1. SEPT, a militancia da
vella guardia: Xaime Isla, Domingo F. del Riego, Alfonso Zulueta, Quico
Dominguez ...
"Eu non son cristián de práctica
relixiosa, pero sentiría moito que Xaime non o fora... Xaime foi
postconciliar antes do Concilio" (Ramón Piñeiro).
|
A frase de Ramón Piñeiro, galeguista a
quen tanto lle debe esta terra, sitúa ben a realidade de Xaime Isla, un
crente galego, cristián postconciliar e progresista, increiblemente
activo e traballador a prol da causa de Xesús Cristo e Galicia, terra e
xente, que merece con toda xustiza o título de militante cristián,
polo seu presente e pola rica historia da súa vida. Militante na
xenuina e mellor acepción desta palabra: o que descubre o devenir da
historia, e á xente que construe esa historia, e se compromete
xenerosamente na súa transformación, desde unha perspectiva utópica
(o que "non é", pero "pode ser") (1)
pero tamén desde
unha análise crítica da realidade. Esta militancia pode ser desde unha
fe no ser humán e en Deus, ou simplemente desde unha fe na capacidad
dos homes e mulleres para construir o seu futuro; no caso de Xaime Isla,
trátase dunha militancia desde a fe en Galicia, nos galegos, en Deus e
no proxecto liberador de Xesús Cristo na Igrexa. Con el, algúns outros
embarcados en numerosas empresas comúns e particularmente no grupo SEPT
(Sociedade de Estudos, publicacións e traballos), do que foi un dos
fundadores.
I. XAIME ISLA COUTO naceu en Santiago en
1916, no seo dunha familia humilde. "O meu pai era un portento de
imaxinación dime na súa conversa, cargada do optimismo e vitalismo
que o caracteriza, cando todo o mundo presentaba contrapostos a Franco
e Stalin, meu pai xa dicía que eran o mesmo". Iso que o seu pai
foi guardia civil, carreira que abandonou para ser visitador médico.
Vai xa de neno a vivir a Vigo e estudia primeiro de bacharelato nos
Salesianos e logo no Instituto.
O galeguismo de Xaime Isla xa ven da súa infancia por influencia do seu
admirado irmán maior, Ramiro, que lle escribía de América. Así o
contaba hai anos:
"El era o máis vello e coido que eu
non nacera cando marchou para América de quince anos. No seu segundo
viaxe levou alá, por encomenda de Vicente Risco, a delegación da
Irmandade Nacionalista Galega. Fundou a revista Terra, versión emigrada
de Nós..., traballou no periódico A fouce defendendo o nacionalismo
máis arriscado con plantexamentos sociopolíticos de esquerda... Foi o
pioneiro do galeguismo político nas Américas...
Con 9 anos escribinlle ao meu irmán a miña primeira carta, en
castelán, e el respondeume en galego dándome azos para que empregara a
nosa lingua na correspondencia entre os dous"(2). |
"O mellor
tesouro que teño é a correspondencia co meu irmán Ramiro, que me
mandaba cartas falando de todo", dime. Ramiro foi quen o iniciou na
cultura galega e púxoo en contacto cos galeguistas daquí,
particularmente por medio de Anxel Casal, editor de Nós. Xaime
conserva un libro de Blanco Amor coa dedicatoria: "O nacionalista
máis noviño de Galicia". En A fouce publicaría os seus
primeiros artigos. Xa no Bacharelato formaba parte dunha asociación
cultural que se sumou ás "Irmandades da Fala" na Asemblea de
A Coruña e participou na creación do "Grupo Autonomista
Galego" de Vigo, que había rematar logo no Partido Galeguista.
"Eu ía as reunións preparatorias de pantalón corto co meu
pai". Xaime Isla foi moi cedo galeguista e republicano: "Tiña
eu quince anos e proclamei a República no Instituto o mesmo 14 de
Abril, horas antes de que sucedera en Madrid". Nos anos da
República participa na fundación das "Mocedades Galeguistas"
con menos de 20 anos, nas que chegará a ser secretario de
organización e na "Unión Galega de Estudantes". Forma parte
dos equipos de traballo do Seminario de Estudos Galegos. E nesto chegou
a Guerra Civil:
"Vinte anos tiña eu, acugulados da
máis pura e rica vivencia galeguista... Meses antes no grupo das
Mocedades Galeguista de Pontevedra, baixo o rubro de Orde Nacionalista
de Avanzada preparáramos un inquérito enviado ás figuras egrexias do
galeguismo... No mes de xuño fundáramos a Unión Galega de
Estudantes.
Na campaña pro-Estatuto participabamos por aquelas datas toda unha
xeración de oradores noviños e lembro que nas mesmas vésperas do
plebiscito fixen eu a presentación de todos os persoeiros do Frente
Popular eiquí, en Vigo...
A guerra tronzou moitas vidas de irmáns e amigos"(3) |
"Tras da
Guerra Civil, que foi un machadazo para tódalas nosas esperanzas,
tivemos a forza de remontar aquilo e coller o legado dos vellos
galeguistas, para transmitilo ás nosa xentes", dime. Xaime Isla
fixera os estudios de Maxisterio nos anos da República, pero as
depuracións do Réxime (foi expedientado) impedíronlle exercer de
mestre ("Condenanme por roxo separatista, cando xa na República
defendera a concepción católica no tribunal de Reválida da
Normal"). Entón fai a Licenciatura en Dereito, enfocando os seus
estudios cara ó eido da economía, "polo camiño de Lois Peña
Novo, que me influíu moito"(4), tal como me comenta na súa
conversa, na que nombra repetidamente a Gallástegui, que soubo valorar
o labor do labrego galego. Máis adiante fará o Doutoramento en Dereito
e en Económicas. Exerceu a avogacía e a docencia na Escola de
Inxeneria de Vigo e na Universidade de Santiago; foi asesor de varias
empresas e director da Revista de Economía de Galicia desde a que
manifestou os primeiros postulados da economía galega da postguerra,
que xa empezara nos Cadernos Grial (5); tamén dirixiu máis adiante a
Revista Galega de Estudios Agrarios. Os seus libros foron tamén
fundamentalmente no eido da economía (Economía e sociedade en
Galicia, 1958-1967, Introducción á economía galega de hoxe, Construir
Galicia). A súa paixón cando fala deste tema, é aínda hoxe case tan
forte como cando fala de política, de cultura ou do seu compromiso
cristián.
"Repensar
Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia. E non so como
cultura, como fin, como creación colectiva de valores, senón
como economía, medio ou base da nosa supervivencia e
desenvolvemento material, e como política, ou vontade e acción
liberadora no dobre sentido de acadar o recoñecemento dos nosos
dereitos e poderes propios de pobo diferenciado e de subordinar
ou encamiñar aquela base material á organización dunha
convivencia social máis xusta e á radicalización final
daqueles valores culturais"(6). |
A vocación
política de Xaime Isla séguese manifestando nos anos da
clandestinidade e da democracia. Busca un nacionalismo non marxista (7)
Por exemplo, a idea marxista da explotación aquí habería que referila
no noso caso á estructura enteira da comunidade e non a un elemento
dela... como é o proletariado urbán". (paxs. 175-176), pero que
el rexeita chamar "nacionalismo de dereitas". E faino en base,
precisamente, ó seu compromiso constante de cristián, cun claro
enraizamento no persoalismo de Mounier:
"Eu denunciei
sempre, e mesmo combatín con carraxe, a confusión da Eirexa co
Poder neste país durante moitos anos, o vencellamento da
relixión na política. Por eso abandonei a Acción Católica
despois de ter traballado ardidamente nos tempos difíciles
participando en experiencias tan fecundas como o agromar do que
foi máis tarde a HOAC (gardo unha lembranza inesquecible daquel
fundador que foi Rovirosa)... Quixen adicarme en solitario (en
soedade total, prolongada e ingrata, dadas as estructuras
coloniais da Eirexa na nosa Terra) á loita por un futuro
post-conciliar anos antes do Concilio.
Non quero falar da dereita, porque o termo lembra unha chea de
cousas contra as que sempre loitei. Eu penso que máis ben
habería que falar dunha nova esquerda que enriqueza e
contrapoña dialécticamente a concepción marxista do home
cunha concepción ética cuia referencia última é de raíz
cristiá e humanista no noso mundo, ao xeito da revolución
persoalista e comunitaria do francés Mounier...
A min o que me preocupou sempre foi Galicia como país. E xa
como cristián que son, preocupoume de sempre o divorcio grande
entre a Eirexa e Galicia e as realidades galegas"(8). |
Esa concepción
política pensaba Xaime que se podía encauzar por unha especie de
partido social cristiano ó estilo da democracia cristiá de Ruiz
Giménez, pero enraizada en Galicia. Foi o que deu orixe ó extinto
Partido Popular Galego, que se íntegrou na democracia cristiana de Gil
Robles e Ruíz Giménez (Izquierda Democrática), e ó que o actual PP
lle roubaron as siglas e puxeron outra cousa no seu lugar, como conta
alporizado. Aínda que se presentaron as primeiras eleccións
democráticas co Partido Galego Socialdemócrata, o fracaso electoral
foi grande; cousa que Xaime Isla analiza dicindome que "Os nosos
cronistas políticos, influidos polos radicalismos ideolóxicos dese
tempo, apenas prestaron atención ós valores e propostas
anovadoras, progresivas e participadoras daquel proxecto". Así llo
dicía hai anos a Freixanes:
"Observamos un
desfase entre as minorías fortemente politizadas nun galeguismo
moi á esquerda e a insensibilización de grandes sectores da
nosa realidade sociolóxica dominados por unha mentalidade
tradicional, inertes ou reticentes... A filosofía cristiá pode
ter solucións ahí. Pensemos, por exemplo, na clase media, que
está absolutamente desgaleguizada... Penso tamén nos grandes
sectores do campesiñado... A extrema esquerda... en certos
sectores da clase media está a provocar reaccións contrarias
de oposición, de tal xeito que se tende a identificar extrema
esquerda ou estratexia de extrema esquerda con galeguismo"(9). |
Xaime vencella
estes plantexamentos ó nacemento, en 1965, da editorial SEPT, que se
definiu desde o comezo como cristiá e galeguista, nacendo como canle
para a publicación de materiais teolóxicos, pastorais e sociais para
esta nova Igrexa Galega, como se verá logo. Xa participara en 1950 na
fundación da editorial Galaxia e da súa revista Grial.
Presidente
de Xusticia e Paz de Vigo e da Comunidade de Vida Cristiá
e Presidente do Instituto Galego de Estudos Comunitarios, de
clara matriz cristiá ...
Os seus premios veñen marcados polo seu compromiso cristián e
galeguista militante: Memorial Juan XXIII (1986), Medalla de Castelao
(1987), Premio Trasalba (1992).E é membro numerario da Real Academia
Galega.
A conexión
cos galeguistas cristiáns xa lle viñera pouco despois da Guerra Civil,
mediante "Labor Galega", e persoas como Iglesias Vilarelle e
Filgueira Valverde que fixeran nos tempos da República a revista Logos.
"A Iglesias Vilarelle débolle a miña volta ó catolicismo, tras
da crise xuvenil". Pero Xaime Isla quéixase do posicionamento
tomado posteriormente por Filgueira:
"A cousa de
Filgueira é triste, pásalle como a algún outro, que son un
pouco suicidas de si mesmos, matou algo que foi valiosísimo
nel, o contacto cos mellores galeguistas, aínda que o recuperou
en parte despois. Tratou de nadar por riba dos acontecementos e
perdeu a fondura do que foi máis fundamental na súa vida. Pero
fun eu mesmo, que tiven problemas con el a raíz das súas
posturas na Guerra, o que fixo o seu eloxio en Trasalba". |
Ese contacto e a
lectura de Maritain (a quen escoitou nunhas charlas que deron orixe ó
libro deste pensador católico francés: Humanismo integral)
levouno a recobrar a súa fe de neno, medio apagada na adolescencia. Nos
seus anos mozos chegara a formar parte dun grupo no Instituto que se
chamaba "Nin amo nin Dios", aínda que ía a clase de
Relixión; tivo que aturar un consello de disciplina por pitarlle ó
bispo. "Pero foi tan só a febre da adolescencia", dime. Xaime
Isla foi republicano, pero tamén cristián.
No ano 1939,
nunha reunión analizando cuns amigos o desastre do triunfo do fascismo,
Xaime Isla fai esta reflexión: "Temos que realizarnos no fracaso,
a pesar da morte do galeguismo". O traballo fíxose sobre todo
desde o labor en Deus Fratresque Gallaeciae, con Iglesias
Vilarelle, Fontenla Méndez...; grupo que se refixo formalmente a
comezos dos 50. Na casa de Iglesias Vilarelle realizaban celebracións
paralitúrxicas en galego, oracións, tradución de lecturas
evanxélicas... Alí se puxo a andar todo o proceso de primeira
galeguización da Igrexa. Fixeron mesmo algún misaliño galego manual
(feito literalmente a man). En 1950 xa multicopian en Pontevedra o texto
galego das resposta á Misa dos fieis, e mándase ó arcebispo Quiroga
solicitando o Imprimatur definitivo, pero tal aprobación non chega ata
1963, no que se edita a traducción do Ordinario da Misa
(10)... Logo contarían coa axuda de curas tan excepcionais como Xaime
Seixas. Pero daquela Xaime Isla aínda que se tería que casar en
castelán, por non atopar un cura que o fixera en galego.
De todo xeitos, nesta loita polo galego na
liturxia, Xaime Isla recoñece que non se lle pode botar toda a culpa á
xerarquia e ós cregos, senon tamén á mesma xente e á lentitude da
dinámica dos procesos de cambio fondos: "A Igrexa non pode coller
un home cheo de condicionamentos históricos e sociais e convertilo nun
paradigma do futuro". Iso queda reflexado na polémica suscitada
desde o semanario católico Galicia social, no que tamén
Xaime Isla traballara
na súa formación polos ano 60, con seccións claramente galeguistas e
cun pensamento social cristiano. "Empezamos a publicar o Evanxeo
cada semana e cousas sobre a liturxia en galego, e choveron as cartas en
contra"(11). Tiveron unha liberdade relativo polo feito de que ó
ser unha publicación da Igrexa non se tiña que someter á censura.
Xaime Isla metérase nos anos anteriores en Acción Católica, pero
terminará por deixala polas súas posturas pechadas, sobre todo
respecto do galeguismo; cando en Euzkadi e Cataluña, xa tiñan isto
máis asumido. O que lembra como máis auténtico eran os grupos da
HOAC. Non quixo entrar, en cambio, na Asociación Católica de
Propagandistas. Pero si lembra como algo moi importante as
Conversacións Internacionais Católicas de San Sebastián, unha
experiencia que durou varios anos; contame que aquelo era "unha
especie de luz nova que nos chegaba de Francia".
1965, Ano Santo compostelano, foi o ano da
clausura do Concilio Vaticano II que revolucionou moitas cousas na
Igrexa, foi tamén o ano da primeira Misa integramente en galego; pero a
Igrexa oficial seguía ben indiferente á realidade cultural do país,
particularmente no terreo litúrxico. En Xullo redáctase o programa
fundacional de SEPT, que manifesta como finalidades concretas:
"A edición, venda e difusión de libros, revistas e demáis
publicacións de carácter relixioso ... a promoción de toda clase de
traduccións, estudios e traballos complementarios"(12). Martiño
Montero comentaba anos despois: "SEPT virá suplir durante anos a
inoperancia da Igrexa oficial respeito das publicazóns en galego,
mormente litúrxicas"(13) . Así llo contaba Xaime Isla a Freixanes
dez anos despois:
"Creamos arredor
do ano 1965 a editorial SEPT pra sensibilizar, precisamente a
gran masa cristiá encol da problemática e as reivindicacións
concretas da terra en todos os sensos, cultural, relixioso,
económico, político, etc. Era unha laboura difícil, longa
sensibilizadora, como tantas outras que neste senso se levaron
adiante no país...
A gran loita pola liturxia vernácula que entrañaba tamén
unha pastoral vernácula foi unha loita política, entendida no
seu senso humán e de verdadeira política cristiá. Nel tivo
SEPT e o seu entorno un papel moi importante"(14). |
"Eu había
anos que fixera un proxecto que lle leváramos ó cardeal Quiroga"(15). Os seus fundadores foran: Domingo Fernández del Riego, Fontenla
Méndez, Alfonso Zulueta, Isidoro Millán, Camilo Nogueira, Giménez
Bascoy... E contaron co apoio incondicional de Ramón Piñeiro. Domingo
del Riego fora da xuventude católica nos anos da República e coñecía
ó mesmo Tarancón, polo que tivo un papel fundamental na súa
aprobación, deixando as súas responsabilidades no Colexio
Farmacéutico de Vigo para dedicarse completamente ó proxecto.
Actualmente o seu proxecto máis querido é o Centro
de Cristianismo e Cultura, que funciona xuridicamente como
"Fundación Xaime Isla": "É o resultado da miña
experiencia vital". Esta fundación ten tres principios básicos:
1) Crear unha biblioteca interdisciplinar en colaboración coa
fundación Penzol (ciencia, cultura, filosofía, teoloxía,..) 2)
Creación dunha conciencia comunitaria a través dun Instituto Galego de
Estudios Comunitarios 3) Inculturación relixiosa dos valores galegos,
co convencemento de que a nova sociedade terá que recuperar os valores
relixiosos. "Os valores relixiosos son os que terán que
reconstruír o tecido social", dime Xaime.
Para rematar, compre dicir que este home de
primeira talla intelectual, memoria viva do galeguismo máis cristián,
é tamén catequista da mocidade na parroquia de Raxó, preto de
Pontevedra. Está integrado completamente na súa comunidade parroquial,
e conta orgulloso como o queren e como se entende cos rapaces do seu
grupo.
