavera, que aínda no meu
corazón está a derramar unha fragrancia de tan grato recendo
que cada día me enche o peito coa satisfacción coa forma e
identidade da miña terra, coa miña lingua e coa miña fe: Un
home galego de corpo enteiro". |
É por iso que
se identifica como galeguista: "Ese é o meu retrato, a
expresión do meu sentir, do meu pensamento, do meu falar e do meu
comportamento social. Nacendo en Galicia, non comprendo que calquera
fillo de Galicia non sinta amor pola terra nai, pola lingua e pola
cultura". E mesmo como nacionalista galego, "no sentido
orixinal da palabra, xa que ela marca unha relación directa co feito de
ter nacido nunha terra que é a nosa patria, ou mellor, 'matria'... que
vencella a tódolos nacionalistas no amor común á terra nai". Non
é de estrañar que o P. Isorna manifeste un gran respecto e admiración
polos homes da xeración "Nós": "A vida deles é un
paradigma dun nacionalismo que rexeita os separatismos radicais e as
fronteiras opostas á universalidade e á internacionalidade".
Polo mesmo, coida este galego discípulo de
Francisco de Asís que o cristianismo e o galeguismo deben ir xunguidos
en Galicia, como realidades complementarias "no servicio á Terra,
á lingua e ó pobo galego". Máis aínda, coa súa amistade e
admiración por Otero Pedrayo, non nos estraña tampouco que o P. Isorna
pense que:
"O cristianismo
é a raíz primeira e unificante do pobo galego. Galicia ten que
ser consciente do feito de que a súa identidade histórica e
cultural ten a súa orixe no cristianismo. Coido que un
galeguismo intelixente, agradecido e progresista non debe
endexamais ollar con mirada receosa, desconfiada e, menos
aínda, resentida ou rancorosa, os valores do cristianismo que
son prestixio e gloria da cultura e da historia de Galicia. A fe
cristiá sempre será unha realidade cultural potenciadora do
auténtico galeguismo. Pola contra, un galeguismo que se
identifique ideoloxicamente contra o cristianismo non é propio
da nosa terra, porque esa raíz anticristiana non xermola na
nosa historia galega". |
Ou polo menos,
engadiría eu, un galeguismo que non teña en conta a realidade cristiá
e relixiosa maioritaria no noso país con tódalas súas
contradiccións, ten moi pouca visión histórica e adoece dunha
visión miope da sociedade galega, que lle impedirá sempre empatizar
con ela.
II.
"Don Manuel
Espiña, cóengo, ... trata de espertar os valores humáns nas
xentes cara ós problemas de Galicia... Non é somentes un
cóengo da Igrexa católica, é algo máis importante e
difícil... é un cristián, por esto síntese xunguido, en
comunión co seu pobo. Como os apóstolos, como os primeiros
cristiáns, os das catacumbas, pobres, lixados, abourados, máis
cheos de esperanza, as mesmas xentes coas que Xesús comulgaba.
Sinte, matinamos, a necesidade de facer verdadeiros cristiáns
ós cristiáns... nun intre no que aínda existen sacerdotes no
mundo que procuran semellar procónsules romanos". |
Son verbas do
pintor, escritor e galego egrexio, Luís Seoane, nunha das súas Figuraciós
(25). Non era a primeira vez
que este artista galeguista, non coñecido precisamente polas súas
relacións clericais, reparaba en MANUEL ESPIÑA GAMALLO. No ano
1975, estaba Seoane nunha exposición en Madrid e, sabedor da multa que
lle impuxera o goberno ó cóengo coruñés, envioulle inmediatamente un
dos seus cadros, que cubría abondosamente o desorbitado importe da
multa. Era un fermoso e impresionante óleo dun Cristo crucificado, que
aínda conserva na súa casa. Díxolle Seoane: "No Deus que vostede
predica, tamén creo eu".
Nunha
ocasión escribira este cóengo: "O crego non pode limitarse a ser
soamente sacerdote, senón que tamén debe ser profeta... Todo crego do
Novo Testamento ten que comportarse non só como ministro do culto,
senón ó mesmo tempo como profeta... Ven ser unha constante en todo o
Antigo Testamento que os profetas denuncian a práctica cultual
establecida, cando se desentende da posta en práctica da xustiza entre
o pobo" (Outeiro do 17 de Out. 1984 ¿Medo ós cregos?)
Manuel
Espiña Gamallo naceu en Xullo do 1933 en Folgoso-Cerdedo,
na Terra de Montes (en Pontevedra, aínda que todo o mundo o relacione
hoxe con A Coruña), no seo dunha familia moi relixiosa, sobriño
segundo dun crego comprometido na defensa da xente na Guerra Civil; e
unha familia galegofalante, mamando a lingua no berce. Seria moito máis
adiante cando descubrira o galeguismo como compromiso cunha terra, e o
cristianismo como "unha revolución sen estrear"(Chesterton).
Entra no Seminario de Santiago por influencia do párroco, pero pronto
continúa os estudios en Comillas (1951-1959), onde descubre un ambiente
moito máis libre ("Alí atopeime como peixe na auga").
En Comillas empeza a formarse a súa conciencia
galeguista, como lle ocorreu a tantos outros; conseguindo, xunto con
varios compañeiros galegos, que a acepción despectiva de
"gallego" desaparecera do Diccionario da Real Academia
Española. Máis adiante escribiría: "Pra min tódolos días do
ano e tódolos anos da miña vida foron e han ser datas adicadas a
Galiza, como home e como crego" (Outeiro de San Xusto,
9-IX-1973). Coincide con Carlos Baliñas, o P. Silva ("La Ciudad de
los muchachos") e Morente Torres, ... Licénciase en Filosofía e
Teoloxía e ordénase sacerdote.
O seu primeiro destino vai ser a parroquia de
Santa María de Azougue en Betanzos (1959-1962), onde realizada un
importante e gratificante labor pastoral (catequese, escolas
nocturnas,... os Cursillos de Cristiandad) e vai descubrindo as
contradiccións do réxime franquista. Ós tres anos, o Cardeal Quiroga
nómbrao Director Espiritual do Seminario Menor de Santiago, onde o seu
labor máis innovador vai ser o galeguizador ó atoparse cuns rapaces
que se avergoñan da lingua dos seus pais. Alí comeza a traducir os
Evanxeos ó galego, no medio da incomprensión dos compañeiros.
En 1965 o Cardeal volve animalo, segundo me
conta, para que se presenta a unha canonxía da Colexiata da Coruña,
que gaña sen dificultade. Na Coruña compaxinará este labor co de
profesor na Escola de Maxisterio e outros labores máis xa para o resto
dos seus días. Na cidade herculina remata a traducción dos Evanxeos
coa axuda de Morente Torres, A Palabra de Deus, que sal editado
por SEPT, o primeiro libro desta editorial que se creara ese mesmo ano;
ano tamén da primeira Misa en galego. O ano seguinte é el o que fai na
nosa lingua a Misa de Rosalía e comeza, tamén con Morente, unha Misa
semanal en galego nas Capuchinas de A Coruña. Pero non consegue o
permiso de Fraga para poder retransmitir a Misa en galego pola radio.
Participación nos Coloquios Europeos, nos que a súa sotana manifesta a
postura galeguista honrada dun home conservador nun ambiente
progresista; mesmo tivo un papel importante na galeguización dos
Coloquios. En 1968 recibe con Morente o Pedrón de Ouro polo seu
labor a prol da galeguización da liturxia; un camiño demasiado lento
pola eterna resposta do "supersedeatur", con que Roma
contestaba unha e outra vez, a pesares da insistencia do Cardeal Quiroga
(será a comezos do 69 cando se acade a aprobación oficial). No ano 68
edítase tamén o Misal Galego dos Fieis, obra de novo do tándem
Espiña-Morente, coa colaboración de Vidán Torreira.
Xaneiro de 1970 é outra data histórica
importante, pois o daquela director de La Voz de Galicia,
Francisco Pillado Rivadulla, concédelle unha sección semanal no
xornal; será o nacemento de O outeiro de san Xusto; a pesar das
chamadas que as "autoridades competentes" fixeron ó director
do xornal. "Para min o Outeiro foi un espacio que me obrigou
a un compromiso progresivo e cada vez máis radical con Galicia e co meu
cristianismo". E tamén unha atalaia que lle deu unha notoriedade
inusual nun cura, ata o punto de que en dúas ocasións (1973-1981) foi
"Invitado de honra" do Centro Galego de Bos Aires e
Montevideo. Pero esta notoriedade levou a que a súa Misa dominical nos
locais do Servicio Doméstico, estivera sempre controlada pola policía
e que lle meteran unha famosa multa de 150.000 pts. en 1975, con
ocasión dos últimos fusilamentos franquistas, pagada por escote
popular.
Poderíase falar tamén da súa popular
Comunidade de vida cristiá "Home Novo", que leva máis de
dúas décadas de existencia. Ou da súa amistade co polémico cura
nacionalista Moncho Valcarce, "o cura das Encrobas", a quen
trouxo para o Seminario e defendeu en numerosas ocasións. Podería
falarse, en fin, da súa evolución ideolóxica desde os ataques ó
marxismo nos anos 70 (Outeiro 16-X-77) ata a defensa dos
sandinistas (Outeiro 4-IV-90), a descualificación do
"monstro ianqui" (4-XII-89) e a aposta pola Teoloxía da
Liberación (28-IV-91) nos anos 80-90; foi a evolución do cóengo de
moura sotana ó crego con cruz de labrego crucificado na solapa. Xa o
notara hai uns anos Manolo Rivas. "Este home quere loitar contra
ese tópico de que ós 20 anos hai que ser revolucionario e ós 40
conservador. O paso dos anos foi facendo máis radical fronte á
inxusticia" (La Voz de Galicia, 22-IV-90).
Manuel Espiña, que a Enciclopedia Galega
cualificaba xa en 1978 de "unha das figuras máis destacadas do
clero galego", non pasou a historia de Galicia polos seus libros,
senón precisamente polo seu labor de crego e tamén polo traballo
periodístico desde O outeiro de San Xusto co que todo o mundo na
Galicia dos anos 70-90 o identifica. Esta sección do xornal La Voz
de Galicia, que xa vai cara nas súas vodas de prata, apareceu por
vez primeira en Xaneiro de 1970; é a sección máis antiga e continuada
do xornal. Nesa primeira colaboración (4-1-70) o atípico cóengo xa
definía a nova sección acudindo ó seu mesmo nome,
"outeiro", como un lugar privilexiado para ollar a realidade
cotián.
"Outeiro de
San Xusto, porque o queremos usar somente para defender a
xusticia, sen deixarnos levar de incomprensión ou apaixonamento
de ningún tipo... Porque hai 'outeiros-escaparate' ós que
soben os famentos de sona, 'outeiros botafumeiro' pros
hipócritas, oportunistas e gasalleiros, 'outeiros-sofá' pros
que queren que todo siga igual, 'outeiros de bambaneira'
(mecedora, pros que buscan comer con todos, ... Rubir ó Outeiro
'de San Xusto é unha gran responsabilidade e está exposto
a moitos perigos e sen ningunha ventaxa persoal neste mundo...
Queremos ser siquera como aqueles canciños que cos seus berros
espertan ó amo e fan fuxir ós raposos. Se cos nosos berros
conseguimos espertar a algún poderoso ou asustar a algún
raposo e así salvamos algunha indefensa galiña, xa nos damos
por satisfeitos. E coidamos que non será difícil, porque
aínda hai moitos raposos soltos e hastra algún lobo". |
O que isto
dicía recoñecíase aínda como "un cura de sotana", o que
facía o seu manifesto aínda máis perigoso. Non é de estrañar que un
arcebispo de Santiago, logo arcebispo de Madrid e cardeal, Angel
Suquía, a quen Espiña non lle tiña moita simpatía, pois situábao
do lado dos "raposos e poderosos" dixera nunha conversa en
Madrid, que os seus anos en Santiago foran moi felices, pois "los
gallegos sois muy fáciles de gobernar"; pero "habría sido
totalmente feliz de no ser por ese Espiña y sus artículos en el
periódico que no dejaban de fastidiar". "Os 22 anos desde a
morte do Cardeal Quiroga ata hoxe dime Espiña foron nefastos para
Galicia, e xeraron un desencanto sen igual no clero e os laicos".
Espiña foi fiel a ese programa do seu primeiro Outeiro, cos seus erros
e contradiccións, aberto a firmas dispares e as veces contrapostas,
cunha lingua que tiña pouca preocupación de ser literaria, pero sempre
fiel ó galego. Agás nunha ocasión en que a sección apareceu
sorprendentemente titulada El oterito de San Justino (8-I-93):
"Esta sección quiso mantenerse fiel
a su idea original de defender la verdad y la justicia en todos los
campos, y creo poder afirmar honestamente que lo consiguió. Mejor
dicho, creía hasta ayer, porque ahora ya no lo creo... Los medios de
comunicación dieron la noticia del nombramiento de un obispo auxiliar
no gallego... Me acordé de monseñor Suquía y sus anteriores faenas a
Galicia... Sentí unha rabia inmensa, al constatar el agravio para mi
tierra...
Más cuando estaba sufriendo estas congojas, una luz vivísima rodeó
todo mi ser y traspasó mi espíritu. Y esta luz me hizo ver todo de
manera diferente... Pude ver con toda claridad que eso de que Galicia es
diferente de Castilla y de que tiene una lengua e identidad propias, es
una absoluta tonteria. Aquí el noventa y cinco por ciento de los curas
hacen todo en castellano y sus obispos tambien, y el diminuto número de
disidentes es por política, y una política heterodoxa, separatista,
revolucionaria y casi atea". |
Polas páxinas do
Outeiro de san Xusto
pasaron estes anos temas coma os da educación, os nenos e os mozos, a
democracia e a xustiza social, a lingua e a patria galega, os
marxinados, os problemas dos labregos, obreiros e mariñeiros; e sobre
todo a Igrexa, particularmente por non ser unha Igrexa encarnada na
realidade galega, unha Igrexa que fale e celebre en galego, desde a
realidade quente do pobo. En máis dunha ocasión recoñeceu Espiña a
morea de ataques e apoios que suscitou. Mesmo na sección houbo diversas
colaboracións sobre o socialismo e o novo sindicalismo (xa polos anos
70, antes da morte do dictador...).
O tema do galego foi, sen dúbida dos máis recurrentes no Outeiro desde
o comezo. Xa a pouco de comezar, con ocasión da Pascua escribe sobre A
resurrección de Galicia (29-III-70) denunciando particularmente o
posicionamento de mestres e curas rurais:
"Galicia está viva, nunca estivo
morta, anque houbo quenes lle cantaron o funeral. O espíritu de Galicia
sempre estivo con ela... Mais temos que confesar que en Galicia hai
moitas cousas mortas e outras a piques de morrer. O máis grande que
temos, a nosa lingua, pra moitos é como as follas secas, que se espera
que o vento as leve a calquera recanto onde apodrezan... O pecado ven de
moito atrás, xa case é pecado orixinal" |
Non é so a
preocupación lingüística, senón toda a realidade galega, a que
aflora no Outeiro, por iso acolle con alborozo a aparición do
libro de X.M. Beiras O atraso económico de Galicia (6-V-73):
"Galicia está
de noraboa. A semente de concienciación dos galegos sobor do
seu propio país comeza a dar froitos certos e abondosos. Está
xurdindo unha feliz madureza, unha nova xeración de galegos
conscentes, vencellados á Terra ... axudando a desentangarañar
o noso tangaraño... Este libro é, sen dúbida, un dos máis
importantes que se levan escrito na nosa lingua". |
¿Dúas
Igrexas católicas en Galicia? (23-I-87) pregúntase nunha ocasión
Espiña, co conseguinte escándalo para algúns do seus pacatos
lectores. Non argumentaba un cisma, senón a constatación de que en
Galicia hai dúas formas de Grexa: a forma oficial ou tradicional e a
popular. A primeira é a das xerarquias estáticas e inmovilistas, desde
o alto ó baixo clero. E a segunda a das camadas populares, o clero e os
intelectuais comprometidos; unha fe dinámica, progresista e encarnada
na vida. Esta última, segundo entende Espiña, ten a súa mellor
expresión nas revistas Encrucillada e Irimia, os
Cruceiros e as Romaxes de Crentes Galegos.
Respecto desta última, xa falara Espiña no
seu Outeiro do 20-X-78 con ocasión da primeira das Romaxes. Unha
Romaxe polémica que ocasionou reaccións encontradas a favor e en
contra, cousa que motiva o seu artigo ¿Que pasou en Meira?,
tomando claramente partido:
"Alí chegamos
varios centos de romeiros de toda Galicia ... Baixo o lema 'Eu
renazo galego' pretendíase espertar as nosas conciencias na
galeguidade e a fe cristiá para xunguir, como Deus quere, ambas
cousas. Veu ser coma unha reconciliación do noso catolicismo
con Galicia... ¡Que facil resultou alí revivir o bautismo!...
Pero ó mesmo tempo sentíase o amor telúrico... pola nosa nai
Terra... Foi tan emotivo coma o dos xudeos e Xoan Bautista no
Xordán. Pero eiquí non se pensaba tanto nos pecados como nunha
nova vida de galegos e cristiáns...
Detrás dese choio está o mellor equipo de cregos que temos en
Galicia, como veñen demostrando coa publicación Boa Nova...
Con eles estamos moitos de Galicia... Actos semellantes a estes
son os que poden facer que, alá cara ó ano 2000 teñamos unha
verdadeira Igrexa galega. Entón ser cristián resultará algo
moi serio e moi fermoso" |
Con ocasión da
IX Romaxe escribe Verdadeiros crentes galegos (6-IX-86):
"¡Que distinta
sería a situación de Galicia se a Igrexa oficial fixese seu
este programa non só na teoría, senón na práctica! Entón si
que faría presente a Cristo Salvador, porque sería máis
humana e máis evanxélica, como foi El... Esta Romaxe é toda
ela auténtica liberación cristiana e fai verdadeiros crentes
galegos". |
Pola contra,
cando a primeira visita do Papa a Galicia en 1982 escribe falando da
catolicidade da Igrexa (O Papa en Galicia):
"A Igrexa non
existe nunca simplemente para si mesma; desde a súa orixe vive
pros outros, pra humanidade, pra o mundo. Por tanto, excluír a
un soio pobo, a unha cultura... é un pecado contra a
catolicidade... Na nosa Galicia, onde había moitas relixións e
crenzas seculares, a evanxelización xa non respectou
debidamente o que había de positivo naquelas realidades. Moitas
veces o cristianismo foi botado coma unha lousa para aplastar
todo o anterior... O Concilio Vaticano II intentou correxir este
pecado aprobando o emprego das linguas vernáculas na
liturxia... Quince anos despois desta aprobación o 98% dos
cregos galegos aínda non se deron por enterados deste deber e
deste dereito da xente... Por iso, o acto do Papa foi un acto
non anticatólico, pero si acatólico... unha ocasión máis pra
necesaria renovación da Igrexa na nosa Terra". |
Unhas verbas de
hai dez anos, resumen finalmente o pensamento do cóengo coruñés sobre
o tema de cristianismo e galeguismo ¿Fe sen galeguidade?
(1-6-84):
"Difícilmente
se pode dar en Galicia fe verdadeira sen galeguidade, quero
dicir, unha fe cristiá auténticamente evanxélica sen a
encarnación na alma do noso pobo. Pode darse galeguidade sen
fe, pero non vexo como hoxe se poida dar un verdadeiro
compromiso cristián en Galicia, sen galeguidade". |
4. Intelectuais comprometidos: Torres
Queiruga, Chao Rego, ...
I.
" Vocación
relixiosa, vocación intelectual, vocación galeguista.... A
unidade das tres dimensións persoais pódese resumir decindo
que Andrés Torres Queiruga é un teólogo galego... A verdade
é que se trata dun feito excepcional, porque Torres Queiruga
é o primeiro teólogo galego. Antes del non tivemos
ningún. Houbo bastantes teólogos nados na nosa terra ... pero
ningún, ata Torres Queiruga, foi teólogo galego... El é un
teólogo do seu tempo e, mesmo por eso, é un teólogo da súa
terra... Vive no mundo e aberto ao mundo".(26) |
As
verbas de Ramón Piñeiro sitúanos magnificamente ante un home de talla
excepcional, teólogo galego, cristián e galeguista, e un dos
intelectuais de máis altura que deu Galicia neste século, ANDRÉS
TORRES QUEIRUGA; aínda que non todos opinen o mesmo nesta terra na
que nos desangran os enfrontamentos e descualificacións entre irmáns.
Nunha ocasión, cando se lle concedeu o título de "Galego
egrexio" (1994), escribín que Queiruga era "un luxo para
Galicia", non porque Galicia non merecera persoas así, senón
porque ter persoas así era un luxo que non posuían tódolos pobos; e
desde logo non tódalas igrexas locais, aínda que a miopía da Igrexa
galega non o soubera valorar con xustiza, cousa da que o mesmo Queiruga
se laia, non porque lle negaran un cargo, senón porque se sente
"moi desaproveitado pola Igrexa galega". Compre dicir con
sarcasmo, que é pouco valorado pola súa Igrexa galega precisamente
polo seu compromiso galeguista, como el sabe moi ben. Pero o seu pobo, o
mundo da cultura galega, si que o soubo valorar e aí están
recoñecementos como o que veño de nomear, no que, como tamén se
denunciou, non tivo nin a felicitación dun bispo galego; coa excepción
de Mons. Peteiro,... desde Tánger.
Aquela noite
en Samil, tamén Xesús Ferro Ruibal coidaba que Andrés era un luxo
para Galicia, "o símbolo do mellor que o clero leva dado e pode
dar para Galicia", e fíxolle estes versos:
"¡Que molesta,
Andrés, a luz cando é moita!
¡Que negra a soidá do pensador que non pode abrillanta-la
tiara!
¡Como doe non encontra-lo eco do lector crítico e comprensivo!
¡Que amargo que non te lean os da primeira hora!" |
Con Andrés
Torres Queiruga atopámonos cun clérigo no que a súa obra escrita, que
manifesta a reflexión dun
intelectual cristián de primeira fila nacional e internacional, é o
seu legado máis importante. Un legado para unha Igrexa, a católica e a
que forman tódolos cristiáns e aínda todo o plural mundo relixioso
formado polas distintas relixións, obxecto repetido do seu estudio; e
un legado para un pobo, o galego e o universal. Como dixo Ferro Ruibal
na noite citada: Nesto de xunguir cristianismo e galeguismo hoxe en
Galicia, poucos haberá "que non sexamos ou fillos ou netos de
Andrés", mesmo algún máis vello, e desde logo os máis novos, o
que isto escribe, cóntase entre eles. Pero a súa vida tamén manifesta
o seu compromiso, aínda que se recoñece esencialmente home de letras,
máis que home de acción.
Andrés Torres Queiruga naceu en Aguiño-Ribeira no ano 1940 no seo
dunha familia mariñeira galego-falante:
"Sempre me sentín galego, pero para min nos primeiros tempos o
mundo da cultura identificouse co castelán. Na medida en que fun amando
a Galicia e o galego fun comprendendo tamén máis á miña nai; á que
tanto lle debo, tamén parte do meu galeguismo e da miña fe". |
Pouco dura naquel seminario provinciano
de Compostela. Pronto a súa intelixencia esperta fai que o manden a
estudiar á Universidade de Comillas.
"Tiven ocasión de saír pronto fora
a estudiar e alí, na distancia e na diferencia descubrinme galego, e
foi o momento da reacción. Un notaba o tremendo desprezo e a inxusticia
con que se consideraba ó galego. Espontaneamente alí me afirmei como
galego. Desde a distancia, Galicia aparece coma un corazón". |
En Comillas son os anos da ruptura coa
vella e rancia teoloxía e o nacemento doloroso dunha nova reflexión.
Queiruga ten fama de rebelde fronte ás estructuras escolásticas.
"Comillas di era daquela dos puntos máis intelectuais e inquedos
que había en España, contando a Universidade Civil". Alí vai
formar con outros galegos un grupo moi identificado e respectado polo
seu prestixio intelectual; o grupo manifestaba claramente unha actitude
afirmativa e reivindicativa. É alí tamén cando coñece a Ramón
Piñeiro, co que mantén unha relación de fonda amistade, que lle durou
ata o remate dese outro gran galego. Con Piñeiro mantivo en Comillas
unha rica relación epistolar. "Piñeiro chegou a escribirme a
máquina algún texto que eu lle pedira, pois non había aínda as
fotocopias, e mandarmo a Comillas coméntame Queiruga. Íame tamén
mandando moitos libros". A través de Ramón Piñeiro vai
coñecendo ó mundo da cultura galeguista, entrando pouco a pouco en
contacto con tódolos persoeiros da cultura galega.
Loxicamente, a tremenda división entre a Igrexa e a cultura galega foi
un desafío cada vez máis forte para este intelectual que quería
manter a dobre fidelidade á súa Igrexa e á súa Terra.
"Empezamos a ver no grupo como se podía facer a síntese",
realizando traduccións de textos bíblicos e elaborando reflexións e
materiais. Alí nace a idea dos "Irmandiños", xunto cos
galegos que estaban na Universidade Pontificia de Salamanca, aínda que
a consolidación do grupo foi despois, en Roma, na Universidade
Gregoriana. Foi durante a súa estancia en Comillas cando publica na
revista Grial un artigo verdadeiramente histórico e programático:
"Nota pra unha teoloxía do galeguismo"(27). "O meu soño,
xa daquela, era xuntar cristianismo e galeguismo". Claro que non
eran eses os ventos que corrían polas terras galegas; nunha ocasión en
que Queiruga volve de Comillas, a mediados dos sesenta, o seu ex-rector
confésalle defraudado: "Queiruga, tiñamos tantas esperanzas
depositadas en ti e agora ¡chegas falando galego!".
Eran eses anos en Galicia, duros, creativos e
ilusionados a un tempo. Son os tempos dos Coloquios Europeos de
Parroquias (28) . "Foi un tempo no que houbo unha forza na Igrexa
galega como non volveu haber en Galicia coméntame. Metemos moita
ilusión, creamos moita teoloxía, enlazando moi ben coa nacente
Teoloxía da Liberación". Foi certamente o kairós, o tempo
oportuno. Eu coñecín a Queiruga, no ano 73, baixo o alcume de
"europeo", pois así era como se lles chamaba ós integrantes
dos Coloquios (29) . "Foi un momento estelar en Galicia; é unha pena
que non fora adiante e se frustrara en gran parte". Unha das
frustracións meirandes destes anos foi o non acadar unha Facultade de
Teoloxía con prestixio para Galicia, divididas as forzas eclesiais en
cinco febles seminarios, con poucos seminaristas e unha gran pobreza
intelectual. "Unha vergonza", comenta Queiruga, "non a
quixeron os nosos bispos, nin Suquía nin Rouco", a pesares do
interese do cardeal Quiroga Palacios. "Unha das traxedias da Igrexa
galega", di sen paliativos.
Licenciado en Filosofía (1962) e Teoloxía pola Universidade de
Comillas (1966), vaise a Roma a facer os cursos de doutoramento e comeza
a súa tese sobre Amor Ruibal. En Roma cristaliza o grupo dos
"Irmandiños" (ademais de Queiruga estaban Martiño Montero
Santalla, Xesús Ferro Ruibal, Xoán Trillo Pérez, Soneira Lema,..), un
grupo con gran capacidade intelectual; chegan a artellar unha Misa
semanal en galego, e alí xorden tamén os primeiros cantos litúrxicos
en galego: "Onda ti noso Pai á tardiña" e "Perto de
vivir". Volve a Santiago para dar clases no Centro Teolóxico, e
presenta a tese en 1973. O traballo vai ser o primeiro dos seus grandes
libros: Constitución y evolución del dogma. La teoría de Amor Ruibal
(Santiago 1977). No ano 1985 presentará a tese de doutoramento en
Filosofía na Universidade de Santiago: Noción, religación,
trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri
(Pontevedra 1990).
En Galicia a actividade intelectual de Torres Queiruga foi febril:
clases, charlas, artigos en xornais e revistas(30). Particularmente compre
destacar Encrucillada. Revista galega de pensamento cristián, da que é
director desde o seu comezo en 1977(31); unha revista que marca un fito
histórico decisivo na reflexión dunha Igrexa
que quere estar encarnada en Galicia; foi a primeira do seu xénero que
logrou manterse, tras da interesante, pero frustrada moi cedo,
experiencia de Logos. Encrucillada mantívose non sen
dificultades, de dentro e de fora; as meirandes non foron os ataques
dunha xerarquía que vía heterodoxa e perigosa a súa liña, ou as
críticas dos sectores da Igrexa galega máis reaccionarios e
españolistas, senón no seo do mesmo galeguismo cristián, polas
disensións e cativezas, os sectarismos e as posturas intransixentes nas
que ás veces caeu a mesma revista (32).
Particular importancia no traballo de Torres
Queiruga, como non podía ser menos nun intelectual que traballa, son os
seus libros. Ademais dos grosos volumes das súas teses en Teoloxía
e Filosofía, aludidos máis arriba, o primeiro libro en galego, do
que teño vivamente presente o eco que acadou na comunidade galeguista
do Seminario compostelán, foi Teoloxía e sociedade (Vigo 1974). Logo
viría un libro que lle fixo moito ben a moita xente Recupera-la
salvación (Vigo 1977), Premio da Crítica galega ese ano, e que
apareceu ó ano seguinte en castelán; Ramón Piñeiro dixo del:
"nas páxinas deste libro espléndido libro síntese a quentura
case palpitante da súa fe", e tamén que "anuncia futuros
camiños de renovación teolóxica"; ¡Canta razón!, ¡e que
tantos cristiáns galegos témome que aínda os mesmos xerarcas non o
leran!. Logo veu Nova aproximación a unha filosofía da saudade (A
Coruña 1981), o seu discurso de ingreso como membro numerario na Real
Academia Galega; e Rolda de ideas (Vigo 1984), escolma dos seus artigos
de xornal.
En 1985 veu a luz a súa obra magna, un groso
volume que o deu a coñecer en todo mundo coma un dos grandes teólogos
actuais: A revelación de Deus na realización do home (Vigo 1985),
traducido ó castelán, ó brasileiro, ó italiano e ó alemán, que
tamén foi Premio da Crítica. O ano seguinte saíu do prelo un dos seus
libros máis fermosos Creo en Deus Pai (Vigo 1986), tamén aparecido en
castelán, e que a máis de un serviunos no so de repaso e aprendizaxe
teolóxico, senón mesmo para rezar . As súas publicacións en
castelán aínda forman unha boa ringleira (Opción por los pobres. La
justicia del Dios cristiano, La constitución moderna de la razón
religiosa, El diálogo de las religiones, etc.); e tanto en galego como
en castelán ten varios títulos máis en colaboración (As relacións
Eirexa-Mundo en Galicia, A crise actual da conciencia relixiosa,
Los gallegos, Jesucristo en la historia y en la fe, etc.).
A teoloxía de Andrés Torres Queiruga é unha teoloxía que quixo
responder ós grandes interrogantes do mundo contemporáneo, en
realidade, as vellas e eternas preguntas, pero feitas hoxe. Ten varios
polos que a artellan:
Por unha banda, o diálogo co mundo moderno, tendo presente a realidade
de cada día e a reflexión contemporánea; particularmente ten moi en
conta o pensamento de Hegel e a reflexión filosófica e social feita
pola Escola Crítica de Frankfurt (unha reflexión crítica da
modernidade). A súa é unha teoloxía que quere ser herdeira da
maiéutica socrática; el mesmo acláranos o concepto:
"Sócrates, fillo de comadroa
(maia), afirma practica-la mesma arte que a súa nai: a maiéutica.
Mediante a súa palabra saca á luz axuda a xera-lo que estaba dentro
do interlocutor. Coma no famoso caso de Menón, onde o escravo, gracias
ás preguntas de Sócrates, chega a descubri-la xeometría; a maiéutica
fai que o interlocutor descubra, xere ou dea luz a verdade que leva en
si mesmo"(33). |
Desde esta
concepción maiéutica é desde onde elabora a súa orixinal reflexión
sobre a Revelación, que manifesta a fonda formación bíblica e
filosófica deste teólogo: a Revelación divina non é algo caído do
ceo, ou o dictado divino ó autor sagrado (Deus que lle
"sopra" ó oído o que ten que dicir e escribir), senón que
é un proceso histórico no que Deus se vai manifestando a un pobo desde
a realidade histórica concreta dese pobo, desde dentro da súa
experiencia vital. Así, os seus elementos básicos son "a palabra
externa do mediador" (líderes excepcionais coma Moisés e os
grandes profetas) e "a remisión ó oínte da súa propia
realidade".
Outro polo fundamental da teoloxía de Torres
Queiruga é o esforzo por manifestar un Deus Amor, non un Deus Xuíz.