II. DOMINGO FERNANDEZ DEL RIEGO (1916-1978) farmacéutico de Vigo
que foi o primeiro secretario xeral da Mocidade Galeguista de Santiago e
activo militante do movemento católico universitario nos seus anos de
estudiante universitario, o seus galeguismo e o seu compromiso cristián
foron un camiño progresivo toda a súa vida. O P. Seixas, de quen foi o
seu colaborador máis estreito, non dubida en dicir del:
"A Igrexa galega
naceu e medrou en boa parte nunha farmacia, na de Domingo
Fernández del Riego, na rúa do Principe" (16) |
Casado cunha
irmá de Xohan Ledo, o que foi moitos anos o gran diseñador de Galaxia,
o derradeiro tramo da súa vida adicouno a atender exemplarmente á súa
muller, afectada do mal de Alzheimer. Fundador da Cooperativa
Farmacéutica de Vigo, presidente do Colexio provincial e membro do
Consello nacional, exerceu un verdadeiro liderazgo no seu campo
profesional. Pero non só, como recoñece o seu vello amigo Xaime Isla,
Domingo acada pronto, tamén, un gran prestixio persoal e social, que se
suma ó seu prestixio como profesional.
O que fai
poñer nel parte das esperanzas galeguistas.
"Despois do
Concilio Vaticano II, Ramón Piñeiro e máis eu falamos con
Domingo facéndolle ver a necesidade que Galicia tiña del para
intervir de xeito decisivo e eficaz na etapa de concienciación
anovadora que se abría para a Igrexa na nosa Terra, dada a súa
vella militancia cristiá, o seu galeguismo e as súas
cualidades persoais.
A súa resposta non puido ser mellor, asumindo un compromiso e
entrega totais e fecundos, que non abandonaría no resto da súa
existencia. No prolongado e azaroso camiño que seguimos, sempre
contamos coa súa presencia, iniciativa e xenerosidade, sabendo
implicar a outros amigos". |
Este último
aspecto parece ser un dos máis sinalados en Domingo del Riego: o seu
tesón para ir comprometendo a amigos e coñecidos no compromiso
cristián-galeguista. Participou na xestión que se fixo ante a
Compañía de Xesús, para que o P. Seixas puidese permanecer de
liberado en Vigo traballando na obra galeguizadora da Igrexa que levaban
a cabo. Tivo tamén unha especial participación na súa Comunidade de
Vida Cristiá e na fundación do coro "Ondas do Mar de Vigo"(17)
e na galeguización da liturxia en parroquias de Vigo e a bisbarra, pero
tamén por todo Galicia. Foi un dos primeiros asinantes da fundación de
SEPT, como se dixo, e na súa xestión ante o cardeal Quiroga Palacios.
"Coa linguaxe
nace o home como tal.. Un idiona é o medio peculiar a traveso
do cal unha comunidade humá se comunica e expresa a súa propia
persoalidade colectiva... A lingua galega é a creación
colectiva do noso pobo campesiño e mariñeiro, dos
traballadores, das clases máis pobres do país... Secularmente
despreciada polos notables, desasistida de estímulos altos ...
Cando Igrexa decideu entrañar a liturxia nas linguas
vernáculas ... nós quixemos, aquí, na nosa Terra,
convertirnos nos voceiros da Boa Nova e en servidores ou
xornaleiros da súa realización. E así, ano tras ano, foron
moitas as Misas iniciales ou fundacionales da liturxia en
galego, nas que tivemos a honra e a ledicia de participar coas
nosas voces ... O redor destas eucaristías formáronse
de¡verdadeiras comunidades fundidas pola conciencia de celebrar
a Palabra na lingua de expresión orixinal e común"(18) |
Tampouco se pode
esquecer a súa participación na reconfiguración das forzas políticas
galeguistas opostas ó franquismo; participación que fixo desde o
Partido Galego Socialdemócrata (PGSD) cos seus vellos amigos Fontenla
Méndez e Pousa Antelo, e outros máis novos (Alfonso Zulueta, Xosé
Manteiga, Quico Dominguez, Moncho Barral, ...). O fracaso electoral foi
grande, como se apuntou. Cousa que non semellou aflixilo moito, como
conta Xaime Isla:
"Domingo como
caseque tódolos seus compañeiros de aventura carecía de toda
cobiza de medro político, polo que el sentía máis ben noxo. O
seu compromiso era co País, asentado e condicionado por un
profundo senso de responsabilidade ética. Por iso, a querencia
máis entrañable da súa acción foi a de apoio, axuda e
colaboración á obra do P. Seixas e a Comunidade de Vida
Cristiá por el fundada. Para todos os que andabamos ó seu
redor, Xaime Seixas e Domingo del Riego eran son dous santos
familiares; santos da Igrexa galega. Eles, con exemplo de
cristiá humildade, aprendéronos a nós a ser formigas de Deus
na nosa Terra, como lle gustaba dicir a Domingo". |
III. ALFONSO ZULUETA DE HAZ é
outro persoeiro fundamental de SEPT, presidente desde hai anos da
editorial. Naceu o ano 1924 en Vigo, onde exerceu de notario nos
últimos anos. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago.
Ademais de SEPT é conselleiro de Galaxia, vicepresidente da Fundación
Penzol e membro do Seminario de Estudos Galegos, da Fundación Castelao
e do Consello da Cultura Galega, e colaborador de moitas entidades
máis. Entre elas compre destacar pola súa significación social a
Asociación Xoán XXIII para deficientes psíquicos, e a Fundación
Tutelar Galega Sálvora, para menores con problemas (cousas que,
confesa, lle reportan unha gran gratificación persoal).
Tamén andou na política galeguista, como
membro fundador e logo presidente do extinto PGSD, en 1974, con Domingo
del Riego , Manteiga ..., tal como se dixo; colaborando logo na
refundación do Partido Galeguista e participando nas famosas
Conversacións do Hostal para a reelaboración do Estatuto de
Autonomía.
Alfonso Zulueta é de familia de fala castelá.
Por riba, estivo traballando na Serranía de Ronda (en Gaucín, onde
fundou un Patronato de Educación e Cultura, que foi de gran axuda na
promoción da xente para sair do paro, o gran problema andaluz). Cando
volve para Galicia, a Marín, é cando descubre a realidade do galego,
como problema, no contacto cos paisanos e cos problemas de Galicia.
"Espértase en
min unha ambición por coñecer a realidade de Galicia, que non
me ensinaran de pequeno, vivindo de costas a esa realidade. Aí
empezan as miñas vinculación co galego, unidas á actividade
política clandestina pola relación con Domingo Fernández del
Riego, Fontenla Méndez, Manteiga, Xaime Isla, Quico
Dominguez...Todos fixeron que a vinculación con Galicia fora
moi forte nun coñecemento fondo da realidade galega". |
"Galicia é
a situación concreta, particular, desde a que eu teño que ollar o
mundo". Perspectiva universal si, pero relación particular con
Galicia. "Non se pode ser verdadeiramente universal sen ter unha
clara conciencia de particularidade, das propias fronteiras", dime.
¿Cristianismo e galeguismo? A resposta de Zulueta é clara.
"A mesma
pregunta é froito de certa anormalidade que existe neste país,
porque se o país fora normal, o lóxico sería que un cristián
que tivera unha preocupación verdadeiramente cristián fora
naturalmente galeguista, como defensa da cultura na que está
encarnada a súa fe. A realidade contrasta con esta idea. Pero
hai que ir evolucionando dentro do cristianismo para que a
harmonía entre cristianismo e galeguismo non sexa algo
excepcional, senón algo natural.
Pero natural sobre todo desde o punto de vista espiritual e
cultural, pois desde o punto de vista ideolóxico e político
pódese militar en moitos campos; pero sempre un cristián
galego debe ter unha vinculación galeguista." |
Zulueta precisa
aínda máis. El sabe que a mesma idea de "cristianismo" pode
ser ambigua, non só na vivencia senón na mesma concepción. Por iso
sabe que non pode ser cristián sen Igrexa, a pesar de tantas cousas
desta que non lle gostan:
"Síntome
encarnado nunha Igrexa. Son católico e practicante, aínda que
crítico. Creo que non se pode abandonar o barco, como dicía o
teólogo Hans Küng, hai que estar dentro do barco. Hai cousas
que podemos e incluso debemos criticar, pero debemos permanecer
no barco, a pesar das incomodidades. A loita limpa por uns
ideais hai que seguila facendo dentro do barco da Igrexa. Con
tódolos problemas que me poida causar, hai que permanecer nesta
Igrexa que é o Pobo de Deus". |
Máis aínda,
non lle molesta a verba "catolicismo", aínda que é
consciente que está moi vinculada a unhas posturas reaccionarias e
autoritarias, que distan moito da súa concepción do ser cristián.
"Eu síntome católico na verdadeira acepción da palabra, co
sentido de apertura".
"Non debemos
darlle unha connotación negativa á verba católico. Hai
unha concepción católica da vida que é unha concepción
enormemente fecunda e non limitativa, pois é unha concepción
cristiá auténtica". |
Pero, Zulueta
láiase de que a Igrexa xerárquica galega no soubo acoller ós
galeguistas cristiáns, como a catalana, e mesmo tivo un receo respecto
do galeguismo. "Agora pode haber máis ou menos simpatía, pero non
pode haber o receo que houbo anteriormente". Por outra banda,
Alfonso Zulueta recoñece que o problema da secularización do
galeguismo é o mesmo que o da secularización da sociedade, non é algo
particular de Galicia. "Non hai atrancos insalvables na Igrexa de
agora para que un galeguista atope o lugar onde expresar a súa fe. Cada
vez é máis fácil poder ser un cristián galeguista. Vaise dando unha
progresión neste punto, aínda que quede moito por recorrer".
Se hai unha Igrexa que non valora
suficientemente o galego, tamén "hai unha miopía incrible por
parte de certos sectores do galeguismo con respecto do que fan moitos
cristiáns nesta mesma Igrexa", di. Así, o caso da Biblia en
galego, que para alguén foi "o feito cultural galego máis
importante deste século", e recibiu como recoñecemento o Premio
Nacional de Traducción, "esvara totalmente dos grandes cenáculos
que reparten premios en Galicia". Quizá porque "hai un
fundamentalismo das ideas que é máis grave que o fundamentalismo das
crenzas", dime Zulueta. "Algúns cenáculos, pensando que a
edición da Biblia en galego é tan so unha cousa relixiosa rexeitaron o
feito cultural de primeiro orde da aparición da Biblia en galego".
IV. Outro home que compre lembrar especialmente na militancia dos
laicos cristiás e galeguistas hoxe, e que ten tamén un papel destacado
en SEPT, como xerente da editorial, na mesma Comunidade de Vida Cristiá
de Vigo, en Badal, e en todo o referente á Igrexa
Galega-galeguista é QUICO DOMÍNGUEZ. Naceu no ano 1944 en
Ribeira, no seo dunha familia galegofalante, pero pouco relixiosa, e
mesmo "un pouco anticlerical", dime. O seu pai foi outro dos
mestres depurados tras da Guerra Civil, como consecuencia da súa
actividade política, e morreu cando Quico era moi novo. Isto fai que
teña unha infancia dura, pero tamén lle serve para ser moi sensible
ante a inxustiza, e mesmo para ir medrando nunha fe madura e socialmente
comprometida. Desde a súa mocidade estivo metido en movementos
cristiáns. Estudiando e traballando simultaneamente, fai o Bacharelato
en Ribeira, logo Perito industrial en Vigo, onde se integra na XEC,
chegando a ser presidente diocesano; mediante a Revisión de Vida, vai
madurando nunha fe comprometida na acción sindical e política. En 1965
vai facer os estudios de Inxeñeiro Industrial a Bilbao, onde colabora
activamente co galeguismo mediante a relación co Centro Galego de
Baracaldo e a casa de Galicia de Bilbao, volvendo a Vigo no ano 1970.
Polo ano 1964, Quico Dominguez coñece a Xaime
Illa, catedrático na Escola de Peritos de Vigo, que lle regala os seus
primeiros libros galegos, e o invita a entrar na corrente do galeguismo
cristián. "Aquel compromiso galeguista e cristián a un tempo era
o que eu estivera sempre buscando". Quico recoñece tamén o
influxo de Domingo Fernández del Riego no seu compromiso por este
camiño: "Unha persoa excepcional polas súas condicións de
humanidade e acollida. Cristián e galeguista de toda a vida".
O primeiro traballo de Quico Dominguez nesta nova militancia será
recoller firmas en apoio dun escrito no que se solicitaba dos bispos
galegos a a probación do galego como lingua litúrxica. Coñece logo ó
P.Seixas, que viña no ano 1965 da América e colabora con el na
fundación da Comunidade de Vida Cristiá (da que é hoxe o secretario)
e o coro de obreiros "Ondas do Mar de Vigo". Desde 1971 irase
incorporando tamén ó traballo de SEPT, que presidía Xaime Isla, e
pasaba por unha etapa de baixa actividade, pero pouco a poco vai
recobrando o seu ritmo co mesmo Quico e con Alfonso Zulueta; foron os
anos da aparición do Novo Testamento e Biblia en galego.
A súa preocupación social plásmase, entre
outras cousa, na fundación da Escola de Formación Social de Vigo con
Federico Fierro, nos últimos anos do frnaquismo. O seu obxectivo era a
formación laboral, sindical, política e social nos turbulentos anos da
transición. Entre os seus traballos destaca un extenso estudio sobre o
proxecto de Estatuto de Autonomía, no que colaborou activamente Quico e
que viu a luz na revista Encrucillada (19) e recibiu o Premio
Fernández Latorre aquel ano. No eido político, foi secretario de
Organización do PGSD, e logo ocupa o mesmo posto no refundado Partido
Galeguista, indo nas listas de Unidade Galega nas eleccións xerais.
E finalmente, compre falar da súa
participación na folla dominical Badal, para as celebracións en
galego. Foi un dos seus fundadores en 1987, e colabora moi activamente
nela ata hoxe, con gratuidade, voluntariado e amor á Galicia e á causa
de Xesús, como o resto do equipo. A folla síntese continuadora do
labor do equipo de homilías comezado polo P.Seixas a comezos dos 70,
que logo tería continuidade no traballo de Boa Nova, de Ferrol.
"A miña
sensibilidade cara ás inxustizas, o meu espírito de rebeldía
comtra o menosprezo que hai cara ós valores galegos, sumados a
unha sensibilidade cristiá que foi madurando cos anos,
fixéronme moi sensible á un cristianismo comprometido no
galeguismo. Hoxe considero claramente que non se pode ser un bo
cristián en Galicia sen apostar polo galego; pois o
cristianismo é unha relixión comprometida contra a inxustiza,
e a meirande inxustiza que se da en Galicia é o non
recoñecemento da identidade propia de Galicia. A liberación
dos galegos ten que chegar necesariamente pola dignificación do
noso, e sentirnos máis auténticos, realizándonos como pobo
galego. Isto é o que a min me chama constantemente: Hai que
traballar por un mundo mellor nun proxecto de liberación
persoal e comunitaria. Nesto quero ser moi radical". |
¿E o conflicto?
Quico víveo tentando transformar a Igrexa desde dentro, aínda que
sempre foi moi crítico co clericalismo eclesiástico, e coa
Institución en xeral, e cústalle entrar aí; pois reivindica un xeito
de ser Igrexa no que os leigos teñan un protagonismo e unha capacidade
de decisión efectiva. Iso é o que vive na súa comunidade cristiá, na
que non lle costa sentir a presencia de Deus como compañeiro no camiño
dun mundo novo.
V. Aínda compre lembrar, finalmente, a outros contemporáneos de
Xaime Isla. En primeiro lugar a un compañeiro de proxectos durante
moitos anos, particularmente nos anos máis duros da Guerra
"Incivil" como gosta de chamala e da posguerra, XOSÉ LUÍS
FONTENLA MENDEZ, que foi membro do Seminario de Estudos Galegos e
presidente da Mocidade Galega Católica (20) Nunha das cartas a Guerra
Campos, tras manifestar, entre outras
cousas, que "cremos que pra maioría do país que fala galego é
mester o uso do idioma a fin de que participen activa e conscientemente
nos actos relixiosos", conclue expresando a súa motivación:
"Quero participarlle que as nosas actuacións son debidas a unha
fonda preocupación por tódolos problemas que aqueixan ó catolicismo
no mundo e á responsabilidade que como católicos e como galegos
sentimos todos", e tivo o privilexio de estar presente no Consello
de Guerra que condenou a Bóveda ("A serenidade de Bóveda foi
impresionante dime, non a esquecerei endexamais"). Nacera en
Pontevedra no 1915 e achegouse ó galeguismo empuxado por Filgueira
Valverde; estivo primeiro en "Ultreya"(21) ¡toda Galicia vai
nela! ..." e logo en "Labor Galega" (Sánchez Cantón,
Iglesias Vilarelle, ...), "Deus Fratresque Gallaeciae"
(organización na que colaborou facendo os Estatutos), e en Logos, como
todos eles.
"Eramos católicos e galeguistas
dime. Catolicismo e galeguismo parecíame a mesma cousa. Por iso
pensaba que era absurdo que a bandeira do galeguismo a levaran as
esquerdas. Pola contra, o fascismo parecíame anticatólico, aínda que
moitos católicos simpatizaran con el; sempre tiven medo del, creo que
non me mataron porque tiña dous militares na casa, pero ameazar si que
me ameazaron. O franquismo había que borralo da historia.
Cando fundamos 'Deus Fratresque' pensabamos ¿Por que non nos reunimos
os católicos para refacer a nación galega?. Por iso, a medalla tiña a
lenda:'Pola fe dos nosos pais'.
O gran fallo da República foi o seu ataque á relixión. Iso foi unha
estupidez, e crearon un ambiente de división entre xente que traballaba
xunta, como eran os galeguistas. Eu vin que os perseguidos eran os
católicos e púxenme claramente ó seu lado. Pero xa o dicía o meu
pai: Neste país, ou te fusilan por ir a Misa, ou te fusilan por non
ir." |
Xosé Luís Fontenla aínda pensa hoxe:
"A bandeira da redención de Galicia debía levala a Igrexa.
Galeguismo e cristianismo debían estar intimamente vencellados en
Galicia. Ademais, o Evanxelio ten que levar a defender ós máis
perxudicados, e quen máis prexudicado está en Galicia é o mesmo pobo
galego". Sen embargo, está moi desencantado do papel xogado pola
Igrexa, polos curas. Pero non tanto como para abandonar o barco.
De feito, tivo un papel moi activo no proceso de galeguización da
Liturxia, na primeira elaboración de materiais (fixo un dos primeiros
ordinarios da Misa en galego), desde a Mocidade Galeguista Católica e
desde SEPT. Participou activamente no debate sobre o galego na liturxia,
recollido no libro de Caamaño e Pampín (22). Tamén foron famosos os seus
comentarios evanxélicos en galego no xornal La Noche. Hoxe está máis
afastado, pero segue sendo galeguista de corazón e cristián
practicante.
E tamén a MANOLO BEIRAS GARCIA (Santiago
1904), que foi concellal galeguista e fundador do Patronato
Rosalía de Castro, participando xa en 1932 na primeira Misa de
Rosalía, pola que traballou ardegamente para que fora canto antes en
galego. Recibiu merecidamente hai poucos anos a medalla de Castelao, e
outros premios pola súa fidelidade á causa galeguista. É un fervente
e militante cristián. Contame con emocionadas verbas o que para el
representan o galeguismo e o cristianismo:
"O galeguismo
prendeu en min xa de moi mozo. Andados os anos, cando a
introducción do galego no culto católico por medio da Misa en
galego, comecei a profundar libremente neste feito da radical
presencia da Palabra de Cristo dentro dun contexto xeográfico,
social e cultural; un contexto radicalmente humán, que nos fixo
meditar desde una postura radicalmente galega, como o
cristianismo é aquí galeguista na súa esencia". |
Máia aínda,
comentando os valores do home a a muller galega, fala da súa esperanza
e da súa fe, e dime:
"Eu, como
galeguista, teño reparado como o home e a muller galegas, sobre
todo os do noso agro, en graos diferentes, e aínda nas súas
dificultades económicas, sinten a ledicia de vivir para servir
a Deus Noso Señor. A xenerosidade, a beleza, o apaño familiar
que nos deu a Terra e a súa paisaxe, Galiza, fai que o galego
manteña no seu interior ese amor á Terra e á Familia, que
acolleu firme e devotamente o cristianismo como algo primario e
consustancial coa Terra galega". |
Particularmente,
para Manolo Beiras a participación nutrida na Misa de Rosalía,
particularmente de emigrantes, é un feito ben expresivo deste
enraizamento da fe cristián na realidade galega: "Unha proba das
raíces cristiás e de amor á Terra destas xentes que, ceacais ó
estaren lonxe, deixaron a un lado o cumprimento dos mandamentos da
Igrexa, pero que conservaron no seu corazón eses sentimentos de
auténtico amor". As súas verbas de nonaxenario aínda lúcido,
comprensivamente xeneroso de máis coa súa Igrexa, pedían ó remate:
"Manteñamos a
fidelidade á nosa fe, axudados polos nosos cregos, que están
tan perto das nosas conciencias e das nosas experiencias
relixiosas, matinando nunha virtude como é a confianza en Deus
Noso Señor, que eu manteño apegadiña á fe que aprendín de
neno. ¡Señor, en ti confío!" |
AGUSTIN SIXTO
SECO (Mugardos-Coruña 1926) é o actual presidente do Patronato
Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, secretario do Consello
da Cultura Galega, correspondente da R.A. Galega, e participa en varias
sociedades máis (Museo do Pobo Galego, Fundación Penzol, ed. Galaxia,
ed. SEPT...). Este histórico galeguista, tamén da súa corrente
crente, é profesionalmente médico, especialista en icurxía e
ortopedia (materia sobre a que versan as súas obras publicadas), e
exerce de director dun centro médico santiagués.
Nacido nunha familia ferrolá que foi
represaliada no franquismo, Sixto Seco confésase "un galego,
galeguista e nacionalista", facendo súa unha famosa frase de
Ramón Piñeiro: "Somos galegos por nación; españois pola
historia; europeos pola cultura". Pero tamén crente, cristián de
Igrexa:
"Os meus anos,
cando un constata que xa anda o camiño de volta, descúbrome
máis crente que nunca, tan cristián coma decote católico ad
hoc. Paréce que formo parte desa inmensa tropa que
declara pertencer o glorioso exército católico ... Pero, cunha
cartilla militar na que algúns artigos van amañados. Eu
adoito presumir de ser 'católico, apostólico e ... ¡compostelano!'
Por si acaso de romano merma algo a miña
galeguidade". |
A confesión de
fe galeguista e cristián deste home de talante conservador e liberal
resulta sumamente interesante:
"Houbo tempos
nos que o galeguismo era para min unha realidade exclusivamente
temerosa e agochada no peito dos que daquela eran alcumados de
'roxos'. Procedendo eu dunha desas familias (un tio fusilado,
outro fuxido e o meu pai na cadea), aínda hoxe non me explico
moi ben como daquela en min non entraron en conflicto
esterilizante o formento galeguista que eu apalpaba nos meus,
coas manifestacións de fe cristiá na que tamén fun educado,
participando nasa actividades da Acción Católica. A
convivencia universitaria e a posterior actividade profesional
leváronme a unha perfecta simbiose das dúas realidades. Aínda
que eu seguín sendo un inquedo animador de algúns dos
movementos cristiás (A.C., Cursiños de Cristiandade...), non
ocultaba que os meus mellores amigos eran agnósticos, pero
galeguistas. |
Recoñece Sixto
Seco que desde entón, na súa vida estiveron sempre moi relacionados o
galeguismo (Galaxia, Patronato Rosalía de Castro, Museo do Pobo galego
...) e o cristianismo: "Axudei e fun Director-xerente nunha das
súas primeiras alancadas, da benemérita Ed. SEPT, á que tanto lle
debo o afán galeguizador da práctica cristiá. Compláceme moito verme
retratado en fotos que recollen o momento no que se lle está entregando
ó Cardeal Quiroga Palacios un exemplar dos Evanxeos en galego".
Pero non oculta a conflictividade destas dúas
realidades no seo da Igrexa, aínda que recoñeza un camiño feito:
"Xa foi peor do
que é a situación da Igrexa fronte o Páis no que ela asenta e
ó que ten a obriga de servir evanxélicamente. Refírome ó
feito necesario da incardinación da nosa Igrexa entre nós,
asumindo o que somos: galegos. Sitúome críticamente frente á
confusa actitude da nosa Igrexa para impregnar coa nosa lingua
toda a liturxia que nos é propia. Tamén declaro sentirme
insatisfeito porque aínda se constate que a nosa segue a ser
máis ben unha Igrexa en Galicia que unha Igrexa
galega". |
2. Filgueira Valverde, a pervivencia, discutida, dos vellos tempos
"Galicia
existe... Os homes nacemos avencellados a unha colectividade
humana, real e histórica. Por eso temos unha patria. E a patria
dos galegos é Galicia.
Galicia existe, e Galicia ten unha personalidade ... Nós,
galegos, temos a obriga de cultivar a persoalidade da nosa
Terra... Podemos establecer unha relación entre nación e
nacionalidade, Galicia e a galeguidade. Galicia entidade natural
... Cando se actúa esta conciencia do ser galegos ... daquela
atopamos a galeguidade, a personalidade galega"(23). |
Posiblemente,
Filgueira Valverde é hoxe o meirande persoeiro vivo da cultura galega.
Tanto si se está de acordo coa súa persoa e a súa traxectoria
riquísima en tantos aspectos, como se non se está (ben pola súa
conivencia cun Réxime político que non respectou nin ós seus amigos
galeguistas nin a personalidade e a cultura de Galicia, ou ben polo que
sexa...), paréceme incuestionable a realidade concreta da obra inxente
a prol da cultura galega que leva realizado. Ademais de ser dunha
miopía grave non aproveitar a prodixiosa memoria histórica dun home
que é unha enciclopedia galega vivente; polo que ten vivido e
traballado, pola xente que ten coñecido, e porque é capaz de lembrar
con precisión datos de hai sesenta anos. A súa abundantísima
producción literaria e científica, de indubidable calidade, fai del un
polígrafo e un humanista ó estilo de Otero Pedrayo, de quen foi gran
amigo. Tamén contou coa amistade de Cuevillas, Risco, Castelao;
Cabanillas, os curas de Logos e case
que tódolos galeguistas históricos, ata a do mesmo arcebispo Lago, que
fora compañeiro de estudios e amigo do seu pai. O amor a Galicia e a
súa cidade natal, Pontevedra, semellan ter marcado a traxectoria de
toda a súa vida, vinculada á cidade do Lérez, da que foi alcalde
(1959-1968) e á que lle deu un gran Museo que pode codearse cos
grandes. Outra cuestión é a súa coherencia cos ideais e os
compromisos galeguistas e cristiáns nos momentos máis difíciles da
nosa historia ...
Naceu en Pontevedra en 1906, fillo dun médico
xa con fonda vocación humanística. Bacharelato na súa cidade, Dereito
e Filosofía e Letras en Santiago. Foi co-fundador do Seminario de
Estudos Galegos na súa mocidade (1921). Profesor e catedrático no
Instituto de Pontevedra, do que foi Director ata a súa xubilación.
Fundou e dirixiu o Museo de Pontevedra (1927), foi director do Instituto
de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e forma parte doutros centros
semellantes no estranxeiro. Membro da Real Academia Galega, da R.A. de
Historia, da R.A. de la Lengua Española, da de Bellas Artes de San
Fernando, etc.; os seus títulos semellan unha guía do que un
intelectual pode acadar. Por outra banda, os seus premios literarios
comezaron co da "I Festa da Fala Galega" en 1925, e non
pararon ata o Pedrón de Ouro en 1973, etc. A súa inxente obra
científica e literaria fórmana máis de 230 libros e folletos e miles
de artigos, moitos deles recollidos nos 8 tomos que, co título de Adral
editou Edicións do Castro entre 1979 e 1994, que reflexan un
coñecemento único sobre artes, letras, feitos, símbolos e mestres da
cultura galega. No seu traballo científico destacan os seus estudios
sobre a lírica galego-portuguesa medieval, na que fixo importantes
descubrimentos.
So cun repaso ós artigos dos volumes de Adral,
abondaba para ver a relación que existe no pensamento de Filgueira
Valverde entre galeguismo e cristianismo. Nas súas páxinas está
constantemente presente a preocupación pola cultura de Galicia e a súa
sensibilidade non so cristiá, senón de Igrexa, no espectro dun home
conservador, no que está ausente un cristianismo socialmente militante.
Reparando tan so nos tres primeiros tomos, e
fixándose nun aspecto en particular, atópase un tratamento recorrente
do tema da Virxe María(24) . No segundo achamos unha versión galega do
propio Filgueira dunha "Oración" de Gerardo Diego, que
manifesta o seu interese polo tema de María:
"Nosa Señora
dos Bos Libros
Santa María Nena e Santa Ana.
Quen, coma ti, aprendendera na Escritura
profecía sinxela, tronco e rama.
Flor de sabencia, Ave María. (...)"(25) |
No mesmo volume
encontramos tamén un fermoso artigo aparecido no Faro de Vigo co
título "Deus nace galego", sobre o tema das panxoliñas que
cantan que o Neno Deus nace "nun Belén de Galicia" e a súa
nai é "de Compostela" e "fermosa galega". Un
compositor de panxoliñas que chega a dicir que "Deus é galego
porque se chama Manoel". Para Filgueira, a razón de tan ousada
afirmación non pode ser outra que o feito de que
os galegos eramos nos séculos XVII-XVIII o prototipo da xente pobre e
aldraxada. "O Neno Xesús, encoiro, entre pallas, ou camiñando cos
pes espidos é un galeguiño"; e recorre a versos de vilancicos
andaluces do s.XVII que din que Xesús é "Rey de Galicia...
desnudiño que es galleguiño non poide negar". Conclúe con humor
que ós galegos isto "compensounos 'a lo divino' do rudo encono dos
aldraxes que, naqueles séculos, corrína escontra de nós"(26).
Pola mesma, o nadal galego é un "Nadal saudoso", como di
noutro artigo; é un Nadal de "emoción contida, ledicia serea,
evanxelio, teoloxía, algunha petición de dons e moi poucas rexoubas.
Nada de encher a andorga, nin de 'echa la bota María', nin de peixes
'que beben y beben..."(27).
Pero, se o análise da súa obra é ben
expresivo para o tema que nos ocupa, aínda resulta máis interesante a
conversa con el. A súa casa de Pontevedra é toda ela un museo e unha
inmensa biblioteca de máis de 20.000 volumes. A parola é sempre rica
en ideas, datos e matices. Desde "a santiña" Rosalía ó
influxo de Bergson nos galeguistas da xeración Nós e as súas
relacións coa Institución Libre de Ensinanza; o agnosticismo de
Viqueira e o espiritualismo de Risco, o catolicismo militante de Losada,
o populismo de Castelao e o marxismo de Seoane ...; e sobre todo, Otero
Pedrayo e Cuevillas, "católicos de toda a vida", e os seus
amigos cregos de Logos e o Seminario de Estudos Galegos.
Católico tradicional, de moita práctica
relixiosa, amigo de curas e galeguista de sempre, fálame Filgueira da
súa relación de mozo co arcebispo Lago, unha amistade que naceu na
súa infancia e que se acrecentou coas visitas frecuentes a palacio
cando Lago era bispo de Santiago e Filgueira estudiante na Universidade.
"Lago era un home magnífico, de gran talla intelectual e moi
humano, con gran sentido do humor e nada engolado, gran amante de todo o
referente á cultura galega e moi galeguista". Cóntame anécdotas
expresivas destas cualidades e da opinión dalgún cura referente a este
bispo que era "un periodista e nada máis".
Fálame tamén, inevitablemente, do movemento
galeguista e de Igrexa Deus Fratresque Gallaeciae, que nace polos
anos 20 e que en 1935 publica os seus estatutos da man do propio
Filgueira, de Iglesias Vilarelle (28), Fontenla Méndez, Isla Couto, e
algúns cregos que logo se darían a coñecer desde Logos... Son
anos de gran actividade a prol dunha incipiente galeguización da
liturxia, traducindo textos, facendo edicións do Rosario e do Viacrucis
en galego, do Oficio de Defuntos, e ata dos "Diálogos" de San
Gregorio. "A pesar de que tiñamos que traballar de maneira medio
clandestina, lograbamos bastante facilmente o Imprimátur do que
faciamos en galego". Cóntame unha anécdota xa coñecida sobre un
Viacrucis en galego que se fixera na igrexa da Universidade de Santiago,
cando se imprentara con fermosa portada de Castelao."Foi un
Viacrucis de intelectuais, algúns deles agnósticos", di, pero
dirixido por Pedret Casado e Carro. Como a igrexa estaba aberta,
sumáronse dúas velliñas "de pano na cabeza", que se
sentaron nun banco ó fondo:
"Nunca
escoitaran falar de Cristo en galego. Nunca oíran o Evanxeo en
galego. A lectura dos pasaxes do Evanxeo e a explicación de
Pedret para elas foi un deslumbramento. O remate unha delas
achegousenos e díxonos: Hai que cousa bonita Señor. E ...¿non
será pecado?. Para min é unha anécdota clave para comprender
a importancia do galego na Igrexa". |
Nos anos 50
volverá refacerse o movemento Deus Fratresque Gallaeciae, como
grupo de encontro e intercambio, colaborando activamente na Misa de
Rosalía e na normalización do galego na liturxia da Igrexa. En 1953
elixen para a presidencia a Florentino Cuevillas. Na nova convocatoria
resultará significativa a ausencia de Filgueira.
En 1931 virá Logos, revista na que tivo
un papel protagonista con algúns leigos e moitos clérigos, co apoio de
Amor Ruibal, "que me felicitou por un premio galego que tiven nos
Maios no ano 1924" dime. Para Filgueira, o galeguismo de Amor
Ruibal ven da súa infancia na que so falaba galego, ata o punto de que
"suspendeu en primeira instancia o Ingreso do Seminario por non
saber castelán". Cabada Vázquez, man dereita de Amor Ruibal,
Pedret Casado, Ramón Mª Aller, Xesús Carro, Gumersindo Placer e os
agustinos de Poio, o P. Pardo e algúns dominicos... e o mesmo Quiroga
Palacios.
Por outra banda, a Filgueira parécelle
clarísima a fe católica de Rosalía, practicante, e que recibiu os
sacramentos antes de morrer. "É un disparate presentar a Rosalía
coma unha incrédula, cando era grandísimamente relixiosa. Seguro que
iría a Misa sempre. Non hai dúbida". De Castelao dime que
"era un home profundísimamente relixioso resalta o de
profundísimamente, aínda que apartado ás veces do catolicismo
oficial, por críticas da Igrexa a algún dos seus escritos... El ía a
Misa aquí sempre, e mesmo paréceme que seguiu indo en Buenos
Aires". Insiste en que recibiu os sacramentos antes de morrer;
"por outra parte dime Filgueira non deixaría de confesarse e
recibir o viático, porque se coidaría moito diso Virxinia". O
entusiasmo relixioso e o respecto a Igrexa que profesaba Castelao, queda
patente para Filgueira na colaboración desinteresada en tantas cousas
relixiosas, as ilustracións de Logos, o Viacrucis, etc. O certo é, que
Castelao era particularmente xeneroso con todo o referente á Galicia e
á súa cultura.
Con respecto de Bóveda afirma con contundencia: "Era un santo, que
se decidiu pola esquerda porque era a única maneira de sacar o
Estatuto; unha decisión fundamentalmente pragmática. Foi unha
barbaridade que o fusilaran; nin el nin nós pensabamos que se puidera
chegar a tal cousa, pois defendeu a Pontevedra". "Ese e tantos
outros asasinatos non tiveron sentido engade, os falanxistas mataron a
xente de dereitas e de esquerdas. Foi terrible".
Como é sabido, Filgueira Valverde participa na fundación do Partido
Galeguista, que nace en 1931 como froito da confluencia do xa chamado
Partido Galeguista de Pontevedra (Castelao, Paz Andrade, Cabanillas e o
propio Filgueira), o Partido Nacionalista de Ourense (Otero e Risco), as
Irmandades da Fala de Santiago, Lugo e Vigo e a Organización
Republicana Galega Autónoma (Suárez Picallo, ...) (29). Nel Filgueira
Valverde formaba parte do grupo dos conservadores (Risco, Otero, e
outros) que non quería unha alianza coa esquerda (30). É tamén coñecida
a crise interna que se deu no partido coa integración na Fronte
Popular, co que a dereita galeguista
escindiuse e deu orixe a un partido novo, que logo tamén colaborará no
referendum do Estatuto. Filgueira xustificame a fundación de Dereita
Galeguista (31) "para que a xente puidera votar o Estatuto Galego,
ó que lle tiñan medo porque era cousa de esquerdas"; está
convencido de que ese grupo foi "decisivo" na aprobación do
efímero Estatuto.