Este esforzo fixo sobre todo cos seus libros Recupera-la salvación
e Creo en Deus Pai. Dínolo el neste último libro:
"Gratis se
ofrece o que gratis se recibiu [unha fe cristiá nun Deus de
amor, inculturada no noso tempo]... A esperanza do autor
consiste unicamente en que se logre reflexar sequera un mínimo
da inconcebible liberación que a todos se nos anuncia no Deus
de Xesús"(34). |
Non é de
estrañar que con estes presupostos un dos puntos fundamentais da súa
reflexión teolóxica e nos que aportou unha resposta verdadeiramente
nova, é o problema do mal: Non é que Deus permita o mal porque quere,
por escuras razóns, senón que, sendo o mundo como é (material e por
tanto limitado), Deus non pode facer outra cousa. Non pode retocar
constantemente os mecanismos cósmicos e non pode pasar por riba da
liberdade humana. "Deus soporta connosco as nosas cruces e
identifícase coas nosas pobrezas", escribe. É o Deus que chora co
seu Fillo cravado na cruz, "impotente" ante a maldade humana,
pero que redime o mal, desde a súa mesma entraña, desde dentro da
realidade histórica.
No mesmo camiño vai a súa reflexión
teolóxica sobre a oración, querendo ir máis aló da oración de
petición, para que a oración se converta sempre nun acto de confianza
e agradecemento a Deus. Outro polo importante da súa reflexión
teolóxica é a fenomenoloxía da relixión, en diálogo con tódalas
relixións, porque todas elas son un camiño cara a Deus, cara a verdade
fonda do home e do mundo.
E finalmente, outro polo da teoloxía do
teólogo galego é precisamente a súa vontade de artellar unha
reflexión que xunta cristianismo e galeguismo, como aposta por Xesús e
pola realidade sociocultural e histórica de Galicia. Xa o dicía
Piñeiro: "El é un teólogo do seu tempo e, por eso pode ser, e
é, un teólogo da súa terra"(35). O mesmo Queiruga explicitouno
numerosas veces. Xa no seu primeiro artigo coñecido, cos seus mozos 25
anos, no xa famoso "Nota pra unha Teoloxía do galeguismo"
(publicado "con censura eclesiástica") di:
"O home que
dunha vez por todos aceptou a Deus, meteu a súa vida por unha
dirección definitiva, tomou sobor de si unha decisión que por
forza ha de ir inexorablemente integrando en si mesma a tódalas
demais, engulíndoas e alimentándose delas...O que sente a
fondo a súa galeguidade, o que se decata de hastra que estratos
da súa vida lle pode calar, non necesita, si é crente, máis
nin mellor demostración da necesidade dunha Teoloxía do
Galeguismo" |
Un pouco máis
adiante xa apunta o argumento que sempre considerei coma o máis
decisivo para que un cristián se apunte ó galeguismo en Galicia,
"o estreito vencello entre o galeguismo e o amor polo pobo humilde".
Non me resisto a reproducir unhas emocionantes verbas:
"Tal vencello
non pode resultar escuro pra quen teña mirado un pouco de perto
o movemento galeguista. Dende o amor dorido da nai Rosalía, sin
refugar pasar polo gridante e apaixoado de Curros cuia fobia
antieclesiástica era no fondo un amor moi evanxélico polo
oprimidos... hastra os que hoxe consagran o seu esforzo ó
rexurdir da nosa cultura... Pois resulta indubidabel que o
primeiro e máis patente beneficiario de tales esforzos é o
pobo. Nestes trafegos culturais el é o que sae malparado. Os
demais sempre poden cubrirse, mal que ben, ca nova camisa da
cultura aprendida, pro el queda ó descuberto, núo e ridículo,
sin fala e ferido na diñidade do seu status ético... ¿Hai
algo máis evanxélico que a loita pola diñidade de unha persoa
humana"(36) |
En Teoloxía
e sociedade, este breve apunte convertese nunha reflexión máis
elaborada sobre o papel que debe cumprir a teoloxía en Galicia, que non
pode ser outro que "axudar a que Galicia tome conciencia de si
mesma, recobre o seu sentido de dignidade e empuñe o temón do seu
destino histórico"(37),
supere esa "esquizofrenia da alma galega", denunciada xa polo
galeguismo dos ano 20-30:
"Compre facer
resoar na nosa eirexa local a hora da eirexa universal... Unha
das compoñentes fundamentais da presente hora da eirexa e do
cristianismo é... a recuperación histórica do dinamismo do
evanxelio... Si en Galicia a eirexa leva séculos e séculos
'anunciando a Boa Nova aos pobres, a redención aos cautivos, a
liberación aos asoballados', eso pode ser unha burla ... si non
se traduce nun esforzo efectivo por ir combatendo xa aquí a
probeza, por ir rompendo xa aquí moitas cadeas, por ir
denunciando, compartindo e superando xa aquí moitas
opresións"(38). |
Xa apunta alí
tamén unha das reflexións que máis axudaron ó que isto escribe a
facer unha aposta por un cristianismo e unha teoloxía comprometida nesa
dirección: "O verdadeiro universalismo ven da profundidade, do
compromiso a fondo cos problemas específicos do entorno, que son os
únicos reais". Ou o que é o mesmo "non se pode ser
verdadeiramente universal se non se é radicalmente concreto", como
repite a miúdo. Noutro artigo verdadeiramente programático,
"Reflexións teolóxicas sobre o nacionalismo", dirá
claramente, pasando a un nivel político,:"O nacionalismo galego
mostrouse historicamente como o portador máis xenuíno dos valores do
pobo e como o mellor defensor dos seus intereses reais". Máis
aínda, "Non abonda con aceptar o nacionalismo, é preciso
promovelo positivamente desde a fe"(39).
Coa madurez
dos anos, dicía máis recentemente, asumindo o dito anteriormente, pero
cunha perspectiva máis ampla:
"Son unha persoa
moi relixiosa, cunha vida adicada ó traballo eclesial di,
porque o que me interesa é facer presente a fe na cultura e no
país galegos. Teño moi claro que a min me interesa o que
aporta a experiencia relixiosa á humanidade e en concreto a
Galicia. É o meu empeño romper cun dos máis vellos mitos
cristiáns, a dualidade de vida-relixión, a dialéctica
sagrado-profano"(40). |
Non é de estrañar que á pregunta sobre
o conflicto entre cristianismo e galeguismo, dúas realidades enfrontadas
e como artellalas, Queiruga me responda contundente: "Máis ben
¿como e posible que estean separadas?. Ser é ser auténticamente
relixioso, se ti es galego non podes ser verdadeiramente relixioso sin
ser fondamente galego". ¿Por que, logo, ocorreu e segue a ocorrer
ese divorcio?. A clave da resposta non pode ser outra que unha realidade
secularmente anormal en Galicia. É a mostrosidade de que cando se
decreta a liturxia en linguas vernáculas, decídese que a lingua de
Galicia é o castelán. "Esta mostrosidade só é posible porque
detrás hai tamén unha historia anormal". A xerarquía galega
desgraciadamente non axudou, confésame Queiruga: "Tivemos moi mala
sorte coa xerarquia galega desde o cardeal Quiroga ata hoxe; en vez de
potenciar a nova reflexión teolóxica levantaron unha desconfianza
contra ela, co que so conseguiron repetir unha teoloxía rancia, que nin
sequera ela se estudia". Hoxe Queiruga confía máis na evolución
desde o mundo secular que desde o mundo eclesiástico; é consciente de
que ese mundo secular respecta cada vez máis a reflexión seria e a
coherencia dos intelectuais galegos e os clérigos comprometidos co
mundo actual, aínda que haxa sectores na cultura que exclúan
sistematicamente a realidade relixiosa, por unha falla de fondura
humana.
Finalmente, volvendo á difícil relación
entre o cristianismo e o nacionalismo hoxe, dime Torres Queiruga que
"pasamos dunha situación de unión nos comezos, con grandes
posibilidades de traballar xuntos, a unha división que non soubo
conxugar esa unidade por riba das lóxicas diferencias, poñendo Galicia
por enriba de todo". "Galicia capital Galicia", escribiu
nunha ocasión (41). Queiruga sente que esa unión non fora posible nin na
política, nin sequera na lingua. Sente tamén que non haxa un
recoñecemento por parte dos galeguistas do labor realizado polos
cristiáns e a mesma Igrexa, nin por parte da Igrexa do labor feito
polos galeguistas. É o conflicto cristianismo-galeguismo, fillo en
parte do conflicto manifestado en toda a modernidade europea entre a
cultura e a Igrexa, agravado en Galicia pola súa realidade cativa.
"Non hai algo forte que unifique cara adiante, e as forzas
disgregadoras teñen máis forza que a feble vontade de unión nun ideal
común, que é Galicia". Sen esquecer o trauma da Guerra Civil.
Andrés pensa que vive "nun país e nunha Igrexa un pouco
frustrantes", pero non perde a esperanza e segue coa mesma aposta
cristián e galeguista da súa mocidade. Aínda que non lle gosta a
verba galeguista, simplemente "son galego", un galego que
exerce de tal.
II. Tamén exerce de galego outro intelectual de talla singular XOSÉ
CHAO REGO. Aínda que Chao recoñece que non naceu galego, senón
que máis ben "renaceu" galego serodiamente, xa na súa
madurez. Siro, o gran caricaturista galego, contábao plasticamente e
con palabras, no Limiar que lle fixo á obra máis importante de Chao, Eu
renazo galego; é o Limiar máis orixinal que coñezo nun libro
"serio". Alí recoñecía Siro, como bo discípulo de Chao,
que nacer en Galicia non supón nacer galego.
"A inmensa
maioría dos galegos nacemos entangariñados, e tardamos en
atopar a cova do tobo que nos deixe desentangarañados. Pra
sermos galegos, pra sentir e vivir conscientemente en galego,
cómprenos as máis das veces, re-nacer ... recuperar a
dimensión orixinal"(42) |
A caricatura de
Chao na bañeira berrando "¡Eureka!", coma o vello sabio
grego, sempre estivo desde aquela no meu maxín, vinculada a este libro
revelador e "rebelador". Quizais porque tamén eu "nacín
galego" un día, ou mellor, nun longo proceso, aínda que non
nacera materialmente nesta terra, nin nacera galego do ventre da miña
nai. Os dous somos "conversos", e quizais por iso temos un
aquel de apóstolos, como o foron outrora os homes da xeración
"Nós".
Pero Chao si naceu en Galicia, en Vilalba,
capital da Terra Cha, pola primavera de 1932, nunha coñecida e
acolledora familia, a do famoso Hotel Chao. Parente lonxano doutro cura
que escribiu en galego, Xosé María Chao Ledo. O seu pai, segundo me
confesa Pepe, era un galeguista convencido, mesmo "cun
anticastelanismo forte e unha admiración por Cataluña grande",
pero que falaba castelán co seu fillo, como era habitual, xa que era a
lingua de promoción; aínda que Xosé Chao tiña ocasión de escoitar
falar en galego cos clientes do Hotel. Por iso recoñece que a diglosia
viviuna no propio berce.
Foi de neno para o Seminario de Mondoñedo e en
1947 pasa á Universidade Pontificia de Salamanca, onde recibe un forte
shoc polo desprezo que alí había polos galegos e todo o galego; isto
ocasionoulle unha ferida forte no seu narcisismo, como me confesa na
conversa; pero o golpe non foi o suficiente, aínda cumpría que as
contradiccións se agudizaran máis. Con todo, a Tesina para a Licencia
en Filosofía fíxoa sobre Galicia (Galicia. Psicoloxía do pobo
galego). Continúa os seus estudios na Universidade Gregoriana de
Roma, onde se licencia en Teoloxía no ano 1956.
Uns anos como profesor no Seminario de
Mondoñedo e logo o traballo pastoral na parroquia de Santa Mariña do
Ferrol (1959-1976), onde aquel galego aprendido no seminario "queda
só coma unha cousa romántica", facendo todo o seu traballo en
castelán. Con todo, un traballo ben interesante e progresista:
animación parroquial, Secretariado Diocesano de Catequese, Delegado de
Cáritas Diocesana, e mesmo Arcipreste por uns días, destituído polo
conflicto do Corpus de 1968. Un labor que simultanea co seu traballo
periodístico e de escritor en xornais e revistas de Galicia e de fora;
confésame que os primeiros traballos que lle publicaron en galego nos
libros da editorial galeguista SEPT enviábaos en castelán (A
parroquia hoxe, As relacións eirexa-mundo en Galicia, mesmo
a Introducción ao Xénesis). Por iso, insiste en que é "o
exemplo clásico dunha persoa convertida", da man sobre todo de
Torres Queiruga, como outros moitos, e tamén da man da xente de SEPT e
outros amigos da diócese.
Recoñece que non foi nunca un militante
político antifranquista, pero si foi sempre crítico co franquismo e
tivo que aturar vixilancia policial na súa parroquia e mesmo ir a cadea
en 1969, e sufrir un proceso do Tribunal do Orde Público (TOP). En
realidade a policía non podía acusalo de "axitación
subversiva", nin sequera de asistencia a reunións subversivas,
pero si de "anuencia" como dicía a policía, que sabía que
tales reunións se facían na súa parroquia. Tres semanas na cadea en
Ferrol e un ano en Madrid agardando o xuízo. O bo foi que Chao
aproveitou ese ano para facer o curso de doutoramento en Filosofía, e a
Tese (El humanismo ateo en Jean Paul Sartre). Tamén foi un
importante colaborador no movemento de Cristianos por el socialismo
(CPS, que tivo unha incidencia importante en Galicia, e mesmo chegou ó
movemento dos Coloquios), para o que elaborou un estudio
publicado no libro do mesmo título en 1977 en Madrid.
Particular importancia ten nesta etapa vital de
Chao Rego o seu traballo nos Coloquios Europeos de Parroquias ou Coloquios
Galegos de Cristiáns, como se chamaron logo. Foi el quen iniciou en
Galicia esta interesante experiencia que se estaba a vivir no comezo dos
anos 60 en toda Europa. No ano 1963 Chao participa cos teólogos
españois Casiano Floristán e Luis Maldonado no II Coloquio Europeo de
Parroquias na cidade de Viena. No III dos Coloquios, en 1965, xa
presenta unha ponencia (Parroquia misioneira en España,
publicada en francés nas Actas do Coloquio) e asume o compromiso de
organizalos en Galicia e Portugal. Inmediatamente ponse en contacto con
xente de Vigo, Ourense e Santiago, e en 1966 ten lugar nesta cidade o I
Coloquio galego. O III, en 1968, vai marcar un paso decisivo na
galeguización dos Coloquios; a finais do mesmo ano, no IV, cóntase coa
participación do Cardeal Quiroga. Un crego compostelán, Antón
Vilasó, vai ter un papel protagonista nos Coloquios, mesmo chegando a
enfrontarse con Chao no V sobre a liña a seguir (foi en 1969, e nel
tiveron un papel moi activo os mozos universitarios da XEC, na que
estaba de presidenta Camino Noia). Chao propón unha liña máis de
Igrexa, Vilasó propón unha liña máis aberta ó mundo secular e
político, triunfando esta última, o que el considerou un erro; isto
supuxo que Chao fora abandonando unha participación tan activa no
movemento. Pero aínda ten unha intervención no VIII Coloquio,
realizado no 1971 en Ferrol (43)
O seu testigo sería collido pola Asemblea
de Encrucillada (1987), moito máis que un encontro dos suscriptores
da revista, un verdadeiro foro de reflexión e debate. Anteriormente os Cruceiros
(1978), tamén supuxeron un espacio importante de reflexión. Así coma
os encontros da Coordenadora de grupos e movementos de cristiáns
galegos (1984). Desde hai anos só queda a devandita Asemblea de
Encrucillada como espacio de encontro e debate para os cristiáns
galegos neste xeito de ser Igrexa en Galicia. Nestos momentos, é esta
Asemblea a que recolle ese necesario momento globalizante de todo o
movemento, aínda que algúns non se sintan representados . Máis
adiante dirá Chao algo que lle oín moitas veces: "O problema da
Igrexa galega e española era que non había esquerda teolóxica, aínda
que si política".
Tamén é fundamental a súa participación no
equipo pastoral de Boa Nova, xurdido na diócese mindoniense en
1974, co apoio do bispo Araújo, aínda que máis adiante el mesmo
influiría para a súa extinción. O equipo tiña a función de elaborar
materias para o traballo litúrxico-pastoral, e pasou de facelo
inicialmente en castelán a un opción punteiramente galeguista, sendo
verdadeiros pioneiros en Galicia.
Desde 1970 é colaborador habitual de La Voz
de Galicia con diversas seccións fixas; desde Signos de los
tiempos e Pobo sen fronteiras, ata as que mantén agora: A
Chouzana e O abeiro da fe. O artigo fundamental que marca o
seu cambio de rumbo no traballo escrito é "La hora de la
etnia", comezando pouco despois a sección galega Pobo sen
fronteiras, e definitivamente en galego desde 1976, coa súa marcha
a Vilalba. Tamén colaborou e segue a colaborar nunha manchea de
revistas galegas (Teima, Encrucillada e Irimia, das
que é fundador e da mesa de redacción) e españolas (Pastoral
Misioneira, Misión Abierta, Sal Terrae, Vida Nueva, Exodo, ...).
Ó abandoar a parroquia e o traballo
directamente pastoral, multiplícase a súa actividade como ensaísta e
escritor. Xa antes publicara varios libros de éxito, nun estilo que
Torres Queiruga calificou de "periodismo teolóxico"(44).
Froito deste traballo, a cabalo entre a análise histórica, a
reflexión teolóxica e o periodismo, foron os seus libros La Iglesia
en el franquismo e La Iglesia que Franco quiso (1976), xunto
con Marcel Lefèvre un integrismo histórico (1977). En galego
publicou primeiro colaboracións en A parroquia hoxe (1970) e As
relacións Eirexa-Mundo en Galicia (1972), ademais do deu libro
primeirizo Introducción ao Xénesis (1972), que sería o
antecesor dunha gran obra sobre a Biblia co título xenérico de Historia
do pobo de Xesús, do que xa van editados sete volumes, e aínda é
obra non rematada. Está a saír do prelo unha gran obra sobre A auga,
na liña simbólica doutro pequeno libro seu O misterio do lume
(1985).
As dúas grandes obras sobre Galicia e o
galeguismo son Eu renazo galego. Ensaio sobre identidade
galega (1983) e Para comprendermos Galicia (1987). O primeiro
é unha verdadeira "biblia do galeguismo", con máis méritos
para converterse en tal que o Sempre en Galiza, de Castelao, pois
analiza máis fondamente as raíces do ser galego, da súa identidade
étnica, ética e cultural (45). E o segundo representou un paso adiante
nese proxecto de abrir camiños sobre o que debe ser Galicia; un libro
que vai máis aló do discurso científico para chegar ó discurso
programático, como recoñece o antropólogo Marcial Gondar no Limiar,
porque "a fidelidade ás raíces propias non son nin un luxo, nin
capricho, nin chochén de vello, senón simplemente unha
necesidade"(46).
A súa chegada de novo ó Vilalba das raíces,
marca o comezo dunha nova etapa, galeguista, "sen retorno",
como un compromiso claro con Galicia e a súa cultura, pero tamén coa
realidade social do país; alí entra en contacto cos movementos sobre
todo agrarios (O SILGA, sindicato que axudou a formar). Encrucillada
(1977)(47), os Cruceiros
(1978)(48), as Romaxes de
Crentes Galegos (1978)(49) e
sobre todo Irimia pra rexurdirmos
galegos" (Asociación, desde 1980, e revista, desde 1981, na que
leva catorce anos entoando o "Cantar do irimego"), son outros
tantos marcos deste camiño. Os Cruceiros eran xuntanzas de cristiáns
galegos que, en parte, recolleron a testemuña dos Coloquios, aínda que
conviviron moitos anos; no I Cruceiro, en 1978, ("Galicia na
encrucillada. Quince anos da Igrexa Galega") ten unha ponencia
importante "Entre a utopía e a realidade", o xerme do seu Eu
renazo galego, que foi primeiro o slogan da I Romaxe e logo título
do seu libro.
"Se a miña toma
de postura galeguista foi tan coherente e non fanática, debeuse
a que eu non cheguei ó galego pola vía cultural e histórica
do galeguismo, senón polas esixencias evanxélicas. Cheguei a
darme de conta que cun pobo que falaba galego, un pobo humilde,
sería unha traición ás esixencias do Evanxelio no asumi-la
súa fala. O camiño evanxélico esixía unha encarnación coa
Terra". |
De feito,
recoñece que a súa cultura galeguista era moi escasa neses comezos.
Mesmo leu moi tardiamente o Sempre en Galiza. "Non foi unha
conversión damasquina, como a caída de San Paulo no camiño de
Damasco, senón un longo proceso que fixo espertar o que estaba latente
desde a miña infancia". E "fun resistente", recoñece,
ata que descubriu as raíces da aposta galeguista. "Se eu tardei
corenta anos en caer da burra, que menos que deixe ó Espírito que vai
traballando lentamente á xente". O problema é o dos "cegos
que se cren que ven", dicíalle, e dime Chao "¡O dos cegos
que deixan voluntariamente de ver, e o dos cegos que non deixan
ver!". O que esixe necesariamente unha postura militante, non para
impoñer nada, senón para ofrecer, para que non se priven dunha riqueza
que está aí.
A conversión fixo de Chao un pilar desa nova
Igrexa galega que quere artellar armónicamente cristianismo e
galeguismo. Así mo contaba nunha conversa:
"Deime de conta
que ambos teñen que ser dúas realidades simbióticas, non
valía que o galeguismo ou o cristianismo fosen un accidente;
son dúas dimensións fondas na vida dun galego... Por iso hoxe
son moi sensible á inculturación da fe. Paréceme a pura
evidencia. Aquí ou na Patagonia, toda dimensión
verdadeiramente relixiosa, que queira cultivar a realidade do
Misterio, ten que facelo desde a propia cultura para chegar a un
culto propio, que todo é unha cousa a cultivar.
É a hora de que as minorías abrahámicas berren a esperanza do
futuro para unha terra e un pobo." |
A realidade
sacral e o factor relixioso e aínda o cristianismo, parécelle a Chao
un elemento determinante na realidade de Galicia, pero quere ir máis
aló; non lle abonda coa dimensión telúrica, que valora enormemente,
quere ir máis aló polos vieiros dun cristianismo liberador, por iso
agradece o movemento de secularidade
que deslinda os campos sacral e secular e nos convida a entrar nunha
dimensión transformadora da realidade. Por iso, afirmacións como a de
que o "cristianismo é consubstancial a Galicia", tan caras
ós homes da xeración "Nós", parécenlle afirmacións
románticas; cultural e socioloxicamente válidas, pero insuficientes
para a transformación social e humana do país. "Cómpre incrustar
a liberación evanxélica nas propias raíces culturais, como fixo o
pobo hebreo".
O problema é cando o nacionalismo se sacraliza
e se converte en sectario, entón tende a chocar con calquera outra
igrexa que tamén se comporte de maneira sectaria. A miopía de certos
nacionalistas radicais para saber ver a realidade fondamente relixiosa
do pobo galego e o potencial liberador do cristianismo, fainos
"malos marxistas", pois non atenden ó primado da praxe.
Pola outra banda, a Institución eclesiástica
claudicou das súas raíces evanxélicas, e non sabe ver os múltiples
sinais da galeguidade, na sociedade, na cultura, na reflexión
teolóxica, etc. "Non decatarse hoxe desta realidade, parece dunha
invidencia extraordinaria". A única explicación desta invidencia
vén desde as claves do poder: o idioma castelán en Galicia foi sempre
o idioma do poder, pois o pobo sinxelo non podía acceder con
normalidade a el; por iso o castelán foi sempre un instrumento de
dominio. Para Chao, as meteduras de pata da Igrexa son máis graves
porque pretende falar no nome de Deus; o que obriga a ser máis
críticos con ela. Por iso séntese tolerante cos individuos, pero
crítico e dorido coas institucións:
"A unha
xerarquia ou a un pobo cristián enteiro que renuncie a
expresarse en galego había que collelo polos colares e
dicirlle: Esperta do teu sono fogar de Breogán, porque estás
traizoando a causa dos pobres e esta é a primeira no Evanxeo, e
a lei da Encarnación". |
Ademais de todo
o movemento galeguizador da Igrexa en Galicia, no que el se sabe
persoalmente metido no ollo do furacán, Chao valora particularmente a
postura tomada por certas congregacións relixiosas femininas, por
varias razóns: "Porque o mundo feminino en Galicia sempre estivo
máis alienado aínda que o masculino" Sari, a súa muller,
escoita e asinte, e por "entrar co galego nun camiño de
liberación nunha Igrexa dominada por homes"; máis aínda cando a
realidade da que proceden moitas delas é un mundo castelán e urbano en
gran parte. Pero aínda lle parece máis meritorio o feito de deixar os
seus ampulosos conventos para irse ós barrio e o mundo rural, motivadas
tan so pola súa evanxélica aposta polos máis pobres; isto supuña
necesariamente pasarse ó galego, a lingua dos pobres.
Pola contra, o problema do clero segue a ser a distancia do pobo,
manifestado nesa separación lingüística, precisamente ó entrar no
templo para oficiar ó culto do que son representantes. Este cambio de
lingua da realidade cotián ó culto é moi significativo: primeiro é
insultante con Deus, "ó que facemos analfabeto di Chao, ou polo
menos non polígloto"; e segundo co pobo, cuxo idioma non é
merecente de ser empregado na liturxia". Se hai esperanza, esta non
ven da realidade interna da Igrexa nin da mesma Galicia, senón do
necesario cambio que se está a xestar no mundo occidental e mundial.
"A humanidade non soporta por moito tempo máis todo este
imperialismo capitalista no sentido económico e simbólico (que aplasta
o capital simbólico dos pobos)". Por iso Chao fai unha chamada a
un optimismo non inxenuo, non un "optimismo sen esperanza",
senón un "pesimismo esperanzado".
¿Galeguismo, nacionalismo, etnia? Chao é amante desta última
expresión, aínda que é consciente da resoancia racista que ten para
algúns. "É que non coñecen a palabra, di, porque etnia ven ser o
mesmo que natividade". En Eu
renazo galego fai unha xustificación do termo, aducindo que o de
nacionalismo estaba demasiado circunscrito á súa acepción política,
particularmente hipotecada pola esquerda nacionalista, cando a realidade
é máis ampla. Na circunstancia actual Chao volve a gustar da verba
nacionalismo como reivindicadora da realidade nacional, á que parecen
achacárselle hoxe tódolos males do mundo, o que é "dunha
falsidade enorme".
"O problema non
é o nacionalismo, senón a carencia dos nacionalismos,
englobados en estados falsa e artificialmente chamados
nacionais. Falar hoxe contra os nacionalismos é falar contra as
etnias minoritarias, que non teñen estado. Hai unha razón
oculta para acusar ós nacionalismos actuais de tódolos males:
que o mundo está dominado polo imperialismo económico que leva
á realidade dun home unidimensional. Os estados queren homes e
mulleres uniformados culturalmente". |
Este é o
pensamento a testemuña de Chao Rego, cristián e galeguista, empeñado
na inculturación da fe cristiá nesta terra galega, para que sexa un
verdadeiro camiño de liberación para os galegos; un cristianismo
enraizado na tradición bíblica e sobre todo na aposta de Xesús de
Nazaret e a súa memoria subversiva. Unha relixiosidade que debe
recobrar toda a súa riqueza simbólica. E unha aposta galeguista que
quere ser étnica, como unha volta ás raíces dun pobo, e ética,
como aposta polos humildes, polos oprimidos. Convencido de que Deus Pai,
o Deus de Xesús, está silencioso neste mundo secular, pero non
ausente; un Deus liberador, comprometido misteriosamente na liberación
dun home máis menesteroso que nunca, a pesares do seu poder. E Pepe
Chao é un namorado de Paco de Asís, como lle chama con confianza.
III.
"Eu creo nunha
IGREXA
que lle plante cara ó risco do cambio que se está a dar en
Galicia.
Que comparta as angurias dun pobo que loita cunha economía de
subsistencia, alviscando permanentemente a ilusión realista
dunha LIBERACION progresiva.
Que tenta ESNAQUIZA-LOS VINCALLOS inxustos.
Que proclama na práctica o protagonismo dos homes e mulleres da
nosa Terra, contribuíndo a unha
COMUNION ABERTA.
Identificada coa CULTURA GALEGA e integrando de cheo a
idiosincrasia do home galego.
Que fai causa común cos TRABALLADORES.
Na que a MULLER participa e pe de igualdade.
Que non mantén dependencias atávicas do clero.
Capaz de descubrir a forza da TERRA. (...)" |
Estas
verbas son de XULIO ANDIÓN MARAN, menos coñecido nos ambientes
extra-eclesiais que os dous persoeiros anteriores, pero ben coñecido en
Vigo, onde traballa desde hai moitos anos, polo seu labor na radio e na
prensa. É un home do "aparato eclesial", pero de posturas
claramente galeguistas, aínda que, como el mesmo di, "non
radicais", pois non é agresivo, batallador. "Son máis
partidario desa batalla permanente e cotián, fiel a uns principios, a
eficacia da constancia di. Aprendín da paciencia histórica do pobo
galego". Pero é un galeguista en exercicio, colaborador de Encrucillada
e moitas cousas máis. Coma o seu irmán Xoán, un dos máis
importantes artífices dunha catequese renovadora e comprometida co seu
pobo galego.
Naceu
no 1941 en Arcos da Condesa (Caldas de Reis) no seo dunha familia
galegofalante. Fixo os estudios eclesiásticos en Comillas e Roma, onde
coincidiu con Torres Queiruga, e mesmo ambos tiveron un director da Tese
de Doutoramento común. Licenciouse en Filosofía e fixo o doutoramento
en Teoloxía pola Universidade Gregoriana. Especialista en
eclesioloxía, como reflexaban as verbas de máis arriba, publicou neste
eido as obras Primado y Episcopado e Sois el cuerpo de Cristo.
Pasou por diversos cargos na súa diócese: formación permanente do
clero, membro do Colexio de Consultores do bispado, Delegado diocesán
en varios campos de pastoral, ... profesor no Instituto Teolóxico
Compostelán e actualmente Rector e profesor do Seminario de Vigo.
É neste Seminario onde está a desenrolar un
calado pero efectivo labor galeguizador. "A utilización do galego
na liturxia é practicamente total e moi habitual nas clases, mesmo
maioritaria", o que se foi conseguindo nun proceso progresivo e
normal, aínda que coas tensións derivadas de grupos opostos a estas
ideas, ás veces con posturas viscerais. "Fíjate tú como será
este cura que ¡hasta habla en gallego!", comentoulle a un
seminarista un cura da súa mesma diócese, referíndose ó seu labor
como rector. Foi unha tarefa realizada nos últimos anos, como froito
dunha opción claramente tomada, pois "coidamos que o sacerdote ten
que conectar con normalidade coa realidade galega do país". É
consciente de que iso non vai garantizar a galeguización do clero,
pero, axudará a súa normalización. Polo pronto, cando algún
seminarista salta co consabido "¡Ya está bien de gallego!",
os demais saben dicirlle "De que vas, tío".
Esta non é a realidade totalmente normal dos
seminarios galegos, aínda que sexa bastante habitual, e de feito, os
rectores exprésanse con bastante normalidade en galego, menos cando se
xuntan cos bispos ...
A descuberta e o compromiso con Galicia foi
para Xulio Andión (como para tantos outros) unha experiencia dos seus
anos de estudiante fora de Galicia, en Roma (con Torres Queiruga, Ferro
Ruibal, ...). Cunha clara conciencia de comunión eclesial, Andión
recoñece que a descuberta de Galicia levouno a concretar esa comunión
coa Igrexa na valoración da realidade galega e diocesá.
Ademais, di, "eu son un home de aldea" e nunca renunciei ás
miñas raíces. E "as persoas que son máis significativas na miña
vida son partícipes desta propia perspectiva galeguista e
cristiá".
Xulio Andión é un dos membros de Badal,
unha das obras nacidas da inspiración do P.Seixas, no seo da súa
comunidade cristiá (Xaime Isla, Quico Domínguez, Alfonso Zulueta,
...). Este material litúrxico-pastoral é sucesor de Boa Nova,
aínda que cun plan máis modesto (menos amplo) e máis moderado (menos
combativo co establishment). Sucesor como material galeguizador
da liturxia, un traballo ímprobo nun país onde só misan únicamente
en galego o 4% dos curas, aínda (!) que cheguen a un 7% as misas que se
celebran en galego e no 14% das parroquias haxa "algunha" misa
en galego. Comezou no ano 1987 e continúa ininterrumpidamente ata hoxe.
A pesares da súa moderación Xulio Andión e o equipo de Badal,
teñen moi claro a necesaria relación entre galeguismo e cristianismo,
ou o que é o mesmo, o necesario compromiso galeguista dos cristiáns:
"Partindo da
Palabra encarnada (feita carne) nun lugar concreto, nunha persoa
e nun pobo concreto, cunha cultura e unhas características
concretas. Hai unha relación entre Revelación e encarnación
que nos fai comprender que a vivencia da fe non pode ser unha
vivencia abstracta, senón que ten que ser moi concreta,
encarnada nun pobo e unha cultura. Eu se estou encarnado, estou
encarnado aquí. É algo absolutamente elemental que se ten que
traducir, entre outras cousas, na celebración no idioma propio
dun pobo, no caso de Galicia, o galego. A dimensión social e
política deste compromiso debe quedar necesariamente integrado.