Bóveda, nun artigo de A Nosa Terra,
recoñecía con elegancia a honradez da postura dos protagonistas desta
escisión, aínda que non a compartira, e sufrira con ela, coma outros
moitos compañeiros: "Eu teño a seguranza de que alí onde esteña
Filgueira, haberá un obreiro da causa galega" (32). Filgueira e os
seus compañeiros xustificaban a súa decisión con estas verbas:
"O respeto á
crencia relixiosa e á práctica do seu culto é postulado da
liberdade individual de conciencia; isto é socialmente un
elemento de integración política... Como crentes e como
galegos no soio nos oporemos á descristianización de Galicia,
senón que intentaremos levar á vida intelectual e á vida
lexislativa solucións cristiáns. Exaltando o valor da
xerarquía eclesiástica na vida do noso pobo, non dudaríamos
en destiñar fondos púbricos a mellorar as institucións do
crero, para que poida cumprir de cheo a súa misión
moralizadora e evanxélica"(33). |
Filgueira non
dubida na resposta cando lle pregunto sobre a relación entre o seu
galeguismo e cristianismo, e que foi o primeiro nel: "Cristianismo,
por suposto, e ademais prioritariamente. Son ante todo católico".
Nacido nunha familia moi cristiá, sempre foi moi relixioso e amante da
Igrexa. O seu galeguismo tamén é moi temperá, pois o seu pai falaba
galego, aínda que a súa nai non, pois era de fora; le a Rosalía na
súa infancia e conecta cedo cos sectores galeguistas. Católico, pois,
de toda a vida, sente nel un fondo vencello entre esta fe e as raíces
da súa Terra.
"Cristianismo e
galeguismo foron sempre para min dúas realidades mutuamente
enriquecedoras, como o foi o cristianismo para Galicia.
Non entendo a miña fe cristiá, se non é desde Galicia e
mesturada co galego; enraizada nesta Terra e nesta
cultura". |
Polo mesmo, di
sentir "unha tremenda pena por unha Igrexa que foi tan pouco
agradecida cos galeguistas, cando a historia do galeguismo está chea de
eclesiásticos e leigos católicos galeguistas". Dime concretamente
que non comprende como xente da talla de Torres Queiruga "non acada
máis altas dignidades na Igrexa", pois el, que é un católico
tradicional, non hai atopa "herexías" no seu discurso do
teólogo galego.
Dóelle esta
Igrexa de Galicia, tan pouco amante do galego, que di cousas coma estas
que lle oíu a un cura: "A Dios hay que hablarle como se le habla
al Gobernado Civil". Ve incomprensible que sobre todo os curas
rurais, que falan galego constantemente cos seus fregueses se cambien ó
castelán cando entran na Igrexa, "unha lingua que resulta tan
incomprensible para moita xente do pobo coma o latín". Dóelle,
pero, di, "non me escandaliza"; outro tanto lle ocorría a
Otero, tan bo que non quería condenar a ninguén.
Filgueira
é consciente que tampouco a cultura en Galicia está galeguizada, polo
que "a Igrexa forma parte da tónica xeral da sociedade
galega". Por outra banda, tampouco entende o galeguismo dos que se
definen ateos e anticristiáns en Galicia. Tamén se queixa Filgueira da
falla de formación relixiosa dos titulados da Universidade e a xente da
cultura hoxe.
3. "Na fronteira": Pousa Antelo, F.Fernández del Riego,
Carlos Casares
I. "Avelino Pousa Antelo, regando a vella planta do
galeguismo", é o pe dunha caricatura que Siro lle fixo a AVELINO
POUSA ANTELO, e que este colga, enmarcada, no despacho da súa casa
de Teo, xa retirado da súa azarosa vida. Presidente da Fundación
Castelao e secretario da do Pedrón de Ouro, foi tamén no pasado
Secretario Xeral (1978) e logo Presidente (1979) do Partido Galeguista
nos últimos tempos. Ten varios premios ó seu labor técnico e
galeguista, entre eles a medalla de Castelao e a medalla á lealdade
galeguista do PG de México.
Este vello galeguista naceu en Barcala-A Baña
en 1914, estudiou primeiro no Seminario de Santiago polo ano 1925,
aínda que non garda moi bo recordo del; logo fixo Maxisterio na mesma
cidade, e máis adiante Comercio en Lugo e Xerencia de Empresas en
Zaragoza. Abrollou novo ó galeguismo. "Un leva algo dentro e
maniféstase nun momento dado", dime; o seu primeiro momento fora
xa no Seminario de Santiago, nunhas tertulias que organizaba Cabada
Vázquez, seminarista amigo de Amor Ruibal. Pero a data máis destacable
que recorda como punto de arrinque do seu proceso galeguista é 1931,
nun mitin galeguista no teatro Principal de Santiago, no que falaran
Carballo Calero, Paz Andrade, e sobre todo Castelao, que pechou o mitin;
"o escoitar a Castelao, creo que me marcou de por vida". É
particularmente importante para el a visita cotiá á imprenta Nós, que
rexentaba Anxel Casal ("alcalde mártir de Santiago");
cóntame que Castelao dicía del que fixera máis pola vida galega que
tódolos demais galeguistas xuntos. Saían a vender os libros galegos
desta editorial, sobre todo a colección Lar, polas feiras de
Santiago. Da súa historia galeguista conta máis cousas Amancio
Liñares, no seu libro Conversas con Avelino Pousa Antelo (34)
Experto en cooperativismo, xa escribiu sobre
ese tema en La Voz de Barcala, editada na imprenta Nós,
nos anos 30. Colabora co agrarismo con menos de 20 anos, e co Partido
Galeguista (por medio das "Mocidades galeguistas") e participa
na propaganda do Estatuto do 36. A Guerra é para el un pesadelo, pero
foi saíndo adiante como mestre interino de escola. A súa vea agraria
vai impoñéndose, e en 1948 pon a funcionar a Granxa Agraria de
Barreiros, con Valentín Arias. As súas publicacións son maiormente
deste tema agrario, particularmente
de cooperativismo (Temas de Agricultura (1951), Cooperativa de
Explotación Comunitaria para unha parroquia rural (1968), ¿Valen
ou non as Cooperativas de Explotación Comunitaria para o campo galego?
(1971); pero tamén escribiu Galicia, tarefa urxente. En Cooperativismo
e capitalismo na Galicia rural escribe que "o desenrolo do
capitalismo na agricultura leva consigo a ruína da pequena explotación
familiar [maioritaria no campo galego]... As empresas capitalistas
baixaron os ingresos dos nosos labregos, pois supoñen unha competencia
desleal"(35). Fronte ó capitalismo, que se rexe tan pola máxima
do lucro, as cooperativas nacen para defender a realidade
socioeconómica dos socios, ó xeito das vellas empresas familiares:
"Só elas poden evitar a desintegración da Galicia rural, que é a
máis auténtica e representativa do noso pobo, se a deixamos morrer
quer dicir que xa non queremos seguir chamándonos galegos"(36).
A súa fe cristiá de mozo fora esmorecendo cos
paos da Guerra Civil e o posicionamento vergonzoso da Igrexa. "Eu
dixen daquela dos cregos: Eu non podo bailar con vós". Pero
renaceu coa chegada dos novos ventos progresistas aventados polo
Concilio Vaticano II: "Tomei parte en moitas reunións na Casa
Diocesana de Exercicios de Santiago e na parroquia do
Castiñeiriño"; onde ía a súa Misa, e á de Rosalía en San
Domingos de Bonaval. Lembra tamén especialmente ó P. Seixas, "un
home venerable". Particularmente sinala Pousa Antelo a importancia
que tiveron para el os Coloquios de Parroquias, nos que tomou parte en
diversas ocasións dando algunha ponencia. Logo con Encrucillada
e Irimia foi atopando un canle intelectual e expresivo para a
súa fe.
"Considérome
crente crítico e con dúbidas. Cristián, desde logo; coido que
aínda que o negara, seguiríao sendo. Cos anos e coas
experiencias, ás veces ingratas, funme facendo rebelde. Rebelde
contra as inxusticias que padecín e vin padecer a tantos
galegos; situacións de abuso de poder económico, social ou
relixioso. Rebelde contra a institución eclesial, sobre todo na
etapa do nacionalcatolicismo. Por iso síntome católico con
reservas, as reservas do meu inconformismo coa hipocresía de
moitos católicos que falan de cousas ideais e móvense só polo
diñeiro e o poder". |
Para Avelino
Pousa Antelo "un cristián galego non pode menos que ser
galeguista", e máis aínda, di con contundencia, "cun clero
non galeguizado eu non quero nada, non me sirve; prefiro quedar na
casa". Quizá por eso non é hoxe demasiado practicante, por non
atopar a canle axeitada para a expresión da súa fe. Cóntame como nas
Mocidades Galeguistas definíanse dicindo: "Eu son católico,
apostólico e galego". "Son un añorante desa Igrexa galega
que hoxe só está viva nuns cantos cregos novos", dime na súa
conversa.
"Cristianismo e
galeguismo deben estar necesariamente vencellados en Galicia.
Nunca teremos unha verdadeira relixiosidade en Galicia mentres
non se incardine na nosa etnia, na nosa maneira de ser, na nosa
lingua, na nosa cultura, na nosa triste historia. Pero aínda
estamos a tempo para remediar as inxusticias, carencias e erros.
A nova Igrexa Galega que ides facendo desde Encrucillada
e Irimia é a única na que eu podo encaixar como crente.
Penso que é a esperanza da nova relixiosidade que deberamos ter
en Galicia dende sempre; pero nunca é tarde, cando chega. Que
chegue agora e avance, aínda que sexa o paso de tartaruga. É o
meu afervoado desexo de crente e de galego". |
II. FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO é outro dos históricos
galeguistas que aínda temos entre nós. Membro
numerario da Real Academia Galega, é tamén Medalla de Castelao,
Pedrón de Ouro, Premio Trasalba, ... Este nacionalista galego, hoxe
recoñecido e respectado, tivo que aturar a marxinación polos seus
posicionamentos. Tamén se considera católico, aínda que
"escasamente practicante", segundo as súas palabras. Pero
afirma claramente que cristianismo e nacionalismo galego son dúas
realidades que deben ir vinculadas na nosa Terra.
Naceu en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano
1913 e estudiou Dereito e Filosofía e letras entre as Universidades de
Santiago e Madrid. Exerceu a docencia como profesor de Dereito Civil na
Universidade de Compostela, pero foi inhabilitado na posguerra polas
súas posturas galeguistas. Escritor prolífico, foi director de Galaxia
e co-director da revista Grial, actualmente dirixe a Biblioteca
Penzol, de Vigo. As súa obra está exclusivamente centrada no mundo
cultural galego: Cos ollos do noso espírito (Buenos Aires 1949),
Letras do noso tempo (Vigo 1974), Historia da Literatura
Galega (Vigo 1978),... e moitas máis; ata as últimas: O rio do
tempo (A Coruña 1990) e a fermosa Alvaro Cunqueiro e o seu mundo
(Vigo 1991).
III. CARLOS CASARES, galeguista de nome recoñecido, escritor,
numerario da Real Academia Galega, cun bo feixe de premios literarios
enriba; recoñece que, aínda que é crente e se sente cristián, non é
moi consecuente coa práctica que a Igrexa católica lle pide ós seus
membros. É outro crente galego "na fronteira".
"Eu creo que a
miña denominación correcta é a de cristián. Toda a miña
formación é cristiá e o meu pensamento tamén o é aínda
hoxe. O de 'católico' resúltame máis comprometido, pois
comporta unha serie de obrigacións para os membros da Igrexa,
que eu non cumpro de todo neste momento. Mesmo, non vexo o
termino 'católico' cunha connotación moi positiva. Sinto máis
simpatía polo termino cristián, porque me parece máis amplo,
menos ríxido". |
A madurez da fe
de Casares, segundo recoñece na nosa conversa, chegoulle con Xoán
XXIII e o Concilio Vaticano II. "Eu nacín baixo o pontificado de
Pío XII, pero descubrín o cristianismo con Xoán XXIII". Nace o
ano 1941 no Ourense de Risco e Otero Pedrayo, que marcaron decisivamente
a súa traxectoria. Pero, ademais, Carlos Casres naceu nunha familia
"moi clerical", con varios tíos curas; mesmo a súa nai
educouse cun tío sacerdote que renunciou a un bispado en
Orihuela-Alicante, para coidar ós seus sobriños, ós que lles morrera
o pai de cativos. Incluso tiña un parente arcebispo en Cuba, que viña
frecuentemente a ver a familia e que Carlos lembra de neno, pero polo
que se interesou xa de mozo e adulto, pois leu La historia me
absolverá, onde Fidel Castro dáballe as gracias ó seu tío por
salvarlle a vida, e Casares era daquela moi castrista. Estudiou cinco
anos no Seminario, recibindo "unha formación bastante ríxida e
estreita". O Concilio píllao nos seus anos de estudiante. Fixo a
carreira de Filosofía e Letras (Filoloxía Románica) en Santiago. Así
me contaba as súas vivencia de entón:
"Cando eu
descubrín os aspectos máis bonitos e máis atractivos do
cristianismo foi desde o Concilio. Vivino moi de cerca; estaba
suscrito a Témoignage Chretien e a Information
Catholique International, e a través diso fun seguindo o
Concilio, chegando a ser bastante experto no que aló se dicía.
Mesmo cheguei a facerme amigo de Pierre Hofman, Relator do
esquema XIII, que coñecín de maneira casual, pero co que
mantiven logo unha forte relación. Tamén coñecín na mesma
ocasión ó cardeal Garone". |
Carlos Casares
estaba entusiasmado co Concilio, "foi algo moi bonito para
min", pero atopábase cunha contradicción que había facer mella
nel: "Eu quería falar cos curas das encíclicas de Xoán XXIII e
Paulo VI, pero, atopábame coa sorpresa de que esa xente, que eu cría
que debían saber moito diso, nin as lían nin sequera as coñecían
moitas veces; o que para min era unha cousa absolutamente
incomprensible". Pola contra, manifestábanse contrarios ás ideas
verquidas nelas, descalificando a ousadía do bo do rapaz: "Todo o
que era defensa dos dereitos humanos, da cultura contemporánea, das
culturas minoritarias, ... parecíalles que non era aceptable, aínda
que o dixera o Papa". Esa etapa pon a Casares en contacto cun
sector da Igrexa galega máis pobre intelectualmente, cunha formación
dime "quizá academicamente correcta", pero totalmente
despreocupada da actualización que representaban os aires conciliares,
e allea ó pensamento contemporáneo.
Pero Casares entrou tamén en contacto con outra xente de Igrexa
perfectamente informada dos novos rumbos e moi ó día, "o que me
redimiu, en parte, das outras experiencias negativas".
Particularmente tivo relación cos curas cataláns progresistas por
medio de Mosén Totosaus, moi famoso naquel tempo, sobre todo en
Cataluña, pero tamén no resto do Estado polo seu protagonismo na
"Manifestación das sotanas"; e tamén por Mosén Dalmau. Con
Totosaus andou vendo a realidade rural de Ourense, sobre todo para
coñecer a mentalidade do clero rural galego: "Ver a aquel cura tan
progresista enfrontado cos seus compañeiros das aldeas era case
cómico. Pero a realidade era tremenda".
Pasado o entusiasmo do Concilio e o pontificado do seu realizador, o
papa Paulo VI, de talla intelectual excepcional, Casares vai perdendo
interese pola realidade dunha Igrexa que vai vendo nunha situación de
involución progresiva, e "vaise a posicións de retagarda".
Pero cre que o que el sente cadra cunha situación bastante xeral hoxe,
manifestada no que cre unha na baixa grande na difusión do libro
relixioso respecto dos anos 60-70. Casares leu ós teólogos que fixeron
o concilio (I.Congar, K.Rahner, H.Küng, J.L.Aranguren...), e tódolos
libros de Torres Queiruga; manifesta un gran coñecemento da reflexión
teolóxica, pero recoñece que a orixinal reflexión feita pola
Teoloxía da Liberación xa o colleu con menos interese polo tema, sobre
todo na súa vertente social e comprometida. O Deus misericordioso e
amante do home, o "gran compañeiro" que di Whitehead e que
manifesta a teoloxía de Torres Queiruga (37), é o que lle gustaría terse
encontrado de pequeno.
Carlos Casares, víctima dun clima social que ve á Igrexa lonxe, allea
á sua realidade, non chegou a conectar activamente coa nova realidade
da Igrexa en Galicia, aínda que sabe dela. A Igrexa que el ve é unha
Igrexa pouco metida nos problemas do mundo, unha Igrexa que "te
deixa fora, porque está en contradicción co que eu creo e sinto".
Máis aínda, dime, "dáme a impresión que vós [os de Irimia,
Encrucillada...] estades tamén un pouco fora, excluídos dese círculo
da gran Igrexa".
A obra literaria de Casares reflexa claramente este coñecemento do
mundo relixioso e da Igrexa. Desde Xoguetes para un tempo prohibido,
unha novela na que o tema relixioso abonda en cada páxina e reflexa a
súa infancia e os seus anos de Seminario, ata Ilustrísima (38), onde
manifesta unha clara simpatía polo drama do prelado moderno que se
sente preso dunha curia conservadora. O libro ten a súa orixe nas
vivencias familiares, concretamente a
relación cos seus tíos curas. Nunha cea que lembra vivamente, estaba o
seu tío arcebispo un home gordo e comedor, bondadoso e tolerante
discutindo sobre a realidade de Cuba con outro cura de formas máis
austeras, pero un dogmático intolerante. "Deime conta de que este
cura era un home malo, de cortesía artificial e cunha agresividade
tremenda, fronte á bondade do meu tío, que non se irritaba nin perdía
a calma". Xa a Don Ramón Otero Pedrayo lle gustaban os curas
orondos, e dicía:"Eses curas delgados, cargados de teoloxías...
hai que ter coidado con eles". A novela de Casares é, nas súas
palabras, "unha defensa dos valores cristiáns: a bondade
acompañada da intelixencia e a tolerancia".
A idea que hoxe ten Casares de Deus recoñece que é "pouco
teolóxica", mesmo algo infantil, por falla de interese de afondar
na realidade de Deus a través da teoloxía; "acórdome de Deus en
situacións difíciles, pero despois repróchome ser tan egoísta".
Respecto de Xesús Cristo, é "quen me mostra o mellor rostro de
Deus"; unha persoa fascinante polo que di que sentiu sempre
entusiasmo desde neno: "Toda a visión do mundo que teño eu está
baseada na predicación de Xesús, unha visión cristiá e
evanxélica"; pero non quere quedarse na realidade puramente humana
e histórica de Xesús Cristo, é consciente de que a súa fondura
apunta a algo moi meirande, Deus, aínda que non sexa capaz de
comprendelo ben. Coa Igrexa maniféstase respectuoso, valorando a
riqueza que hai nela; pero a xerarquía xa non ll parece tan fascinante,
"síntome moi distante da maioría dela, aínda que a respecte.
"A mellor xente que coñecín na
miña vida foron case todos curas, aínda que atopei tamén xente pouco
recomendable; a xente máis sacrificada polos demais; unha xente que me
ten marabillado pola súa paz interior, que eu me pregunto sempre de
onde lle ven. No so curas, senón tamén tantos cristián militantes,
xente moi activa, sobre todo monxas. A Igrexa verdadeira, a comunidade
de Xesús, é esta xente que o toma en serio; a outra dáme a impresión
de que está só por cumprir". |
Casares dime que a relación entre os
escritores galegos e o cristianismo é actualmente boa. El cre que xa
non hai problema nin prexuízo entre galeguismo e cristianismo, "os
galeguistas xa non ven hoxe con desconfianza ós cristiáns"; máis
aínda, "hai moitos escritores galegos que son cristiáns".
4. Homes e mulleres cristiáns no
nacionalismo radical, no movemento ecoloxista, pacifista e de
cooperación co Terceiro Mundo, no movemento veciñal e Asociacións
Culturais, grupos de base e Movementos apostólicos
A presencia dos cristiás nos partidos
nacionalistas e nos movementos sociais ten hoxe, tivo sempre, un peso
absolutamente substancial. Fronte a unha Igrexa institucional tantas
veces inmobilista, moitos leigos, sen deixar de ser Igrexa, souberon
comprometerse en tódolos movementos de renovación e transformación
social a prol dos débiles deste mundo, "dando o callo", polo
menos, como calquera dos seus compañeiros non crentes. Son case sempre,
persoas da base, de nome publicamente pouco coñecido; o que manifesta,
segundo creo, dúas cousas, entre outras: a súa xenerosidade, que non
busca un traballo "para a galería"; e a inxusticia, ás
veces, das súas mesmas organizacións que os marxinan de postos de
relevancia polo seu compromiso relixioso.
Son moi consciente de que esta segunda afirmación é inxusta en máis
dunha ocasión (nestas páxinas quedou proba diso), pero, con todo,
atopo unha falta de perspectiva en moitos militantes de esquerda, que os
leva a ver con certa desconfianza a unha persoa crente e practicante,
simplemente polo feito de selo. Sei ben que non digo o que non é, pois
na conversa con xente cristiá comprometida sindical ou politicamente
saían unha e outra vez estas queixas.
I. No mundo do COMPROMISO POLÍTICO
NACIONALISTA atopo un home excepcional, ó que só os pitoños lle
poderán negar eses adxectivos de "nacionalista comprometido na
liberación de Galicia", porque non pertenceu ó partido que
pretendeu ter case a patente exclusiva do nacionalismo galego máis
auténtico. Xosé Lois, cristián e nacionalista galego, ten unha
historia de compromiso nestas dúas liñas, que o levou a traballar moi
activamente na política nunha organización nacionalista, pola banda da
fe a ser catequista e relixioso misioneiro. No seu mesmo partido,
ESQUERDA GALEGA, tamén podería falar do seu máximo líder, Camilo
Nogueira (asiduo participante nas Romaxes de Crentes Galegos), e de Xan
López Facal (que foi militante da XEC, un movemento de Acción
Católica); aínda que ambos non teñen unha historia de militancia
cristiá tan clara. Ou podería falar de Madó Domínguez, psiquiatra
que foi responsable das finanzas desta organización política, e o seu
home Lois Ferradás, que participaron moi activamente na súa parroquia
do Castiñeiriño. Podería falar tamén dun número grande de
militantes activos desta organización nacionalista, homes e mulleres
descoñecidos fora do seu campo de traballo político ou laboral, pero
que son de primeirísima talla humana e política.
Polo que se refire á outra alternativa do nacionalismo político, o
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, que desde o ano 1994 agrupa as dúas grandes
tendencias do nacionalismo galego, tamén habería que falar de moitos
militantes que son simultaneamente xente crente e relixiosa. Maiormente
na base (labregos, obreiros, profesionais do ensino e doutros campos,
etc.), pero tamén en postos de responsabilidade (Consello Nacional,
concellais, etc.), tal como nos recordaba en páxinas anteriores
Francisco Carballo, destacado militante desta organización. Algún son
mesmo catequistas en parroquias. De todos xeitos, quedoume ben gravada
unha frase dun antigo activista da UPG (partido líder do BNG), Xosé
Antón Iglesias: "É difícil que un militante do BNG queira
aparecer en público como cristián practicante". Ben é certo que
oíra tamén algo que me deixara abraiado, que "Esquerda
Nacionalista", corrente organizada do BNG, se definía como atea
nos seus Estatutos; o cal é falso, tal como o puiden comprobar:
"E.N. declárase a prol do laicismo na conceición da sociedade e
da práitica social a respeito dos fenómenos relixiosos, respeitando as
crencias individuais e a súa prática"(39).
Xosé Lois Vilar naceu en Lugo no ano
1952, nunha familia relixiosa, e xa na adolescencia vaise convertendo a
unha fe comprometida coa realidade social; desde aí vai comprendendo a
orientación da súa vida coma un compromiso de transformación social
movido pola causa de Xesús de Nazaret. Isto lévao en primeiro lugar a
entrar nos irmáns Maristas, onde esa intuición adolescente se vai
perfilando e reelaborando; ingresa en 1964 no seminario que esta
congregación relixiosa ten en Tui, onde fai o Bacharelato e logo os
estudios de Filosofía, Teoloxía e Maxisterio en Salamanca (1969-1973).
Da clases en diversos colexios galegos, e no ano 1978 vaise de
misioneiro a América Latina (República Dominicana), volvendo en 1981.
De volta a Galicia, deixa a
Congregación por conflictos relixiosos e políticos xerados na súa
estancia na República Dominicana, traballa coma mestre e entra no
compromiso político como fenómeno organizado co nacionalismo galego en
EG, partido que vira a luz poucos meses antes:
"Desde a lóxica
coherencia cos meus presupostos dunha crencia comprometida cos
pobres, tal como a vivira en América latina, nunha lóxica de
continuidade, nace en min o galeguismo". |
Eses presupostos
galeguistas e cristiáns póñeno en contacto coa tamén nacente Irimia,
entrando ó pouco tempo como membro moi activo na súa mesa de
redacción. "Engánchase" no partido e na revista perante dez
activísimos anos (40), nos que ten que compatibilizar este compromiso
co seu traballo de mestre en "Preescolar na casa" primeiro e
como mestre da escola de Oirán-Mondoñedo logo, concello do que sería
tamén concellal por uns anos.
Desprazado
de Mondoñedo por razóns laborais (a praza definitiva na docencia),
vaise para Xuño-Porto do Son. Collido por unha situación familiar
difícil debido a problemas de saúde dunha filla, desencantado do
traballo político por non conectar completamente cos novos proxectos do
nacionalismo, e tamén nunha posición crítica coa súa Igrexa, segue,
sen embargo, sendo nacionalista e cristián. Pero cre que a súa fe
está ben plasmada polas verbas de Cristo na cruz: "Meu Deus, por
que nos abandonaches".
"Sentín que é
certo que o grupo de Irimia e algúns sectores da Igrexa son
tremendamente sensibles á realidade da xente sobre todo ás
súas penurias e a identidade do país; non tanto no senso
cultural menos importante, senón, sobre todo, como un
traballo por rescatar a dignidade da xente, que a xente sexa
persoa. Pero síntome decepcionado do aparato eclesial, con
honrosas excepcións, o que me leva a unha práctica relixiosa
irregular e pouco ilusionada; aínda que me siga considerando
unha persoa crente e relixiosa.
As veces síntome cristián ó meu pesar: non é que queira ser
voluntaristamente cristián ¡é que non poido deixar de selo! A
mesma Igrexa é necesaria, pois é unha forma de ser e de vivir
a mensaxe cristiá, á que non puido renunciar. Igual que cando
vexo unha necesidade son incapaz de permanecer insensible ante
ela. E sempre me situei, inevitablemente, do lado dos
perdedores; o que me levou, incluso profesionalmente, a perder
moitas ocasións de medrar. Non é mérito, é que o meu
entendemento da vida no me deixa ser doutra forma". |
Outro tan lle ocorre a nivel político:
"Un proxecto que eu cría que era bastante racional para conciliar
nacionalismo e esquerda, e tantas outra cousas boas para o país, non é
aceptado".
Desde ese destino case de traxedia grega, Xosé Lois séntese un pouco
abandonado do seu pobo. "Tantos compañeiros, tanta xente que
apostou tanto, que puxo tanto de si mesma en proxectos relixiosos e
políticos, cunha xenerosidade a toda proba, e, sen embargo non acadou o
respaldo popular e social. Somos os perdedores da historia, os
perdedores de sempre". Non é cuestión masoquista, precísame
Xosé Lois, que se confesa feliz coa súa vida, senón unha visión
realista dunha realidade histórica que non lle gusta como vai. Por iso,
comprende agora mellor que nunca aquela frase de Xesús que el sabe moi
ben que non é unha fase espiritualista e evasiva, senón ben
comprometida. "O meu Reino non é deste mundo". "Esta
frase identificaría a todo o que hai de utópico polo mundo adiante
dime. O noso Reino non é deste Mundo, porque o Mundo non esta por
este labor, porque predicamos no deserto".
"¿Onde
estás Pai Deus?", pregúntase hoxe Xosé Lois Vilar; pero non é
unha pregunta pechada, senón unha pregunta aberta e serena. "A
experiencia humana daquel home de Nazaret é tamén a miña, aínda que
con moita menos xenerosidade pola miña parte. ¡Deus me libre de dicir
que a miña traxectoria é a de Xesús de Nazaret, o Cristo!". Por
iso, non ten ningunha envexa dos triunfadores deste mundo (onde
"ascende o que menos fai, o que mellor se busca o acomodo e fai
máis a pelota, o que menos sensible é..."), que cada vez se
parece máis á propaganda moderna: "moito envoltorio, pero pouca
realidade"; un mundo no que a xente está cada vez máis alienada,
é cada vez máis vanal, máis superficial e vacía.
Xosé
Lois seguro que sabe, sen embargo, que o home de Nazaret, que morreu
esmagado pola lóxica histórica do máis forte, non é un fracasado,
senón un triunfador. Iso afirmamos os que cremos na Resurrección, e
nos tomamos en serio aquelo que dixo o mesmo Nazareno: "Se o gran
de trigo non cae na terra e morre, queda infecundo, pero se morre, da
moito froito".
II. Nos MOVEMENTOS SOCIAIS (movemento veciñal, asociacións
culturais, movementos ecoloxista e pacifista, movemento feminista,
movementos en apoio do Terceiro Mundo, diversas ONG's, etc.), a
presencia dos cristiáns galeguistas é evidente, tal como reflexan
pródigamente os artigos aparecidos na revista Irimia.
Jesús Medín Roca (A Coruña 1956) é
unha persoa destacada para falar desta realidade. Psicólogo de
profesión, traballa desde hai máis de 15 anos no "Centro Galego
do Menor"(41), do que é responsable dos programas. Crente e
galeguista, con fondas raíces en ambas realidades, integrante dunha
comunidade cristiá de base e antigo militante de EG, é tamén o
Coordinador do comité territorial de INTERMON Galicia, unha das ONG's
con máis presencia e realidade organizada no Estado. Pero tamén pode
falar da realidade do movemento veciñal, desde a súa
participación na "Alternativa de veciños" de Cambre
(Coruña), organización dos veciños que empezou traballando
simplemente como asociación e converteuse en candidatura municipal que
acadou algúns concellais; o movemento anima a vida municipal, sobre
todo no aspecto cultural, dando alternativas para o tempo libre a
fomentando a participación dos veciños. Non é o único cristián
galeguista nese colectivo. Nas orixes do movemento veciñal,
particularmente en A Coruña, tiveron un papel protagonista as
comunidades cristiás dos barrios de Labañou, Palavea e o Barrio das
Flores.
Co seu coñecemento da realidade actual do
movemento pacifista, ecoloxista e de cooperación co Terceiro Mundo,
fálame Jesús Medín de todo ese mundo que se englobar no amplo
concepto de "cultura da solidariedade", organizada na
"Coordenadora Galega de ONG's para o Desenvolvemento". Xa de
entrada, Jesús Medín non dubida en dicirme con claridade:
"O compromiso co
Terceiro Mundo modifica unha serie de valores do Primeiro Mundo,
como a solidariedade, a austeridade e o aproveitamento racional
dos recursos, o respecto da terra e a recusación da violencia
que o Primeiro Mundo fai contra o Terceiro Mundo". |
O ecoloxismo
galego está organizado na "Asemblea de Grupos Ecoloxistas e
Naturistas de Galicia", na que está integradas unha longa lista de
35 colectivos, a maioría de carácter local (ADEGA, Arco Iris, Biotopo,
XEVALE, ...). Non destaca particularmente neles a presencia dos
cristiáns, pero atmén eles estan ahí. Máis presencia hai no
movemento pacifista, coordinado en dúas plataformas: As
"Xornadas de Educadores para a Paz", da Nova Escola Galega, e
o "Seminario Permanente de Educación para a Paz", vinculado
á CIG. Pero onde a presencia dos cristiáns é máis clara, é nas
organizacións de cooperación co Terceiro Mundo; esa presencia
destaca particularmente en: INTERMON, Mans Unidas, COSAL, e o Movemento
0,7%. Os que colaboran neste último, chamábaselles popularmente
"cristianitos". COSAL e os "Comités Oscar Romero"
mantéñense no compromiso con América Latina e contan nas súas filas
cun número maioritariamente cristián, pero non son colectivos
numerosos. Respecto de "Mans Unidas", a súa definición
confesionalmente católica, resulta un impedimento para a colaboración
con xente non crente; o que non impide que sexa a organización que
conta con máis colaboradores, ó ter gran implantación en numerosas
parroquias.
Sen embargo, os cristiáns galeguistas
comprometidos na Cooperación para o Desenvolvemento do Terceiro Mundo
están sobre todo en INTERMON Galicia, organización da que Jesús
Medín é o coordinador. Aínda que ten a súa orixe nos xesuitas
cataláns polo ano 1956, hoxe é unha organización plural, na que
participan tamén non crentes. Os seus proxectos son a Cooperación
económica, técnica e organizativa en proxectos desenvolvemento; e a
Educación para o Desenvolvemento. A motivación de gran parte dos seus
membros é a utopía de Xesús, na loita por un mundo máis xusto cos
pobres; en Galicia e desde Galicia. Por iso os seus materiais de
propagando son realizados maiormente en galego.
Polo que respecta á presencia dos cristiás
nas Asociacións Culturais, ninguén mellor para falar que
Alfonso Blanco Torrado, que xa saíu anteriormente nestas páxinas. O
movemento das Asociacións Culturais galegas comezou en Madrid (o grupo
"Brais Pinto") e Barcelona ("Mocidade Galega") cos
grupos de estudiantes comprometidos. En Galicia empezou co comezo dos
anos 60 coa agrupación "O Galo" de Santiago, e pouco despois
"O Facho" de A Coruña, a Asociación Cultural de Vigo, etc.,
sempre marcadas cun claro compromiso coa cultura galega.
Na participación concreta dos cristiáns
nestas Asociacións, compre salientar que xa nunha das pioneiras,
"O Facho", ten un protagonismo importante unha persoa
comprometida coa Igrexa, Manuel Caamaño, da Comunidade Cristiá Home
Novo. Outro leigo que é un activo militante cristián, Amancio
Liñares, é o fundador da A.C. "Alfonso Eáns" de Negreira,
Francisco Carballo é o fundador da A.C. de Vigo, o crego de Galloso é
o fundador da A.C. "Penas de Rodas"; e moitos outros grupos
anónimos das Asociacións Culturais teñen unha preocupación especial
pola galeguización da liturxia, cos seus coros e outros medios de
partipación. Para Blanco Torrado, crego fundador á súa vez da
galardonada A.C. "Xermolos" de Guitiriz, nas Asociacións
Culturais "fíxose mellor que noutros espacios o casamento entre o
galeguismo e o cristianismo, de maneira non traumática".
III. Finalmente, os galeguistas abundan tamén nos MOVEMENTOS
CRISTIÁNS DE BASE, como algunhas Comunidades Cristiás de Base
("Comunidade de Vida Cristiá" de Vigo, "Comunidade Home
Novo" de A Coruña, "Vangarda Obreira", ...). E nos MOVEMENTOS
APOSTÓLICOS como a HOAC, a XOC, o Movemento Rural, o Movemento de
Estudiantes Cristiáns Galegos, o Movemento Junior, etc. Movementos
cristiáns de base e movementos apostólicos levan coordinandose desde
hai dez anos na "Asemblea de Cristiáns Galegos".
1) Xa se falou anteriormente da Comunidade de Vida Cristiá
Nosa Señora da Guía de Vigo, fundada polo P. Seixas, e que conta
co vello militante galeguista Xaime Isla e toda a herdanza do
cristianismo galeguista aflorado na cidade polos anos 30 e logo na
clandestinidade. Nesta cidade leva tamén unha dinámica galeguista
outra fermosa comunidade cristiá que está na parroquia do Cristo da
Victoria; e algunha outra realidade máis. Por outra banda, a Comunidade
Home Novo foi fundada en A Coruña por outro crego galeguista,
Manuel Espiña, tal como se dixo tamén anteriormente; é das
comunidades pioneiras na liturxia en galego e protagoniza un galeguismo
moderado, que resulta revolucionario nunha cidade que practica o
españolismo militante, liderado polo seu alcalde socialista Paco
Vázquez.
Vangarda Obreira é outra activa
comunidade cristiá coruñesa que semella ter nome trotskista, pero que
é obra dos xesuitas (42). Naceu nesta cidade tamén da man do P.