Entendemos que a celebración da fe en Galicia pasa por asumir
non só o idioma galego como tal, senón tamén a simbólica
galega e a relidaded sociopolítica galega. A fe cristiá é
unha expesión máis da realidade galega dun pobo e non se pode
menos que asumir, se non se quere traicionar a este pobo. Isto
é para nós unha realidade tan clara, que nin sequera é
polémica". |
Xulio Andión
sabe moi ben que esta realidade é polémica de cara a outro importante
sector da Igrexa; con todo, cre no valor dunha "proposta
cordial" e confía en que sexa unha realidade en expansión. Sen
dúbida, a Igrexa toléraos, máis que "amar con paixón" e
apoiar esta súa experiencia, a pesar da moderación. Pola contra o
mundo galeguista, mesmo o máis secular, valora moi positivamente
propostas coma estas, como un vehículo de normalización do galego.
Traballou
con Encrucillada case desde os primeiros anos da revista,
formando parte do seu Consello de Redacción. Hoxe, sen esquecer esta,
é tamén da redacción doutra revista con plantexamentos máis
reformistas, Lumieira (50),
que quere propiciar unha liña de pastoral galega, aínda que non é
editada íntegramente en galego; cousa que non comparte Xulio Andión,
pero que, segundo algúns dos seus responsables, é por razón de non
reducirse ó ambito galego. Xulio Andión tamén ten publicado numerosos
artigos en outras revistas da Igrexa como Ecclesia, Homilética,
Compostellanum, ...; e colabora habitualmente con El Faro de
Vigo.
As
perspectivas de Xulio Andión de cara á relación
cristianismo-galeguismo son dunha normalización, a pesar das
reticencias e da perda de galegofalantes. Confésase moderadamente
optimista pola esperanza que pon na realidade da xente humilde: "O
que hai, hai, e o que é cerne, esta aí e non se desfai así como así.
A raizame do pobo non hai que a poida arrincar".
IV. Compriría falar doutros cregos intelectuais no eido do
galeguismo, tan só un breve apunte sobre tres deles: Xosé Alvilares,
Marcial Gondar e Uxio Romero Pose. XOSÉ ALVILARES MOURE é un
crego lucense que naceu nunha aldea de Chantada no ano 1928 e traballou
de párroco en O Cebreiro e Amandi, pero logo abandonou a pastoral que
non o sacerdocio para dedicarse ó traballo intelectual e docente,
doutorándose en Filosofía e Teoloxía e dando clases no Instituto de
Lugo. Destacouse nos anos 60-70 como un decidido defensor da renovación
da Igrexa segundo os aires do Vaticano II; o que lle aportou tensións e
censuras. Iso é o que reflexa no seu libro Memorial de agravios
(Vigo 1992); a obra, moito máis que unha autobiografía, é un valioso
documento para coñecer a Igrexa galega nos seus anos, ademais dun
excelente traballo literario e de altura intelectual. A súa
participación na efervescente Igrexa do Concilio e o postconcilio, a
rocambolesca "Operación Moisés", da que foi un dos
protagonistas, a Asemblea Conxunta de bispos e cregos, a súa
participación nos Coloquios, ... e en xeral toda a vida da diócese de
Lugo, da Igrexa galega e aínda da española en corenta tormentosos anos
(entre os anos 50-90).
"A visión
mística da Igrexa non administrativa ou burocrática,
legalista e clerical impide caer no sectarismo, na apoloxética
sobre a Igrexa histórica. Non só o mundo; tamén a Igrexa é
forzosamente sucia"(51).
"A crónica de sucesos na Igrexa... pode parecer a
confesión dun desánimo, da perda de confianza na Promesa
cristiá. Pero ten outra lectura. A Igrexa non é o Reino de
Deus. Deus é a crítica da Igrexa. Porque Deus está vivo, non
nos gusta a Igrexa" (52). |
Por iso Alvilares segue sendo cura, e
exerce, aínda que hai xa moitos anos que non ten "cura de
almas", e comente con humor: "Sen parroquia, a condición de
cura ¿é no meu caso algo máis ca un engadido persoal, un título
suntuoso e inútil para a comunidade?" (pax. 369). Paréceme que
non, e eu sei que segue a celebrar a Eucaristía.
Anteriormente ó Memorial, Alvilares xa publicara
O clero e o uso do
idioma galego (Lugo 1965) e unha gran obra ¿Proceso a la Iglesia
gallega? (Madrid 1971); ademais de importantes colaboracións noutros
libros colectivos: "O leigo na Igrexa galega" (en A parroquia
hoxe, Vigo 1970), "Santiago e a crisis do catolicismo
español" (en A crisis da conciencia relixiosa no mundo moderno,
Vigo 1972) e "Sacerdote e Eirexa, e Eirexa-Mundo" (en As
relacións Eirexa-Mundo en Galicia, Vigo 1972). Alvilares é colaborador
de Encrucillada desde os seus comezos, con algunhas ausencias,
publicando na revista interesantes traballos.
En Pro en contra da liturxia en galego, Caamaño e Pampín hablan da
primeira publicación de Alvilares, a conferencia sobre "O clero e
o Idioma galego", nestes términos:
"A conferencia é un rico vieiro de ideas mesturadas, que por
primeira vez en Galicia ofrece un plantexamento extenso e intenso da
fonda problemática do tema... No primeiro lugar aparece un nivel
antropolóxico, onde Alvilares valora a lingua como fonda e íntima
expresión da autenticidade humá... Hai un nivel sociopolítico onde se
desenmascaran as causas políticas... Sendo o galego o idioma dos
parias, ficou desculturalizado e desnutrido, por non desenrolarse
normalmente... Nun terceiro nivle, teolóxico... Para Alvilares, 'o
interés do cristianismo polo galego é primordialmente o interés polo
home'... está clara a necesidade do uso do galego en toda a pastoral da
Igrexa..."(53)
|
MARCIAL GONDAR PORTASANI (Pontevedra
1948), clérigo galeguista con moi pouco de clerical, estudiou en
Comillas e Roma (Universidade Gregoriana) Filosofía e Teoloxía.
Exerceu toda a vida o traballo intelectual e docente, no Seminario de
Santiago e na Universidade Compostelana, na que leva actualmente a
cátedra de Antropoloxía Social. É membro do Instituto P. Sarmiento e
do Patronato do Museo do Pobo Galego e ten publicado varios libros. Os
temas e títulos da súas obras manifestan o seu compromiso con Galicia;
destacan entre eles: Romeiros do alén (Vigo 1989), que recibiu o Premio
da Crítica Galega en Ensaio; Mulleres de mortos (Vigo 1991); e o
último, co suxerente título Crítica da razón galega (Vigo 1994).
Tamén publicou: Xogando coa morte: unha ollada antropolóxica dos xogos
e falcatruadas no velatorio na Galicia tradicional, Os banquetes
fúnebres na Galicia tradicional, A morte, Espiritados. Ensaios de
etnopsiquiatría, ...
UXIO ROMERO POSE (Baio-Coruña 1949).
Fixo os estudios no Seminario de Santiago e Roma (Teoloxía na
Universidade Gregoriana e Patrística no Augustinianum). Doctorouse en
Teoloxía no ano 1978 da man do prestixioso patrólogo o P. Orbe.
Profesor en Canarias e Burgos, leva exercendo a docencia desde o ano 80
no Centro Teolóxico Compostelano, do que é tamén o Director. Ademáis
é da Comisión da fe da Conferencia Episcopal Española e do Consello
da Cultura Galega, e director da revista Compostellanum. Na súa
especialidade de Patrística é unha autoridade con recoñecemento
mundial, sobre todo pola reconstrucción que levou
a cabo dos Comentarios ó Apocalipse de Ticonio.
Ten publicado numerosos traballos de
patrística en revistas especializadas (Gregorianum, Augustinianum,
Salmanticensis, Compostellanum, ...). Son particularmente
interesantes para o noso tema os artigos que publicou en Encrucillada
sobre Prisciliano, Exeria e san Martiño de Dumio (54).
A súa relación con este revista galeguista manifesta o seu moderado e
sincero galeguismo.
5. Os curas de IRIMIA: X.A. Miguélez, M. Regal, A. Blanco Torrado,
...
Seguramente, este apartado é para o que
estou menos en disposición de dar unha visión neutral, non apaixonada,
da realidade das persoas e o medio, pola miña implicación nese fermoso
proxecto que é Irimia, e a relación que me une á xente que
máis traballou nel. Unha relación que supera a realidade funcional do
puro traballo de compañeiros, e chega a converterse nunha fonda
amistade. As mesas de redacción de Irimia en Lagoa de Pastoriza,
ou en Romaríz de Abadín, e logo en Oirán (Mondoñedo) e en Xove,
foron moitos anos, cada semana, un fermoso e rico espacio de encontro,
onde compartir fe e vida, compromiso e loita, esperanzas e fracasos,
utopía e realidade. Esta primeira etapa da revista durou máis de dez
anos (1981-1991).
Tan importante como a realización da revista,
que saía case miragosamente cada semana ata facer máis de 300
números, practicamente sen máis medios que un bolígrafo e unha
máquina de escribir non había nin teléfono e o ordenador era,
daquela, cousa dos americanos, era a realidade do compartir. Mentras
uns buscaban datos na hemeroteca e a biblioteca particular da casa,
outros escribían, e un terceiro ía facendo a cea. Era tamén unha
escola de comunión evanxélica, de democracia e de igualdade; sobra
dicir que os curas non tiñan o máis mínimo privilexio e ás mulleres
non lles tocaba necesariamente facer a cea ou fregar os pratos. O
director da revista, o que isto escribe, coordinaba o traballo da mesa
de redacción, mentras pelaba as patacas e poñía a tixola ó lume.
Tamén había, con frecuencia, momentos de oración, expresión do fondo
compartir a vida desde a fe común; ben é certo que había bos mestres
de oración como Xosé Antón Miguélez e Manolo Regal.
Falar de Irimia, é falar dunha realidade moito máis ampla que a
revista popular do mesmo nome. É falar da homónima Asociación Civil
que a ampara, falar das populares Romaxes de Crentes Galegos, falar dos
Cruceiros e falar tamén da Escola "Alento" de Tempo Libre,
todas elas realidades intimamente implicadas e nas que, a pesar do
reparto do traballo, tiñamos que coincidir os mesmos en moitas
ocasións.
Nesa realidade estabamos metidos un grupo de curas, ademais dos leigos
ós que se aludirá máis adiante. Na revista, que lanzou o seu número
0 en Setembro de 1981, e saíu ininterrompidamente ata o momento
presente, estabamos: Xosé Antón Miguélez, Manolo Regal, Alfonso
Blanco Torrado, Xosé Manuel Carballo, Ramón Díaz Raña e Xosé Chao
Rego, xa daquela cura secularizado, como sería logo o caso de Raña e
Manolo Regal. Nas Romaxes, ademais de Chao e Raña, estaba Bernardo
García Cendán en un longo etcétera formado polos cregos das distintas
localidades onde se foi facendo ano tras ano desde setembro de 1978 ata
hoxe. A Escola de Templo Libre, nacida en 1982, levábana exclusivamente
os leigos. E nos Cruceiros, que se realizaron entre 1978 e 1983, tiveron
un particular protagonismo Chao e Miguélez.
I. XOSÉ ANTÓN MIGUÉLEZ DÍAZ naceu en Lugo no ano 1946, pero
cedo foise para Barcelona coa súa familia, facendo alí os estudios
eclesiásticos e a Licenciatura en Teoloxía Dogmática pola Facultade
de Teoloxía de Barcelona co tema "La Teología de la Liberación y
su método". O traballo sairía de contado editado nun libro (55)
que
foi pioneiro do tema en España. Aquel libro de mocidade xa anunciaba un
teólogo creativo; pero ó novo crego non lle tiraban os claustros das
Universidades ou dos Seminarios, senón o traballo pastoral no
compromiso cos pobres, compartindo as súas ledicias e as súas penas,
como anunciaba a Constitución Lumen Gentium da nova Igrexa do
Vaticano II. Tras un curto tempo de traballo como obreiro en Barcelona,
Miguélez decide volver ás súas raíces galegas, e pídelle a
Monseñor Suquia ordenarse sacerdote e incardinarse en Santiago. Pero
non era este arcebispo compostelán o prelado adecuado para acoller a un
profeta como Miguélez, e a resposta foi negativa.
Houbo de chamar a outra porta, e acolleuno un
bispo que tiña sona de galeguista, D. Miguel-Anxo Araújo, como nos
ocorreu a outros. En 1974 ordénao crego o bispo de Mondoñedo na
parroquia onde tiña Miguélez as raíces familiares, Pedrafita, preto
de Chantada. Vense de cura para Romariz (Abadín-Lugo), onde botou 20
anos, levando adiante un labor profético e innovador, primeiro co seu
compañeiro Xosé Meiriño, e logo con outro compañeiro poeta coma el,
Manolo Regal. Durante sete longos anos (1981-1988) fomos facendo xuntos,
eles e máis eu, un equipo zonal vivo e activo; daquel grupo saíron
moitas das realidades desta Igrexa Galega, que os tres seguimos tendo
como teima e norte da nosa praxe de fe e do noso compromiso social. Hoxe
o grupo desfíxose por esixencias históricas, pero os tres seguimos
mantendo os vencellos e unha utopía común: o Reino de Deus nunha
Galicia liberada.
A vea galeguista de Miguélez xa se fora
forxando na súa estancia en Cataluña, lonxe da Terra, na
correspondencia con Ramón Piñeiro, Torres Queiruga e Manuel Espiña.
Desta relación naceron algúns poemas que viron a luz en Grial (56).
Porque no caso deste crego, a vocación pastoral xúnguese á vocación
teolóxica e á creación literaria, sobre todo no eido da poesía.
Aínda non veu a luz ningún dos dous excelentes poemarios que só lle
coñecemos os amigos: Elemental pan pro camiño (1979) e Recuperar
a morte (1983). Algúns dos poemas destes libros chegaron ó
público coa música de Saraibas e nunha Antoloxía de 1984 (57).
Outros sairían, ademais de Grial, en Encrucillada e Irimia.
Compre engadir que Xosé Antón Miguélez é autor de gran parte dos
Himnos litúrxicos da Liturxia das Horas en galego, cos que
recentemente volveu aflorar a súa vea poética, abandonada por un
tempo.
Os versos de Miguélez sitúannos na realidade
deste crego, teólogo e poeta galeguista, tanto como todo un longo
discurso sobre el. É a súa unha poesía que foi definida de
"realismo social cristián"; unha poesía fiel ás raíces
evanxélicas e galegas nun compromiso de liberación, poesía
testemuñal e militante. Como estes versos de Elemental pan de
camiño. ("Un cántico en 18 poemas con un prologo homaxe aos
bos e xenerosos de Galicia"):
"Coutaron as
crestas do teu orgullo
crearemos xuntos dignidades meirandes desde o abismo.
Secaron a túa lingoa gorxa e palabra
repoñerémola arma terrible e doce arte. (...)
Esmagaron a gaita e apagaron a cantiga
Nunha inmensa coral de terra e mar refaremos o canto.
(...)". (Do Prólogo)
"Xa o tempero da sega!
Xa o tempo favorable pra seitura!
Xa o día da entrega!
Xa a hora da verdade! (...)
E vexo ao Deus forte e paciente
grande e prudente,
o Deus labrego,
sempre contido, sempre mesurado,
revestirse agora de impaciencia
pra chamarte. (...)". (De A chamada)
"Ti querías ser pan pra unha alegría
pan de convite estarruxente e mol, (...)
Fúchelo ti, Xesús,
pan entregado
no povo e só no povo
comprendido...
ti pan de Deus pra o camiño,
pan pra os pobres,
resucitado e vivo, (...)
Amador e Daniel
recordaremos sempre
o pan das vosas vidas
no asfalto ferrolano sementado. (...)". (De Compre pan
pra o deserto)
"Se chega a primavera á nosa Patria
co seu ledo estoupido en volvoretas
e a vedes danzar moza en cada folla
coa brisa lene dos risos dos nenos. (...)". (De Por se
chega a primavera á nosa Terra)
Ou estes impresionantes versos de Recuperar a morte:
"Eu non quero unha morte amordazada
quero unha morte tal cal Deus a fixo:
berrándolles aos pobres a esperanza
de que a loita da vida ten sentido,
quéroa a pulso conquerida e gañada
como un regalo por Deus ofrecido;
non a quero pró escape, pra batalla
en cambio por un amor compartido,
non como medio de gañar a alma
mantendo a soedade no individuo,
como encontro total e aperta ancha
con Deus e o mundo sempre perseguidos!. (..)
Amote mundo miña casa, Galicia
doce matria, ámote vida e quentura
prometida, ámote Deus entregado e fuxidío
ámote morte misterio aberto á vida. (...)". |
Non fai falla
moita capacidade de análise nin especial formación teolóxica para
palpar nestes versos un fervoroso amor á Patria galega, que chega ata o
amor político no compromiso cos pobres, e unha fe relixiosa que é
calquera cousa menos "opio do pobo". Pero, o mesmo Miguélez
teno explicitado desde os seus artigos de Encrucillada e, con
menor articulación intelectual, desde as sinxelas páxinas de Irimia.
Así, xa no mesmo comezo da primeira das revistas aludidas, no seu
artigo "O amor político dos cristiáns", dicía cousas coma
estas:
"A grave
situación galega é para todos motivo de autoexame e de
conversión persoal, e tamén unha invitación a facer saír o
Maligno das estructuras sociáis que asoballan ao noso povo...
Hai que dicilo claramente: en derradeira análise, a situación
galega ten unha raíz política, e política debe ser a súa
solución...
Non hai, logo, posíbel neutralidade, senón concesión ao que
de feito exerce máis poder. Se a sociedade está dividida en
clases con interes contrapostos e enfrentados, intentar a
neutralidade supón un imposibel anxelismo que de feito avala a
política dominante e fáise cómplice da violencia sobre a que
repousa: a explotación do materialismo capitalista, o
colonialismo imperialista do diñeiro e do medo á
liberdade"(58). |
No mesmo artigo,
tras denunciar a lacra do capitalismo (porque é un sistema materialista
"en función do lucro e da ganancia", de explotación, de
competencia que "fai ó home lobo para o home", elimininativo
dos máis débiles, imperialista e infantilizador), os estragos que fai
en Galicia, e defender os dereitos nacionais do pobo galego, remata
facendo unha chamada a un compromiso socialista e nacionalista dos
cristiáns galegos.
Sobre a
cuestión da relación entre galeguismo-nacionalismo e cristianismo ten
publicado tamén na revista varios traballos: "O galego na
liturxia", co seu compañeiro de traballo pastoral, Manolo Regal,
onde elaboran 9 argumentos para facer a liturxia en galego (59).
E sobre todo o magnífico "Fe e galeguidade", nacido dunha
histórica ponencia para o IV Cruceiro. Xa no primeiro párrafo adianta
o que é para el o seu convencemento fundamental:
"A asunción da
galeguidade é camiño imprescindíbel, en Galicia, pra acceder
a unha fe adulta, viva e liberadora, auténticamente cristiá...
Aquelas fes incapaces de asumir a galeguidade son fes hoxe pouco
auténticas e pouco fieis á mensaxe cristiá, bloqueadas pra
que non poidan representar pro crente unha boa nova
practicamente liberadora"(60). |
Miguélez non
quere facer afirmacións no ar, por iso, o seu punto de partida é, por
unha banda a realidade eclesial galega ("pouco eclesial e abondo
clericalizada... pouco galega e galeguizada") e a realidade social
galega ("caracterizada polo pouco eco que teñen as alternativas de
esquerda e nacionalistas"); e por outra, a presencia de crentes
conscientes "que pretendemos tomar cada vez máis en serio a nosa
galeguidade e vivila integrada na nosa fe". Con estes presupostos
plantéase o desafío de integrar fe e galeguidade nunha situación
"lánguida e triste" polo camiño dunha fe cristiá madura,
evanxélica, trinitaria e esperanzada, que sexa capaz de romper a
ideoloxía do poder que bloquean esa fe e esa galeguidade. Iso só se
pode realizar cunha triple conversión: a) Do ahistoricismo á historia,
do dualismo á encarnación. b) Do legalismo á fe, da reproducción á
creación. c) Do individualismo á fraternidade. Porque o problema non
está "no galego", senón na mesma fe como tal:
"Non pode
galeguizarse o que é anticarne, antipovo, antihistoria,
antigalego. A fe cristiá madura e auténtica é histórica,
encarnativa, comunitaria, creadora de dereito e de historia; esa
fe si que, por si mesma, se fai galega porque é auténtica fe
católica, é dicir, universal no concreto encarnado"(61). |
Non foron estas
as únicas ocasións nas que Xosé Antón Miguélez reflexionou sobre o
tema que nos ocupa. Aínda publicaría en Encrucillada outros
dous traballos máis, co que se convirte na persoa que máis ten
elaborado unha reflexión sobre cristianismo e galeguismo: "Galego
e nacionalismo: un desafío á Igrexa" e "Fe cristiá e
nacionalismo galego". No primeiro, Miguélez vai moito máis aló
das argumentacións culturais, antropolóxicas, ou pastorais, para
chegar a unha fundamentación teolóxica ¿pode ser cristián en Galicia
quen non ame o galego?:
"A teima pola
galeguización da Igrexa é algo máis que unha teima cultural e
se corresponde cunha preocupación eclesial básica. Máis
aínda, é unha cuestión teolóxica na que se está a xogar,
coma en tantas outras cousas da vida diaria e social, unha
imaxe, unha doctrina e unha vivencia de Deus que pode ser
encarnada e salvadora ou abstracta e insignificante, cando non
alienadora...
Amar ou non amar a realidade galega e dentro dela coma núcleo
sustantivo o idioma galego, ten unha entidade teolóxica clave,
pois ven ser como detector da veracidade do Espírito... Podemos
afirmar que non se pode ser (bo, auténtico) cristián en
Galicia sen ama-lo galego"(62). |
Finalmente, en
"Fe cristián e nacionalismo galego" (ponencia para unha das
Asembleas de Encrucillada), tras falar do que entende por un
nacionalismo liberador e por unha fe liberadora, sintetiza nunha ducia
de afirmacións "Como cadran no seu dinamismo a fe e o nacionalismo
liberadores". Velaí algunhas:
"Nacionalismo
liberador e cristianismo liberador son ambos unha aceptación
fundamentalmente amorosa e gozosa da realidade que nos
constitúe (a nación e Deus)...
Son ámbolos dous un encontro con algo xerador positivo de vida,
que é a un tempo alguén (persoal) e comunidade [un pobo de
persoas e un Deus persoal e comunitario]...
Teñen en común que valoran a política e a politización coma
madurez no amor ós individuos e ó pobo (galego e humano
respectivamente) ...
Teñen en común que ambos son e sábense fillos dunha historia
que requiriu etapas e maduracións por veces longas e con
aparentes pasos atrás..."(63) |
Pero, antes de
rematar, compre ter presente de que Miguélez fala tamén de
"evanxelizar o nacionalismo", consciente de que nacionalismo e
relixión son simultaneamente dúas realidades grandes e perigosas. A
radicalidade nacionalista de Miguélez é vivida tamén por este crego
atemperada cunha postura crítica, que reclama unha necesaria
autocrítica, que teña moi presente o perigo de posturas intolerantes.
En tal sentido deu unha ponencia no ano 1990 nun encontro entre o Grupo
Sant Jordi (expoñente da igrexa catalanista) e Encrucillada
(representaban o grupo da revista, ademais de Xosé Miguélez, Torres
Queiruga, Pilar Wirtz, Ferro Ruibal e outros); o título da ponencia era
precisamente "Evanxelizar o nacionalismo". Da súa autoría é
un "Decálogo do nacionalismo dos cristiáns" aparecido en Irimia,
velaquí algúns pontos:
Non é igual o nacionalismo dun pobo dominado
que o dun pobo que domina.
Porque o
noso Deus é un Deus de vida e non de morte, o nacionalismo dos
cristiáns ten que ser un alento que dea vida ó pobo encollido,
inseguro, esgarriado.
O nacionalismo dos cristiáns ten que ser un nacionalismo de amor e non
de odio, de aposta pola vida, e non pola morte (pacifista e ecoloxista).
O nacionalismo do cristián ten que ser un nacionalismo aberto ás
outras culturas e ás outras patrias (universalista).
O nacionalismo do cristián non pode ser só culturalista, folclórico,
ou sentimental. Precisa un compromiso con toda a realidade do pobo
(político).
II. MANOLO REGAL LEDO naceu en Chantada un ano despois de Miguélez,
en 1947, pero seguiu outros camiños, que habían de marcar fondamente a
súa vida. Orfo na súa infancia, entrou cedo no mosteiro benedictino de
Samos, onde fixo os estudios eclesiásticos, profesando como monxe co
nome de Bernardo. Traballou en proxectos de arte e historia monástica (64).
Pero a realidade pouco galega da comunidade creou tensións no xove
monxe, que pediu unha exclaustración temporal. Vai a Euzkadi, onde
tiña familia, e fai a Licenciatura en Teoloxía na Universidade de
Deusto. En Bilbao conecta coas comunidades Fe y Justicia de Patxi
Loidi, con quen editará un libro de oración que debe ir xa pola 20ª
edición, Gritos y plegarias (65),
e que marcará a súa vida polo camiño dun compromiso social máis
explícito.
No ano 79 volve a Galicia, pero xa non o fai
reitegrándose ó seu convento de Samos, senón indo a unha aldea rural,
onda un cura que xa daquela tiña fama de ser diferente: Xosé Antón
Miguélez, o cura de Romariz. Fan equipo, levando varias parroquias
(Romariz, Labrada, Galgao, Quende e Fanoi) durante unha ducia de anos, e
logo os camiños da vida vainos conducindo por diferentes derroteiros,
pero sempre unidos na aposta pola causa de Xesús, a dos pobres e a de
Galicia. Manolo Regal abandonará no ano 94 o exercicio do ministerio
sacerdotal.
Como Xosé Antón, colaborará desde o comezo
en Encrucillada e Irimia, aínda que a creación
teolóxica foi sempre máis obra de Miguélez. Tamén coma el, Manolo
Regal é un poeta de versos limpos, sinxelos e populares, cargados de
relixiosidade e compromiso cos pobres desta Terra. Unha poesía que se
fai oración e que converteu a Manolo Regal no creador máis prolífico
de oracións en galego. Os poemas-oración de Manolo son rezados hoxe
tanto nos grupos de catequese e os grupos de base, como nas parroquias
galeguizadas, ou nas comunidades relixiosas; e non estiveron ausentes de
todo nalgunha celebración nunha catedral. En 1988 publica Un caxato
para o camiño, onde recolle unha escolma das oracións e versos que
fora publicando en Irimia semana tras semana; eu tiven o
privilexio de ocupar a portada cunha foto que tomara nos casais de
Berdoias. O libro ten versos inesquecibles:
"Louvado sexas,
Deus,
nos pobres desta terra,
se o espírito os anima,
faraos donos dela". (De Louvanzas a Deus)
"Nunca digas:
non sei, non vallo, non podo,
non teño forzas,
eu non entendo,
esas cousas para os que saben...
Para facer pobo e Terra,
todos valemos, sabemos e podemos". (De Xuntos facemos
pobo)
"Cando dicimos Galicia,
terra e traballo dicimos,
dicimos pobo con forza,
fala galega dicimos. (...)
Cando dicimos Galicia,
un soño grande dicimos,
dicimos cruz e Evanxeo,
Reino de Deus dicimos". (De Cando dicimos Galicia) |
En 1991 publica
outro libro semellante, con prólogo de Torres Queiruga ("De libros
así vaise tecendo unha vida cristiá integral"): Chorimas.
Plegarias de amor e soidade, editado por SEPT:
"Nós soñamos
con que un día
o amor sexa libre,
poida circular libremente
polos carreiros todos
do noso corpo e a nosa alma,
do noso pobo e a nosa cidade" (De Soño pequeno) |
Posteriormente
saíron da súa prolífica pluma tres libros de comentarios, plegarias e
preces para os Evanxeos dos domingos e festivos dos Ciclos Litúrxicos A
(Co Evanxeo pola man, 1992), B (Benqueridos amigos, 1993)
e C (Convocados para irmandade, 1994), cun tratamento diferente e
orixinal en cada un, e plegarias-poemas de gran calidade relixiosa e
poética.
A súa reflexión verqueuna Manolo Regal na
revista Encrucillada, sobre todo referente ó mundo rural galego;
traballos nacidos en moitas ocasións de ponencias para animadores do
mundo rural, pois el foi un dos puntais do "Movemento Rural
Cristián Galego". Así: "A convivencia na parroquia
rural" (27, 1982), "Mundo rural galego e os seus
condicionamentos" (34, 1983), "Un camiño cristián para o
mundo rural" (46, 1986), "Ser cristián no mundo rural
galego" (56, 1988), e o fermoso "Xesús, aquel home de
aldea" (75, 1991). Tamén desde hai anos na súa fiel sección da
revista "Rolda da Igrexa", que arrastrou máis dunha
polémica.
III. ALFONSO BLANCO TORRADO naceu accidentalmente en Montevideo,
no ano 1950, fillo de emigrantes. Movido por unha incipiente vocación
sacerdotal, entra no Seminario de Santiago e vai abríndose ó
galeguismo da man de Torres Queiruga e outros cregos como Antón Vilasó
e Xosé Antón Iglesias (que se verán máis adiante). "Neles
descubrín un xeito de vivir o Evanxeo co pobo galego". Por iso,
concibirá o seu ministerio sacerdotal como un compromiso liberador e
evanxélico con Galicia; nunca foi pola banda ritualista e cultualista
("Nin sequera aprendín a ser crego dese outro xeito").
No Seminario levou Alfonso unha actividade
cultural galeguista moi intensa, organizando recitais de cantautores de
"Voces Ceibes" (Xerardo Moscoso, Xoán Rubia,...), teatro
comprometido, charlas, ... e ata un curso de galego. Esto non podía
menos que crear conflicto no Seminario e é expulsado no curso 1970-71.
Foi ese un ano conflictivo e
importante na marcha do Seminario de Santiago; o problema non ía so con
Alfonso, pero el era o Delegado de estudiantes e levou a maior parte da
responsabilidade. A folga dos seminaristas nese curso viña motivada
desde varios frontes: un novo xeito de concebir o Seminario e o ser
crego, a relación co pensamento crítico e galeguista que estaba
xurdindo en Galicia (Xosé Manuel Beiras,...), e os plans para ir
creando equipos de cregos, mestres, médicos, ... que no futuro
traballaran conxuntamente nunha zona de Galicia. O detonante do que logo
aconteceu (peche do seminario e expulsión de varios seminaristas) foi
unha nota de prensa sobre tres conferencias que ía haber no Seminario
sobre o proscrito Castelao, a cargo de Ramón Piñeiro, Carvallo Calero,
e outros. Tras da expulsión, Alfonso é acollido na diócese de
Mondoñedo verdadeiro "refugium pecatorum" por esas
datas e
segue os estudios en Salamanca, onde fai a Licenciatura en Teoloxía.
En Salamanca xúntanse os estudiantes galegos cristiáns, seminaristas e
leigos, con xente que non estaban na cidade da intelectualidade
levítica (entre eles X.A. Miguélez, que lles mandou algúns versos
desde Barcelona), coa colaboración de Francisco Carballo e os PP
Paúles; elaboraban os seus panfletos na "vietnamita" do
colexio paúl. Mesmo editaron de maneira popular os libros de Paulo
Freire, Karl Marx e Wilhelm Reich. O que non quitaba que animaran unha
histórica Misa en galego na igrexa de San Benito. No seu voceiro, O
Sacho (Nadal do 1972), escribían:
"Chegue a todos o desexo máis
sincero de que o que estamos facendo axude a liberarnos das escravitudes
externas e internas nas que estamos envoltos, pra que deste xeito
podamos liberar ós irmáns da Nosa Terra". |
E recollían uns versos de Miguélez (que
alí publicou tamén as súas primeiras reflexións sobre cristianismo e
galeguismo político), que expresaba o sentir do grupo:
"Pepiño Aldeán Galego (...)
¿Sentiches, si, meu amigo?
Pois aló! aperta a Deus na túa Terra
sementando
o pan do novo abrente nun suco novo. (...)
Compre cavar arreo,
abrir camiños,
espertar as entrañas
deses montes durmidos. (...)". |
Alfonso volve para Galicia en 1976,
ordénase sacerdote, e o bispo Araújo mándao de coadxutor Guitiriz e
párroco dunhas parroquias veciñas. Alí traballa especialmente coa
mocidade, desde as clases no Instituto e, sobre todo, desde a
Asociación Cultural "Xermolos"(66)
(coa súa revista do mesmo
nome); unha asociación que crea Alfonso ó estilo de "O Galo"
e "O Facho", as mais prestixiosas entón. Veñen as
acusacións habituais de comunista, que torea habilmente o bispo, e
continúa o seu traballo cultural e evanxelizador constante ata o tempo
presente. O seu labor galeguizador coa mocidade e os pobos foi
recoñecido en máis dunha ocasión; particularmente cunha homenaxe que
se lle tributou no ano 1993, sobre todo por parte dos homes e mulleres
das Letras do país. As nosa breves e sinxelas verbas naquela homenaxe
foron recollidas nun fermoso libro: Alfonso
Blanco Torrado. Pregoeiro da luz. "Sempre foi forte en min a
teima cultural dime. Un dos camiños que sempre me levaron a Deus foi
a creación artística, literaria e plástica, aínda que non fora obra
de crentes".