Seixas, tal como conta no libro de Conversas:
"En Galicia eu
mesmo fundei as Vangardas en Santiago e a Coruña (1961), e esta
última chegou a ser importante... O noso traballo alí estaba
moi galeguizado. O galego era a lingua habitual incluso nos
actos públicos" (43). |
Na fundación de
Vangarda Obreira de a Coruña tivo tamén un gran protagonismo Filo
Beiras, relixiosa da Compañía de María e irmá do histórico
galeguista Manuel Beiras, pai de Xosé Manuel Beiras Torrado. Cando o
P.Seixas se vai a América, ocupa o seu posto o P.Busto, tamén
xesuíta, entre o ano 1962 e o comezo dos 70. Formado na JOC, o
movemento pai do obreirismo católico, Busto chega á Coruña para
facerse cargo da pastoral obreira e dálle ó salto a Vangarda de ser
só algo de mozos a unha organización de adultos. Este xesuíta, que
logo botou varios anos no barrio de Palavea, foi chamado ó orde en
varias ocasións polas súa homilías comprometidas, e tivo que padecer
duros interrogatorios na comisaría.
Sempre, pero sobre todo a partir dos anos 60,
esta comunidade, os seus membros, estiveron fondamente comprometidos no
sindicalismo e a política obreira. Así, foron militantes primeiro nos
sindicatos USO e CC OO e no PCE, respectivamente; e máis adiante nos
movementos nacionalistas, a INTG e logo a CIG, EG e BNG. Paco
Martínez, obreiro e sindicalista toda a súa vida, entrou moi novo
na organización xa a mediados dos anos 60, por invitación de amigos e
animado pola lectura de La Voz del Trabajo, boletín de Vangarda
Obreira. Sempre soubo compaxinar o seu activismo sindicalista coa a súa
fe cristiá; militante de USO e de EG, aínda que sempre se sentiu máis
sindicalista que político, traballa gustoso en ambos campos para a
transformación do mundo obreiro e de Galicia. Por iso, nunca lle
importou ter de compañeiros de camiño a xente que non pensaba en
algunhas cousas coma el (social e relixiosamente). "O importante
era a transformación social dime a ideoloxía importaba menos".
A súa muller, Tereixa Rodriguez, entrou algo máis tarde que el,
pero tamén ten unha longa historia no grupo.
Outro obreiro, Anuncio Maroño entra na
comunidade a finais do ano 78, desde o seu achegamento ás Comunidades
Cristiás Populares. O seu camiño foi distinto; desde unha fe
comprometida descubre o sindicalismo e o compromiso político: PSG, EG e
finalmente BNG. O seu compromiso galeguista na súa parroquia de Nosa
Señora do Socorro, no coruñés barrio de Labañou tiña un referente
en Vangarda Obreira. "Daquela V.S.O. (Vangarda Social Obreira) era
para min o non vai máis do compromiso cristiá", dime. "Hoxe
paréceme imposible ser cristián en Galicia, sen ser galeguista
confesa na súa conversa; o meu nacionalismo galego axúdame a
quererlle á miña Terra e ó meu pobo galego, e a comprometerme con
tódolos pobos oprimidos do mundo".
Amable Filgueiras e Tereixa
Espasandín, outro matrimonio da comunidade,
tamén teñen a súa historia particular. "Eu nacín na aldea e
sempre falei galego, era o normal", dime Amable. Sen embargo, estes
obreiros cristiáns están metidos no sindicalismo nacionalista, en
movementos de cooperación co Terceiro Mundo coma o COSAL e o do 0,7%,
etc... aínda que non teñan tempo de ver a tele.
O caso de Mario Rodriguez é diferente; non é galego de nacemento,
senón de adopción. Este valisoletano, que estudou nos xesuitas e
mantivo sempre unha fe comprometida, chegou a Galicia a comezos dos 70;
mergullouse de tal xeito na realidade galega, que polo ano 1974, a pouco
de chegar, xa estaba metido na ANPG; logo seguiría no PSG, en
evolución semellante ós seus irmáns de comunidade. El mesmo cóntame
que algún membro, Concha, estivo metida na mesma UPG; e Vangarda estivo
nunha reunión en A Ramallosa polos anos 60, da que sairía esa
formación nacionalista. El teno moi claro: "Se estás nun lugar
concreto, tes que comprometerte coa xente e a cultura concreta dese
pobo".
Tamén forman parte da comunidade antigos xesuítas como
Xoán Herranz
(experto biblista, cotraductor da Biblia ó galego) e Alfonso
Mascuñana, cos súas respectivas mulleres, Luísa e Victoria. E María
Xosé Escudero, unha muller exemplarmente activa no compromiso co
Terceiro Mundo, que adoptou un neno nicaragüense. E Pacita, e Amelia, e
algúns máis.
Hoxe Vangarda Obreira mantense coma unha comunidade cristiá viva, que
comparte a súa fe e o seu compromiso sociopolítico, que ora e celebra
a presencia de Xesús Cristo entre os pobres, en relación co resto dos
grupos da Igrexa renovadora en Galicia, claramente comprometida co
galego. Un momento importante no seu proceso foi cando, a mediados dos
70, deixan de ser unha organización específica e convértense nunha
comunidade cristiá de base, coordinada co movemento das Comunidades
Cristiás Populares, vizoso nalgunhas zonas urbanas do Estado Español,
particularmente en Madrid, onde teñen o apoio dun gran teólogo galego:
Julio Lois.
2) A HOAC (Irmandade
["Hermandad" en castelán] Obreira de Acción Católica) foi
un dos grupos máis activos da Acción Católica polos anos 40-50; o seu
periódico Tú era un dos poucos espacios libres e críticos co Réxime
franquista, amparado na lei que lle permitía á prensa católica non
sufrir a censura do goberno. Tamén en Galicia tiña unha importante
implantación, sobre todo nos dous núcleos que tiñan máis presencia
obreira, Ferrol e Vigo. En Ferrol empezaron a funcionar grupos de HOAC
de maneira sistemática a partir de 1946, pouco despois da fundación da
HOAC; Camilo Cés, un vello militante que aínda vive, participou ese
ano con outros obreiros da A.C. de Ferrol na "I Semana Nacional da
HOAC", en Madrid, e trouxeron este movemento para Galicia. Pouco
despois, tamén chegaron a funcionar grupos en Vigo (vencellados sobre
todo ó sector naval), Ourense (sobre todo con traballadores da RENFE),
Santiago, Lugo, A Coruña e Vilagarcía. Estes grupos seguiron
funcionando regularmente ata a crise dos movementos de A.C. a finais dos
60, debido ó seu enfrontamento coa xerarquía católica, maiormente
adicta ó Réxime. Aínda seguirían en contacto cos líderes máis
destacados da HOAC, como Guillermo Rovirosa (o seu fundador), que
participou nalgún dos actos organizados con ocasión do 1º de maio en
varias cidades galegas anteriormente aludidas.
Polo ano 1979, cando se viña de superarar a crise, quedaban uns poucos
militantes na HOAC de Ferrol (Xoán Silva e Angel Leiras) co seu
consiliario, o crego Alfonso Gil, que mantiñan relación coa
organización estatal da HOAC. Nesta relación entraron en contacto con
Jesús Martín Mendieta, un crego vasco que era dos históricos da HOAC,
e que remataba un período de relanzamento da organización en Sevilla;
pedíronlle que viñera a facer outro tanto en Ferrol, vindo para aquí
ese mesmo ano. Tres equipos de militantes en Ferrol e un en Xove, son o
froito do traballo deste vasco loitador. Neste tempo, o mesmo Jesús
Martín relanza a HOAC en Ourense (no barrio da Ponte, da man do crego
Xesús Pousa, ó que se sumou deseguida Xosé Xulio Rodriguez) e apoia a
de Vigo, que xa empezara a renacer en anos anteriores, e na que tiveron
e teñen unha presencia destacada o xesuíta Benito Santos e outro vello
militante obreiro, Luis Calvo, co apoio da parroquia dominica do Cristo
da Victoria. Hoxe a HOAC é, con moito, o movemento apostólico mellor
organizado e máis numeroso do estado, nunha clara liña renovadora (os
seus militantes está comprometidos en sindicatos e partidos
progresistas); está tamén perfectamente coordinado co Movemento
Obreiro Católico Internacional.
Pepe Couce Rey (Vilarrube-Valdoviño 1934), antigo militante da XOC e
que entrou na HOAC por obra de Jesús Martín, é hoxe un dos curas
máis activos do movemento, no que destacan o vello militante Xoán
Silva, obreiro da Bazán, e a súa muller Pilar García. A HOAC galega
foise abrindo progresivamente á galeguidade, sen demasiado conflicto, a
pesar de que os seus militantes obreiros en Ferrol e Vigo son maiormente
de extracción castelánfalante; hoxe o galego e o sentimento
nacionalista van tendo carta de natureza (os materiais de Iniciación xa
están editados en galego), habendo militantes hoacistas que están
tamén na CIG e no BNG. Cóntame Pepe Couce en poucas palabras os retos
plantexados hoxe á HOAC:
"Dous retos se lle plantexan a todo
aquel que se preocupa pola liberación no Mundo Obreiro, por unha banda
a internacionalización dos problemas, que require accións
supra-nacionais; por outra a realidade concreta que está a vivir o
traballador no seu entorno, que ten unhas características moi
diferenciadas.
A problemática social e a conflictividade laboral vivida pola clase
obreira galega, fai que a HOAC vaia asumindo a encarnación na
realidade, na cultura e na lingua galega. O principio con dificultades,
desconfianzas e timideces, froito da extracción castelán falante dos
seus membros e de certos prexuízos. A coordinación entre as tres
realidades diocesanas da HOAC de Galicia (Ferrol, Vigo e Ourense)
favorece que se vaian consolidando e complementando os dous compromisos:
o compromiso obreiro-cristián e o compromiso con Galicia". |
Xoán Xosé Lozano (Cervo 1958) é un
obreiro que traballa desde hai anos nunha das empresas auxiliares da
Alúmina-Aluminio de San Ciprián-Xove; militante nacionalista,
sindicalista da CIG, foi candidato do BNG nunhas eleccións municipais a
finais dos 80. É tamén un militante cristián da HOAC desde hai seis
anos, moitos anos compañeiro do equipo de este que escribe. Para Xoán
Xosé, a HOAC lévao ó "compromiso de transformación do meu pobo
cos meus compañeiros obreiros". Para el, a relación entre
galeguismo e cristianismo é evidente:
"Como traballador galego non podo
menos que ser galeguista, e quero celebrar a miña fe cristiá en
galego. A loita da lingua é moi importante, pois o castelán foi un
elemento de opresión dos galegos. Son cristián practicante e
nacionalista galego, pero para min o máis importante é o primeiro, ser
cristián, como un compromiso de seguimento de Xesús Cristo. Sen
embargo, non atopo conflicto entre ambas realidades". |
Plantea Xoán Xosé unha pregunta ben
interesante: "¿Se Xesús foi un home que fixo unha aposta tan
forte polos pobres, por que os partidos de esquerda, que queren defender
ós pobres, teñen un rechazo tan grande da Igrexa de Xesús?". Ben
é certo que el sabe parte da resposta, pois coñece a Historia
contradictoria da súa Igrexa.
3) O Movemento Rural Cristián Galego é
o homólogo da HOAC para o mundo dos labregos. Aínda que non ten tanta
historia en Galicia, é un movemento que cre e aposta pola xente nova e
non tan nova do mundo rural galego, pola capacidade das súas xentes
para a festa e a transformación do seu medio, desde a perspectiva
liberadora de Xesús Cristo. Así o conta unha das súas militantes:
"O Movemento Rural cre nas
posibilidades e no futuro do rural para unha vida sa e feliz;
alternativa á sociedade opulenta, consumista e competitiva que ofrece o
neocapitalismo do Primeiro Mundo. Intenta ir descubrindo e vivindo a
grande sabedoría da cultura rural e do seu medio, e desde aí busca
descubrir e disfrutar da presencia do Deus vivo nel.
É unha realidade cativa en número, pero que intenta vivir a fondo a
mística do pequeno que en Deus se volve grande, a mística do débil
que en Deus se volve forte. E así está presente con esa teima de loita
e festa a través de pequenos grupos de 5, 10, 15 persoas en varias
parroquias galegas dos concellos de Abadín, Pastoriza, O Cebreiro,
Dumbría, Cesuras, Noia, Arzúa, Teo, Ordes, Bazar". |
O Movemento Rural leva uns dez anos
traballando en Galicia, pois naceu dunhas xuntanzas de xente inqueda
metida na animación da fe e a realidade social do mundo rural, no
mosteiro de Samos a mediados dos anos 80. Manolo Regal Ledo foi un dos
líderes do Movemento, xunto cun grupo de curas e monxas. Eu mesmo
participei activamente na súa fundación e na animación de grupos en
Pastoriza-Lugo. As xuntanzas fóronse convertendo en cursos de verán e
reunións periódicas, que deron lugar a todo un plan de Iniciación, en
galego, que mesmo está sendo utilizado traducido por outros grupos do
Movemento Rural do Estado, como pode afirmar con coñecemento de causa o
que isto escribe, que tivo non pouco que ver con ese material. A festa
de San Cidre Labrego é celebrada cada ano con solemnidade en diferentes
lugares do agro galego, como celebración do Día dos Labregos.
O Movemento Rural é galego, comprometido coa realidade galega,
"porque facendo un compromiso co rural, en Galicia, non pode ser
doutra maneira", dime Tereixa, unha das súas animadoras máis
activas. Ademais de Tereixa Ledo, son animadoras deste movemento Henar,
labrega con estudios de Labrada-Abadín,... e un activo grupo formado
por comunidades relixiosas e cregos comprometidos nese eido, tal como se
falou no capítulo anterior. No Movemento da Mocidade Rural destaca
tamén un estudiante universitario comprometido co mundo rural: Rubén
Rivas, de Lagoa-Pastoriza; Maruxa Cambeiro, labrega de
Buxantes-Dumbría, e Emilio Avión, que chegaría a ser presidente do
Consello da Mocidade en Galicia.
Tereixa Ledo Regal, cos mesmos apelido dos seu tío Manolo Regal, pero
cambiados, é unha muller profundamente cristiá que veu de fora de
Galicia co seu título do trinque e comprometeuse coa realidade galega,
particularmente co mundo rural galego por algo máis que un tempo
pasaxeiro. Nacera en 1961 en Chantada e pasou a súa infancia e
adolescencia cos seus pais emigrantes en Argenteuil, nas aforas de
París. Estudia Socioloxía na Universidade de Deusto (Bilbao), onde se
achega a grupos cristiáns con forte compromiso social. Sentindo
fondamente a chamada da Terra, veuse para o mundo rural galego no ano
1985. Desde aquela leva vivindo en Romariz-Abadín, a carón dos
labregos e compartindo con eles as alegrías e as penas, loitas,
triunfos e fracasos. Desenrola a súa acción desde o compromiso social
(os problemas concretos dos veciños cada día, charlas de promoción
dos labregos, participación e animación de mobilizacións na defensa
do seu medio de traballo,...), político (militancia en EG e concellal
de AVELA, Agrupación Veciñal de Labregos de Abadín) e eclesial
(catequista na súa parroquia e animadora do Movemento Rural de mozos e
adultos, e do Movemento Junior).
Nin é monxa nin o foi nunca, pero a experiencia espiritual de Tereixa
é tan fonda, que moitos que a len ou escoitan non poden crer que sexa
unha "simple" muller segrar. Recentemente deu un testemuño
excepcional do que é a súa vida e a súa fe, desde as páxinas de Encrucillada, da que tamén é actualmente membro do Consello. Naquel
artigo falaba dos aspectos que foron e están adquirindo meirande
calidade humana e foron e son fonte de meirande felicidade, por ser a
súa "unha vida crente". Non precisa nomear unha vez a palabra
Galicia, nin o galego, porque o mundo rural galego é a realidade
concreta na que se desenvolve a súa vida e a súa fe, co convencemento
de que "vivir como crente é a maior calidade humana":
1) O sentido do realismo cru e
progresivo. "É un sentido do realismo a nivel histórico. No canto
de achegarme á realidade cunha actitude... idealista e a través dunha
construcción ideolóxica preconcibida e inamovible... vou aprendendo a
ser fiel ó que é: o que a xente pensa e fai, ó que os grupos de
traballo senten, pensan e fan, ó que na sociedade e na Igrexa somos,
sentimos, pensamos e facemos ... Aprendo a ser fiel ó que é e a
respectalo e a amalo así... [Este querer ser fiel] lévame á Verdade,
que sempre é descubrimento de Deus, e acoller a eses Deus nas súas
encarnacións históricas máis concretas. A un tempo vou descubrindo
que o Evanxeo é un libro abundante de realismo".
2) A cara e a cruz. "Coñecerme máis e máis e quererme así, como
son. A miña grandeza e a miña miseria... A Tereixa que vai descubrindo
que o seu rostro, o seu sorriso e a súa voz son de Deus... e aprende a
ser filla de Deus... Pero tamén o descubrimento lento dos máis baixos
fondos do meu ser..."
3) Vivir crecentemente a todos e todas coma radicalmente irmáns.
"Non condenar a ninguén, senón a comprender desde dentro a
maldade do outro, a maldade da vida... E apreciar, respectar e querer o
que de bondade hai ó meu redor... Pero esto non nega nin esquece o
conflicto, senón que o integra nunha dinámica de amor curativo para
resolvelo".
4) A pobreza. "Voume descubrindo coma pobre: coma radicalmente
necesitada do outro, e coma radicalmente necesitada de Deus pai, porque
El é o único que me pode liberar totalmente... Vaime descubrindo pobre
e irmá dos máis pobres... Amar ó pobre con feitos de concreción...
Amalo non paternalistamente. desde arriba, senon de igual a igual... O
pobre e a nosa pobreza ábrennos a porta a Deus... sálvannos".
5) O aprecio polo pequeno, o humilde, o débil. "Vou comprobando
que todo ten un valor incalculable ós ollos de Deus e... no máis
débil, aí se desvela con máis plenitude a forza liberadora de Deus...
Vou enxergando tamén que podo vivir con moi poucas cousas... E comezo a
andar polo camiño de liberdade que San Juan de la Cruz expresaba
dicindo:'porque nada necesito, todo o teño'... E así empezar a
sentirse habitada por todos e por todo. Polo Todo".
6) "Integrar o fracaso na miña vida. E co fracaso, tamén o mal...
Pois a Cruz é o resultado inevitable de quen empeza a andar na verdade
do Reino".