En Guitiriz, sobre todo por medio de "Xermolos", vai entrando
en contacto coa xente máis significativa da cultura galega, sobre todo
no eido literario (Díaz Castro, Manuel María, Bernardino Graña,
Franco Grande, Lois Diéguez, Felipe Senén, Fernán Vello, Dario Xoán
Cabana,...). Só chocou cos escritores "vendidos ó poder".
"Sempre vin a estes creadores como un sector marxinado pola Igrexa;
por iso sempre quixen ser moi acolledor con eles". Esa experiencia
humana é en si mesma catequese, tal como a ve Alfonso. Nunca se sentiu
escindido no seu ser crego e persoa no mundo. Por esta razón Guitiriz
é lugar de encontro de escritores, que atopan sempre en Alfonso unha
quente acollida. No ano 1993 correspondéronlle cunha soada homenaxe, na
que os escritores lle ofreceron un libro coas súas colaboracións en
prosa e en verso, libro no que participamos moitos dos que aquí fomos
aparecendo: Pregoeiro da luz.
Colabora desde o comezo, e de maneira ininterrompida, nas revistas
Irimia e Encrucillada, aínda que a actividade febril e diaria deste
crego galeguista non lle permite pararse moito para escribir cousa
longas, e por iso a súa presencia en Encrucillada é máis que nada
testemuñal.
IV. XOSÉ MANUEL CARBALLO é outro crego
galeguista con cargo pastoral en varias parroquias e na Delegación de
Catequese da súa diócese de Mondoñedo. Escritor, humorista,
prestidixitador, animador, "Lucense do ano", ... É un
espécime singular desa rica e variada "fauna" clerical. Xosé
Manuel é un home de pluma fácil e, a pesar de que ten o tempo sempre
moi ocupado unha das cousas habitualmente máis inútiles é pedirlle
algún traballo a quen estea moi folgado, pedinlle que me puxera por
escrito o que a outros adoitei a tomar coa gravadora. Sabía que o ía
facer rápido e ben; o resultado foi tan bo, que o lector ha agradecer
máis que o deixe falar a el:
"Trouxéronme ó mundo no ano 1944
en san Martiño de Goberno, do concello de Castro de Rei, provincia de
Lugo, unha parroquia rural de arredor de cincuenta casas con lume. Non
escollín onde nacer, como tampouco puiden escoller a meus pais, pero
quérolles ben a eles e ó sitio onde me naceron. Proba diso é que sigo
vivindo nel.
Son cura desta mesma parroquia e coñezo o dito evanxélico de que só
desprezan a un profeta na súa terra. E, como resulta que eu non noto
que me desprecen, unha de dúas: ou os meus veciños disimulan moi ben,
ou eu non son profeta. Probablemente sexa esto último, e nese caso a
cousa é seria, porque se o sacerdote deixa de ser profeta, tamén deixa
de ser crítico e, se non é profeta nin crítico, mal asunto, xa que
pode ficar estéril, afogando a Boa Nova, ou reducindo o exercicio do
seu ministerio a un culto puramente ritualista.
O de ir parar ó Seminario aló polo ano
1954 foi debido a que na miña casa decidiron darme una preparación, a
ver se non tiña que andar embodagado en esterco coma os meus pais e os
meus avós, que eran labregos. A eles non lles desgustaba ter un cura na
familia, porque eran crentes practicantes e porque tiñan entendido que
os señores curas vivían ben, e a min gustábanme os capotes que
vestían os cregos nas festas e nos enterros, e fun para Lourenzá e
logo pasei a Mondoñedo, coa fin de poder vestir así cando fose grande.
Pero á hora de recibir o sacramento da Orde Sacerdotal, xa non o fixen
por motivacións tan febles coma unhas vestimentas, que tanto se poden
poñer como se poden quitar, e os meus pais dixéronme que non seguise
para diante pola simple razón de non darlles a eles un desgusto, que o
aprendido ninguén mo podía quitar e que un cacho de pan, malo sexa que
non o gañase en calquera sitio. Agradecínlles moito que me dixesen
aquelo; pero seguín para adiante.
De momento non me pesou pola decisión tomada aló polo 1966, e hoxe
volvería a pedir o mesmo sacramento e pídolle a Deus que mañá
tamén.
Xa antes de ordenarme comezara a
practicar o ilusionismo como afección, e como un certo xeito de manter
e sementar ilusión, pensando en que o día de mañá me sería útil
para a catequese e, como o ilusionista ten a rara habilidade de espertar
nos demais a ilusión de que un vale máis do que vale en realidade, os
meus superiores decidiron quedarse comigo como formador do Seminario.
Non cheguei a ser ningunha eminencia, nin ningún erudito pozo de
ciencia, pero hai tres ou catro alumnos que me teñen dito que
aprenderon comigo cinco ou seis graos de humanismo ¡Xa non foi perder o
tempo!
Algún tamén me dixo que daqueles tempos do Seminario arrinca o seu
amor ó Galego e a Galicia. Isto éncheme de fachenda, pero o caso é
que eu non sabería dicir moi ben de onde arrinca o meu amor por Galicia
e polo galego. Segundo hai, polo visto, ciencia infusa, poida que haxa
tamén amor infuso e, quizabes, no meu caso sexa unha cuestión de amor
infuso á miña terra.
|
A cuestión do galego, o galeguismo e a
liturxia en galego, é algo do que Xosé Manuel Carballo ten escrito
ducias de artigos e sobre o que ten falado en público centos de
ocasións. Así me escribía nesta ocasión:
Cando aló polo 1974, por razóns de
enfermidade na familia, me nomearon cura de Castro de Rei, Azúmara e
Ramil, parroquias veciñas á de Goberno, onde nacera e vivían os meus,
xa sentía o galego como a miña lingua oficial. Coido que xa daquela o
falaba con bastante soltura, pero aínda hoxe non teño ningún título
de iniciación a esta lingua, porque quen me iniciou nela foi o meu
pobo, que non estaba capacitado para expedir títulos de iniciación
convalidables.
Con todo, cando cheguei de cura a estas parroquias, anque sentía o
galego como a miña lingua oficial, seguía sendo o castelán a miña
lingua cultural; pero ós poucos meses comecei a notar que era superior
ás miñas forzas dirixirme en castelán desde atrás do altar a aqueles
mesmos cos que no adro da igrexa estivera falando galego. Non sei por
que se me deu na cabeza que, o utilizar linguas distintas antes e
despois, o altar que é mesa de comuñón trocábase en sebe de
separación e, co consentimento explícito dos curas compañeiros máis
achegados, comecei a predicar en galego. Eles tamén se puxeron a facer
o mesmo de contado e non houbo maiores problemas.
O pouco tempo caemos na conta curas e fregueses de que non é o mesmo
ler nas lecturas da misa velliña que "anciana", xesta que
"retama", cadrís que "vértebras lumbares", e
acordamos o primeiro, e parece que a cousa tiña outra gracia e que a
mensaxe facíase máis intelixible e tampouco houbo maiores problemas,
salvo no caso de tres ou catro que necesitaban seguir dicindo e oíndo
"anciana" e "retama" para que se notase que tiñan
estudios ou cartos.
Home, é certo que tamén había algún que non tiña nada de todo isto
e que pensaba que Deus entende mellor o castellano có galego e que é
máis propio dirixirse a el na lingua dun imperio ca na das minorías,
sobre todo se esa lingua se pode identificar cos pobres; pero iso é
debido á gran eficacia da colonización e probablemente á idea dun
Deus dos exércitos e non dos desvalidos ... Pero tampouco faltan entre
o clero desertores do arado que non queren abrir sucos para sementar a
Palabra coa lingua do país e prefiren seguir sucando con arados de
importación. Se cadra é porque xa están afeitos a eses aveños e
sempre custa experimentar outros novos e, se cadra, é pola eficacia da
colonización.
Téñenme dito que 'la utilización del gallego en la liturgia es una
cuestión política'. ¡Que listos son os que o din! ¡Eles sábeno ben,
por iso o din en castelán! Ó mellor, o feito de que Deus se encarnase
nun determinado xeito e nunha determinada cultura tamén é unha
cuestión política". |
O cura de Castro de Rei, ademais de
atender á súa parroquia ("para que a Boa Nova vaia transformando
o que podería ser simple sociedade en comunidade, Pobo de Deus"),
colabora na Delegación Diocesana de Catequese e no Equipo dos
Secretariados de Catequese de Galicia; tamén colabora no Colexio de EXB
con clases e actividades, e puxo en marcha algún grupo de teatro;
colabora asiduamente na radio e nos últimos tempos no xornal El
Progreso; tivo "algo que ver" con obras de carácter social
coma o arranxo dos camiños do seu concello, con teleclubs, asociacións
culturais e reelectrificacións,... e aínda ten tempo para contar
contos e facer sesións de ilusionismo ante auditorios de pequenos e
grandes, cun público que olla e escoita cos ollos estarulados e oído
atento. ¡Para que logo digan que o celibato non é productivo!. Xosé
Manuel ten moi claro cal é a motivación fundamental de tan atafegada
vida, aínda que sabe curarse en saúde sobre a pureza de tal
motivación:
"Penso que a motivación fundamental
que me move en todo isto é tratar de aproveitar o maior número posible
de medios e de poñelos ó servicio dun ministerio, pero puidera darse o
caso de que estivese equivocado no referente ás motivacións e que os
aplausos e as loubanzas tamén manden en min; porque, se hei dicir a
verdade, desgustar non me desgustan". |
Colabora, como se dixo xa, en
Irimia
desde os seus comezos, cuns contos ("Parábolas", parte delas
editadas en libro (67) que para algúns lectores é do que máis agradecen
da revista:
"A este movemento e á súa revista
lles debo unha meirande comprensión de que a salvación de Deus é para
cada home de cada tempo e de cada lugar; polo tanto, desde esta terra e
nesta época, o meu cristianismo non se sostería desvencellado dun amor
a Galicia, non exclusivista nin separatista, pero si militante".
|
V. Aínda quedan dous amigos que tiveron
un papel fundamental no nacemento de Irimia: Ramón Díaz Raña e
Bernardo García Cendán. RAMÓN DÍAZ RAÑA (Arante 1938) estudiou en
Mondoñedo e Roma, onde chegou a facer os cursos de Doutoramento en
Teoloxía, ordenándose de crego en 1963. Foi primeiro secretario do
bispo D. Jacinto Argaya, e coa súa partida é nomeado párroco de San
Saturniño; de seguida a súa casa rectoral (no vello convento)
converteuse nun verdadeiro viveiro de proxectos pastorais e culturais
galeguistas. Alí naceu o grupo musical Saraibas e alí funcionou o
equipo de Boa Nova na súa mellor etapa (Manolo Cillero, Chao Rego,
Bernardo Garcia Cendán, Martiño Montero, Xaquín Campo, Alfonso
Gil,...), que eu collín nos últimos anos. Alí se artellaron as
primeiras Romaxes de Crentes Galegos (o mesmo Raña presidiu a polémica
celebración da I Romaxe no pedregal de Irimia-Meira) e alí se puxo a
andar a revista Irimia (noutro lugar teño escrito xa como o que isto
escribe chegou a coller a responsabilidade da dirección da revista,
cando cheguei de Salamanca no ano 1981, pola ousadía de Raña que mo
propuxo nunha das primeiras reunións nas que participei en Boa Nova ).
Hoxe fora do traballo pastoral de crego, Raña foi un dos curas máis
activos e entregados que coñecín; radicalmente comprometido coa causa
dunha Igrexa Galega, non puido aturar a lentitude do proceso e a
desconfianza dos xerarcas da súa Igrexa fronte a ese fermoso proxecto.
BERNARDO GARCIA CENDÁN (Vilalba 1941),
tamén é crego mindoniense. Tras ordenarse de crego en 1965, foi
estudiar Socioloxía e Filosofía a París tres anos despois, en plena
efervescencia do 68 francés, botando aló cinco anos (1968-73). De
familia galegofalante, pero que non lle falaba galego ós seus fillos,
como adoitaba ocurrir daquela, e aínda hoxe, comeza a falar galego no
Seminario, "gracias ós meus amigos do mundo rural Tamén aproveita
para dicirme Bernardo que Antonio Rouco futuro arcebispo de Santiago
lles insistía que tiñan que falar castelán, porque senón non o
saberían falar logo; cousa que tamén os corrixía de cando en vez o
mesmo Chao. En París buscaba avidamente os libros prohibidos que lle
falaran de Galicia, e contactou cos emigrantes galeguistas e
republicanos; pero tamén veu a contradicción dos galegos que
"querían falar castelán con acento andaluz", e a
marxinación dos vagóns de terceira que traían ós galegos ("os
bos ían a Cataluña e o
Levante"). A tese marxista da
agudización das contradiccións posiblemente sen ser de xeito
consciente-levouno a decidirse por un compromiso cunha Terra asoballada.
No ano 1973 ven para Ferrol, á parroquia do
Socorro, unha parroquia moi tradicional, corazón do
"ferrolanismo", o que supón unha dificultade grande no
proceso de galeguización. Participa nos Coloquios e en todo o que
organizan os grupos galeguistas de Igrexa: colabora na creación de
Encrucillada e das Romaxes, Irimia, ...
Bernardo, entre outras cousas, é poeta e músico, o que representou un
aporte fundamental para as creativas liturxias das Romaxes, ás que lles
compuxo varios poemas e cantos; entre eles, o seu emblemático "O
noso Credo". Tamén compuxo cancións para as celebracións
litúrxicas ("Xurdirá, "Son ledicia e son cantar",
"Xuntiños", etc. moitos aparecidos no libro A Terra que
canta, editado por Irimia), e para o grupo Saraibas ("Xa non
podemos calar", "Canción a un pai", ...).
"Coa forza do noso pobo
hoxe proclamo o meu Credo,
quero ser un home
porque eu renazo galego.
Creo en Deus, dono da vida
que brinca nas nosas leiras (...)
Creo no Cristo que vive
naquel que deixa suores (...)
Creo no Esprito que vive
na liberdade e libera,
anima ós homes que loitan
pra ser donos da súa Terra.
Vive en quen racha cadeas
e xurde nos nosos nenos
cando falan sen complexos
a lingua dos devanceiros (...)" (O noso Credo)
|
6. O outro galeguismo cristián: Martinho
Montero Santalha e os reintegracionistas
"O meu amigo [Manuel Rodrigues Lapa
(68), un día comenzou a sentir temor polo futuro do galego. A emigración
en masa da mocedade campesiña, a aculturación oficial intensiva, a
alarma dos xóvenes escritores, despertaron no espírito do gran galego
de Anadía unha grave e crecente preocupación: ¿sobrevivirá o galego?
¿sucumbirá?... Un día e outro, e cada día con máis forza, xurdían
as dúbidas punxentes: ¿morrerá o galego? Mas, un día, as dúbidas
desapareceron de súpeto. Unha raiola de luz quente que viña do fondo
do corazón anulounas para sempre con unha mensaxe inequívoca: ¡Non, o
galego non morrerá! ¡Seguirá vivo no portugués!. O noso grande amigo
ficóu tranquilo, feliz mesmo. O galego ten asegurada a súa pervivencia
e a súa crecente universalidade no portugués.
|
Unha idea que resolvía tan definitivamente as magoantes dúbidas, tiña
que engaiolar a mente idealista e movilizar o temperamento radical do
meu querido amigo. E así foi. Galgando por enriba da vontade de
pervivencia do galego e pechando os ollos á realidade dos seus logros e
posibilidades literarias, concluíu que a solución a salvación dos
galegos que queiran seguir sendo culturalmente galegos é ... escribir
en portugués" (69)
Este longo e fermoso texto de
Ramón Piñeiro manifesta con todo o seu dramatismo a escisión
meirande que se da hoxe no galego: os que queren convertilo en
lingua autónoma, aínda que parente do portugués, e os que
postulan asimilalo ó portugués, de onde non debeu esgazarse
nunca. Os que manteñen a primeira postura chegan a afirmar,
nunha expresión extrema, que sería sucumbir a un
"imperialismo" do portugués o feito de que o galego
se anulara como lingua literaria independente. Os que defenden a
segunda os reintegracionistas ou lusistas cren firmemente que
querer manterse como lingua independente do portugués (isolacionacionismo) será o suicidio do galego a mans do
castelán . A oposición parece irreductible e crea unha loita
fratricida que semella na súa virulencia cultural a dureza de
tódalas guerras de irmáns. Os primeiros cualifican de
"sectarios" ós segundos, e estes cualifican de
"vendidos ó poder" ós primeiros.
Carvalho Calero (1910-1990), o egrexio profesor e escritor que
veu ser a bandeira máis alta dos reintegracionistas polo seu
prestixio na cultura galega, dixo con dureza:
"A imposiçom dumha
soluçón pola força ou pola milagrosa inspiraçom da
colectividade nun consenso universal, é unha fata utopía. No
entanto, precisamente porque a inflaçom de retórica
pseudodemocrática tende a igualar as opinións dos ignorantes
coas dos doutos e a reivindicar o valor do número nas
decisons...
Muitos séculos de castelanizaçom tenhem influído na
mentalidade dos galegos de tal jeito que mesmo os galeguistas
mais radicais revelan as veces o seu castelanismo. O
nacionalismo lingüístico que propugna o isolamento do galego,
parece inconsciente manifestaçóm de vassalage ao ponto de
vista centralista castelam. O isolacionismo fronte ao
português... nom pode conduzir senom ao bloqueio das
possibilidades de expansom do noso idioma...
O 'espléndido isolamento' do galego é um suicídio ou um
assasinato por asfixia, o sonho anacrónico e utópico dum
galego arquidiocesano, cismático, provincial, ... está sendo
abandonado polos galegos que se decatam do tempo e o lugar en
que vivemos"(70) |
"Cada vello que morre é un
galegofalante menos, pois non vai ser reposto por un novo",
dime Martinho Montero no seu cuarto da Domus Ecclesiae de
Ferrol, rodeado de libros e moreas papeis. Séntese marxinado e
magoado, coma o caso dos seus compañeiros reintegracionaistas;
pero el particularmente máis, por sentirse traizoado pola súa
Igrexa Galega, polos compañeiros no pequeno barco de cristiáns
galeguistas. El e outro clérigo, Isaac Alonso Estravís (71), son
os máis importantes representantes dese "outro galeguismo
cristián"(72),
unha cosmovisión alternativa do que debe ser a Galicia e o
papel da Igrexa; aínda que Martinho non dubida en dicirme que
os "outros" son os demais, que eles non se moveron de
onde estaban desde o comezo, porque a súa é a única postura
viabel para o galego.
José-Martinho Montero Santalha naceu
en Cerdido no ano 1947, realizou os estudios eclesiásticos
entre o Seminario de Mondoñedo e a Universidade Gregoriana de
Roma, onde se licenciou en Filosofía e Teoloxía. Nesta última
disciplina fixo os cursos de Doutoramento, e ten practicamente
rematados os traballos da súa Tese, que non chegou a presentar
"por falla de motivación"; o tema é ben interesante:
"A linguaxe relixiosa". En Roma (1965-74) forma parte
moi activa do grupo dos "Irmandiños", xa aludido;
como outros tantos, foi alí onde espertou á realidade galega,
descuberta que se converteu en tarefa galeguista. Ordenouse
sacerdote en 1971, cunha particularidade importante: foi a
primeira ordenación en galego; de mans de Don Miguel Araújo e
con textos do mesmo Martinho. Traballou pastoralmente nas
parroquias do Carme e San Paulo de Catabois, no Ferrol. Foi
profesor de Teoloxía na Universidade Gregoriana, no Instituto
Teolóxico Compostelán de Santiago e na Escola Diocesana de
Teoloxía, da que foi director. Deu tamén clases de idiomas en
Ferrol, onde vive actualmente. Ademais do estudios de Filosofía
e Teoloxía, é tamén licenciado en Filoloxía Románica e
titulado en Inglés, Alemán, Italiano e Arabe.
Recibiu varios premios, coma o
Fernández Latorre de Xornalismo e o Carvalho Calero de
Investigación Lingüístico-Literaria (1992) e de Narrativa
(1993). É membro fundador da Associaçóm Galega da Lingua
(AGAL) (73) A
asociación, segundo conta Henriquez Salido, constituíu de
contado unha "Comissom de textos relixiosos por
motivo de oferecer os criterios de leitura que permitissen usar
na Galiza os textos litúrxico luso-brasileiros, já aprovados
pola Santa Sé. Com esta iniciativa tencionáva-se proporcionar
aos crentes galegos de tendência reintegracionista os textos
litúrxico e religiosos em geral, estabelecendo unha alternativa
ao chamado Misal galego que se estaba a elaborar e que
respondía unicamente às ideias lingísticas da tendência
anti-reintegracionista ou isolacionista. Esta Comisson consegui
manter entrevistas com bispos galegos e o cardeal Suquia em
Compostela; estava constituida por Issaac Alonso Estravis, Mª
das Dores Arribe Dopico, Joaquim Campo Freire, Mª do Carmo
Henriquez, Antonio Gil Hernández, J.M. Montero Santalha, José
Luis Rodríguez e Joám Trilho Pérez". "Dom Ricardo
Carvalho Calero na vida da Associaçom Galega da Lingua", Agalia
29, 1992, paxs. 27-28 e da súa revista Agalia (1985),
presidiu as Irmandades da Fala, outro grupo lusófono. E ten
publicado varios libros, ademais de ducias de artigos,
principalmente de tema lingüístico (74): Directrices para a
reintegración lingüística galego-portuguesa (Ferrol
1979), Método práctico de língua galego-portuguesa
(Ourense 1983), e o seu magno traballo sobre Carballo Calero
Carballo Calero e a súa obra (Santiago 1993). Finalmente, a
mesma editorial (Laiovento) publicou no ano 1994 a súa novela Oxalá
voltasem tempos idos, na que recrea o personaxe Felipe de
Amancia, do Merlín e familia cunqueirián, con novas
historias. Tamén formou parte do equipo de traductores do Novo
Testamento ó galego e colaborou moi activamente nos traballos
do Concilio Pastoral de Galicia.
Martinho foi un dos iniciadores desas
dúas realidades tan ricas da Igrexa galega, como foron o equipo
Boa Nova e a revista Encrucillada; en ambas
traballou ardegamente. En Boa Nova colaborou desde o seu
comezo en 1974, ata a súa fin en 1983. Unha das súas
aportacións máis destacadas ó excelente material catequético
e litúrxico elaborado po este equipo, foi un traballo publicado
en varias entregas das "Introduccións teolóxicas pro ano
litúrxico", levaba por título Fe cristiá e
nacionalismo galego (75)É
boa pena que o magnífico material elaborado anonimamente nestas
Introduccións Teolóxicas de Boa Nova non chegue
a ver a luz para o gran público. En gran parte conservan aínda
a actualidade e estanse a editar cousas de moito menos valor..
Respecto de Encrucillada, Martinho foi da Mesa de
Redacción os tres primeiros anos da revista, e figurou aínda
algún tempo máis no Consello de Redacción. No nº1 xa saíu
precisamente un artigo seu co título "A Igrexa en
Portugal". Nos números seguintes foron aparecendo varios
artigos e colaboracións; a última foi no nº 10 (Decembro de
1978) cunha recensión crítica sobre a edición galega do Ritual
do Bautismo de Nenos.
Compre engadir tamén, para empatizar
con este cristián galeguista, un dato moi importante,
descoñecido ata hai ben pouco tempo para a maioría e que xa se
pode dicir publicamente. É da autoría de Martinho Montero o
primeiro proxecto da famosa pastoral de Don Miguel-Anxo Araújo A
fe cristiá ante a cuestión da Lingua Galega, tal como
recoñece o mesmo ex-bispo de Mondoñedo nas súas memorias:
"Quero ter unha
memoria agradecida para Martiño Montero, que foi quen redactou,
pola miña suxerencia, o primeiro borrador da carta pastoral
sobre a Lingua galega e a Igrexa"(76). |
Moitos antigos
compañeiros se estrañan de non velo desde hai anos nin na revista, nin
nos foros dos cristiáns galeguistas, interpretando coma unha
automarxinación. "Non estou ó marxe di, estou marxinado. Mesmo
sigo sendo suscriptor de Encrucillada, coa estrañeza dos meus amigos.
Foron eles os que me excluíron... Eu non cambiei, foi a xente a que
cambiou, o grupo de poder que controla hoxe a lingua e os que se deixan
levar polas súas directrices". Por iso, Montero Santalha conta que
xa recibiu máis dunha suxerencia para crear unha nova publicación
"que non sexa sectaria", e asuma os seus posicionamentos verbo
da lingua, permitindo unha reflexión cristiá ó estilo da revista que
lles pecha as súas portas... lingüisticamente.
As posturas reintegracionistas de Martinho viñan de vello. Xa nos seus
anos de Roma publicou con outros compañeiros un Manifesto para a
supervivencia da cultura galega (1974)(77), que se converteu nun
verdadeiro texto emblemático do
reintegracionismo actual, influíndo no mesmo Carballo Calero. En 1976
publica en Grial tamén outro texto importante Unificación
ortográfica galego-portuguesa: "O galego é unha variedade ou
modalidade da lingua portuguesa... A actual ortografía separatista
galega está orixinada máis polas circunstancias socio-políticas que
por factores de natureza lingüística"(78).
Logo virían textos máis radicais.
Martinho Montero Santalha representa outra cara
do galeguismo cristián, a súa visión da historia recente e da
realidade presente do galeguismo é alternativa á dos dous persoeiros
que víamos anteriormente (Torres Queiruga e Chao Rego). Pero el segue
considerándose un crego desta Igrexa galega, consciente das súas
contradiccións e de posturas que non comparte; segue a exercer o seu
ministerio sacerdotal desde as súas celebracións en galego-portugués
nunha parroquia de Ferrol. No seu eido reintegracionista, o P. Martinho
é considerado algo así como o "padre espiritual" do
movemento; oficia as Eucaristías nos Congresos de AGAL e veu ser un dos
persoeiros máis respectados nesta organización, que forman en gran
parte cristiáns galegos. Crente e practicante, cre que a opción
cristiá esixe un compromiso, mesmo coa Igrexa; por iso, "cando me
toca falar con galeguistas non cristiáns, teño que defender á Igrexa,
porque eu tamén son da Igrexa; e diante desta, teño que defender ós
galeguistas, porque eu amo á miña Terra". Co que máis sofre é
coa incomprensión por parte dos cristiáns galeguistas
antireintegracionistas. Quizais non saiba que tamén moitos dos
"outros" sofren por non poder contar coa súa colaboración e
seguir facendo o traballo xuntos, xa que todos queren camiñar cara ó
mesmo porto: unha Igrexa comprometida coa realidade do seu pobo e
defensora das súas esencias, consciente de que "a lingua é o seu
escudo" nacional.
7. Curas nas organizacións nacionalistas: Moncho Valcarce, Francisco
Carballo,
X.A. Iglesias, Gumersindo Campaña e os Peleteiros
O clero galego contemporáneo non só
estivo comprometido co galeguismo desde a reflexión e a escrita, tamén
participou cun compromiso político activo nas organizaciós
nacionalistas radicais. Compre salientar de entrada, que estes cregos
que imos ver agora, aínda que o seu labor pastoral pasou polo lume do
compromiso máis conflictivo, na fronteira, seguiron sendo cregos; e
hoxe, moitos anos despois, séntense aínda máis cregos. Moncho
Valcarce non, o "corviño" do cancro acabou recentemente con
el.
I. MONCHO VALCARCE."O derradeiro cura comunista",
así titulei un artigo con ocasión do seu pasamento, dicindo que este
cura era "dos que non abandonaron nin o ministerio sacerdotal, nin
a súa militancia política nun partido socialista e nacionalista"(79).
"Un home grande que fixo unha aposta seria polos pobres escribín
noutro lugar e que se mantivo incólume ata a fin da súa vida"(80).
"O crego revolucionario", chamouno Espiña
desde o seu Outeiro (81).
"O Che galego, ou Basilio Álvarez renovado", chámalle
Queiruga (82). Unha cruz, o
retrato do Che Guevara e a bandeira galega coa estrela bermella, eran os
seus símbolos; e tíñaos ós tres na súa igrexa parroquial. No
cadaleito ía tal como el mesmo dispuxo: vestido de alba e casula, coa
caixa envolta na bandeira galega. As Encrobas, Baldaio, Xove e tódalas
loitas labregas eran as súas credenciais; pero tamén outras que non
quedaron desveladas para a maioría ata a aparición do seu Diario
íntimo, pouco despois da súa morte.
Non é de estrañar que a Moncho non o
entendera a súa Igrexa, pero si as clases populares do seu país, que
fixeron del un mito. O periódico nacionalista A Nosa Terra publicou un
artigo do seu director co título: "Moncho Valcarce, un símbolo da
loita labrega" (4-II-93). Dous poemas aparecidos neste diario,
deixan clara constancia do que representa no mundo do nacionalismo:
"(...) Ti,
compañeiro,
segues a ir polo monte,
como a mellor testemuña
da liberación do home (...)
Na historia está escrito xa o teu nome,
e o vento mareiro achégao
polos catro esquinais
da nosa Patria Unica;
da Nosa, Sempre Nosa,
como mais gloria
da túa condición militante" (M.Lugris)
"Moncho Valcarce querido:
deixas na Historia Galega
cheiña de pan a moega,
ateigada de pantrigo
prá nosa fama galega.
Fixeches a Deus amigo,
a Cristo noso irmanciño" (X.Fraga) |
Non importa a
calidade cativa dos versos, si o que representan; o mesmo que a morea de
notas necrolóxicas que cubriron unha páxina dun xornal o día do seu
enterro. Notas necrolóxicas atípicas dos seus compañeiros de
militancia, e dos seus fregueses e amigos. Desde a famosa frase de
Bertold Brecht ("Hai homes que loitan un día e son bos... Pero
hainos que loitan toda a vida, eses son os imprescindibles") a
"Durma en paz... o que foi guía de xentes e sirva de exemplo ás
xeracións vindeiras", que soa a frase louvosa sobre Castelao ou
calquera dos galegos egrexios da nosa historia.
Moncho Valcarce nacera en 1935 en A Coruña, no
seo dunha familia burguesa de comerciantes leoneses. Estudia Dereito na
Universidade compostelá, e no último ano da carreira "dálle a
vena mística" como me comenta o seu amigo tamén crego, Vicente
Cerdeiriña e decide facerse crego. Ingresa no Seminario de Santiago en
1960 á edade serodia de 24 anos, aturando coa vontade do converso uns
compañeiros máis novos e un ambiente deplorable. "Non nos
educaban para curas abertos, senón para cregos de sancristía",
ten comentado Moncho. No terceiro ano pasa a facer os estudios de
Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma, onde atopa un ambiente
máis rico teolóxica, social e culturalmente. Alí ten tamén os seus
primeiros contactos coa política, coñecendo algún cura militante do
PCI; coñece o socialismo á par da Teoloxía. Pronto volve a Santiago,
para non se desgaleguizar, pero é expulsado do Seminario por presentar
un escrito contra o tipo de ensino e organización do centro. Xa daquela
tiña fama de loitador e de místico a un tempo, polo que é readmitido
tras un ano na Coruña, baixo a tutela de Manuel Espiña. Por fin
ordénase sacerdote no 1969.
O seu primeiro destino é a parroquia de
Sésamo (Culleredo), onde vai practicar desde o comezo un estilo novo de
pastoral: gratuidade do ministerio, sinxeleza e compromiso coa realidade
social do pobo ...; mesmo renuncia á paga da diócese e ponse a
traballar de obreiro para gañarse a vida. "A pobreza e a humildade
van ser as características da súa función presbiteral", comentan
os veciños(83); nin un cativo
coche. "A eucaristía celebrabaa con molete e viño do ribeiro, nun
intento de autoidentificación popular, á vez que convertía as misas
en verdadeiras ágoras abertas á comunicación socia"(84).
"A súa teima era presentar unha Igrexa espida de todo poder",
comenta Espiña. Por iso a porta da rectoral está sempre aberta, e
pronto se transforma a casa nun centro cívico-cultural e "nun foco
de loita social"; as leiras do igrexario convértense en lugar de
acampada xuvenil. Alí comeza a falar galego e galeguiza toda a
liturxia, mesmo nunha famosa romaría, na que fai ondear por vez
primeira nunha igrexa a bandeira galega. Así, chega a facer de súa
parroquia de Sésamo "un bastión contra a dictadura
franquista", comentase no libro citado dos seus antigos fregreses e
amigos.
Politicamente, aproxímase primeiro ó Partido
Comunista, custodiando o seu aparato de propaganda nos baixos da
rectoral; colabora coas Comisións Campesiñas, participa en mitins de
partidos á esquerda do PCE (PCI-PT), polo que é detido. Desde 1976
vaise achegando ó nacionalismo, colaborando na fundación das
Comisións Labregas, e ingresando na ANPG en 1977, ano de febril
actividade política e social para Moncho."Todo desde unha opción
de fe", coméntame o seu amigo Cerdeiriña, non desde unha pura
racionalidade política; por iso non foi cacique na súa relación coa
xente nin buscou o protagonismo persoal.