7) Vivir o horizonte utópico no día a día.:"Aleluia! porque
comeza o reino do Señor"(Ap 19,6)
8) Vivir con menos medos: "Se Deus está con nos ¿quen contra
nós?" (Rom 8, 32).
9) Nun encontro de amor: "O amor non pasa endexamais" (I Cor
13, 8).
10) A dimensión do amor. "O útil e o eficaz perde senso en si
mesmo e vaino adquirindo en función do amor".
11) Inmerso na Historia da Salvación (44).
|
4) Outro movemento que merece unha
mención aparte é o Movemento Junior. Trátase dunha organización
cunhas claves e unha dinámica semellantes ós movementos anteriores,
pero centrada no mundo dos nenos. A súa intuición fundamental é crer
na capacidade do neno galego para vivir e transformar o seu medio, para
vivir unha experiencia de Xesús Cristo e anuncialo no seu ambiente. É
tamén un movemento cun gran artellamento institucional a nivel do
Estado, aínda que ultimamente sufriu unha importante crise, debida, en
parte, á confrontación entre unha liña máis galega, fronte a
posturas máis centralistas.
O movemento que xorde no Estado en 1929 naceu en Galicia
(45) en torno ó
ano 1978, en Santiago, fundamentalmente da man de Bartolo Sánchez
Canals, un crego compostelán; outros cregos moi activos nel foron
Xoanxo Garcia Barreiro, Gumersindo Campaña, Manuel Barreiro Conde ...
Foi facendo un proceso de galeguización progresiva, ata chegar a unha
normalización da vivencia da galeguidade. Hoxe ten un claro compromiso
cos pobres e está implantado case exclusivamente no mundo rural galego
nas dióceses de Santiago (con grupos en Visantoña, Arzúa, Galegos,
Noia e Cesuras) e Mondoñedo (Abadin, aínda que houbo grupos en Vilalba
e As Pontes). En épocas pasadas estivo tamén nas cidades de Ourense e
Vigo. Houbo leigos moi significativos (Soco e Feli de Santiago, Lino de
Vigo, Toño de Ourense), pero neste momento está sendo levado máis ben
por curas e monxas, que son os seus animadores e responsables; a razón
non é outra que a dificultade de conseguir leigos militantes no mundo
rural.
5) O Movemento de Estudiantes Cristiáns
Galegos (MECG) naceu polo lonxano 1976, recollendo algo da herdanza da
JEC, descabezada case dez anos antes en todo o Estado. Recordo aínda
moi vivamente aquela histórica reunión en Pontedeume; os que estabamos
alí xa peiteamos todos canas. Dous anos e pico despois (1978), o
Movemento celebraba a súa primeira "Asemblea nacional
[galega]" en Melide; nas súas conclusións dicían cousas coma
esta: "Formamos parte dun pobo que non é protagonista da súa
propia historia. A nivel de Galicia compre tamén unha
liberación", "Queremos reler a Biblia desde a nos propia
situación galega". E cantaban: "¡Ven, vamos agora, que
esperar non é saber; o que sabe fai agora, non espera acontecer!".
Desde o comezo, este movemento estudiantil cristián definiuse pola súa
vontade de seguimento de Xesús Cristo e polo seu compromiso coa
realidade galega (o mapa de Galicia e a cruz formaban a súa insignia);
non era para menos, algúns dos seus membros máis activos estaban en
ERGA e nas mocidades do PSG. Hoxe son un grupo pequeno, inserto no
ensino medio e universitario, pero son dos poucos grupos de mocidade
estudiantil cristiá que teñen claro a aposta por Galicia, o seu pobo e
a súa lingua. Nun artigo colectivo, o MECG definíase así en 1985:
"Somos un grupo de mozos e mozas que estamos tentando levar adiante
unha experiencia de grupo cristián. Isto supón: celebrar xuntos a nosa
fe, revisa-lo noso traballo en Galicia e cos noso compañeiros da JEC
española, compartir o noso tempo, os nosos cartos... E traballar no
mundo que nos rodea animados polo noso compromiso cristián... Apostamos
por unha universidade máis de todos, máis participativa e máis
comprometida coa realidade social galega, co noso pobo" (46).
|
5. Os/as de Irimia e de Encrucillada
Irimia
e Encrucillada non son as únicas revistas da Igrexa galega que
escriben en galego, pero a conta remataría rapidamente aludindo a Lumieira
e a algún boletín parroquial; con todo, compre ter en conta que na
actualidade ningunha destas outras ten o galego totalmente normalizado,
escribindo indistintamente en galego e castelán. O que fai das dúas
primeiras que nomeabamos o símbolo da Igrexa galeguista, para alegría
duns e desgracia doutros.
Xa escribín noutra ocasión sobre as
publicacións periódicas da Igrexa en Galicia (47). Aludía tamén á
revista de investigación histórica e relixiosa Compostellanum,
editada polo Centro de Estudos Xacobeos desde 1956; e a Estudios
Mindonienses, de talante semellante, pero editada pola diócese de
Mondoñedo a partir de 1985. Non nomeaba daquela Lucensia,
semellante ás anteriores, editada pola diócese de Lugo, e que aparece
en 1990. Lumieira, que leva saíndo desde 1985, ten máis
semellanza con Encrucillada, pero quere ser exclusivamente un servicio
á acción pastoral, e non só para Galicia, polo que publica tamén en
castelán, opción máis que discutible, que a fai escasamente galega.
En
cambio, na aposta clara por Galicia e o galego está tamén a
publicación Badal, que ofrece material litúrxico e pastoral
exclusivamente en galego desde 1987, elaborada por un equipo de Vigo no
que están coñecidos persoeiros como Xaime Isla, e Xulio Andión,
algún máis como Quico Domínguez, Benito Santos que saíron
anteriormente nestas páxinas, Xoán Andión, e outros non tan
coñecidos como Xesús Gago, Constantino González, Antón Vidal,
Clodomiro Ogando, ... Na súa presentación recoñecían a importancia
da publicación que foi a súa antecesora, Boa Nova:
"Algún día terá que se facer a
historia e rendirlle a homenaxe debida, daquela esforzada e xenerosa
empresa alentada baixo o rubro de Boa Nova do Ferrol ó servicio da
celebración vernácula no seu senso pleno da Eucaristía, e da
renovación da catequese na súa extensión máis integral.
O traballo asisado, paciente e exemplar dos homes de Boa Nova deparounos
un conxunto de materiais completo, rico, variado, de preciosa
utilidade para todos cantos viñeron e veñen facendo a celebracións
litúrxica no noso idioma, e cumprindo con elo unha obriga que debe ser
asumida por toda a Igrexa de Galicia, si de verdade queremos ser fieis
ós mandatos do Concilio Vaticano II e ás mesmas orientacións do
Concilio Pastoral Galego". |
Xa se falou nestas páxinas de
Boa Nova,
do seu equipo e dos seus fundadores. A mesma xente que logo daría paso
a Irimia. Tiña, ademais do material litúrxico-pastoral, unha folliña
parroquial, primeiro en castelán (Buena
Noticia) e logo en galego, que foi, ata no formato, o precedente da
futura Irimia.
Outra publicación galega de feliz memoria foi
o Boletín interparroquial Fátima, elaborado dacabalo entre
Santiago e A Coruña; o máis digno dos boletíns parroquiais que se
publicaron en Galicia. A maioría están en castelán, con excepcións
como unha folla parroquial de continuada permanencia desde hai anos, Tambo,
publicada en Pontevedra, e algunhas honrosas excepcións de menos
permanencia.
I. Noutro número de IRIMIA (48)
teño falado tamén do
nacemento da revista, no que estiven con outros colaboradores cregos
aludidos máis arriba, con algúns leigos (Alexande Fernández Pumariño
e Lois Ferradás) e outros que se foron sumando paulatinamente ó
proxecto: Madalena Mariño (que non era outro que o coñecido e laureado
escritor Agustín Fernández Paz), e sobre todo Daniel López Muñoz,
Xosé Lois Vilar, Marta Sopeña e Tereixa Ledo, que foron o equipo
estable durante case dez anos, xunto cunha longa lista de colaboradores.
Co tempo, a antiga mesa de redacción, que se xuntaba a cabalo entre
Lagoa de Pastoriza, Romariz, Xove e Oirán, pediu o relevo; e en 1991
artellouse unha mesa nova en Santiago, gañando en presencia de leigos.
A nova directora (tras un ano de interinidade do antigo director) será
a partir de 1992 a mestra Carmen Puente; na nova mesa de redacción
estarán algúns leigos de antes como Daniel, e outros novos como
Carmela Capeáns (presidenta da A.Irimia) e o seu home Agustín Bueno,
Mariano Guizán, Luciano Pena, Carmen Iglesias, Severino Gestoso, Xavier
Losada, Manoli Paz, Pedro Pedrouzo e a máis nova que é Beatriz Garcia
Turnes, dunha familia que leva tempo neste círculo cristián e
galeguista.
Van xa aló máis de catrocentos números, que
a convirten na publicación en galego de máis longa permanencia na
historia do xornalismo galego, xunto co periódico nacionalista A
Nosa Terra. É unha publicación que se define claramente de Igrexa,
pero a Igrexa galega non quere recoñecerse nela, aínda que é incapaz
de sacar adiante unha publicación alternativa, porque non pode atopar
un equipo tan xeneroso e tan capaz.
Xa se falou anteriormente de Tereixa Ledo e de
Xosé Lois Vilar, un dos leigos máis creativos e comprometidos que
pasou pola revista. Como é tamén o caso de Daniel López Muñoz,
que desde a súa columna O trasno esculca a realidade
sociopolítica cotiá co ollo crítico do sociólogo e do cristián.
Daniel naceu en Vigo en 1957 e estudiou o Bacharelato en Vigo e
Socioloxía en Madrid. De boa formación teolóxica, ademais da súa
formación sociopolítica, Daniel traballou no campo da marxinación
social como educador do Colectivo Galego do Menor, acollendo na súa
casa xunto coa súa muller, Ana Giménez a nenos de familias
marxinais. Tamén traballou en investigacións sobre a terceira idade,
publicando o libro Ser vello en Lugo (1984); e na planificación de
servicios sociais en coordinación con Cáritas Diocesana de Lugo.
Particularmente importante é o seu traballo de análise
sociolingüística da Igrexa Galega, que deu lugar ó interesantísimo
libro O idioma da Igrexa en Galicia (1989), citado repetidamente nestas
páxinas.
Case desde os seus comezos foi colaborador da revista e chegou a ser
Presidente da Asociación Irimia. Na súa fidel colaboración en Irimia,
"O Trasno", manifesta Daniel a súa fe cristiá e galeguista.
A primeira das colaboracións (nº 321, set. 1989) xa levaba por
título: "Nacionalismo e postura corporal" ("Haberá que
ir creando desde abaixo unha
plataforma de encontro, diálogo e acordo nacionalista [galego]").
Pero a súa fe nacionalista, segundo o que el entende por tal cousa no
conxunto de Europa, nótase mellor en "Eurosalvación":
"Un determinado nacionalismo énos imprescindible. Non aquel que
pense que do equilibrio de egoísmos nacionais nace o progreso, senón
esoutro fraternal e solidario" (nº 436, xuño 1994). A súa
militancia verba que a el non lle gusta, pero si ó que isto escribe
cristiá queda patente, ademais da colaboración na parroquia, en
artigos como "Seica Deus está vivo", falando do asasinato de
Ignacio Ellacuría (49) e os seus compañeiros xesuítas no Salvador:
"A morte de I. Ellacuría resulta
impúdica ... Polo que ten de afirmación da Fe, da Esperanza e o Amor
entendidos como práctica liberadora. Afirmación que contrasta cunha
sociedade... sen horizontes, que primeiro 'superou' a fe en Deus,
despois na revolución e moi logo en calquera soño de transformación
da Historia". |
Daniel aínda está disposto a precisar
máis sobre o tema que nos ocupa particularmente, a relación entre
cristianismo e nacionalismo en Galicia:
"Non a vexo precisamente como
exemplo de relación fluída e cordial, non. E isto dígocho así, a
bote pronto, digamos, desde o dato sociolóxico máis groseiro, a partir
dunha realidade social e cultural que a maioría, dun lado e doutro, dá
por suposto, con esa preguiza mental tan típica do que vive máis da
experiencia da maioría cá da propia experiencia, aínda que esta sexa
a única realmente válida.
Hai certamente un non-diálogo, fortemente condicionado por dogmatismos
e apriorismos doutrinais e institucionais. Dun lado está o que todo o
mundo sabe e a cultura dominante salienta (con boa dose de razón, e un
aquel de revanchismo): o escurantismo, a resistencia da parte visible e
socialmente relevante da Igrexa a entrar en diálogo profundo coa causa
da galeguidade e da esquerda socio-política. Doutro lado está o menos
publicitado, pero tanto ou máis real, o doutrinarismo dese discurso con
'pedigree nacionalista de esquerda' na 'liña correcta', que está
continuamente dando por suposto que a fe é un estadio primitivo da
conciencia, un atranco que hai que superar, que máis cedo ou máis
tarde se superará, se pretende ser un militante fetén". |
Como Daniel semella estar a denunciar a
necesidade dunha especie de "salvoconducto de agnosticismo ou
ateísmo" para a homologación como "bo nacionalista",
pídolle que me precise máis o que quere dicir:
"Quizais non tanto. O que si hai é
un condicionamento psicolóxico, un proído mental, eso que os
psicólogos sociais chaman 'disonancia cognoscitiva' e que vén sendo un
profundo desacougo interno que produce o feito de estar máis só cá
unha coa túa fe, coma un becho raro, tipo estraño e maniático con
residuos de irracionalidade pre-moderna, etc. Queirámolo ou non
tendemos a acomodarmos, a buscar o equilibrio co medio cultural no que
estás, a practicar aquelo de 'en terra de lobos ouvear coma todos'.
É importante este aspecto psicolóxico e case inconsciente, porque en
realidade o que é falar, non se fala do tema. Deus é un tema bastante
tabú, está implícito que é un asunto reaccionario, marxinal e, no
mellor dos casos, íntimo. Pero se lle dás a volta ó asunto e te
cambias ó outro bando os condicionamentos psicolóxicos non son
menores. En moitos ambientes eclesiais, mencionar ó Bloque é mencionar
ó demo. Eu téñoche experiencias nos dous lados. Pero... insisto,
¡eh!, estamos falando de posturas maioritarias, dominantes".
|
Cando escoito a Daniel, decátome que
unha parte moi importante do problema pode estar en que quizais hai un
gran descoñecemento mutuo. As veces resulta sorprendente o ignoradas
que son moitas iniciativas de
comunidades cristiás e a influencia tan grande que tiveron na
transición política, na formación de militantes, na análise crítica
da realidade, os grupos de base eclesiais. El respóndeme con claridade:
"Houbo un
fenómeno curioso. A preocupación pola transformación da
realidade, a absolutización de certas causas, foi deixando nun
recuncho o cultivo da experiencia de fe. Se a eso lle engades a
frustración e a orfandade que a todo cristián de fronteira lle
produce a involución eclesial e o labor de certos
anticatequizadores coñezo a algún experto na materia, tes
outros elementos para que moita xente que naceu á conciencia
crítica e ós valores de fraternidade ó abeiro da fe non se
recoñeza, pasados uns anos, nesa matriz. O máis tremendo é
que a maioría, unha vez chegados á época actual de morte dos
grandes relatos históricos, se encontren sen referencias". |
Ante este dilema, non podo menos que
preguntarlle se é posible vivir ese compromiso interior entre fe e
nacionalismo de esquerda:
"Se ben a fe é unha experiencia
persoal, íntima e case inexplicable, ten unha función unificadora de
todo o teu vivir. A túa actuación, social, política partidaria ou
non, cultural, veciñal, etc... ten que ver coa túa vida interior. Eu
e outros coma min metémonos en certos fregados non 'a pesar de sermos
crentes', senón 'polo feito de o sermos'. Da fe cristiá tiras en
primeiro lugar o marco de referencia principal, que é a opción polos
oprimidos e os humildes: é ademais unha deducción directa, ineludible,
incuestionable. Tremenda deducción por outra parte que che fai un
'inadaptado' nun mundo dominado pola ideoloxía do vencedor, polo máis
fero darwinismo social. A partir dese dato, a fe constitúe para moitos
membros de comunidades e movementos eclesiais de base, unha fonte
xeradora de utopías, unha fonte de inspiración para dar sentido global
a unha existencia individual.
Pero diríache máis. A fe, vivida con honestidade, dáche unha
intuición e unha sensibilidade especiais, é dicir, axuda a discernir,
escoller e analizar. Creo que ten moito que ver co aspecto paradoxal da
fe cristiá, aínda que non sexa, nin moito menos, exclusiva dela. Creo
que ten que ver co espírito desconcertante das benaventuranzas. E, a
partir de aí, descobres, na túa realidade, unha serie de valores que
converxen cos que ti intúes como positivos a partir da experiencia
reconfortante e liberadora da fe: a igualdade do home e da muller; a
xustiza social, traducible como socialismo participativo; a democracia
real; o ecoloxismo; a paz activa; a defensa das minorías e a igualdade
de dereitos de pobos e culturas". |
Coido que non se podería expresar moito
mellor. Pero aínda demando de Daniel a súa opinión de sociólogo.
¿Como se explica o famoso divorcio entre fe e galeguidade, Igrexa e
nacionalismo galego?
"Unha das claves está no feito de
que a Igrexa debe aceptar a autonomía e a pluralidade da sociedade. O
respecto á liberdade e o pluralismo é unha esixencia da fe e unha
materia pendente. Non é a Igrexa a que ten que 'militar' na política,
na cultura, etc... iso é o modelo de Cristiandade. E desgraciadamente
é o que se leva.
A Igrexa é a comunidade de comunidades. O punto de referencia, o lugar
de encontro para compartir, educar e medrar na fe. Non é un poder
máis, nin sequera simbólico, comparable ós demais poderes.
É nos crentes, onde se debe facer a síntese entre fe e compromiso,
sempre dentro daquel marco fundamental de referencia que é a opción
polos pobres. Por iso hai que cambiar moitas actitudes. O lexítimo,
paréceme a min, é ter unha postura confesante, dialogante, aberta.
Afirmar o que un é, pero facelo con profundo respecto ó pluralismo,
con respecto á alteridade, ó que outro é, distinto de min. A
neoapoloxética, o neoconfesionalismo, o espírito de cruzada lévannos
a un camiño sen saída.