Nese ano recibe o carné nº 1 do sindicato
CCLL. Alí di verbas históricas: "Si queremos que algún día
remate a explotación á que estamos sometidos, soamente o conseguiremos
cando cada labrego teña un carne das CCLL no peto". Tamén a
finais dese ano o BNG preséntao como cabeza de lista pola candidatura
da Coruña para o senado nas primeiras eleccións democráticas. E 1979
é elixido Concelleiro do BNPG no Axuntamento de Culleredo, facendo que
ondeara a bandeira galega e animando a vida cultural do concello,
ademais de reivindicar os dereitos dos máis desfavorecidos. Pero
daquela xa tiña unha longa e intensa experiencia política, pola súa
participación nas loitas populares de As Encrobas, Xove e Baldaio; como
anos despois As Enchousas.
As Encrobas, Febreiro de 1977, a
destrucción dunha parroquia "en aras do progreso" provoca a
reacción dos labregos, Moncho Valcarce está á cabeza no momento máis
dramático: a carga policial; era a súa primeira gran loita política;
para sempre lle quedaría o alcume de "cura das Encrobas".
Xove, Abril do 77, unha longa serpe de máis de 2 Km. de xente vai cara
a Xove a manifestarse contra a implantación dunha central
nuclear, que suporía un tremendo perigo e un grave prexuízo para a
vida do concello; Moncho Valcarce está á fronte,
arengando á xente con verbas radicais. Baldaio, maio do 77,
nunha magna manifestación os veciños piden a devolución da praia,
expoliada por unha empresa areeira, e nas marismas a policía carga
contra os manifestantes, entre os que está o inefable Moncho que é
levado á cadea. E aínda, antes de acabar este movido ano, Moncho
participa nunha loita máis, a do NON á Cota Empresarial. Entre
as grandes loitas deste cura, non se pode esquecer tampouco a que fixo a
carón dos labregos desafiuzados das Enchousas (1984), coa
impresionante imaxe de Moncho subido ó cazo da escavadora que ia
derrubar as casas; tamén é detido. Non é de estrañar que ese ano a
revista sensacionalista Interviu lle fixera unha longa reportaxe.
Os seus últimos anos foron en Salamanca
primeiro (1987-88), nun curso de reciclaxe na súa Universidade
Pontificia (froito daquel ano é o seu traballo O compromiso
político dun presbítero nunha realidade concreta: Galicia, no que
ratifica o seu compromiso cristiá e galeguista); e en As Pontes
despois, volvendo ó traballo pastoral nunhas parroquias limítrofes coa
diócese de Mondoñedo, pero agora coordinado co equipo de curas e
monxas desta vila. Aínda participa nos conflictos de Larín, en apoio
dos caseiros. A finais de 1991 descúbreselle o cancro, que o vai comer
en pouco máis dun ano, morrendo en Febreiro do 1993.
Xa quedou patente o compromiso e a actividade
política militante de Moncho Valcarce. Era o máis coñecido da súa
vida; o que xa resultaba un enigma para moita xente era como este cura
vivía a súa fe e o seu ministerio pastoral. Os máis achegados sabían
que era tan radical nesto como en aquelo. Por iso, negábase a facer
vodas relixiosasfarsa aínda que foran dos seus compañeiros de
militancia na ANPG, porque "vós non credes". Moncho sufría
porque moitos dos seus compañeiros na loita política non comprendían
nin empatizaban coas súas opcións de fe. Algúns compañeiros curas
sabían que Moncho, ademais dun militante e un profeta, era un místico,
pero a maioría non chegamos a descubrilo ata despois da súa morte, coa
publicación do seu Diario.
O libro, que non é obra dun escritor de
oficio, manifesta unha fondura e delicadeza de fe abraiante, con
páxinas que fixeron chorar a máis dun, polos sentimentos e a beleza
literaria ó escribilos. Toda a obra é estarrecedora, pois é a de
"un condenado a morte", como recoñece, que quere contar a
súa verdade máis íntima. E a verdade máis fonda de Moncho é a súa
fe en Xesús Cristo, o Liberador, e en Deus Pai, que o levou a unha
aposta por Galicia e polos oprimidos. "Pobre Deus confesa¡cantas
lle cargamos! Co tempo descubrín o Deus de Xesús, o Abba. Un Deus que
quere a nosa vida, quérea tanto, que a morte non é morte" (pax.
33). Por iso non lle ten medo á morte (¡Moncho, que era tan mixiricas,
para as dores!. "Sempre tiven, máis que medo, pavor á dor"
pax. 71); por iso ve a mesma morte con esperanza, coma un encontro co
Pai Deus.
"A morte é a
porta do infinito; non é escuridade, é luz, non é condena, é
amor. O triunfo da Cruz e do Rexurdimento, así coma Xesús de
Nazaré se transformou en Cristo, o Señor, eu transformareime,
polo seu triunfo, en señor co Señor; xa non serei o Moncho
pecador, mentireiro, egoísta, orgulloso, serei Cristo en
Cristo" (pax.32).
"Para min, a luz é o infinito, o Pai Deus, por iso non lle
teño medo á morte" (pax. 46).
"Se por unha banda, o físico cae e se rende, o espírito
cada vez ten máis valor moral, está máis forte. Se pouco a
pouco miro o mundo máis lonxe, sinto a Deus máis preto"
(pax. 72) |
Mesmo,
interpreta as palabras de Xesús Cristo na cruz "Señor, por que me
abandonaches", non como desespero, senón en clave de esperanza:
"son un canto á confianza no ben" (pax. 38). A vida non ten
sentido para Moncho máis que coma unha candea que serva para dar algo
de luz ós demais, a luz do Evanxeo, e a teoloxía
"abrir camiños ós peregrinos". "Pregúntome se a miña
luz serviu e aínda serve para dar testemuño do Evanxeo. O que fixen,
fíxeno convencido de que defendía valores evanxélicos". Por iso,
non renega da súa opción de crego, senón máis ben a ve coma o mellor
canle da súa vida para levar adiante esta tarefa: "Mantívenme
fiel ó meu sacerdocio. Tiven moita sorte, xa que atopei amigos sinceros
que me axudaron". Láiase, en cambio de que "hoxe fálase moi
pouco de esperanza, e sen Esperanza non hai Fe nin Amor... o noso
traballo é inútil" (pax.47). Por iso, mesmo asume a súa dor e a
súa enfermidade coma forza de liberación para os irmáns:
"¡Señor, Deus, axúdame! Que o
malestar que teño sexa liberación para os oprimidos, axuda para
todos... dunha maneira especial as parroquias benqueridas de As Pontes,
Sésamo, Sueiro, Poio" (pax. 37). "Xunto o meu sufrimento ó
da Humanidade doente para axudar a transformala... Na Cruz converxen
tódalas dores para transformarse en Esperanza" (pax. 42). |
O libro
manifesta unha boa teoloxía, actual e ben asentada no Evanxeo: "A
dor rexorde con Cristo, que deu unha aperta a toda dor da Historia"
(pax. 42). O sentido da cruz é a asunción da dor e a opresión humana,
para salvar desde a mesma entraña do mal: unha historia de opresión.
Moncho valora moito a oración, non coma
expresión dun pedir egoísta, ou un consolo alienante, senón coma
encontro con Deus, particularmente a oración dos Salmos. Na primeira
páxina do seu Breviario galego (A oración da comunidade cristiá),
escribiu:
"A oración non
é un consolo, un calmante para adormecer e fuxir da realidade.
É unha forza para vivir a realidade coa luz da Fe nun mundo sen
dor; unha forza para loitar coa dor en tódalas súas
manifestacións; unha forza para axudar a descubrir o
Rexurdimento acochado nunha cruz instrumento de xusticia. A
oración non é aguillón, é calmante que obriga a
camiñar" (e firma o 18-II-92 na Residencia). |
E valora a
eucaristía; vede estas fermosas palabras, transidas de fe na presencia
dun Deus que se fai pan, mantenza para o corpo e o espírito:
"Hai cinco
minutos José avisou a toque de badal que comezaba a
Eucaristía... Xúntome a el e a tódolos participantes;
recibín hai dez minutos o Pan da Vida... Que a vida de todos
nós, Señor, sexa un cántico permanente á túa misericordia
fiel e o Pan que xuntiños comemos nos sirva para compartir
dende ser compañeiros, por participar dunha mesma fe...
Gracias polo Pan, máis que lembranza de Cristo, presencia
misteriosa, presencia real... Andamos a buscar milagres por
tódolos lados, a aparicións por outros, e non vemos o gran
milagre cotián da multiplicación dun mesmo Pan que está na
Gaiteira e en As Pontes, en o Cebreiro e A Guarda. Son
aparicións dun mesmo Cristo, que cura as doenzas do espírito,
da alentos para as físicas a todos, e cando nos xuntamos
dáno-la man e di: Ven, non teñas medo" (pax. 80). |
Cara ó remate
fai unha confesión fonda sobre a súa vida, diante de Xesús Cristo, o
Señor, onde se ve a motivación crente que marcou a súa vida:
"Ti coñécesme
mellor do que eu me vexo, sabes que busco, onte e hoxe unha
resposta ó meu vivir.
Nalgunha ocasión demandei se era sincero o meu actuar como
abade. Se camiñaba polas corredoiras marxinais loitando,
berrando e esixindo xustiza cos ollos no crucificado, ou era a
fascinación do liderato, o apoio ó grupo político" (pax.
139). |
II. Coñecín a FRANCISCO CARBALLO CARBALLO coma un cura
que escribía criticamente a Historia de Galicia e, sobre todo, que
militaba activamente na política nacionalista. Creo que é esta a imaxe
que prevaleceu para a maioría dos que o coñecen, vinculado
indisolublemente ó periódico nacionalista A Nosa Terra.
Cumprirá revisar os tópicos, deixando sobre todo falar ó
protagonista, que manifesta claramente como as claves da súa vida non
están na política, senón na súa fe e no compromiso desta coa
realidade concreta na que está, Galicia, particularmente no eido
cultural.
Naceu no ano 1925 en Maseda (Ourense), entrou
cedo nos PP.Paúles, unha orde relixiosa fundada no 1618 polo santo
francés Vicente de Paúl (1590-1660) co compromiso de formación do
clero e a atención ás misións populares, pois foi un santo moi
sensible a realidade do pobo, sobre todo dos máis pobres (fundou tamén
as Fillas da Caridade, de carácter asistencial). Fixo os estudios
eclesiásticos primeiro no colexio do santuario ourensán dos Milagres,
e logo en Madrid (Filosofía e Teoloxía); logo faría tamén na capital
a Licenciatura en Historia, que completaría coa Diplomatura en
Socioloxía e Idiomas. Novicio paúl, profesor dos filósofos e dos
teólogos nada máis acabar os estudios, director do colexio dos Paúles
de Baracaldo e rector do Colexio Maior da congregación en Salamanca
durante máis de seis anos, membro do Consello Provincial, ... foi como
el mesmo me confesa "un home totalmente do aparato
eclesiástico". Como un frade nun convento, vivía a anos luz do
que era a realidade mundana, esa na que se daría moito máis que un
baño cativo anos despois: "A participación na política foi coma
un baño no mar da realidade, foi coma unha magnífica piscina para
poder nadar libremente".
Comeza xa na infancia unha relación consciente
coa realidade de Galicia, pois era dunha familia na que quedaban restos
do vello galeguismo. "Na miña casa había unha boa biblioteca
galega e portuguesa; lin Os Lusíadas ós 11 anos: sempre levei
na mente o aprecio á cultura propia". Pero a preocupación directa
e comprometida chegou polos anos 60, lonxe da terra para non variar...a
través das publicación galegas Galicia emigrante e Terra e
tempo;
logo recibiría en Salamanca Grial, Revista de Economía de
Galicia,
etc. Particularmente valora a súa relación cos seminaristas de
Mondoñedo en Salamanca, coas súas revistas Anduriña e O
Sacho.
Veu para Galicia no 73, como profesor do Instituto de Vigo, do que foi
director. Funda a Asociación Cultural desa cidade, da que foi
presidente moitos anos (85)e alí ponse en contacto non so co movemento
cultural, senón tamén o movemento social (por medio da UTEG),
político (a A.C. de Vigo era o espacio no que se debatían neses anos
os grandes problemas da esquerda e o nacionalismo) e o movemento
relixioso galeguista (coñece ó P. Seixas e a súa comunidade,
participa moi activamente nos Coloquios, ...). Logo participará tamén
na formación de Encrucillada e de Irimia.
Os PP. Paúles tiñan dous núcleos progresistas en Galicia, os de Vigo,
que se dedicaban o mundo obreiro, e os Peleteiros de Filgueira de
Barranca, que se dedicaban ó mundo rural (tres irmáns cregos dos que
se falará máis adiante). O obxectivo e o proxecto común era crear en
Galicia unha Igrexa inculturada e traballar pola promoción das clases
socias máis desfavorecidas, labregos, obreiros e mariñeiros.
Vaise
comprometendo cada vez máis tamén co Bloque Nacional Popular Galego
como militante independente (non foi nunca do partido, a UPG),
participando en mitins e indo nas súas candidaturas. Foi o nº 1 da
candidatura para o Senado por Ourense nas primeiras eleccións
democráticas; confesa que "participei nela tan so por unha razón
de defensa do débil" e porque non había xente suficiente. Foi
famosa a súa participación nun mitin do 25 de Xullo en A Quintana.
Tivo un papel activo na política ata o ano 1985, abandonando ese labor
pola necesidade de reducir a súa actividade por razóns de saúde; opta
entón por dedicarse só o aspecto cultural e social, político, pero
mantendo a súa relación co BNG.
"Na
organización política atopeime un bo feixe de curas e monxas
excepcionais: Xosé Antón Iglesias, Gumersindo Campaña, Moncho
Valcarce, ...". Houbo moito clero apoiando á ANPG nos anos 70-80,
que acabou nunha dispersión debido ás escisións políticas.
"As miñas
motivacións sempre foron evanxélicas, nunca busquei na
política ningún interese persoal di. Considerei a miña
actuación política como unha participación nun ámbito
democrático e para colaborar coa democracia neste país. O
BNPG-BNG nunca foi esa organización monolítica ferreamente
marxista-leninista que dicían del, aínda que estivera nel un
partido con esas ideas; a maioría era de grupos máis
pluralistas e respectuosos coa relixión. E en segundo lugar
porque considerei que era necesario defender o país nunha liña
de liberación, como promove a Teoloxía de Liberación". |
Francisco Carballo confesa que nunca
sentiu imposición nin manipulación, senón que foi respectado sempre
nas súas posturas; aínda que é consciente de que isto se debía en
parte a que era útil á organización. Por iso di que o seu paso pola
política deixoulle "unha nostalxia de benandanza". De feito,
os conflictos da propia organización e os conflictos coa autoridade
eclesiástica non o levaron nunca a unha rúa cega, sen saída; por iso
segue sendo frade paúl e sacerdote. Confesa Carballo que a autoridade
eclesiástica sempre foi respectuosa con el, a pesar do rechamante do
seu papel; gracias sobre todo á defensa do seu padre provincial. Non
obstante, tivo numerosas censuras na súa congregación e o conflicto
interno foi para el en ocasións moi duro, pola situación política tan
crítica na que viviu, pola incomprensión dos compañeiros e a dureza
da racionalidade política; pero confesa que nunca tivo a tentación de
abandonar. "A alegría tan grande que me ten proporcionado a miña
participación política, as satisfaccións humanas que tiven, compensa
sobradamente o que tiven que aguantar. Volveríao a repetir".
Con todo, a pesar de que tivo unha participación política pública e
sonada, Carballo considera que isto é anecdótico, unha
"participación interina", pois o seu traballo cultural e
eclesial é, para el, moito máis importante. Foi seis anos presidente
da A.C. de Vigo. E no ano 1977 participa na fundación de A Nosa
Terra;
a partir de 1982 é o presidente do Consello de Administración de
"Promocións Culturais Galegas", a empresa do periódico, con
pequenos períodos de ausencia. Aí veu como unha revista que naceu cun
carácter totalmente voluntarista e ás veces sectario de máis,
engadiría eu se foi transformando nun periódico que aspira a chegar a
ser diario; unha editora de libros galegos; e un obradoiro de montaxe de
libros que da postos de traballo. "Hoxe vexo máis esperanzador o
crecemento da planta da cultura nesta empresa, que o crecemento da
Igrexa galega polo camiño da inculturación e a liberación nos
distintos grupos eclesiais en que participo".
Asiduo colaborador da prensa galeguista
(A Nosa Terra, Irimia, Encrucillada,...) e de diversas revistas especializadas de historia, ten
publicado varios volumes (Historia de la oración cristiana, La Iglesia
en la Galicia contemporánea (86), Historia de Galicia
(87) ,...).
Historiador, teólogo, frade, político nacionalista, Francisco Carballo
é unha figura especialmente apta para enxuizar a realidade da relación
entre o cristianismo e o galeguismo no tempo presente, e quizá a mais
dun lle sorprendan algunhas afirmacións que manifestan o dobre
compromiso coa causa de Galicia e a causa de Xesús, na Igrexa.
"Certo galeguismo agnóstico, ou mesmo crente non practicante, pero
relixioso, que tivo ou ten algunha práctica e non é ateo, que se sente
distante de calquera tipo de Igrexa, non acaba de ver o fenómeno de
fermento que supón esta minoría da Igrexa galega que son os
eclesiásticos e outros cristiáns comprometidos co galeguismo.
Considerao minoritario e considera que a Igrexa convencional é tan
solidamente allea a Galicia que esta minoría non vai poder facer nada;
e noutros casos considera as súas posturas excesivamente reformistas e
non sabe captar os aspectos profundos nos que ti e máis eu apostamos en
serio: unha teoloxía da inculturación cun compromiso liberador. Ese é
o problema, están moi trabucados, eles quixeran ver un movemento máis
masivo, máis sólido, máis revolucionario, con máis connotacións da
igrexa da liberación latinoamericana". |
Xa dixo nunha ocasión Méndez Ferrín,
atacando "ós cregos de Irimia", que "defendían unha
Teoloxía da Liberación, pero para Latinoamérica, para Galicia
non"(88). No grupo "desenganchado" tanto se suma xente
agnóstica segue Carballo, como xente relixiosa, pero que está tan
desanimado da Igrexa galega que "nos ve loitando contra un xigante,
o que é perder o tempo". Considera Carballo que hai unha carencia
de coñecemento e formación teolóxica, ou minimamente relixiosa,
fundamental, que os leva a ver as cousas moi trabucadas, pensando que
"ser da Igrexa" é estar en todo absolutamente de acordo coa
xerarquia eclesiástica.
"Non queren darse de conta que na
Igrexa hai unhas verdades fundamentais, os dogmas, e un mudo de
liberdade; no primeiro (o Credo) temos que coincidir todos, no segundo
non coincidimos moitos, pero estamos dentro da Igrexa igual, e hai un
gran pluralismo. Esquecen que o monolitismo eclesiástico xa se foi
superando. Que en todo caso o papa só e infalible cando fala 'ex
cátedra', e os bispos non son nunca dogmaticamente infalibles, pódese
discrepar deles. A causante foi en gran parte a catequese fatal que
tivemos, e actualmente que a mesma Igrexa parece fomentar ese
confusionismo, invocando ambiguamente fórmulas falsas". |
A pesar diso, Carballo afirma
rotundamente que os galeguistas e nacionalistas crentes e non crentes
coñecen esa minoría da Igrexa galega e respétana e estímana cada vez
máis; incluso "non lles agrada que opten politicamente de maneira
partidaria, valorando positivamente de xeito público máis unha
corrente do nacionalismo que outra". "Os nacionalistas que
encontran membros da Igrexa, curas ou monxas, que non militan nos
aspectos máis visibles do galeguismo, pero que teñen unha praxe
galeguizadora consecuente nas súas parroquias ou noutros traballos,
respétannos enormemente; máis que outros que teñen moita figura
pública, e participan en organizacións, pero a súa praxe é
contradictoria". Isto modifica moito un anticlericalismo xeral que
existe na sociedade galega.
Cada vez hai máis católicos practicantes nas alternativas
nacionalistas, moderadas e radicais."Hoxe hai cristiáns
practicantes, mesmo de Misa diaria e que participan na catequese, etc.,
en tódolos campos das organizacións nacionalistas di: desde a
realidade da base ó Consello Nacional, permanentes, concellais,
responsables de zona, ...; tanto en organizacións políticas como
sindicatos". As organizacións nacionalistas tamén se foron
facendo máis plurais e moitos que estaban alonxados da Igrexa están
recuperando a súa dimensión relixiosa e practicante. "Pasou o
momento de conflicto e agora hai un momento de busca e en moitos casos
de encontro, cando atopan unha Igrexa minimamente potable".
"Algúns foron encontrando na Igrexa algo que nin sospeitaban, a
oración e a celebración en galego; e no caso da emigración levounos a
irse incorporando a Igrexa, participando mesmo en parroquias italianas
ou francesas, a falta dunha realidade galega permanente".
Francisco Carballo sabe, e dío, que hai un importante sector do
galeguismo que se foi incorporando a unha Igrexa comprometida coa
realidade galega, tanto xente máis conservadora politicamente, como
xente máis progresista e mesmo do nacionalismo radical. Pero confesa
tamén que a Igrexa do poder é hoxe unha "Igrexa opaca" que
non transparenta a misión para a que foi creada; compre unha reforma en
profundidade das estructuras e a mentalidade da Igrexa galega no seu
conxunto, especialmente no que se refire ás súas máximas autoridades.
Unha reforma que non se pode quedar en puro reformismo, e debe ir en
dúas liñas fundamentais: a inculturación da fe (galeguizarse) e a
democratización (diálogo fronte a adoutrinamento, diálogo profundo).
"Creo que merece a pena seguir traballando niso, aínda que as
cousas vaian moi lentamente". A fin de contas S. Martiño de Dumio,
s. Froituoso e S. Rosendo non tiñan máis grupos de cristiáns naquel
tempo do que temos hoxe esta minoría da Igrexa. "O interesante é
o Reino de Deus di, o interesante é ir facendo unha sociedade máis
humana; a Igrexa é o instrumento ordinario, o sacramento, para facer
iso".
III.
"Un dos meus meirandes
conflictos persoais é que me atopo cos compañeiros cregos, cos que
compartín no Seminario e no traballo pastoral, como en terra allea;
cunha grande dificultade para o diálogo. Os compañeiros cos que
cheguei a compartir moitas veces a miña experiencia vital, mesmo ós
niveis máis fondos da miña vida, foron os compañeiros de militancia
política, e non os compañeiros de fe, como agora comparto con vós.
Necesitamos espacios de reinterpretación fonda da nosa fe, onde un
poida expresar o que vive, mesmo as propias contradiccións". |
Son as verbas de
XOSÉ ANTÓN IGLESIAS PÉREZ, un nome que seguramente lles resulte descoñecido para moitos,
pero non así nos medios do nacionalismo galego máis radical, no que
militou moi activamente, sobre todo nos anos 70-80; aínda que para
moitos era tan só o "Fuguillas" ou "Tati", os seus
nomes de loita na UPG nos tempos da clandestinidade. Dicíao nun
interesante encontro que tivemos varios cregos con ocasión do traballo
deste libro.
Xosé Antón Iglesias entende claramente que a súa historia ten dúas
etapas claras separadas por un ano máxico e emblemático: antes do 68 e
despois do 68. Naceu a comezos dos anos 40 en Lousame (Noia) nunha
familia moi católica con varios cregos; veu de neno para Santiago,
estudiou no Seminario de Compostela e en Salamanca e fíxose crego,
traballando coa mocidade estudiantil. Pero recoñece que "comecei e
a ter uso de razón ós 26 anos", despois de ordenarse de crego,
"cando descubrín a vida, e á xente".
O ano 68 colleuno naquel fervedoiro da Universidade Compostelá, onde
unha morea de xente loitaba pola democratización da universidade e da
sociedade, e polo recoñecemento da realidade galega con carta de
identidade. Un fervedoiro achegado ó Maio francés. Estaba na XEC
(Xuventude Estudiante Católica), como consiliario, e tamén estaba en
relación coa XOC (a rama obreira do apostolado xuvenil) na acción de
barrios. Alí foi abrindo os ollos á realidade social e ó seu ser
galego.
"Foi a descuberta máis gozosa e
máis determinante que tiven na vida: a descuberta da galeguidade e a do
ser humán como comunitario". |
Foi a bafarada de aire fresco, que anos
antes pedira para a Igrexa o bo papa Xoán XXIII: "Abramos as
ventás da Igrexa ó mundo para que entre ar fresco". El era
consciente do risco, pois co ar fresco entra tamén o ar contaminado;
pero merece a pena correr o risco, pois senón morre un asfixiado. Entra
en contacto coas forzas máis vivas do país, do mesmo estado e a
veciña Portugal; vivas desde abaixo. Foi "renacer de novo",
di, ós 26 anos. O descubrir a realidade comunitaria, a súa fe cristiá
vaise personalizando, socializando e facendo madura. A experiencia foi
verdadeiramente de liberación. "Daquela comezou para min o
verdadeiro camiño de iniciación da fe" (¡despois de ser cura!).
Descubre que "A vida é o lugar de encontra de Deus co home".
Fronte a unha "Doutrina Social da Igrexa" recibida no
Seminario, que condenaba a "opción de clase", vai descubrindo
o compromiso cos pobres, a opción polas clases populares, o ideal
revolucionario e o socialismo, nuns anos en que a politización da
mocidade era grande e radical. E fai a súa propia "opción polos
pobres". Descubre que é galego, que está nun país ("un
pobo, unha terra, unha fala") oprimido social e culturalmente.
Mesmo confesa que empeza a redescubrir máis fondamente ata a súa
propia nai: "Vivín a experiencia gozosa da miña nai galega, coa
súa grandísima calidade humana, sensible, acolledora, comprensiva e
coa súa opción polos pobres. Dela recibín a máis grande lección
evanxélica e revolucionaria".
Este proceso faise en evidente conflictividade, sobre todo co
achegamento ós militantes marxistas non crentes, ós que vai nun
primeiro momento con desconfianza e medo, cheo de prexuízos. Pero,
gracias á nova reflexión que estaba a nacer na Igrexa neses tempos,
pasa, como lle ocorreu a outros moitos, "da anatema ó
diálogo", ata chegar a un colaboración activa e sincera con eles,
sendo ben acollido. Participa do conflicto que viviron tantos militantes
entre o cristianismo e o ideal revolucionario, sobre todo entre a
opción pola loita de clases e o mandamento do amor fraterno; pero, a
pesares das contradiccións, non so non perde a fe, senón que esta sal
purificada. Como lle ocorreu a outros moitos, entre os que lembra
significativamente a Cuco (Eliseo Cortázar) un crego do Ferrol que de
"cuco" non tiña nada, pois era un home fondamente sincero e
nada calculador, respectuoso e tolerante, que fora Consiliario nacional
da XOC; e a Moncho Valcarce. O primeiro era a referencia dunha
"opción de clase" feita desde unha postura evanxélica e o
segundo era a referencia dunha "opción nacionalista", feita
tamén desde o Evanxelio. Xosé Antón vai tentar xunguir as dúas,
desde a mesma raíz evanxélica.
Xurde entón Cristiáns polo Socialismo (CPS) nos anos 1972-73, como
necesidade de crear espacios para a reinterpretación da fe desde unha
militancia marxista e cristiá, e por entender que a loita política
"sobre todo loita de desbloqueo ideolóxico" pasa tamén
polo interior da Igrexa. Con outros compañeiros sente como o seu
compromiso político vai xerando unha chea de contradiccións e unha
desvinculación eclesial que non queren, a pesar de que ven a súa
Igrexa casada co poder franquista que repudian, e do que a ven coma
soporte lexitimador de toda esa realidade. CPS xurde no seo dos
Coloquios de Parroquias coma verdadeira reflexión da Igrexa máis viva.
Esa Igrexa viva estaba tamén nos movementos especializados de Acción
Católica, que por iso foron descabezados pola xerarquía.
Con outros cregos coma Antón G. Vilasó, Ferreirós (XOC), Xaquin G.
Barros (XARC ou mocidade rural), Antón Caamaño (XEC), .... elaboraron
unha famosa homilía polo ano 68 contra a represión política na
Universidade, que ocasionara moitos feridos e detidos; a homilía leuse
en varias igrexas, sendo contestada nos mesmos templos por algunhas
forzas conservadoras, e publicamente desatorizada na Hoja del Lunes polo
Cardeal Quiroga. Pero compre situarse ben ante o feito; seica o
Gobernador Civil da Coruña tentaba procesalos, e o bo do cardeal optou
pola desautorización pública, como mal menor. "Asegúroche, Tori,
que aquela era unha homilía inofensiva e reconciliadora, pura auga
bendita". Sen embargo, mereceu un extraordinario da revista ultra
Que pasa, con este titular en portada: "Llegó la marea negra con
tintas rojas a Santiago de Compostela".
Entra na UPG da man de Moncho Muñiz e Margarita Ledo. "Eles
introducíronme no conflicto; e eles, como outros moitos (Camilo
Nogueira, Miguel Campuzano, Aurora, Pili...), axudáronme a vivilo en
positivo". A pesar da excesiva mediatización do marxismo, na
acción política organizada aprende iso da "paciencia
histórica", do exercicio da crítica e a autocrítica para cambiar
e facer cambiar; e descubre, tamén, que "nada hai mais
revolucionario que o amor".
"Esa é a afirmación máis
radicalmente comunista que se pode concebir confesa. É a referencia
crítica permanente entre fins e medios na loita; non para neutralizala,
senón para facela máis auténtica, e para non absolutizar a propia
ideoloxía, e para respectar a diverxencia. O mandamento evanxélico do
amor fraterno efectivo é quen nos impulsou a moitos ó compromiso, a
acción de clase, á loita... pero tamén quen o xulga". |
A asunción da conflictividade a
violencia é o que máis lle costa admitir dime; non so a violencia
física, senón a hostilidade e a moral sectaria que se vivía moitas
veces dentro da propia organización, e que desembocou en purgas,
resentimentos e rivalidades: "Os nacionalistas de esquerdas en
Galicia fumos moldeados na hostilidade mutua, e así nos foi ...".
Alí descubre que o Reino de Deus vai moito máis aló que o ideal
socialista, pois nel tamén hai moito pecado e morte, incomprensión e
cativeza. Foron os seus anos como militante da UPG, organización
radical que preconizaba a independencia e mesmo, nos seus comezos, a
loita armada como medio de liberación nacional de Galicia. Entra na
organización independentista no ano 1975, a raíz da morte do militante
Moncho Reboiras a mans da policía, "atópome dentro case sen
sabelo"; pois el, coma outros cregos e militantes cristiáns
colaboraron na fuxida a Portugal do cumio da organización, perseguida
de preto pola policía; ocultan militantes e material subversivo,...
Daquela Xosé Antón estaba tamén integrado na organización cristián
Xusticia e Paz, e colaboraba con Luta anticolonial, asentada en
Portugal, que pretendía aglutinar as forzas opositoras ó salazarismo,
paralela co Xunta Democrática, que en España coordinaba a oposición
ó franquismo. Colaboraba coas periodistas Margarita Ledo e Aurora
Platas no movemento dos barrios, e cos activistas Ramón Muñiz, Elvira
Souto, ... Con Ramón Muñiz participa no lanzamento dos CALL (Comités
de Axuda a Loita Labrega) e do sindicato CC LL (Comisións Labregas); no
libro Os labregos e a súa loita, contará Muñiz como CC LL naceu nun
colexio de relixiosas no ano 1973, "a iniciativa duns cregos e uns
axentes de Extensión Agraria".
"Benquerido compañeiro:
O próximo día 25 de Xullo é o Día da Patria Galega... Nós, como
membros dunha Igrexa comprometida co pobo debemos contribuír a
desenmascarar a imaxe deformada dunha 'Galicia da paisaxe, a gaita e a
saudade' que nos queren dar, debemos sumarnos á conversión do 'Día de
galicia' en Día da Patria Galega e facer del un símbolo da nosa loita
contra a opresión colonial que padecemos... Nesta liña debe entenderse
a Homilía que che enviamos e que sería convinte que se lera o Domingo
en tódalas igrexas". (CALL, Xullo 1975) |
Nada máis entrar na UPG, xa o elixen
para o Comité Central e o Comité Executivo, a proposta de Pepiño
Salgado (hoxe máis coñecido como "Pepiño de Redondela",
gran animador da normalización do galego nos concellos). O primeiro
Comité Central que se celebra desde a desfeita tras da morte de Moncho
Reboiras (1975), foi nun colexio de relixiosas, baixo a cobertura dunha
reunión de catequese, pois daquela Xosé Antón era nada menos que o
Delegado de Catequese da diócese de Santiago (foino entre os anos
1969-1981). Outros comités centrais da UPG serían no Seminario Maior
de Santiago, e outros locais da Igrexa, cousa habitual por eses tempos:
"Naqueles anos da Dictadura comenta
Xosé Antón moitas das reunións do movemento obreiro e das súas
organizacións sindicais e políticas celebrábanse en locais da Igrexa,
baixo a cobertura de 'xuntanza de catequistas', de 'xóvenes
cristiáns', ou 'catequese de adultos'. Nos eramos os que contabamos cos
locais e coa legalidade, non poñelos ó servicio de quen estaba a
loitar polo recoñecemento dos dereitos máis elementais, era coma un
abuso de poder, e así lle-lo fixen saber nunha ocasión ó arcebispo
Suquía cando fun sorprendido nos locais do Secretariado de Catequese,
no Seminario Maior de Santiago, co aparato de propaganda da UPG. Non
pasou nada". |
Con todo, Iglesias chegou a ter nese
tempo tres úlceras simultáneas: "Unha pola UPG, outra polos
conflictos coa Igrexa e outra por problemas varios".
Cando os conflictos da UPG a fan intolerablemente intransixente
(expúlsase militantes inxustamente,...) e Xosé Antón vai vendo a
necesidade dun pluralismo político, que non se acepta, dáse de baixa
na organización. Con razón comenta Alvilares: "A súa [a UPG]
seguridade era inconmovible, desafiante. Máis ca dogmáticos eran
apocalípticos". A seguridade doutrinal víñalles daquel
verdadeiro "catecismo marxista" que era o Politzer; "A
filosofía do Politzer era peor cá do Donat"(89)O
"Politzer" era un libro deste autor titulado Elementos y
fundamentos de Filosofía, que tiven persoalmente a ocasión de lelo en
París no ano 1974; deixoume abraiado o seu simplismo e a rotundidade
fascista dos seus asertos. O "Donat" era un vello manual
escolástico utilizado nos seminarios polos anos 40-50. Máis adiante,
Xosé Antón Iglesias integrarase en Esquerda Galega, e con el moitos
mozos e mozas dos grupos da XOC (a Xuventude Obreira Cristiá que el
reiniciará en Galicia), algúns estudiantes do MECG (Movementos de
Estudiantes Cristiáns Galegos), Scouts, ... O nacionalismo e a esquerda
deste país debe gardar a memoria histórica de todo isto: non toda a
Igrexa amolou ó pobo galego. Por iso, este crego tan crítico coa súa
Igrexa non dubida en afirmar: "Moitas organizacións de mocidade da
Igrexa foron verdadeiros viveiros mesmo dos cadros das organizacións
políticas e sindicais de esquerda, non só en Galicia, senón en todo o
Estado".
Con todo, o seu compromiso político non o fai abandonar o compromiso
diocesano. "Eu fun un gran profesional da catequese e sempre
procurei facer ben o meu traballo". Xunto con Manolo Cillero e o
equipo de Boa Nova de Ferrol, Xoán Andión de Vigo, Eladio Vega de
Lugo, ... traballaron arreo nunha catequese renovadora desde a
galeguidade e o espírito evanxélico. "Foi das experiencias
eclesiais máis intensas e gratificantes", dime.
Hoxe confesa que non ten complexo de cura nin de crente, aínda que
tampouco ten "orgulo de casta", nin renega do seu pasado
político ("axudoume a non instalarme na trascendencia
tranquilizadora") con tódalas súas
inxenuidades e contradiccións. "O único absoluto é Deus, o
demais, todo é relativo, e todo compre encadralo no seu contexto, mesmo
a causa da revolución social". Por iso confesa tamén: "Fun
sempre tremendamente contemplativo, aínda que non rezara moito".
Hoxe traballa nunha empresa editorial e na acción de barrios; tamén
nas parroquias rurais de Maía, dicindo Misa e facendo a catequese.
Anteriormente estivo sete anos levando persoalmente a responsabilidade
de tres parroquias (1985-1991).
IV. GUMERSINDO CAMPAÑA FERRO vén dunha familia "moi
levítica", como el mesmo confesa; naceu en 1942 en Cordeiro,
"o pobo de máis cregos por metro cadrado". Licénciase en
Filosofía e Teoloxía pola Universidade de Comillas e ordénase
sacerdote en 1966. Traballa seis anos como profesor de Grego no
Seminario Menor de Santiago e remata por irse para aldea, desencantado
do traballo académico e como froito dun compromiso cos pobres, cos
labregos; unha verdadeira opción de clase que naceu nos grupos de
reflexión e oración con leigos e relixiosas na Residencia do Sagrado
Corazón de Santiago (Tere Maailly, Marta Garcia de Leanez, Engracia
Vidal...).
O seu nacemento ó compromiso co galeguismo e a
vida política foi nestas datas (1973). Aínda que as súas
preocupacións sociais e galeguistas viñan de antes: familia galeguista
(Xesús Ferro Couselo), os anos de Comillas; e desde o ano 1969 xa lle
encargaran as misas en galego que se realizaban en Santa María. A
iniciativa de irse ó mundo rural foi de Xesús Portas Ferro,
outro crego hoxe secularizado, pero que segue sendo unha persoa crente e
mantén o seu compromiso galeguista, desde as súas clases e o seu
traballo en Encrucillada (90)
O galeguismo é para el agora a maneira normal de entenderse e de
entender Galicia. Como crego sempre entendeu que "facer comunidade
cristiá é facer comunidade galega con compromisos populares, senón
sempre será algo alienante". Segue a sentirse cristián e
galeguista, a pesar de tódalas contradiccións que ve na súa Igrexa. .
"Fómonos ó mundo rural cunha idea moi romántica". O equipo
aséntase en Visantoña, "o concello de Galicia con máis caciques
por metro cadrado"; perdura so un ano, pois Portas vaise, pero
Gumer continúa alí, ata hoxe.
Os Coloquios do 73 impactárono moito; é a
descuberta do socialismo como unha chamada a un compromiso popular. O
mundo dos caseiros, a opresión dos labregos, a realidade social
impactante, son a súa verdadeira escola de compromiso cos labregos.
Contacta con Xosé Antón Iglesias, Gino (Domingo Martínez Beiro, outro
crego), Carlos Vázquez (daquela crego, hoxe significado líder
nacionalista), Ramón Muñiz,... e logo, Moncho Valcarce... E vaise
achegando ás organizacións nacionalistas, participando no nacemento de
Comisións Labregas, no que tiveron moito que ver os Comités de Axuda
á Loita Labrega (CALL) formados por cregos, mestres e axentes de
Extensión Agraria. Afiliado ás CC LL maniféstase como militante da
organización e participa nas súas loitas.
"Compañeiro: O
25 de Xullo é o DÍA DA PATRIA GALEGA, día de afirmación
nacional galega fronte ao asoballamento exercido polo Estado
Español.
Nós, cregos ruráes, en contauto cotián ca realidade dos
labregos que, coma os demais seutores populares
se atopan esplotados e asoballados, temos a obriga como
cristiáns galegos de falarlle ás feligresías desta data
importante do 25 de Xullo e comprometernos con tódolos seutores
populares oprimidos polo capitalismo colonial.
Propoñamos aos labregos ire a Santiago o 25 de Xullo ...
Organicemos escursións para ire a Santiago e reafirmar o noso
esprito nacional e pra testemuñar a nosa Fe no Cristo
Libertador defensor do Pobo e da Libertade...
Como crentes en Cristo non podemos traicionar ao Noso Pobo"
(Grupo de Cregos Ruraes dos Comités de Axuda á Loita
Labrega. CALL) |
Despois virá o
compromiso coa ANPG, chegando a estar na dirección de zona. Un dos
momentos máis críticos desta loita labrega foi a "guerra do
leite", no 1978, que levou a enfrontamentos cos mesmos labregos,
pois chegaran a botar os bidóns de leite polo chan. Foi un erro que
botou a moita xente para atrás, confesa Gumer, que estaba na política
non pola política mesma, senón claramente pola xente, polos labregos.
"Eu entendín sempre o meu compromiso político en función da
defensa da dignidade dos labregos", e como canle organizativo dos
mesmos labregos.
Un instrumento importante para espallar estas
ideas e "atacar a ideoloxía dominante", foi para Gumersindo
Campaña a publicación Mar Roxo. Boletín de información política
para cregos, revista vinculada os grupos de CPS, definíase cunha
ideoloxía marxista e cristián, pretendendo reinterpretar a fe desde o
compromiso coas clases populares. So saíron dous números.
Pronto se converteu Gumer nun dos curas máis
significados da loita nacionalista, pola súa manifestación pública e
pola súa coherencia. Ata Augusto Assía recoñecerá, referíndose a
el, que "algúns curas saben conciliar o amor cristián e a loita
de clases". Gumer tentaba conciliar o seu compromiso político co
seu labor como párroco, que lle agradaba a uns ("o cura está cos
pobres") e desagradaba a outros (os caciques, que lle recoñecían,
a pesar de todo moitas cousas boas). Tiña claro que a loita política
era importante, pero non era o seu absoluto, o absoluto seguía sendo
para el o Evanxelio, e iso foi o que lle axudou a superar os necesarios
conflictos. "O que me interesa é o Reino de Deus, a presencia
efectiva da salvación de Xesús neste mundo, para o que a Igrexa ten
que ser un instrumento". Por iso, non resulta traumático a súa
evolución nos anos 80 cara a un traballo máis especificamente eclesial
e menos sindical e político.
Tanto para Gumer como para Xosé Antón o seu
compromiso político é realizado claramente desde a fe cristiá, desde
a súa opción crente. Pero é algo dialéctico: descobren o compromiso
con Galicia e cos pobres desde a fe, e desde a realidade sociopolítica
redescobren a súa fe. "Hai un transvase constante dun ó
outro". Son conscientes de que a súa espiritualidade as veces non
foi moi fonda, e a oración era sentida como vacío, debido á forza da
ideoloxía e á racionalidade política.
Pero séntense curas, e hoxe queren seguir
sendo curas nesta Igrexa contradictoria, e a pesar das súas
contradiccións e de que se senten moi en desacordo co status do
crego.
"Eu sinto que
debo seguir sendo crego para ser fiel a min mesmo e realizarme
como crente e como persoa di Gumer. Isto aínda segue a ser
para min unha fonte grande de estímulos. Séntome collido polo
Evanxeo, e creo que podo levar mellor adiante a evanxelización
como crego". |
Xosé Antón, máis crítico coa
institución clerical, á que mesmo ve en moitos casos coma un
obstáculo para a evanxelización, quere ser crego sobre todo desde o
traballo educativo coa xente, un traballo liberador e non regulamentado
polo sistema, como o fixo Xesús de Nazaret.
"Unha catequese e unha pastoral liberadora, feita desde a realidade
galega, e que axude a comprender esta realidade e comprometerse con ela
polo camiño do Reino de Deus". |
E feita desde as obras. "O que queda
ó final non é o que dixeches, senón o que viviches", di Xosé
Antón; "Se a túa presencia é interrogadora, é
significativa". Xa lle dicía a súa nai."A fe éche como a
gripe, se a tes, contaxiala, senón, por moito que fales dela,
nada".
IV. Finalmente, hai tamén tres irmáns
cregos e frades paúles que compre lembrar á hora de falar dos curas
cun compromiso sociopolítico cos labregos desde opcións claramente
nacionalistas. Son os irmáns PELETEIRO RODRIGUEZ, que viven en
Filgueira de Barranca-Cesuras coa súa irmá relixiosa e a súa nai; un
caso tan excepcional, que abondarían eles sós para facer un libro.
Naceron nunha familia moi relixiosa, como non podía ser menos, e
galego-falante. Manolo traxe de pana, zocas e boina, naceu en 1942, en
Sevilla, pero Bieito (1944) e Xosé Carlos (1947) xa naceron e n Ourense
(Ferreirúa-Nogueira de Ramuín). Primeiro, foi unha irmá a que se fixo
relixiosa, das Fillas da Caridade, e logo eles foron entrando
progresivamente nos PP Paúles, orde coas mesmas raíces. Nos Milagres
(Maceda), primeiro, e logo Filosofía e Teoloxía en Madrid e Salamanca (91), onde tiveron de profesor a Francisco Carballo. Ordénanse de cregos e
van primeiro para o santuario e colexio dos Milagres (Manolo), coa xente
da emigración en Londres (Bieito) e no colexio de Marín (Xosé
Carlos). Conflicto nos Milagres no ano 1978, pola maneira de levar o
santuario, en contradicción co espírito galeguista e democrática que
xa reinaba neses anos franquistas no colexio, e por deixar xuntarse no
colexio a grupos da oposición. E véñense os tres irmáns para o mundo
rural, como froito dunha clara opción pola Galicia marxinada.
A "conversión" ó galeguismo foi para Manolo en os Milagres,
levouno mesmo a asumir a simbólica estética dos labregos na súa
indumentaria, froito dunha sensibilidade que xa había no colexio. A de
Bieito foi na oposición ó réxime que se vivía na emigración. Eles
cóntano con naturalidade, pero son moi conscientes da opción que
representaba e representa o galeguismo.
"Nos Milagres dicían que éramos
comunistas e separatistas porque falabamos galego. O único que fixemos
foi tentar facer un colexio onde os rapaces puideran saír con clara
conciencia da súa realidade galega e con ganas de loitar por ela; onde
o idioma oficial fora o galego". |
En Filgueira fan un proceso progresivo de
galeguización na liturxia e no traballo pastoral, chegando a un
compromiso sociopolítico claro cos labregos; apoian ós movementos
nacionalistas, particularmente a CC LL, pois "é a única saída
que ten o pobo, para que a xente discriminada poida acadar os seus
dereitos e a súa dignidade".
"Nunca tentei xustificar diante da
xente a Misa en galego di Manolo porque entón era cando podía vir o
conflicto. Ademais, ter que xustificar que a Misa debe ser en galego é
o mesmo que ter que xustificar que un neno lle debe querer ó seu
pai". |
Noutra ocasión
ten dito tamén:
"Estou
plenamente convencido, e véxoo, que á xente que se expresa
falando galego fora e falando castelán na igrexa, Deus
resúltalle unha persoa falsa; é como se fora algo moi superior
(un señorito ou cacique, algo externo a eles)... Quero que a
xente se exprese tal como é, para que se dea conta de que Deus
non ten diferencias nin por razón da cultura, nin por razón da
lingua, nin por razón do estamento social, senón que Deus
quere o corazón da xente e que sexa sinxela e que se manifeste
como é...
No meu compromiso coa xente actúa fundamentalmente o compromiso
cristián. Eu teño moi claro que Xesús no seu tempo foi unha
persoa totalmente comprometida coa xente, sobre todo coa máis
desfavorecida. Unha das chatas máis grandes que hoxe ten a
xente é a falta da súa identidade, o sentirse avergoñados de
ser galegos e de falalo. Entón aí non pode haber persoa e ó
non haber persoa non pode haber fe; porque a fe é algo que se
acepta persoalmente, libremente, despois de buscar e descubrir.
Unha persoa canto máis crítica sexa, máis persoa é...
A xente está na resistencia, todo o mundo é a pasar por riba
deles, e Cristo veu liberar; unha das cousas máis fundamentais
é que hai que recuperar a alegría de ser persoas... A fe non
se pode expresar máis que a través do que a persoa é, algo
que libera, que axuda a recuperar a propia identidade
persoal".(92) |
O seu apoio
público ó sindicato nacionalista ocasionoulles chamadas ó orde do
bispo e incomprensións, ás veces dos mesmos labregos. Mobilizacións
polo problema dos caseiros, o leite, as cotas, ... Manolo presentouse
nas listas do BNG nas terceiras eleccións democráticas, "so como
terceira reserva, porque non había xente abondo para encher as
listas"; iso ocasionoulle as conseguintes censuras da autoridade.
Relación con Moncho Valcarce ("un home fenomenal e moi evanxélico
que non lle gardaba xenreira a ninguén, pero ... que lles puña a
bandeira galega ós nenos cando os bautizaba"), e, sobre todo con
Gumersindo Campaña, pois son veciños. Ambos está integrados no Movemento
Rural Cristián Galego, colaboran con Irimia, ...
Son conscientes de que compre optar. Eles
fixérono polo seguimento de Xesús Cristo, na Igrexa, e como cregos e
frades. Pero tamén saben que na mesma Igrexa hai dúas opcións ben
diferentes, tal como me comenta Manolo, "a burocrática e a do
pobo", "non hai posibilidade de poñerse no medio, ou optas
por unha, ou falo pola outra". Bieito di con tranquilidade que,
asumindo a marxinación que supón a opción pola segunda, un pode levar
a cabo a súa misión sen demasiado conflicto, "a carón da
xente". "Tes que camiñar co pobo, aceptando tal como é, e
vivindo a súa mesma esperanza, que vai ir acabando co sistema
sinagogal", dime Manolo, expresando, seguro, o sentir dos seus
irmáns e consciente de que están nunhas parroquias dos pobres, desas
que ninguén quere, e sacandolle a terra co seu suor o que comen coma os
seus veciños labregos.
8. Curas no mundo obreiro: Benito Santos, Xaquín Campo Freire e os
conflictos de Ferrol
"¿Para que é o
sacramento da Orde?, preguntábase o Catecismo do labrego.
'Para que algúns fillos de labregos cheguen a ser xente',
constestábase. De sempre viña a imaxe social do cura coma
carreira, camiño de promoción social e económica para os
fillos dos labregos... Esta orixe non era allea a unha
mentalidade estamental, xerárquica e conservadora
característica do clero.
O traballo dos curas era o abandono da figura canónica do cura,
da equívoca dignidade sacerdotal, e unha abdicación do rango
social sobre o labrego que as ordes sagradas lle deran...
A decisión de compatibilizar servicio pastoral e traballo tivo
unha poderosa carga transformadora que iriamos vendo. Ademais de
purificar o culto, o traballo abolía, de entrada, a mesma
respectabilidade clerical... A consecuencia máis valiosa era a
identificación coas xentes... O traballo era unha posta a proba
da verdade evanxélica que debiamos facer presente"(93). |
Un dos
compromisos dos curas tras da chamada renovadora do Concilio Vaticano
II, que invitaba a abrirse ó mundo e comprometerse fondamente nel,
compartindo a súas esperanzas e os seus fracasos, foi o traballo como
obreiros, principalmente traballo manual, e logo calquera de tipo civil.
As verbas de Alvilares fan referencia a esta realidade no contexto
concreto dunha provincia eminentemente rural, como é Lugo; en cambio, o
movemento dos cregos obreiros foi maioritariamente unha realidade urbana
por razóns evidentes. O mesmo Alvilares é consciente da diferencia
entre as motivacións dos cregos de Lugo e os curas obreiros da
posguerra francesa e do postconcilio, ou os do Cerro do Tío Pío en
Madrid.
Os Prêtres Ouvriers (PO) en Francia foi
un movemento moi importante nos anos 50-70; en España os Curas
Obreiros tamén, sobre todo en Cataluña, Asturias, Euzkadi e
Madrid; pero en Galicia nunca foi un movemento numericamente importante
(94), debido á escasa realidade industrial. Tan so en dous núcleos chegou
haber máis ou menos significativamente unha presencia de curas
obreiros: Vigo e Ferrol. Certamente non son as únicas dióceses galegas
con curas obreiros; Alvilares fala da realidade da súa diócese, sobre
todo nos difíciles anos do comezo desta experiencia, e nomea cregos ben
coñecidos como Anxo González no Incio, Leopoldo (un cura ecoloxista e
vexetariano dos máis singulares que coñezo) en Monforte, ... En Vigo e
Ferrol quedan dous curas cunha rica historia de compromiso galeguista e
obreiro ás súas espaldas, que manteñen aínda a ilusión e a aposta
dos anos mozos: Benito Santos (SJ) e Xaquín Campo (diocesano).
I. BENITO SANTOS é un xesuíta que naceu polo 1939 en
Corvillón, preto de Cambados. Os 18 anos éntralle a vena da vocación
e vaise estudiar cos xesuítas a Salamanca, onde fai Filosofía e
Teoloxía, e non volve a Galicia ata os 30 anos. Doce anos fora de
Galicia (1957-1970), pero lonxe da Terra, como tantos outros, esperta á
realidade galega que vivira nos seus primeiros anos. Os seus pais eran
labregos e o seu ambiente galego-falante, polo que chega ó seu
primeiros Colexio, en A Garda, sen saber o castelán. Lonxe da Terra foi
remoendo a súa realidade galega e afondando no ser galego, acadando
pouco a pouco unha identidade galeguista. "Eu quería ser un crego
achegado ó pobo, mesmo un cura obreiro"; a súa Tesina de
Licenciatura vai ser precisamente sobre os Dereitos Humanos, colaborou
en colexios obreiros e en barrios, traballo manual (ata de mineiro),
vida comunitaria en pisos, ... relación con outros curas obreiros. En
Madrid tivo problemas co TOP por participar en manifestacións e peches,
particularmente un 1º de Maio. Non sería a única ocasión en que foi
detido pola policía; en Vigo foi vixiado pola policía polas súas
homilías e polo seu traballo de líder obreiro e sindical.
Non era esa
a realidade habitual da Compañía de Xesús, que atendía máis ben ás
clases privilexiadas cos seus colexios, cousa da que logo se decata en
canto volve a Galicia, para poñerse a traballar. Busca o sector popular
cos seus compañeiros (Fernando Bandeira e Alfonso Fondado),
comprometéndose no traballo obreiro en barrios populares.
"As dúas rodas
do noso carro eran a presencia no mundo obreiro co traballo
manual, pero tamén unha acción pastoral o máis intensa
posible nunha parroquia de barrio, que lle dera identidade a esa
presencia". |
Diversos
traballos, militancia sindical e política... De seguida veu o
achegamento á máis importante organización católica no mundo
obreiro, a HOAC (Irmandade Obreira de Acción Católica), que xa
coñecera en Madrid nos anos da crise dos movementos (1966-68). A HOAC,
organización fondamente comprometida desde os seus comezos co mundo
obreiro, asumindo claramente as súas loitas, foi tamén achegándose
progresivamente ó galego, aínda que moitos dos seus compoñentes
viñan de fora. A influencia externa do mundo no que se move foina
levando cara a claras posturas galeguistas. De feito, moitos dos seus
militantes están comprometidos sindical e politicamente co nacionalismo
(95).
En Vigo
Benito Santos vai estar na punta do galeguismo na Igrexa colaborando co
P. Seixas e na parroquia dos xesuítas, S. Francisco Xabier, no barrio
de Teis. Como traballador (repartidor, electricista, traballador nos
estaleiros vigueses, ...e finalmente na sanidade, desde a crise do
sector naval) e sindicalista (primeiro en USO e logo na CXTG e
finalmente na CIG), estivo no ollo do furacán das loitas obreiras (as
loitas de ASCON, a súa empresa; foi dos primeiros despedidos e buscou
un traballo autónomo con eses compañeiros). Aparte dalgúns xesuítas,
había varios paúles e outros curas seculares no traballo en fábricas,
xunto con algunhas relixiosas. Benito valora ese traballo como algo
"moi gratificante", polo achegamento que supuxo á realidade
obreira, pero moi conflictivo, pola falla de asistencia das súas
correspondentes institucións. Hoxe quedan moi poucos.
A fe cristiá e galeguista de Benito Santos queda ben manifesta nestas
palabras súas:
"Cristianismo e
galeguismo son dúas realidades vencelladas para min dun xeito
fundamental. A fe cristiá enriquécese e enriquece toda
cultura, pois a súa dinámica interna é a inculturación, a
sumir cada unha das culturas insuflándolles o seu elemento
liberador.
Ser de Galicia é participar da raíz dun pobo: somos este pobo
concreto, o galego, nin mellores nin peores que outros, pero coa
nosa propia cultura e maneira de ser. Se non se asume iso estase
de espaldas á realidade. Sempre me sentín chamado a ese
compromiso co pobo galego, e a ser tamén factor de cambio, para
que ese pobo fora tomando máis conciencia do seu propio ser,
que non teña que ocultar o que é.
O fundamental do cristianismo é a idea de liberación, irnos
construíndo como un home novo, libre, á imaxe de Xesús. E iso
tamén ten que operar a nivel cultural, deixándonos configurar
polo noso propio idioma nacional, conscientes de que formamos
parte dun estado plurinacional". |
A
Compañía de Xesús en Galicia non tivo nin ten un manifesto
compromiso galeguista, a pesar de contar no seu seo cun home tan
emblemático como o P. Seixas e un home tan comprometido coas loitas
populares de Galicia como Benito Santos e outro crego excepcional moitos
anos comprometido co mundo rural, Modesto Vázquez Gundín, que
foi cura e alcalde de Muras (Lugo). Benito recoñece que o gran traballo
culturizador realizado pola
Compañía en Galicia foi feito "desde unha perspectiva
colonizadora castelá"; aínda que actualmente haxa un respecto
polas opcións galeguistas, e mesmo é algo teoricamente asumido e
aínda "desexado" por moitos.
Ademais de Xaime Seixas, Benito e Modesto,
foron e aínda son de forma desigual, outros xesuítas cun compromiso
coa realidade galega: Alonso Busto (a pesar de ser asturiano), Fondado,
Bandeira, Nico Pombo, Luis Amor, Rodríguez Herranz e Alfonso Mascuñana
(secularizados), o o coñecido sociólogo Pérez Vilariño (autor de
varios libros sobre a realidad galega) ... "O eixe
Vigo-Santiago-Coruña funcionou durante moitos anos e alí confluíron
proxectos, experiencias e urxencias de inculturación na realidade
galega, que logo se levaban ás instancias centrais da
Institución".
II. XAQUÍN CAMPO FREIRE, crego diocesano de Mondoñedo, naceu
nunha familia humilde e galego-falante en S. Xulián de Roca, preto de
Guitiriz, no ano 1937. Estudia no Seminario de Mondoñedo, e descubre
alí o galeguismo pola vía da literatura. Tamén descubre alí una
Igrexa aberta e progresista, para o que foron decisivos os aires do
Vaticano II e persoas como Chao Regoe o bispo D. Jacinto Argaya, que
creara un Convictorio Sacerdotal en Ferrol, onde remataban os futuros
cregos. A realidade do movemento obreiro foina descubrindo tamén nesta
cidade, no ano do Convictorio, gracias a Gabriel Vázquez Seijas
e os movementos obreiros de A.C. nos que este cura tan activamente
militaba, particularmente a XOC e a HOAC. Ordénase crego no ano 1963.
Son, entre outras cousas, os anos da polémica
polo uso do galego na liturxia e os do espertar democratizador e
galeguista da Igrexa, os dos cambios revolucionarios do clero
("pasouse da sotana ó traxe sen o intermedio do cleryman",
que diría Alvilares), e os do compromiso coas clases traballadoras, ...
Anxo Currás, Ramón Díaz Raña, Manolo Cillero, ... foron curas
importantes no seu proceso galeguista. No ano 1968 di no peirao do
Ferrol unha das primeiras Misas en galego na diócese, con gran
afluencia de xente.
Aínda que a súa primeira vocación é o mundo
rural, participando na XARC, pronto se decanta polo mundo obreiro,
facendo diversos traballos e acabando na sanidade, onde traballa aínda
agora, ademais do seu labor parroquial. Compañeiros seus que foron
tamén cregos obreiros en Ferrol, son: Vicente Couce, Anxo Currás,
Bello Trigo, ...
A Igrexa de Ferrol tivo unha vida intensa.
Compre destacar aquí o labor dalgúns curas como Vicente Couce,
que fora do "Movemento de Xesús Obreiro" e compañeiro de
Chao Rego na parroquia de Santa Mariña do Ferrol, militante do PC e
logo cura secularizado; Chao fala del como "unha persoa
xenerosamente comprometida coa clase obreira", compromiso que tivo
que pagar coa represión e o cárcere.
Pero destaca sobranceiramente a figura doutro
crego excepcional, CUCO (Eliseo Ruíz de Cortázar). Consiliario
nacional da XOC, pasou por varias parroquias en Ferrol. Non era un gran
galeguista e falaba moi mal o galego ("galeguista cuase
póstumo", chámalle Chao), pero era "galego de corazón"
di Xaquín e sobre todo, unha persoa moi sensible á realidade dos
pobres e dos obreiros; instruíu a lideres sindicais, promoveu as
asociacións de veciños, albergues, ... Chao escribiu na prensa pouco
despois da súa morte prematura en 1978 (47 anos), falando do sinsentido
do alcume de Eliseo Cortázar, pois era todo menos "cuco",
calculador e sinuoso:
"Con el se murió un poco la
espontaneidad evangélica más cercana a la candidez columbina que al
brujulear de la serpiente...
Era un burgués que supo desclasarse al revés de lo habitual...
Su gran verdad fué el muelle de Ferrol. Algo así como Corinto y los
estibadores de su puerto fueron el clima en el que Pablo de Tarso se
desquitó de su fracaso en la intelectual ágora ateniense"(96). |
Tamén con ocasión da súa morte,
Encrucillada publicou unha reflexión feita polos seus compañeiros
valorando o seu labor. Alí dicían cousas como estas:
"Os cregos temos necesidade de
figuras de identificación, máis temos o perigo de caer no espírito de
casta. E Cuco foi pra toda a xente, non pros curas. Cuco deu un paso do
Cristo espiritualista ó Xesús da Historia e entregouse ós pobres...
Foi un santo porque rompeu o corazón por todos...
Encarnou o sacerdocio de Xesucristo... cando nos pedía cartos ou
firmas, ou un despacho pra que un grupo poidera reunirse cando a
clandestinidade... Interpelábanos a todos... A un Cuco que non falaba
ben ... chegaron a entendelo todos".(97) |
O compañeiro de Cuco en Caranza,
Pepe Couce, home con gran experiencia na pastoral obreira desde a HOAC,
fálame así de Cuco:
"A vida de Cuco en Caranza foron
catro anos de evanxelización da clase obreira; dende o diálogo...;
dende a súa capacidade organizativa; dende o amor ás persoas
concretas... Para el o tempo non contaba cando se atopaba coas
persoas...
Era unha persoa piadosa. Rezaba e celebraba dende a vida ... Era
organizador frente ás necesidades dos obreiros e dos pobres. As
primeiras AA de VV...A promoción e organización sa empleadas de
fogar...A difusión do sindicalismo... Era un promotor da cultura
obreira. Difusor de libros e revistas de fomación da conciencia
obreira...
Era tamén un admirador de Galicia e da lingua galega. Falaba con
dificultade o galego, pero esforzábase por facelo sempre que tiña
ocasión". |
A década 1965-75 foron os anos dunha
nova presencia da Igrexa en Ferrol, movida polo impulso duns curas (98)
con
vontade de compromiso coas forzas democráticas e obreiras, e mesmo con
gran apoio do bispo D. Jacinto, que se foi da diócese cando o conflicto
lle resultou insostenible, e logo por parte de D. Miguel-Anxo Araújo,
alcumado polas forzas reaccionarias "el camarada Araújo"
("Un home que foi sempre fiel ó seu pobo, á súa igrexa e ós
seus curas", confesa Xaquín Campo). Desde posturas eminentemente
pastorais e crentes estes cregos van facendo fronte común coas forzas
opositoras ó franquismo, como froito do seu compromiso cristián. O
problema da empresa bacaladeira PYSBE (1969), no que Cuco foi insultado
e apaleado pola policía; os conflictos
de PENINSULAR MADERERA e da empresa eléctrica MEGASA (1970), conflicto
longo e no que se implicaron moitos curas, prestando as igrexas para os
peches de traballadores, participando nas mobilizacións, recollendo
axudas desde Cáritas, ...; e logo os conflictos de A Bazán e ASTANO
... Por iso Xabier Costa Clavell escribía por eses anos, tras falar
criticamente da realidade do clero galego:
"Desde hace unos
años, las cosas han empezado a cambiar de signo en Galicia. La
Iglesia gallega de modo especial un sector mayoritario del
clero joven, generoso y combativo, de clara inspiración
postconciliar se afanan por recomponer su imagen ante el
pueblo.
Resulta estimulante que el idioma vernáculo haya sido
desagraviado por la Iglesia gallega y entronizado de nuevo en
los templos. Por otra parte, los problemas que afectan a las
clases humildes son abordados por gran número de sacerdotes con
un claro espíritu de justicia. El clero gallego más consciente
suele hacer causa común con los gallegos desposeídos y adopta
en los conflictos laborales una encomiable postura de apoyo a
los trabajadores"(99) |
Daquela, este grupo activo da Igrexa
ferrolana estaba sempre apoiando os movementos clandestinos políticos e
sindicais, sobre todo CC OO, que nacera nos círculos do movemento
obreiro católico e a xente do PC. No estado de excepción imposto polo
goberno de Franco (1969-70) son represaliados varios cregos: Cuco
(daquela na parroquia do Socorro), Aneiros (párroco de San Pablo de
Catabois), Vicente Couce e o mesmo Chao, que compartían o traballo
parroquial en Santa Mariña; Vicente Couce e Chao foron os que levaron a
peor parte, pois tiveron que botar moito tempo pendentes da xustiza, e
Couce un longo período no cárcere de Zamora. Foi o primeiro
encausamento destes curas, pero non o último.
En 1972 caen baixo as balas da policía Amador Rey e Daniel Niebla, dous
pacíficos obreiros da Bazán que non tiveron máis falta que a de
manifestarse con outros compañeiros en defensa dun posto de traballo
digno. "Hoxe estamos ante o corpo sen vida dun mártir do mundo do
traballo dixo o cura, Aneiros, no seu enterro no cemiterio de
Catabois. Ante os mártires non cabe máis postura que a de
veneración"(100). En varias parroquias leuse unha homilía elaborada
por un equipo de cregos da cidade (Cuco, Vicente Couce, Xaquín,
Currás, Alfonso Gil, Gabriel Vázquez Seijas, Bello Trigo, Ladra,...) e
que foi aprobada polo bispo, quen aconsellou a súa lectura nos templos
da cidade. D. Miguel recibiu anónimos sobre a "orixe
comunista" da homilía, pois "con toda seguridade"
dicían tres dos seus autores eran comunistas. Sobre ela pesou moito
tempo unha grave prohibición estatal de ser editada e difundida na
prensa. Na homilía dicíanse cousas coma estas:
"Como cristiáns non podemos
calar... O mundo en trance de evolución está á percura de formas
novas de vida e convivencia social, e as clases privilexiadas teñen que
ir habituándose ás formas novas que están a vir. Non se pode liquidar
un problema laboral botándolle a culpa á palabra 'subversión', cando
apalpamos algo tan fondo e que alcanza os imperativos divinos do home...
O traspaso do conflicto laboral ó terreo do orde público, terreo ó
que nunca debeu chegar. Tódalas consecuencias, a partires daquí son
previsibles, como este dooroso acontecemento...
A desproporción e a desigualdade entre o capital e o traballo...
Despedir ós representantes dos obreiros precisamente polo capital ...
é algo tan inxusto que non se pode admitir...
Perante a morte dos noso irmáns, só ouvimos a voz do Sinaí: NON
MATARAS... Desexamos e pedimos con toda a forza que esas mortes sexan as
últimas..."(101) |
A homilía
valeulle a D. Miguel Araújo o alcume de "camarada Araújo",
por interpretarse que fora obra súa (102)
Pero as reaccións positivas foron moitas máis. Desde gran parte
dos cregos da súa diócese (entre eles xente coñecida e que sal nestas
liñas, como Bernardo G. Cendán desde París, Manolo Mejuto e Cuco
desde Madrid, ou varios arciprestados, os cregos dun deles
dicían:"Quérennos meter de novo nas sacristías pra que sigamos
bautizando, casando e enterrando sen máis", pax. 376), e outros
cregos coñecidos como Moncho Valcarce ("Pregamos nas nosas
eucaristías por vostede, pra que continúe sendo o noso guía e
defensor e pra que Deus lle dea forzas pra seguir camiñando co
Pobo", pax. 389) e Paco de Aguiño, ata bispos coma o seu
precedesor, D. Jacinto Argaya ("Ha tenido usted una actuación
verdaderamente episcopal. Le felicito", pax. 379) e o bispo de Tui.
E numerosos leigos, desde xente anónima, a xente coñecida coma o
avogado Iglesias Corral, ou o catedrático Carlos Baliñas, ata o mesmo
secretario do PC no exilio Santiago Carrillo; sen esquecer a grupos dos
movementos obreiros XOC, HOAC, etc.. Pero o feito ocasionou tamén unha
nova represión de Aneiros, o cura que dixo a homilía no cemiterio, e
Anxo Currás por outra homilía, coas correspondentes multas e cárcere.
Segundo encausamento dos curas ferroláns; aínda habería un terceiro,
en 1973, na persoa de Gabriel Vázquez Seijas. Pero peor o pasaron os
militantes obreiros xulgados polos feitos do 72 no "xuízo dos
23", para os que se pedían 140 anos de cárcere, e botaron anos
encausados.
Antón Martínez Aneiros (Narón 1933)
era daquela párroco de San Pablo de Catabois, parroquia nunha barriada
de casas sindicais nas que "os problemas humanos e sociais
obrigaban ou a estar na lúa ou pisar terra firme", di Chao. Era
tamén Delegado de Cáritas Diocesana e mesmo chegara a ser Coordinador
das Cáritas de Galicia. O seu papel á fronte de Cáritas neses
conflictivos anos foi dunha gran relevancia, pois nela había moita
participación de militantes obreiros, mesmo na xunta directiva, e eles
traían alí os problemas dos seus compañeiros. Logo abandonaría o
exercicio do sacerdocio, sendo alcalde de Narón e logo deputado
nacionalista de EG.
Nunha das súas comunicacións no xornal con
ocasión do conflicto de MEGASA escribía:
"Cáritas... por definición está
siempre de parte del más débil. Aún en el caso que yo personalmente
dudo mucho de que tuvieran la culpa los obreros estaría de parte de
ellos, ya que no existen dudas de que constituyen la parte menos
poderosa... Si hace pupa, lo siento, pero el evangelio fué dado para
que nos hiciera pupa a todos"(103) |
Anxo Ferreiro Currás (Boizán 1935),
daquela crego de San Xoán de Filgueiras e que estivo na parroquia máis
de 20 anos, é tamén un obreiro, traballando desde hai anos nunha
autoescola. Currás e Aneiros teñen falado dos sucesos do 72,
recollendo a súa versión en Encrucillada (nº 27). Por outra banda,
Currás ten recoñecido que a súa
conversión ó galeguismo veu parella co seu compromiso progresista, e
naceu na lectura de libros clandestinos nos anos do franquismo (104).
Multado en varias ocasións polas súas homilías ("a necesidade
que sentiamos de falar claro na igrexa facía que buscasemos
información de primeira man nos obreiros que estaban a vivir esas
vicisitudes", di en Encrucillada), houbo quen lle recomendou que
podía empezalas co agarimoso saúdo de "carísimos irmáns".
Un feito emblemático destes anos, posiblemente
o punto de arranque de toda a conflictividade sacerdotal en Ferrol, foi
o acontecido no Corpus de 1968, que fixo que D. Jacinto pedira o
traslado, que Fernando Porta (crego de San Xulián) fora desprazado, e
que Chao fora destituído como arcipreste. O conflicto naceu simplemente
pola decisión do Consello Presbiteral, do que Chao era secretario, de
reducir ó mínimo o aspecto procesional do Corpus, que convertía o
sacramento en verdadeira ocasión de burla, máis que de expresión
relixiosa. Pero non se pode esquecer que varios meses despois
declarábase o estado de excepción, polo que o ambiente estaba moi
caldeado.
Cinco anos despois, 1973, e noutra cidade,
Lugo, tamén aconteceu un feito significativo con ocasión do Corpus na
Cidade do Sacramento; cóntao magnificamente Alvilares, expresando toda
a riqueza simbólica dun feito sinxelo que tivo moita menos
transcendencia que o do Corpus de Ferrol, pero que tamén fora moi
comentado (eu lembro vivamente o seu eco no mesmo Seminario de
Santiago):
"Na festa da
infraoitava do Corpus tomaban parte en Lugo as autoridades
políticas xunto cos bispos, sen que iso cuestionase o exercicio
do poder sobre e contra a vontade popular. Estaba en xogo e
función social da Eucaristía, a incoherencia co sentido do
memorial da Paixón de Xesús...
Escollemos un modo de expresión simbólica, concreta, en
contrapunto coa festa episcopal e política. Tamén nós iamos
celebrar unha comida no mesmo pazo episcopal, sentados nas
escaleiras polas que tiñan que subir a comer os invitados do
bispo. Pan e touciño, como as comidas populares... Era a
protesta simbólica contra unha celebración do Corpus na que se
esquece ou se nega practicamente a comuñón coa realidade do
pobo e a comunicación dentro da mesma Igrexa".(105) |
A década
1965-1975 remata co asasinato do militante nacionalista Moncho Reboiras
en Agosto do 75. Con ocasión deste asasinato, a policía cometeu o
insólito atropelo (polo seu significado no contexto do réxime
franquista) de facer un rexistro na "Domus Ecclesiae" de
Ferrol, incluída a residencia particular do bispo, sospeitando que
puideran estar escondidos alí outros dous activistas, tal como conta
Don Miguel nas súas memorias(106).
9. Unha longa nómina de curas e ex-curas comprometidos no galeguismo
I. A longa nómina de curas comprometidos co galeguismo no eido
cultural, sindical e político, manifesta a capacidade de entrega deste
colectivo, tan inxustamente valorado socialmente, e o seu labor a prol
da normalización do galego e o
crecemento da conciencia galega. Compre tamén salientar, crebando unha
lanza a prol desa gran parte do clero rural que non chegou a asumir
posturas galeguistas e que non chegou tampouco a actualizar a súa
teoloxía e a súa pastoral, que é, en moitos casos, a primeira
víctima da estructura xerárquica, o que favoreceu o seu inmobilismo.
Sen moita formación intelectual (nin sequera teolóxica e pastoral),
sen o aprecio dos seus superiores, sen unha dose mínima de autoestima
pola pouca gratificación afectiva do seu traballo, e duramente
censurado polos seus fregueses, ¿que pode esperar? ¿que motivacións
ten para posicionamentos comprometidos nun proxecto de utopía?
Francisco Lorenzo Mariño (Porto do Son
1930), crego da diócese de Santiago, estudiou en Salamanca e é
Licenciado en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma. Traballou
de crego uns anos en Sada, pero de seguida foi para Aguiño no ano 1959,
onde permaneceu ata hoxe dando mostras constantes dun compromiso claro
cunha Igrexa Galega. Sempre foi un asiduo participante nos Coloquios,
Cruceiros, Romaxes (unha das primeiras foi na súa parroquia de Aguiño,
co lema "Batidos pola mar") e Irimia, para a que ten escrito
un bo feixe de artigos; tamén en Encrucillada publicou un
fermoso "Viacrucis". É, sen dúbida, dos cregos máis
coherentes nesta liña de compromiso cristián e galeguista.
Paco de Aguiño, como é máis coñecido,
escribiu unha fermosa carta a Don Miguel-Anxo Araújo coa ocasión da
polémica do 72 en Ferrol, na que dicía:
"Sonlle un pobre
cura dun pobo mariñeiro... Eu por aquí tamén lle vou loitando
o meu, e estou vendo que son os cregos, moitas veces, os que
están máis lonxe de Cristo... cada vez me convenzo máis que
non adoramos nin servimos ao mesmo Deus, ten que vir unha
división forzosa: Cristo e os fariseos non poden comulgar"(107). |
Na súa
parroquia de Aguiño, un egrexio fregués cantou Misa en galego polo
lonxano ano de 1965, Andrés Torres Queiruga, sempre fiel ó seu
párroco, pero do que este é debedor do seu galeguismo. O templo
parroquial de Aguiño, feito de nova planta, foi a primeira igrexa con
rótulos en galego; Paco ten o galego normalizado completamente no labor
parroquial desde hai un cuarto de século, porque "estaba moito
máis a gusto rezándolle a Deus en galego que non facendoo en
castelán; ademais, coido que se chega máis a alma do pobo"(108).
A súa opción ten unha raíz evanxélica e teolóxico-pastoral, pero
tamén política a un tempo ("política é toda a vida queiras ou
non", di). Tivo a sorte de contar sempre co apoio e o agarimo da
súa xente, que o axudou a levar ben a contestación que tivo que
soportar por parte dalgún sector.
"Se traballamos
en galego, se comemos en galego, se facemos todo en galego coa
xente ¿por que lle imos falar a Deus en castelán, se o noso
idioma é tan digno como calquera?. Ademais, é o único que non
nos puideron levar, a pesar de que tentaron desterralo de aquí.
E debémolo conservar, é a alma do pobo e a alma da
terra". |
Paco de Aguiño
é consciente de que o seu labor non foi estéril, pois foi
espallándose pouco a pouco ás parroquias
veciñas, pero dóelle que non se avanzara máis en tantos anos.
Miguel Fernández Grande (Ourense
1937), é o crego de Parada de Outeiro (Ourense) desde hai máis de 20
anos e está tamén na revista Encrucillada. Cura de mentalidade
progresista, antes de vir desprazado para esta parroquia, protagonizou
un dos máis agudos conflictos do postconcilio na Igrexa Galega ó
enfrontarse, xunto cos seus compañeiros de equipo sacerdotal en
Ribadavia, co bispo Temiño polo xeito progresista e galeguista de levar
esta importante parroquia ourensá. Cousas tan sinxelas como querer
celebrar a eucaristía en galego, representaron un problema insalvable
para este bispo, que con razón pasaba por ser o máis reaccionario de
Galicia, aínda que Don Miguel Araújo fale da súa bondade. Ben é
certo que tamén había outras cuestións máis conflictivas como a
gratuidade dos servicios, a reforma do sistema funerario e demais formas
de artellar a pastoral.
Os seus posicionamentos nacen dunha clara
opción polo galeguismo, motivada fundamentalmente por razóns de fe,
razóns teolóxicas, máis que simplemente pastorais: "Nace do
principio da Encarnación. Se Deus se fixo un home concreto, encarnado
nunha aldea, nun país, nunha lingua e nunha cultura ...non pode haber
unha actuación verdadeiramente cristiá se non hai unha verdadeira
encarnación na realidade do pobo" (109).
Evencio Dominguez Lorenzo (Quintela de
Leirado 1940) é outro cura ourensán, que ademais é mestre e ATS,
compaxinando esta última profesión co seu traballo pastoral na
parroquia de Cexo-Verea e outras veciñas, onde está desde o ano 1973.
Ordenado sacerdote no 68, estivo anteriormente en Arzádegos-Vilar de
Vós, facendo equipo con Ramón Vázquez e Bieito Ledo (actualmente
secularizados, o último na Editorial "Ir Indo"). Con Miguel
Fernández Grande, ten participado activamente na promoción do
sindicalismo agrario no campo galego desde o SAGA. Mesmo chegou a ir
nunha candidatura independente e nacionalista nas primeiras eleccións
municipais da democracia. As súas obras comunitarias e populares,
sempre da man do pobo, foron numerosas: camiños, prazas, festas ...
Pero compre dicir tamén, que Evencio é un cura comprometido co seu
ministerio sacerdotal, por iso forma parte da Asociación de Sacerdotes
do Prado, que ten como lema "curas pobres para os pobres";
nela foi un dos primeiros da súa diócese.
O galeguismo de Evencio xa ven de vello, dos
anos do Seminario. Non é de estrañar, pois, que desde que se ordenou
de cura xa misara en galego. Non só ten normalizada a lingua nas súas
parroquias desde hai anos, senón que con laboriosidade fixo uns
leccionarios domésticos, "ad usum privatum", das lecturas
litúrxicas de cada día, que algúns amigos puidemos disfrutar e usar,
sendo de gran utilidade neste longo período de normalización do
material litúrxico.
Os demais sacerdotes do Prado de Ourense tamén
comparten a aposta galeguista de Evencio; os máis vellos desde hai anos
(Bruno Fuentes, Pepe Gallego e Manolo Pérez González), e os máis
novos desde o comezo do seu ministerio (Xosé Xulio Rodriguez, cura de A
Ponte, Manolo Rodicio, actualmente de misioneiro no Ecuador, e Manolo
Pérez Vences, na parroquia de Maceda).
Xaquín Gómez Barros (Cuntis 1932).
Este crego é un vello militante do galeguismo na Igrexa nos anos duros
da década dos 60-70, sobre todo como animador da Mocidade rural da
XARC, un dos xermes das CC LL (foi consiliario do Movemento Rural e da
Mocidade Rural entre 1965-1975, e logo retomou o cargo algún tempo
máis). Xa en 1967, na primeira Festa da Mocidade Rural fixeron todo en
galego, coa aprobación e o empuxe do Cardeal Quiroga. Desde o comezo
dos 80 leva a parroquia de Portonovo en galego e con humor. Ten
publicado varias colaboracións en libros sobre o tema do crego e a
parroquia: "O crego na Galicia rural", en A Galicia rural na
encrucillada, con X.M. Beiras, Camilo Nogueira, López Suevos, e outros
(Vigo 1975) e "Liñas de promoción dun laicado", en A
parroquia hoxe (Vigo 1970). Está actualmente no círculo de
Encrucillada.
Antón Gandoi (Lugo 1930), máis famoso
na cidade do sacramento que o mesmo bispo, popularmente era coñecido en
Lugo como "o cura da bicicleta", a pesar de que a súa
constitución obesa non manifestaba precisamente a un deportista que
busque "estar en forma"; o que é indicador do por que da
bicicleta de Gandoi... simplemente que ¡non tiña coche!. Participante
nos Coloquios e na formación de Encrucillada, leva vinte anos na
Delegación diocesana de Cáritas de Lugo, sendo mesmo Secretario de
Acción Rexional de Caritas de Galicia. Sen embargo, a gran obra de
Gandoi, desde o seu traballo á fronte de Cáritas, foi Preescolar na
casa, que comezou no curso 1977-78 e segue iniciando nenos galegos e
en galego ata hoxe, sobre todo no mundo rural. El mesmo contaba a súa
experiencia hai uns anos en Encrucillada:
"Os nosos
paisanos, discriminados desde a nenez, emigraban polo mundo
adiante, dentro e fora de España,a face-los traballos que
outros non queren. Pronto nos decatamos de que os nosos
manifestos, comunicados e denuncias dirixidos a institucións,
entidades e á propia opinión pública sobre estes temas non
daban resultado naquel momento. Así naceu unha das ideas que
aínda hoxe inspiran ós responsables de P.na C.: os nenos non
agardan... Chegamos á idea básica do servicio, conseguir que
os pais traballaran cos seus fillos e o fixeran mellor"(110) |
Non ten
desperdicio o seu Decálogo do orientador de "Preescolar na casa":
1º. Amarás ó
neniño rural galego por riba de tódalas cousas.
2º. Non tomarás o seu nome en vano,
nin perderás o tempo falando de bonitos proxectos sen levar
ningún a cabo.
3º. Farás festa cando desapareza a súa marxinación
educativa.
(...)
6º. Non cometerás o grave adulterio de privalo da súa lingua,
impoñéndolle unha allea.
7º. Non lle roubarás nin deixarás que lle rouben a súa
personalidade rural galega.
(...) |
Nicanor Rielo Carballo (Arcos-Pol 1932),
cura de Os Peares desde hai moitos anos, é tamén membro do Instituto
Padre Sarmiento e do Patronato do Museo do Pobo Galego. Galeguista
moderado, é colaborador da prensa e pertence ós Consellos de
Redacción de Encrucillada e de Lucensia. Ten publicado
varios libros, entre eles Escolma de Carballedo, A Romaxe do
Faro e Do meu lar.
Xosé
Manuel Rodriguez Pampín (Melide 1940), este crego Licenciado en
Teoloxía é tamén membro de Encrucillada, onde ten publicado
numerosos e interesantes artigos; foi un activo colaborador en galego na
prensa nos anos 70-80. É un dos traductores da Biblia ó galego e dunha
edición para os nenos, A Biblia dos nenos. Publicou varios
libros sobre o proceso de galeguización da Igrexa: Nova conciencia
na Igrexa galega (Vigo 1976), Pro e contra da liturxia en galego.
Historia dunha polémica (Vigo 1980).
Marcelino Liste (Santiago 1925),
cóengo da Colexiata da Coruña e educador nun colexio da cidade para
nenos subnormais (ASPRONAGA), é ademais secretario da Federación de
Asociacións de Veciños de A Coruña. Ten unha longa historia como
líder no movemento veciñal da súa cidade. "Ata andaba medindo as
aceiras para denunciar ó Concello se non cumpría o servicio
estipulado", coméntame un dos seus amigos. A súa historia
manifesta unha evolución desde a dereita eclesiástica ata posturas
progresistas e de esquerda militante e galeguista (MCG, Bandeira Roxa,
...). Foi un dos protagonistas do movemento dos Coloquios, do que foi
algúns anos secretario, e nas Comunidades Cristiás de Base.
Xosé Morente Torres
(Coirós-Betanzos 1932), cóengo tamén da Colexiata da Coruña
(Maxistral) e párroco de San Nicolás, é outro histórico da
galeguización da Igrexa, aínda que se demarcara moito desta empresa
desde hai anos e hoxe o galego non está moi presente nin na súa
parroquia nin na súa acción pastoral, agás a folla parroquial Pobo
de Deus, de carácter moi moderado. Pero compre recoñecerlle o
mérito do labor realizado con Espiña: A primeira versión ó galego
dos Evanxeos (A Palabra de Deus, 1965) e a primeira edición
galega do Misal (Misal Galego, 1968); traballos polos que
recibiron o Pedrón de Ouro en 1968. Compre valorar tamén o seu
protagonismo nas primeiras misas en galego que se fixeron en A Coruña
(nas Capuchinas) e o seu labor na editorial SEPT. Tamén editou O
Catecismo na Escola e colaborou na edición definitiva do Misal
Romano en galego.
Xosé Godoi (Santa Cristina de Barro,
Noia 1932), estivo de profesor no Seminario Menor de Santiago, e desde
1966 está na parroquia de San Antonio da Coruña. Este cura, de
mentalidade conservadora, leva máis de vinte anos co galego normalizado
nesta parroquia. Morente Torres e un fregués ben coñecido da mesma
parroquia, Vidán Torreira, axudáronlle a dar o paso; a iso colaborou
tamén o feito de que, a pesar de ser unha parroquia de A Coruña, é un
barrio no que o 80% é de procedencia rural, polo que é un colectivo
galegofalante. Ata o arcebispo Suquía celebrou en galego na parroquia.
Pero tamén é consciente de que a súa postura segue a ser aínda
minoritaria en Galicia.
Uxío Garcia Amor (Sante-Lugo 1928),
moitos anos vicario xeral da súa diócese de Mondoñedo, que rexentou
na "sede vacante" despois da dimisión de Don Miguel-Anxo
Araújo, do que foi fiel colaborador. Home de evanxélica humildade, a
pesares dos seus títulos en Filosofía, Teoloxía e Sagrada Escritura,
dos seus coñecementos de música (é director da Coral polifónica
ferrolana), dos seus premios, dos seus cargos diocesáns e da súa
recoñecida valía. Compre salientar particularmente aquí a súa
decidida e consecuente aposta galeguista, manifesta na normalización do
galego, especialmente nas súas constantes actuacións públicas e en
tódolos seus escritos desde hai anos; así como no seu apoio á Igrexa
galeguista.
Vicente Cerdeiriña (A Coruña 1952)
é un crego máis novo, amigo íntimo de Moncho Valcarce, coma el
formado en Santiago e Roma, é outro militante do galeguismo na Igrexa
que, ademais de ter normalizado o galego na súa parroquia de Poio,
conseguiu que o Noso Pai en galego, estivera gravado nunha
basílica de Xerusalén. Tamén é de destacar o seu labor á fronte da
folla interparroquial Tambo, totalmente en galego. O seu
compromiso galeguista nace dun claro achegamento á xente, que fala
maiormente galego nesa parroquia, socioloxicamente coma unha bisbarra de
Pontevedra.
Aínda habería que falar doutros moitos
curas que teñen normalizado o galego nas súas parroquias desde hai
moitos anos, cando este simple feito non era tan doado, e que teñen na
súa biografiía unha historia máis ou menos longa de aposta
galeguista, en moitos casos como verdadeiros puntais da causa nos seus
lugares de traballo: Anxo González, cura do Incio desde hai
máis de 25 anos, a súa foi das primeiras parroquias galegas nas que se
galeguizou a liturxia de maneira estable; Suso de Rao, cunha
longa historia de traballo socio-cultural e pastoral e parroquias rurias
afastadas nos límites de Galicia, Asturias e León; Xesús Mato,
un dos poucos curas xornalistas que escriben en galego, mentor de
"Fuxan os ventos" e doutras moitas relidades culturais na súa
cidade de Lugo, ademáis de atender con ilusión e agarimo unhas
parroquias da montaña luguesa; Xesús Acuña, cura de
Placeres-Pontevedra e do Consello de redacción da revista Encrucillada;
Waldo Garcia Romero, cura de Cedeira e Trasmañó, perto de Vigo,
que ten normalizado o galego, cousa desgraciadamente excepcional nesa
zona.
E outros máis novos como Antonio
Rodriguez Basanta, Delegado de Catequese da diócese de Mondoñedo e
cura de varias parroquias na Terra Chá lucense; Xosé Roman
Escourido, cura e animador sociocultural creativo en Bravos-Ourol e
logo en Xove (Lugo); Manuel Pérez Blanco, cura de Vilariño-Teo,
preto de Santiago; Manuel Barreiro Conde, que foi cura de Arzúa;
Clodomiro Ogando, en parroquias de Salvaterra do Miño e logo
nunha barriada de Porriño, teólogo e profesor tamén no Seminario de
Vigo e colaborador do equipo de Badal; e Ramiro en
Cervantes, e o orixinalísimo cura ecoloxista Leopoldo en
Sindrán-Monforte, ... e un bastante longo etcétera que fai inxusto o
feito de deixalos fora, se non fose que non se pode converter o libro
nun longo vademecum. Con razón dixo D. Miguel-Anxo Araújo, nun
contexto máis amplo:
"Se miro cara
atrás, non me resulta difícil atoparme cunha serie de
sacerdotes, especialmente no mundo rural, que verdadeiramente
viviron os problemas da xente. Se algún día se chegara a facer
a verdadeira historia do noso clero rural, atopariámonos con
verdadeiras sorpresas"(111). |
II. Por outra banda, a nómina de ex-curas galeguistas, ou máis
correctamente, curas secularizados, por aquelo que lles cantaron o día
da súa ordenación sacerdotal: "Ti es sacerdote para
sempre", faría unha lista verdadeiramente longa. Algúns dos
reseñados anteriormente, xa se atopan nesta tesitura actualmente, como
é o caso de Xosé Chao Rego, Xesús
Portas Ferro, Manolo Regal, Ramón Díaz Raña, Anxo Currás, ... Do
resto só é posible reseñar algúns, que compre lembrar con respecto e
agradecemento, a pesar da súa dispar evolución relixiosa,
sociopolítica e cultural.
Entre os que levan máis tempo e se atopan
máis desvencellados da súa antiga situación, compre destacar en
primeiro lugar a Antón Gómez Vilasó (Palmeira-Ribeira 1929).
Ordenado crego en 1952, é pioneiro da galeguización da Igrexa na súa
estancia na parroquia compostelana do Castiñeiriño, que rexentou entre
1960 e 1974, e unha referencia á que moitos recoñecen un papel
fundamental no seu proceso de compromiso con Galicia, persoas hoxe
significadas na Igrexa Galega. A súa parroquia de Fátima foi a
primeira na celebración habitual da Misa en galego; pero entendían xa
que a galeguización da Igrexa ten que ir moito máis lonxe, por iso,
parello á cuestión litúrxica foi o esforzo de galeguización de todo
o traballo pastoral nunha liña de democratización da Igrexa, con
participación protagonista dos segrares. Xuntos elaboraban o Boletín
Fátima, exemplo de boletín parroquial galeguista, que se repartía
en varias parroquias.
Certo que para isto contou con persoas dunha
grandísima calidade humana, intelectual e crente, como Agustín Bueno e
Carmela Capeáns (actual presidente da Asociación Irimia), Lois
Ferradás e Madó, ... Pero tamén foron moi conscientes da dificultade
para renovar a Igrexa desde a estructura parroquial, pois os párrocos
non son nomeados democraticamente, senón impostos desde arriba; por
iso, o Castiñeiriño é actualmente, tan so a leve sombra do que foi. E
o seu ex-párroco reduciu o seu galeguismo a rexentar unha librería na
que se pode atopar moito libro galego.
Dino Pacio Lindín (Pastoriza-Lugo
1934). É un sociolingüista de primeira fila comprometido nunha
educación liberadora. Foi crego na diócese de Mondoñedo, fixo os seus
estudios de Filosofía e Teoloxía en Comillas e Roma, e Socioloxía en
Madrid. Foi profesor no Seminario de Mondoñedo e levou diversas
parroquias rurais desta diócese (o santuario de San Cosme de Galgao,
Cadavedo, ...). As súas posturas progresistas e a súa sensibilidade
galeguista marcaron sempre o seu labor sacerdotal.
Traballou logo en Madrid con grupos de
estudiantes e finalmente en New York (1970), onde fundou Solidaridad
Humana (1974), un interesantísimo proxecto educativo coa comunidade
hispana marxinada de USA, que vai desde a alfabetización ata os grados
universitarios, e chegou a acadar en 1982 o Premio Nacional de
Universidades Comunais, a pesar da súa manifesta ideoloxía
reivindicativa dos dereitos dos hispanos, que os levou a ter problemas
en moitas ocasións, sobre todo nos anos do goberno Reagan. A súa orixe
é, en palabras de Dino Pacio, "Responder ós berros do pobo que
di: queremos estudiar e ser máis". O seu lema é "Todos
ensinan, todos aprenden". Ten editado varios libros, entre eles Terra
húmida (Lugo 1979) e Juventud radical 1956-1968 (O
Ministerio de Interior prohibiu o libro en 1969, e tardaria case dez
anos en saír, xa coa democracia, en Madrid no ano 1978). Do primeiro
son estas verbas:
"Os universais
abstractos desertos de po sin pobos son horrendos, os
universais concretos pobos sin po nos vales e nos montes son
portentosos" (pax. 5).
"¡Despertade animadores!
Sin Orfeos estamos orfos. Sede aguillóns, doces e envenenados.
Cantar é máis radical que falar. Pra cantar non abonda ver nin
berrar, hai que tocar. Fai falla saúdar a terra pisándoa e
bailando nela... Animadores, axudádenos a ser socios solidarios
desta terra e da súa xente... A terra nosa quere socios que
sigan facendo o novo camiño, máis cos pes constructores que
coas máquinas destructoras... Un xoglar dixo hai máis de
corenta anos que a súa guitarra era unha máquina que mataba
feixistas" (páxs.21-24).
"Vermella ten que ser a
xusticia pra poñer verdes aos nemigos da terra verde e da súa
xente. Xa naceu a xente nova que fará trunfar a xusticia
bermella na terra verde... A xente vermella da terra verde non
se avergoñará de que a língoa eiquí non valla pra epopeias e
para épicas" (pax. 51)
|
Xosé Estevez Rodriguez (1943), foi cura
en Fonsagrada e logo en Madrid. Actualmente é profesor na Universidade
de Bilbao. Ten publicado varios libros, entre os que compre salientar Os
nacionalismos e os seus estatutos na Segunda República e Impenitencias
Galeuzcas.
No eido político,
Carlos Vázquez
(1935), actualmente destacado líder nacionalista, foi un activo
consiliario da XOC, que traballou moi activamente de crego no barrio das
Flores, na Coruña. O seu compromiso político chegou desde a reflexión
feita polos Cristiás polo Socialismo; primeiro achegado ó PC e logo á
ANPG, achegouse ós posicionamentos de EG, onde militou activamente.
Igualmente Antón Martínez Aneiros, do que se falou máis atrás.
Suso
Mosquera, un ex-crego que chegou a
ser profesor do Seminario de Ourense con Angel Temiño, coñecido bispo
ultra. É lembrada, entre os que gardan a memoria histórica das loitas
nacionalistas dos anos do antifranquismo, a súa actividade política
como simpatizante da UPG, ocultando ós seus líderes na persecución
que seguiu á morte de Moncho Reboiras; aínda que el viña dos
círculos do MCG. Camilo Modesto, antigo crego de Grou (Santa Comba de
Bande), traballou activamente no sindicalismo agrario.
10. As monxas: Pilar Wirtz, Engracia
Vidal, Amalia e Pepa
"A Vida Relixiosa tradicionalmente
tivo pouco arraigo en Galicia como pobo diferenciado. Son raras as
comunidades que empregan o galego na súa vida normal; no seu rezo, na
súa comunicación escrita,... Esta actitude ante o idioma pode ser
símbolo dunha situación máis ampla: descoñecemento e
desidentificación coa cultura, historia, idiosincrasia desta realidade
e falta de conciencia da Galicia viva como proxecto". |
Estas palabras de Pilar Wirtz
(112), monxa da
Compañía de María, manifestan que se o proceso de galeguización da
Igrexa galega é lento e atopa moitos atrancos nos cregos e leigos, este
proceso faise aínda máis difícil nas relixiosas pola súa extracción
maiormente burguesa ou pequeno burguesa, e por tanto castelanfalante, e
porque os seus centros de decisión están fora de Galicia, aínda máis
que no resto da Igrexa (a maioría dos Superiores Maiores residen
normalmente fora de Galicia); mesmo pertencen en moitas ocasións a
provincias eclesiásticas moito máis amplas que a xeografía galega.
Moitas relixiosas e relixiosos que viven en Galicia non son galegos e
están temporalmente aquí; e aínda os/as que son galegos foron na súa
maioría formados fóra de Galicia, alleos a esta realidade e cun certo
desclasamento. "Normalmente percíbese nestes relixiosos unha
identificación sentimental con Galicia, pero pouca consciencia activa e
incluso certo rechazo a que o galego poida ser unha cuestión que lles
afecte", recoñece Pilar Wirtz.
Por outra banda, o colectivo da Vida Relixiosa
non recibe da Igrexa e a sociedade galega unha invitación e chamada
clara a utilizar o galego e a identificarse cos propios valores. Máis
aínda, como afirma Pilar, "A mensaxe explícita ou implícita que
se recibe da Igrexa galega é que se trata de algo non importante e que
pouco ten que ver coa fidelidade e o traballo polo Reino". A
apertura dos conventos preconizada polo Concilio e o desenrolo
teolóxico intelectual foron os canles para liberarse dos vellos
atavismos.
En Galicia compre destacar o labor de Torres
Queiruga como ponte privilexiada entre o mundo galeguista e a realidade
dos conventos e ordes relixiosas femininas, polo seu prestixio e porque
é un home moderado nas formas e piadoso.
No panorama da Vida Relixiosa feminina en
Galicia, destacan sobre todo dúas realidades presentes: A Compañía
de María, unha das ordes relixiosas con máis prestixio no mundo, e
as Doroteas; tamén as Xesuitinas de Noia, comprometidas no mundo
rural galego en galego, e as Filipenses, sensibles ó
nacionalismo galego pola súa orixe catalá (no seu colexio de
Vilagarcía houbo reunións políticas importantes dos partidos
nacionalistas na clandestinidade); aínda que non se pode esquecer unha
comunidade de monxas singular, que está no mundo rural, en Abadín, son
as da Sagrada Familia de Burdeos. Pero compre lembrar tamén a
congregación do Sagrado Corazón, cun pasado glorioso no eido
galeguista, pero hoxe case esquecido. Da man de tres monxas e dunha
ex-monxa, o achegamento a esta realidade será doado e feito con
garantías de fidelidade e obxectividade.
I. PILAR WIRTZ MOLEZUN é unha testemuña privilexiada para falar
da realidade das relixiosas en Galicia, pois foi Presidenta da CONFER de
Galicia (Confederación de Relixiosos/as) e Provincial da Compañía de
María tres mandatos consecutivos.
Esta muller de apelido alemán, que fala
perfectamente galego cun estraño acento, naceu en A Coruña en 1938 nun
ambiente nada galego, filla dun inxeñeiro de ascendencia alemana.
Outras dúas irmás tamén son da súa mesma orde relixiosa (María e
Teresa). Noviciado na Compañía de María no País Vasco (Humanidades,
Teoloxía, ...), fai os estudios de Maxisterio en San Sebastián, e de
Matemáticas na Universidade Complutense de Madrid. Volve a Galicia en
1966 como Directora de Estudios do Colexio da Compañía en Santiago, e
fai o seu primeiro contacto coa realidade galega, coa "outra"
realidade galega, totalmente descoñecida para ela.
"Son galega,
aínda que tardei en sabelo dime. Ata os 30 anos sentíame
exclusivamente coruñesa. Estaba contenta e mesmo orgullosa con
esta miña procedencia, pero, certamente, este sentimento nada
tiña que ver coa miña realidade fonda humana e crente. Non me
irmandaba con ninguén". |
O seu bautismo de lume vai ser nos seus
anos de Directora do Colexio Maior "El Pilar" (1967-69), cando
chegan a Santiago os aires do Vaticano II e contacta con toda a
efervescencia da mocidade estudiantil do Santiago do ano 68 e os
sectores progresistas da Igrexa Galega. Isto marcou para Pilar o comezo
dunha nova etapa: "Abrinme ó galeguismo, tan sospeitoso daquela
nos ambientes de Igrexa, nun dos Coloquios, nos que participou Alonso
Montero".
"A partir deste momento fun
camiñando lenta e progresivamente nunha dobre dirección: Fun
descubrindo a dimensión comprometida e solidaria da fe, sobre todo cos
máis pobres (a chamada da misión). Fun descubrindo a identificación
visceral con Galicia, cos seus símbolos, cos seus gozos e coa súa dor
(a chamada da realidade). Esta dobre dirección foi tomando corpo en min
e fundíndose nunha vivencia única e dinamizadora". |
Contacto coa xente de esquerdas, os
cantautores de "Voces Ceibes", que participaban en recitais
semiprohibidos no Colexio Maior (Alí serían tamén os primeiros
contactos do que isto escribe con ese mundo fascinante) e de contado
coñece a un crego que habería ter unha importancia decisiva na súa
evolución: Torres Queiruga, recén chegado de Roma. "Foi a Andrés
á primeira persoa á que lle escoitei falar galego seguido", dime
Pilar. As actividades do Colexio non podían pasar inadvertidas para o
férreo control franquista, e, a raíz dun recital de "Voces
Ceibes" no primeiro trimestre de 1968, o Rector da Universidade
(Sr. Garrido), que tiña gravada a "subversiva" introducción
ó recital e algunhas confidencias de alumnas do Colexio, chámaa
capítulo, e ensínalle a ficha que xa tiñan dela, como revolucionaria
e comunista, cando tan so levaba dous anos en Santiago. A conclusión da
conversa non pode ser máis contundente: Ten que deixar a dirección do
Colexio, ou dou contrario péchano. Plego de descargo, ... apoio da súa
orde (a Provincial deféndea, porque "é nova e inxenua, e debe
estar manipulada"), suspensión de actividades no Colexio,
inspección policial ... Pero, a Provincial pídelle que siga na
Dirección pola súa capacidade, a pesar das ameazas do Rector da
Universidade, que remata por conseguir pola vía da forza os seus
propósitos. "A pesar do fracaso, sentinme acollida polo mundo que
viña de descubrir confésame na conversa, foron momentos de contacto
forte, aínda non asimilados, cousa que sucedería despois".
Volve ó Ensino Medio. E no curso 70-71 comeza algo que tamén será moi
importante para Pilar, o Grupo de Teoloxía, con Queiruga e algunhas
monxas máis como Engracia Vidal (Sagrado Corazón), Pepa (Doroteas) e
Maquicha (Compañía). Vai ser o labor de Torres Queiruga o que irá
lentamente abríndoas o galeguismo e a unha reflexión teolóxica
coherente coa modernidade que xa estaban vivindo. Pilar recoñécelle
tamén unha ascendencia a Engracia Vidal e ás relixiosas do Sagrado
Corazón, que ían por diante na apertura e o compromiso da orde, sobre
todo desde a súa Residencia de "A Lareira". A conversión foi
radical: unha apertura ideolóxica e teolóxica que a levou a ela e ás
súas compañeiras a un compromiso cos pobres; un compromiso que
realizan entre conflictos e que a leva deixar o Colexio, optando só
polo traballo nun barrio.
"En 1973 atopábame cunha
Congregación relixiosa moi metida nos colexios e nun ambiente burgués.
Fomos descubrindo un xeito novo de ser relixiosas. Ese ano saímos un
grupo do convento para vivir nos barrios de San Lázaro e o
Castiñeiriño, o que foi un gran revulsivo. Porque ese movemento
chocaba co conxunto da provincia" |
En 1977 entra no Equipo Provincial, sen
abandonar as posturas tomadas, iníciase un proceso de reconciliación
no seo da Congregación, que soupo asumir os novos rumbos como un
progreso necesario. Segue traballando e vivindo no barrio. É o ano en
que nace Encrucillada, revista na que participa desde o comezo e que ten
desde sempre as reunións do Consello de Redacción no seu Colexio. En
1982 fana Mestra de Novicias, e en 1985 pasa a ser Provincial, cargo que
exerce ininterrompidamente durante tres mandatos (1985-1994), prazo
máximo permitido polas Constitucións.
"Aprendín a escoitar sen deixar de
ser eu mesma. Creo que a xente captou iso e eu sentinme sempre
respectada e apreciada. Non necesitei abandonar nada do que descubrira e
seguín estando presente en lugares conflictivos". |
E non abandonou; velaí están os seus
compromisos: a continuada participación en Encrucillada, unha revista
conflictiva que é verdadeiro signo de contradicción nunha Igrexa
Galega desgaleguizada, e en todo o que xira arredor da Asociación e a
revista Irimia. No ano 1986, paradóxicamente é elixida como Presidenta
da CONFER de Galicia, que agrupa a tódolos relixiosos e relixiosas
galegas. A súa presencia seguro que marcará un fito galeguista no
mundo dos/as relixiosos/as en Galicia. Ela mesma fai a confesión da
súa fe cristiá e galeguista:
"Conxuntar misión e realidade
cristianismo e galeguismo no medio de tensións e buscas complexas,
vai configurando o sentido da miña vida e achegándome á miña verdade
persoal. Máis como convencemento que arraiga e abre camiños desde
dentro, que como principio teórico que a priori sabe onde vai. Mais
como froito do Espírito que se recibe coma don, que como obriga
voluntarista a cumprir.
Desde aquí, pretendo que este convencemento vaia enchéndose de contido
no meu vivir cotián. Intento, non sempre o consigo, avanzar sen
cansarme desde a miña lingua materna (o castelán), cara a miña lingua
asumida desde a liberdade solidaria (o galego).
Desde esta experiencia persoal intento tamén poñer os medios para que
este descubrimento penetre nos ambientes nos que me movo. Presentalo
coma Boa Nova potenciadora de fidelidades fondas e non coma lei que
obriga e separa ós que non a cumpren. A miña experiencia nestes anos
no propio grupo da Congregación e no traballo na CONFER de Galicia
confírmame que este é o único camiño eficaz a longo prazo". |
Polo que se refire á situación da Vida
Relixiosa en Galicia, a opinión autorizada de Pilar Wirtz ve signos que
apuntan a algo diferente. "A necesidade da inculturación vaise
introducindo coma elemento importante á hora de vivir a espiritualidade
e a misión". Como factores deste avance, ve Pilar: 1) A nova
situación sociopolítica, que vai rompendo vellos prexuízos sobre o
galeguismo como algo exclusivo dos grupos radicais. 2) Os movementos
eclesiais de base nos que sempre están presentes os relixiosos/as
(Irimia, Encrucillada, Romaxes, Comunidades de Vida Cristiá, Xornadas
de Música Relixiosa de Poio,...). 3) Os grupos de relixiosos insertos
no mundo rural e nos medios populares, que esperta a esta dimensión
galeguista en contacto cos pobres. 4) Algunhas Congregacións con maior
implantación en Galicia, o que supón mellores condicións para
comprender a situación diferencia deste país, animada en moitos casos
polo propio goberno da Congregación. 5) A orientación que nos últimos
anos se está dando á Confer Galicia, elemento concienciador importante
a través das súas actividades, comunicacións, etc.
Con todo, cre Pilar que, desde o realismo "non parece posible
pensar que o colectivo global da Vida Relixiosa poida chegar a ser unha
forza galeguizadora na Igrexa e na sociedade". Aínda que se pode
avanzar nunha triple dirección:
"a) A minoría concienciada pode
irse facendo máis ampla, máis consistente, máis activa...
b) O gran grupo ten un longo camiño por
percorrer (deixar prexuízos, aceptar cordialmente a lingua e
normalizala no posible,...)
c) A Confer de Galicia pode chegar a
xogar nisto un papel moi importante. Nos seus obxectivos, estratexias e
actividades terá que ter máis en conta ás minorías concienciadas,
apoialas, deixarse influír por elas, chamalas a colaborar, etc. E terá
tamén que iluminar e motivar constantemente ó gran grupo: fundamentar
as razóns humano-teolóxicas deste intento, abrir perspectivas,
contaxiar con todo o seu estilo que paga a pena traballar nesta
dirección, etc."
Falar de compromiso galeguista na
Compañía de María é necesariamente falar da realidade dunha
Congregación relixiosa que actualmente ten normalizado o galego nun 80%
da provincia eclesiástica (desde hai uns anos circunscrita tan so a
Galicia, pero deica non hai moito chegaba ata Andalucía e Euzkadi).
Isto resulta particularmente significativo nun colectivo que conta tan
só cun 30% de compoñentes que teñan o galego como lingua materna.
Pola dobre razón de extracción burguesa e porque mesmo esta provincia
conta cunha comunidade en Madrid, nutrida de xente maiormente castelá.
"Houbo que estudialo en serio para chegar a coñecelo e falo máis
ou menos ben", dime outra monxa da Congregación, que conta das
súa clases de galego na Escola de Idiomas.
A galeguización veu parella coa renovación da Congregación polos anos
70 (abandono do molesto hábito, que impedía meterse no pobo, saída
dos conventos para ir a barrios marxinais e ó mundo rural, ...). A
revolución que isto supuxo compre calibrala desde a comprensión da
súa identidade: sempre foron "monxas-monxas", pois teñen
votos perpetuos e solemnes, foron de clausura rigorosa, aínda que non
contemplativas; pois Santa Xoana de Lestonac (a súa fundadora no s.XVI,
que era sobriña de Montaigne) concebiunas como un servicio á
educación. A galeguización supuxo un cambio en aspectos tan
significativos como ter as Constitucións en galego, facer a profesión
de votos en galego, e unha normalización bastante grande do galego nos
colexios, mesmo en Coruña e Ferrol, cidades tradicionalmente pouco
acolledoras do galego.
Finalmente, falar de galeguismo na Compañía de María é falar das
monxas que a forman, e moi particularmente dalgunhas comunidades na
vangarda do compromiso cos pobres. É o caso da aludida comunidade do
barrio de San Lázaro, na que segue Pilar Wirtz. Ou a do tamén barrio
santiagués do Castiñeiriño, onde estiveron Mari Carmen Pablos, a
mesma Pilar e outras que se foron ó rural; e seguen monxas do temple de
Sole González, toledana que fixo a súa profesión dos votos
pioneiramente en galego, e foi unha moi activa militante de EG no
traballo de barrios, estivo na ANPG desde a súa fundación e participou
nas súas manifestacións e reivindicacións populares; e Lola
Barros, e
outras.
Compre falar tamén das comunidades rurais de Dumbría-Buxantes e
Hospital do Cebreiro; na primeira Lourdes Pardo manifesta o compromiso
galeguista na educación e promoción dos labregos desde o Movemento
Rural Cristián Galego, particularmente no traballo realizado coa
mocidade, un traballo tremendamente dinamizador, aínda que co ritmo
lento da realidade rural. Na comunidade de Hospital do Cebreiro, na dura
montaña luguesa, outra irmá de Pilar María Wirtz (que estivo tamén
traballando en Nicaragua cos máis pobres (113)
Actualmente traballa en
Preescolar na casa, un proxecto educativo comprometido
na defensa dos nenos galegos e da cultura galega.), Maquicha Garcia
Agudín e Manola González, manifestan un compromiso co mundo
rural que non é ocasional, pois levan máis de dez anos traballando na
promoción dos labregos, compartindo a súa vida e a súa fe. Non se
pode esquecer a unha monxa singular, militante da nova pedagoxía na
liña da liberación, mestra rural comprometida co nacionalismo galego e
que leva xa varios anos en Nicaragua, entre os máis pobres, Ana Vila,
de Lugo.
Finalmente, hai que falar tamén da comunidade
de As Pontes, da que Moncho Valcarce gozou coa súa amistade. Alí houbo
sempre unha cambiante pero nutrida comunidade, atendendo a realidade
educativa e pastoral da zona: Herminia Estoa, que participou
desde o comenzo nos movementos de galeguización da Igrexa, Charo
Fernández España, de coñecido apelido, que tivo que aprender o
galego e chegou a amalo, María Carmen Saavedra, sempre coa súa
bondade ás costas, Alicia Martínez, que tivo que andar soa de
mestra moito tempo, e outras dúas irmás que finaron nun accidente de
coche Trini Formoso e María Rey.
II. ENGRACIA VIDAL ESTEVEZ, secretaria de Encrucillada
desde os seus comezos, foi monxa do Sagrado Corazón, e, aínda que na
actualidade abandonou esa congregación por motivos persoais que se
verán logo, a súa participación activa nela, nos mellores tempos en
que esta orde relixiosa estaba en punta no compromiso por unha Igrexa
Galega renovada, convírtea nun elemento privilexiado para completar as
afirmacións anteriores.
Engracia Vidal naceu no ano 1930 en Cambados.
Xa de nena achégase á Congregación das relixiosas do Sagrado
Corazón, fai o Bacharelato no seu colexio de Placeres (Marín), e logo
o noviciado. Sal ós 18 anos de Galicia e botará 20 anos fora. Xa como
relixiosa desta orde, estudia Maxisterio en Granada e a Licenciatura en
Historia na Universidade de Madrid; estudios que completará logo cos de
Teoloxía e Pastoral, o que lle dará unha gran preparación para o
labor que desenrolará logo a prol dunha Igrexa Galega misioneira e
comprometida con esta Terra, tal como manifesta nunha colaboración no
libro A crise da conciencia relixiosa no mundo actual (114).
Xa no ano 1972, escribe que aínda que o pobo galego é fondamente
relixioso, precisa dunha evanxelización (misión) para acadar unha
auténtica postura de fe cristiá; ou o que é o mesmo, pasar de bautizado
a cristián crente:
"Para chegar a
unha fe en plenitude, hai que chegar a aceptación da mensaxe
total coa vida. Pero é preciso encher a vida hastra a súa
plenitude para poder recibir a mensaxe da fe. Os primeiros pasos
témolos que dar na liña da cultura, facendo desaparecer do
noso xeito de vida todo o que pode impedir unha aceptación
profunda e verdadeira de Deus... O segundo paso será o
desenrolo persoal e social... Desenrolo que terá que empezar
polo biolóxico ... para chegar á intelixencia e á vontade á
conciencia de libertade e ao seu dereito uso"(115). |
Ela mesma me
conta como se foi entrelazando o seu crecemento na fe e a súa
descuberta e compromiso con Galicia:
"Saín de
Galicia moi nova, sen conciencia do que era nin do que supuña o
galeguismo. Pero levaba a Galicia fondamente gravada. Mesmo a
súa lingua, non era a miña fala habitual, pero érame
coñecida; a xente do arredor, fora da miña familia, falaba. Na
casa oía con normalidade, pois meu avó médico rural xa
velliño usaba a miúdo; tamén cando o meu pai trataba cos
galegofalantes no exercicio da súa profesión; nunca vin
desprezo, aínda que si sabía que diferenciaba as clases
sociais.
Fora de Galicia si sentín que o noso acento non era ben visto e
tíñase coma un defecto ('hablas con mucho acento'). Os
xesuítas eran modélicos porque 'nunca se lles nota o acento do
seu lugar de orixe'. Cando estaba de lectora no comedor, se
viña algunha persoa importante suplíanme por outra que tivera
acento máis castelán". |
Volve a Galicia
en 1970 e o primeiro quinquenio desa década van ser anos dunha febril e
interesante actividade en Compostela, nun período privilexiado.
Primeiro como profesora de Catequética nos cursos do Secretariado
Nacional de Catequese, e logo no Seminario Menor de Belvís, onde foi
chamada polo crego Antón Miramontes, entón Xefe de Estudios; era a
primeira muller que entraba como profesora nese centro (116),
que ata entón só se entendía como canle de formación para
"alevins de cregos", co tempo chegarían a ser tres. Pero,
sobre todo, a súa actividade centrábase na nova Residencia do Sagrado
Corazón da que foi fundadora; era unha residencia para rapazas de
Ensino Medio, preferentemente de extracción rural e sen moitos medios
económicos. É a finais dese ano cando o daquela Delegado de Ensino,
Jaime Rodriguez, preséntalle un cura novo que andaba en moto e que era
"un apasionado del gallego"; non era outro que Torres
Queiruga. Aquela primeira chamada da realidade galega desde posturas de
Igrexa foise afondando de seguida coas Misas en galego na igrexa das
Animas, que celebraban, ademais de Queiruga, X.R. Barreiro Fernández
(logo cura secularizado e catedrático de Historia Contemporánea de
Galicia na Universidade Compostelana) e Rafael Silva (que logo se
dedicaría á librería "Follas Novas" de Santiago).
Engracia cóntame como un momento privilexiado
no proceso da súa conciencia galeguista unha conferencia que tivo que
dar no ano 71 en Pontevedra co tema "O espertar da fe e o seu
desenrolo nos condicionamentos do pobo galego" (aparecida logo no
libro citado):
"Aceptei sen
problemas. Acababa de estudiar Pastoral, e viña ben disposta a
comunicar o aprendido. Despois de quince días entérome de que
ten que ser en galego, para a miña sorpresa. Collo Sempre en
Galiza e, ó rematalo, sáeme a charla escrita en galego,
aínda que fose cos seus erros, nunha lingua na que non podería
ter entrado só coa lectura de Castelao se non estivera moi
dentro de min. Din a conferencia no casino de Pontevedra e foi o
primeiro paso. Os outros viñeron de seu. Nos principios que
desenvolvín sobre a fe xa estaba a necesidade de vivila no
compromiso coa realidade". |
No Secretariado
de Catequese colabora co crego nacionalista Xosé Antón Iglesias, xa
aludido, e outro crego, Pepe Ferreiro, que logo sería cura do
Castiñeiriño, sucedendo dignamente a Antón Vilasó; o galego era a
lingua de uso normal, o que supón un paso máis no proceso. Este
proceso recibiría o seu artellamento teolóxico, en coherencia coa súa
fe, gracias ó grupo de Teoloxía con Queiruga. Elemento importante
sería tamén a participación nos Coloquios, particularmente no VIII
(1971), en Ferrol, no que ela e algunhas monxas máis serían as
primeiras mulleres en participar. "O proceso fíxose xa
irreversible cóntame. O meu compromiso cristián e relixioso tiña
que pasar necesariamente pola encarnación na Terra e a asunción da
súa cultura".
A actividade de Engracia na Residencia do Sagrado Corazón (primeiro en
San Roque e logo, tras da súa partida a Ferrol, na Rúa dos Xasmíns,
onde collería o nome de "A Lareira"), foi decidida desde o
comezo. Charlas comprometidas e en galego, recitais de cantantes como
Bibiano e Benedicto, ... A chegada dunha monxa con apelido estranxeiro,
Tere Mailly, significou un aporte fundamental. "Chegara en Xaneiro
de 1971 de Alemania, e en outubro veu para a Residencia. En segredo
comezou a aprender o galego, pois dábanselle moi ben os idiomas, e no
mes de Xuño, ó remate do curso, sorprendeunos un bo día cambiando de
lingua e falando en galego da mañá á noite".
Certo que Tere Mailly non era unha muller calquera, como manifesta a
súa historia. Só dúas pinceladas. Esta monxa de orixe alemán, que
naceu accidentalmente en A Coruña, e que hoxe está cos pobres de
Africa en O Chad e pasou catro anos en Exipto, foi militante moi activa
da ANPG. Non é de estrañar que, aínda sendo publicamente descoñecida
a súa militancia nas organizacións nacionalistas, cando en 1978 se lle
propón levar a dirección dunha nova revista dos cristiás galegos, Irimia, xunto cunha nova comunidade de monxas que se ía crear en
Sobrado dos Monxes, o arcebispo Suquía presionara ante a Provincial
para que non permitira tal cousa. E non puido ser, pois a fundación
fíxose noutro lugar, polo que non se puido contar coa colaboración da
relixiosa. En 1981, o que isto escribe asumiría tal responsabilidade,
tras dous anos co proxecto parado, por non atopar a persoa adecuada. En
1972, ano dos sucesos do Ferrol, Tere Mailly toma a dirección de
"A Lareira", que compaxina coas clases nunha escola preto de
Santiago. Así fala Engracia da Residencia neses anos:
"Tiñamos a casa literalmente
aberta, non se botaba a pechadura nin pola noite. A nosa apertura
chegaba a todos, de xeito que alí acolliamos grupos que se reunían con
fins relixiosos, culturais e políticos. Alí se xestaron accións
políticas, como manifestos, recollida de firmas, custodia de materiais
comprometedores, manifestacións e asistencia ós detidos, ... Lembro o
día dos asasinatos de Amador e Daniel. Estabamos nunha celebración
coresmal aberta, presidida por Antón Vilasó, cando nos deron a
noticia, que cambiou toda a celebración. A media noite tivemos que
erguernos para acoller a dous cregos que viñan de Ferrol a establecer
contacto cos de Santiago (Anxo Currás e o seu arcipreste, Ladra)". |
Non era este o estilo do resto da
Congregación e pronto xurdiron os problemas. "A simple fala víase
con connotacións políticas". E o grupo foise desfacendo en poucos
anos. Non se pode esquecer o resto das monxas que participaron neste
fermoso proxecto, sobre todo Marta García de Leánez (y Díaz de
Rebordillo!, que ese é o apelido completo...); unha monxa que tras do
seu aristocrático nome agachaba sangue dobremente vermello, e tamén
participaría nos compromisos políticos de Tere Mailly, ademáis de ser
das primeiras en ir traballar o mundo rural. Logo lle comentarían a
Engracia que as cousas na organización nacionalista clandestina
funcionaban co mesmo ríxido ritual e a mesma autoridade indiscutible
que nas congregacións relixiosas de antes.
Tampouco se pode esquecer a outras compañeiras neste fermoso proxecto,
como Amelia Calvo e Pepita Caballero ("que desde o seu andaluz
fixeron o imposible por galeguizarse"), Petro Muñoz, Tere
Tejedor,
Mercedes Cerrada e Matilde Moreno, que militou na ANPG. Cóntame
Engracia un dato revelador, a cerimonia de profesión dos votos de
Amelia, no Outono do 1972, foi na igrexa do Carme totalmente en galego.
Tamén tivo un destacado compromiso galeguista Carmen Cervera.
Engracia seguirá a súa andadura en Ferrol, tras un ano de reciclaxe en
París no INODEP coa pedagoxía liberadora de Paulo Freire. Alí
participará no nacemento de Encrucillada, "con tódalas benzóns
da Congregación e do bispo, Monseñor Araújo". Catro felices
anos, tras os que remata a vida relixiosa de Engracia, pois a nova
Provincial pediulle "dispoñibilidade total para ir a calquera
parte de España", o que supuña a posibilidade de deixar o
traballo en Galicia. Cousa que ela non aceptou.
"Eu entendín que a o meu lugar
estaba aquí. Todo o que eu era e a preparación que adquirira servía
fundamentalmente para Galicia; Encrucillada estaba no seu terceiro ano e
eu era parte do seu motor, asumido co consentimento da Congregación.
¿A que deixala?. Un accidente da miña nai, que contaba 90 anos fíxome
tomar a determinación de vir coidala, e así cheguei a Pontevedra, coa
Encrucillada ás costas, que desde entón ten aquí a sede". |
Hoxe Engracia, que segue fiel a aquela
descuberta de moza, é consciente de que o problema da súa antiga
Congregación non é outro que non ter feito unha verdadeira
encarnación nesta Terra, pois a inculturación e o compromiso foi so
cousa de algúns membros, ou ó sumo dalgunha comunidade: "Placeres
foi sempre a casa forte, a casa grande, e non asumiu seriamente esta
orientación. Galicia dependeu sempre de Madrid, unha gran cabeza de
polbo onde reside o 80% dos membros. As relixiosas con inquedanzas
sociais postconciliares preferiron os barrios da periferia madrileña ou
as misións. Galegas de orixe eramos moi poucas, e a maioría, as de
fala galega, cun rechazo que aínda hoxe non superaron; en parte polo
seu complexo, e en parte porque as superioras non souberon
curalas".
Esta incongruencia é un "misterio" para Engracia:
"Sempre escoitei loubar ás misioneiras, porque ó chegar se
convertían ó xeito do país onde ían, e aquí non houbo nin hai
sensibilidade para facer que os colexios, residencias ou garderías
sexan de, en e para Galicia, en galego". Pero ela quere seguir
sendo fiel ó camiño emprendido de compromiso cristián e galeguista,
na súa Terra. "Nesa tarefa ando aínda, e supoño que non darei
chegado nunca á meta".
III. Finalmente, entre estas monxas de
temple comprometidas coa causa dun Xesús Cristo liberador e dunha
Galicia tamén liberada, compre lembrar a Pepa e Amalia así como a súa
compañeira Manola, irmá de Pepa. Todas elas son relixiosas Doroteas
comprometidas no mundo rural, que viviron no antigo pazo de Galegos
(Ordes). A comunidade veu en 1964 para esta aldea, pois tiveron a
doación do pazo para fundar unha comunidade encargada da educación e a
promoción dos labregos da zona. Por alí pasaron tamén outras monxas
de temple: Remedios e Carmiña Miguélez,... e sobre todo Angelines
García, unha monxa non galega, pero que asimilou o galego e ensinaba en
galego. "Tanto a vías dando clase, como subida a un tractor, como
axudando a parir a unha vaca dinme Pepa e Amalia. O seu compromiso cos
pobres levouna asumir a galeguidade". Actualmente está entre os
pobres de Bolivia.
AMALIA TOMÉ ROCHA naceu no ano 1928 en
Sela-Argo, nunha familia bilingüe (o pai falaba galego e nai, de
familia máis podente, castelán). Entrou na Congregación e estudiou
Filosofía e Letras para dar clases nun colexio. Pero descubriu o
compromiso cos pobres na súa estancia en Perú, no medio dunha
realidade rural, participando en accións con cristiáns comprometidos.
"Chego a Galicia en 1972, e encóntrome con xente que tamén
empezaba a estar comprometida cos pobres, mesmo politicamente, e vin que
eran galeguistas, como Pepa, e iso foi para min unha forte
chamada".
Daquela, unhas compañeiras da comunidade de Galegos lanzaron o proxecto
"A terra para quen a traballa", para repartir as terras da
doación que recibiran entre os labregos-caseiros, que vivían nelas
como colonos. Superando difíciles atrancos xurídicos, lograron
repartilas entre os devanditos caseiros, "vendéndollelas" por
un precio simbólico. "Costoume entendelo, dime, pero na medida en
que o descubrín, comprometinme cos pobres e con Galicia". Mais lle
custou aínda entender o da relación entre o galeguismo e o
cristianismo, e a súa conexión co mundo dos pobres. "Sobre todo,
porque se dicía que iso máis que fe era política. Pero eu vía que as
compañeiras que si o tiñan asumido, facíano desde a súa fe".
Como educadora, foi do máis gratificante para ela ver como os nenos
asimilaban moito mellor en galego que en castelán. "Un día
descubrín que ¡lían todo en galego, mesmo os libros que estaban en
castelán!". Amalia tamén leva moitos anos facendo un traballo
fundamental na administración de Encrucillada, á que chegou por
invitación de Engracia, a suxerencia de Pepa. "Hoxe só vexo o meu
labor en Galicia, desde Galicia e en galego", di con contundencia.
"O tomar parte nestes grupos foi
para min o poñer pe na realidade integralmente. Asumir o que son e
facer máis auténtica a miña fe. Vexo a fe so desde aí, como
liberación dos marxinados da nosa Terra. Mesmo vexo a madurez da xente
para aceptar a fe desde aí".
|
PEPA RODRÍGUEZ
PRESEDO. Naceu en
Meangos-Begondo (1937), nunha familia totalmente galego-falante.
"Non falei outra cousa que o galego ata os 20 anos". Empezou a
estudiar moi tarde, facendo Maxisterio, e decatouse en seguida que a
cultura estaba só en castelán. "Aínda que non reneguei do
galego, tiven que pasarme para case todo ó castelán". Pero as
raíces eran profundas, e por iso dime emocionada que "cando por
fin puiden rezar en galego sentín unha verdadeira liberación gozosa.
Empecei a pensar que podía ser eu mesma desde o fondo".
Cando veu a Galegos en 1980, xa traía unha pequena gran historia de
compromiso cos pobres e co galeguismo, pois traballara coa ANPG nos seus
anos de Santiago. Daquela, a Residencia das Doroteas na parte nova de
Santiago, era un viveiro de cristianismo progresista, servindo de
cobertura en mais dunha ocasión ó movemento dos Cristiáns polo
Socialismo. "A miña descuberta veume polo contacto con xente de
Igrexa que estaba nunha determinada liña, particularmente no grupo de
Teoloxía de Santiago, con Queiruga, Engracia, Pilar Wirtz, Maquicha,
...". Participara nos Coloquios, nas reunións do Castiñeiriño e
na vida dos grupos cristiáns progresistas de Galicia; tamén nos
sindicatos e os movementos de renovación pedagóxica, ... E sentira a
chamada forte ó compromiso no mundo rural galego.
Desta maneira, o compromiso cos pobres e o compromiso con Galicia foi
nacendo nelas complementariamente. "Para min non se pode superar a
fe do compromiso con Galicia, o galeguismo dime Pepa; parécenme dúas
realidades inseparables. A fe cristiá dun galego sen o compromiso con
Galicia está totalmente coxa".
Pero non é esa, desgraciadamente, tal como recoñecen, a realidade
común, nin sequera maioritaria da súa orde relixiosa. "Na nosa
Congregación non ten ningún peso especial o da galeguidade, aínda que
si conta moito na reflexión o compromiso cos pobres". Falar galego
non se asume como un valor necesario nese compromiso cos pobres en
Galicia, sobre todo no mundo rural. Por iso di Pepa con valentía:
"Se non se descubre a necesaria relación da nosa opción polos
pobres co galeguismo, é porque non se está realmente cos pobres, as
afirmación son puramente teóricas. Non se decatan que o galego, a
lingua dos pobres, é unha lingua desprestixiada, o que esixe un
meirande compromiso con ela, se é que queremos comprometermos coa
realidade dos pobres". Non é estraño que estas monxas maduras,
que seguen gustosas na súa orde relixiosa, despois de tantos anos e
tanta historia, conclúan: "Dóenos moito que a nosa Igrexa e a
nosa Congregación non descubriran o compromiso galeguista e non se dean
pasos para progresar niso".
|