Se a Igrexa fose máis 'ecclesia' asemblea e menos poder, menos afán
de conquista e máis paixón pola humanidade, o conflicto iría
esvaecendo".
|
Pola súa banda, a compañeira de Xosé
Lois Vilar, Marta Sopeña é unha catalana que soubo transplantar o seu
nacionalismo catalán á realidade galega, xa nos seus anos de relixiosa
na "Sagrada Familia de Nazaret", facendo algo máis que
aprender galego. Activa militante nos movementos de renovación
pedagóxica galega, nos movementos de compromiso cos pobres e o Terceiro
Mundo, participou en gran parte das actividades e encontros da nova
Igrexa Galega.
II. Polo que se refire a ENCRUCILLADA,
esta revista, ademais dos cregos dos que xa se falou anteriormente,
tamén ten na redacción un bo grupo de leigos. Actualmente o redactor
xefe é Xabier Rodríguez Madriñán, un profesor da penúltima hora da
revista; están tamén na Mesa de Redacción, ademais da secretaria,
Engracia Vidal, da que xa se falou, o xornalista Agustín Díaz Blanco
(Tintxu), Portas Ferro e Chao Rego. Pero no seu Consello de Redacción
atópanse outros leigos militantes do cristianismo galeguista como
Agustín Bueno, Hermelinda Dapena, Manuel Dourado Deira, Mariano
Guizán, Xosé María Lema e Amancio Liñares. E outros máis recentes
como Ramón Latas, Xaime González Ortega e a mesma Tereixa Ledo. Houbo
tamén outros leigos que pasaron polo Consello de Redacción da revista;
a súa presencia actual é moito máis significativa, ata o punto de
acadar o 50%, cousa insólita hai dez anos.
Deste rico grupo, escollo a dous cristiáns con longa e rica experiencia
de militancia, dous profesores: Hermelinda Dapena e Manolo Dourado.
Hermelinda Dapena Tarela é unha cristiá
galega militante, que, ademais de formar parte de Encrucillada desde
poucos anos despois de iniciar a revista a súa andaina, exerce na súa
parroquia como catequista. Licenciada en Clásicas, traballa nun Colexio
de EXB dando clases de Lingua, Sociais e Relixión. Naceu o ano 1935 en
Pontevedra, nunha familia fondamente crente e practicante; na casa
había moitas referencias á cultura galega, mesmo había admiración
por Castelao e tiñan colgada na parede unha obra de Laxeiro; os seus
pais falaban galego entre eles, pero non así cos fillos, como adoita
ocorrer."Os meus pais dábanme a entender que aquelo do galego era
un mundo que estaba aí, pero no que eu non me implicara, polas
consecuencias que me podía traer".
Por outra banda, o seu pai era de fondo espírito franciscano, foi
"o dentista de tódolos relixiosos de Pontevedra". Ela tamén
frecuentaba os franciscanos e as clarisas; é Terciaria franciscana,
..."Cando casei, antes de ir ó banquete fun levarlle as flores ás
clarisas. Mesmo pensei en ser monxa". Pouco a pouco foi descubrindo
que a súa vocación era a educación, e que para iso non precisaba do
convento.
No ano 1952 comeza os estudios na Universidade de Santiago, alí segue
vinculada ós círculos católicos por medio da Asociación de
Propagandistas de Acción Católica. Dous anos despois continúa os
estudios en Madrid (1954-57) e alí colabora nunha parroquia dos
suburbios, na zona de Vallecas.
O Vaticano II axudoulle a facer toda unha revisión da fe. Unha Semana
de Teoloxía de Bilbao foi a aldrabada que lle fai descubrir o aspecto
liberador da fe.
"Na medida en que ía optando por
unha fe liberadora ía medrando nunha mais fonda esixencia de fe e
espiritualidade. Descubro máis conscientemente o mundo dos pobres e
síntome implicada no pecado social. Abriuse a miña dimensión de fe e
empecei a buscar con máis forza para chegar a un compromiso de fe
meirande". |
O compromiso con Galicia vai chegando
precisamente da man deste meirande compromiso cristián. Desta volta,
foron os Coloquios e logo o movemento de Encrucillada os que a achegaron
a esta realidade galega. "Alí empecei a facer as miñas primeiras
experiencias de falar galego. Pouco a pouco foise convertendo noutra
referencia fonda da miña vida". Tivo tamén importancia a
relación coa xente sinxela que acudía á farmacia de Estribela, onde
traballa o seu home, un barrio mariñeiro de lingua fundamentalmente
galega; alí comprendeu que a lingua podía ser un factor afastador ou
achegador á xente.
Galeguismo e cristianismo xa estarán para sempre vencellados en
Hermelinda. Pero descobre tamén, de seguida, que a súa Igrexa non fala
galego, o que lle crea conflicto mesmo coa parroquia na que colaboraba
en Pontevedra e termina por abandonala. En San Bartolomé, no mesmo
casco vello de Pontevedra, si atopa a canle onde vivir este xeito de fe.
Pero tamén a abandona para traballar nunha parroquia máis humilde,
Lourizán, onde está o seu colexio. Alí volve atopar a reticencia da
xente popular para aceptar o galego na celebración da fe. Outra
experiencia positiva foi para ela os Encontros de Música Relixiosa de
Poio. E, sobre todo, o equipo de Encrucillada.
O conflicto é superado desde a comprensión e a paz. Porque Hermelinda
é unha muller pacífica, defende as súas posturas, pero sen
agresividade, desde a paz de quen sabe que descubriu un tesouro e quere
ofrecelo, pero non impoñelo á forza. "Síntome feliz de ser
galega; sendo galega son eu mesma. E ser cristián é a forza meirande
para min: Un Pai que me quere e me acepta como son ¿Que máis podo
pedir?".
Manuel Dourado Deira é un mestre
rianxeiro que naceu en Araño-Rianxo no ano 1929. Bacharelato,
Maxisterio e Licenciatura en Dereito en Compostela. Sempre tivo unha
vocación eminentemente docente; está no Ensino desde 1970. A outra
gran paixón de Dourado é a de escribir; os seus comezos estiveron no
xornal La Noche, de Santiago, a finais dos anos 50, onde publicou ata os
primeiros dos 60 artigos sobre temas galegos. A partir de 1970 escribe
en El Faro de Vigo e La Voz de Galicia; algúns dos seus polémicos
comentarios sociopolíticos tiveron bastante repercusión na Galicia da
diáspora arxentina a través do xornal Galicia, de Bos Aires, e nas
emisións radiofónicas do programa "Sempre en Galiza", do
Patronato de Cultura Galega de Montevideo. O seu xeito de facer
contrastaba co periodismo habitual que se facía por eses anos nestas
terras. Tras dun silencio nos últimos anos do réxime franquista e a
transición, volve a La Voz de Galicia en 1987 e pasa a El Correo
Gallego ó ano seguinte, cunha sección fixa en O Correo Galego desde
comezos de 1994.
Colabora en Encrucillada desde mediados dos 80, sendo actualmente membro
do seu Consello de Redacción. Acadaron un bo eco uns artigos seus en
varios números desta revista co título xenérico de "Primeiras
experiencias dun mestre novato"(50). E seguiu escribindo sobre temas
culturais e relixiosos ata a actualidade(51).
Defínese coma "cristián de a pé, home de fe preocupado pola
marcha da Igrexa nesta hora presente". Pero coñece ben o mundo
clerical católico, como manifesta nos seus artigos. Algúns deles duros
e ó mesmo tempo comprensivos coa realidade do baixo clero, que ve nunha
situación de crise profunda:
"Os nosos cregos son e viven coma
unha grei de almas resignadas, atrapadas en situacións estructural e
funcionalmente anacrónicas... Deste xeito, só se pode transmitir unha
imaxe de Deus distorsionada, que non convence a ninguén. E a súa
mensaxe tampouco resulta interesante nin, polo tanto, salvadora (...)
¿Que pasa: está xordo o Santo Espírito, ou máis ben somos nós, a
Igrexa docente e discente, ós que témo-las antenas avariadas para
capta-las ondas do Espírito"(52)
|
Respecto do seu
galeguismo, Manolo Dourado confesa que é "un neno da Guerra do 36;
víctima, durante un tempo, do complexo de que 'falar galego é falar
mal', tiven que o superar pola vía do dominio do castelán".
Prefire a verba "galeguidade" a "galeguismo", como
expresión do seu ser galego, "pola contaminante adulteración ó
que a somete o mesianismo político de irremediable vocación
centralista, que impera en Galicia", segundo me conta. Dourado
manifesta tamén os seus reparos respecto da verba
"nacionalismo" ("un dos vocábulos máis perigosamente
equívocos"). Pero, precísame, "se por nacionalismo debemos
entender 'o amor á terra que me viu nacer, que me deu o ser, e incluso
o manter', entón parece de elemental evidencia que se son galego é
porque nacín e vivo en, por e para Galicia, e a miña raizame nútrese
de todo o que Galicia é". Desta maneira, galeguismo e nacionalismo
se converten en "realidades que se implican secuencialmente":
Son galego (galeguismo) na medida na que amo a Galicia (nacionalismo),
que é a forma máis digna de amarse a si mesmo. "A quen a propia
torpeza o incapacite, o nacionalismo debería ser, polo menos, unha
realidade de estómago agradecido". Dourado ten completamente claro
que galeguidade e fe cristiá deben ir xuntas, máis aínda:
"Galeguismo e
cristianismo deben ser realidades necesariamente vencelladas,
por unha substancial complementariedade: Son cristián dende
a radicalidade do meu ser galego. Outra cousa é, para min,
unha absurda contradicción. Sería como ser dende o non-ser;
ser dende "outro"; ser dende unha imposta ou asumida
alienación. E iso carece de sentido; é unha dramática contradictio
terminis". |
6. Tres poetas e un escritor comprometido co seu pobo e a súa
Igrexa.
Non é doado atopar hoxe escritores que se declaren
cristiáns, e menos aínda cristiáns practicantes ou católicos
practicantes. Certamente, as posturas involucionistas da Igrexa nos
últimos tempos non "venden" ben no mundo da cultura e botan
para atrás a mentes abertas e críticas con calquera tipo de
autoritarismo ou reaccionarismo; e mesmo os crentes non se senten xa
empuxados a dicir como Vicente Risco outrora: "Eu son heterodoxo en
todo menos en Relixión" (afirmación que tampouco era xa demasiado
sincera en Risco). As posturas abertas, ecuménicas e tolerantes da nova
reflexión teolóxica puideron levar, ás veces, a un confusionismo e a
non ter as cousas claras, pero maiormente foron un bálsamo contra a
angustia dos quen non podían casar facilmente a súa honradez
intelectual e científica, ou a súa liberdade creativa no campo da arte
ou da escrita, coas posturas encasteladas e incuestionables dunha Igrexa
de verdades inmutables, onde tódalas afirmacións da xerarquía
eclesiástica parecían ser dogmáticas e invariables. Esto levou a unha
vivencia da fe, nos crentes, en diversos grados de relación e
compromiso coa Igrexa, pero que non deixa de manifestar nalgúns
escritores da Galicia de hoxe unha clara autodefinición de fe cristiá;
moitas veces ésta non é de todo consecuente,
nin eclesial, como recoñecen, pero noutros casos si. Vimos xa
anteriormente a postura "na fronteira" de Carlos Casares ou
Fernández del Riego, vexamos, para rematar, a doutro escritor cunha
postura máis clara e tres mulleres poetas de gran sensibilidade.
I. XESÚS FERRO RUIBAL é un home claramente vinculado á Igrexa,
que colabora na catequese da parroquia e que está moi a gosto na nova
Igrexa Galega, que moitos andamos xa a construír en Galicia, na mesma
medida en que é crítico coa súa Igrexa. Naceu no ano 1944 en Moraña.
Estudiou no Seminario de Santiago e nas universidades de Comillas e
Roma. Foi compañeiro de curso de Torres Queiruga, e por medio del
coñeceu a Ramón Piñeiro e a moitos persoeiros da cultura galega.
"A xente máis valiosa de Galicia dime que estaba facendo unha
patria diferente da oficial. O galeguismo levoume ó descubrimento de
xente dunha altura moral e intelectual extraordinaria". Licenciado
en Filoloxía Clásica, é profesor de grego e de latín, traballa
actualmente no Centro Ramón Piñeiro, e láiase de que hoxe non
teñamos unha mesa camilla como a deste persoeiro singular da historia
galega.
Bo coñecedor da realidade cultural galega,
particularmente das raíces da súa fala, escribe moi ben, como
manifestan os seus premios (Premio Galicia de Xornalismo e Premio
Nacional de Periodismo Julio Camba). É un apaixonado do galego e dunha
relixión encarnada en Galicia; a súa obra manifesta claramente esta
realidade nos seus mesmos títulos: Galicia existe e resiste,
Compre aprendermos en galego, Deus tamén fala galego e A
Igrexa e a lingua galega; ademais do seu Refraneiro galego e
o Diccionario dos nomes galegos. É un asiduo colaborador de Encrucillada,
Irimia e La Voz de Galicia. Nun do seus libros fai esta
autoconfesión:
"Eu son un home
que tivo que ir a Roma para descubrir que era galego. E na
meditación das feituras de Xesús o galileo descubriu moitas
semellanzas entre a súa mensaxe e certas páxinas de Castelao e
dalgún outro poeta galego. Alí descubrín que eu era dun País
que ignoraba e actor, sen sabelo, dunha triste historia. Alí
descubrín un programa para a miña vida e unha Esperanza para a
miña Terra.
A miña preocupación é a lingua. Porque nesta metáfora xoga o
home valores moi profundos e a súa existencia os cristiáns. Eu
escribo para galeguizar"(53). |
Contrariamente
ó que se adoita dicir, Ferro sabe, e dío, que en Galicia, como en gran
parte das culturas minoritarias, foron os cregos "os primeiros que
deron a voz de alarma ante a súa aniquilación e organizaron a
resistencia máis aló do folclore". Fálame de como se manifesta
esta afirmación no nacionalismo catalán, vasco, esloveno, cerdeño,
etc. "En Galicia tamén di Ferro. O único estraño é o que dura
a marxinación destes curas galeguistas no estamento institucional da
Igrexa, ó que lle custa asimilar o que eles representan". Xa con
ocasión dun premio concedido a Torres Queiruga, Ferro Ruibal laiouse da
falla de recoñecemento da súa Igrexa. "Os curas padecen un dobre
celibato: o de non ter muller e familia, e o de non ter na súa Igrexa
un niño que lles dea calor".
No seu libro A Igrexa e a lingua galega recoñece como
"A Igrexa galega foi a primeira
víctima da castelanización. Contra a oposición dos cabidos
catedralicios, do clero, das institucións populares e do propio pobo,
os reis de Castela converten ós bispos galegos nos seus representantes
e axentes... e colocaron á cabeza das dióceses galegas bispos non
galegos que ignoraban o galego... A práctica dos séculos
posteriores incrementouse de forma humillante para Galicia... É
difícil atopar un caso dunha comunidade tan radicalmente
podada"(54). |
Máis aínda,
pregúntase Ferro "¿Sería posible a conservación da lingua
galega se o clero baixo actuase só en castelán como se dá por
suposto? [Refírese a certas opinións e particularmente ó documento da
UPG Acusamos] ¿Non serán Feixoo, Sarmiento, Sobreira e o cura
de Fruíme a punta dun iceberg?"(55).
¿Galeguismo e cristianismo un conflicto? A resposta que me da Ferro é
clara e contundente:
"Non me colle na
cabeza pensar que poidan ser un conflicto. O conflicto está
precisamente no feito de que o aparato visible da Igrexa si
quere crear un conflicto. O conflicto non está para min entre
galeguismo e cristianismo, senón entre cristianismo e Igrexa.
Na dificultade para ser cristián nunha Igrexa na que unha parte
do seu aparato non é cristián. O problema non está na só
súa miopía para ver a realidade da lingua, senón en que
poidan montar unha tenda dentro da catedral para sacar cartos;
ou montar unha exposición ostentosamente blasfema sobre
Santiago e América, pois é unha mentira insultante dicir que
Santiago matou algún mouro.
O problema é coma á Igrexa non lle crea ningún problema o
comercio que fai a conta dos santos. Así, á Virxe dos Milagres
de Amil xa lle cambiaron o nome polo de os 'Milagres de
A-cincomil'.¿Cal é a teoloxía que rexe esta Igrexa
Institución?. En que medida se pode dicir que esta é unha
relixión que ten que ver co Evanxelio. Eu penso que ten moi
pouco que ver. ¿Canto tempo vai tardar Galicia en ter os bispos
que necesita?. ¿Por que aquí é mentira o que é unha verdade
en Cataluña?
A Igrexa ten unha tendencia á fosilización, porque aínda non
descubriu a democracia. A miña opinión non conta absolutamente
nada na marcha da Igrexa." |
Con todo, que
esta crítica non despiste ó lector, Ferro Ruibal é crente, cristián,
practicante e "de Igrexa", colaborando na catequese e "en
moitos máis servicios calados á Igrexa, que non chos poido contar,
porque teño o compromiso de non contalos", dime. E alude a aquela
frase citada de Suárez Picallo, cando traduciu as lecturas da Misa en
galego que fixo Antonio Rodríguez Fraiz en Bos Aires. "E logo din
por alá que eu son un ateo". No seu haber, hai moito traballo en
elaboración de materiais, moitas charlas dadas con xenerosidade sobre a
liturxia e o galego. "Cando facía ver en foros de Igrexa as que
pasou o galego e como se vai recuperando a pesar de tódolos
prognósticos na sociedade e na mesma Igrexa, algúns teñen
chorado".
Ferro sabe que a súa
fe cristiá ten que ser encarnada, o ser galego conforma
necesariamente a súa fe cristiá: "Eu non podo ser
cristián aquí como o sería en Pekin".
"Cando eu chego a Roma en 1966 e descubro realmente que son
galego, leo Sempre en Galiza e, de repente, non só
empezo a interpretar e comprender que é realmente Galicia,
senón que descubrín tamén unha maneira de traducir realmente
que é eso da fe; non simplemente 'creer lo que no vimos' que
dicía o catecismo, senón un programa de traballo pra toda a
vida.
Nunha ocasión, na conversa entre Queiruga e un militante
comunista falaban de Mendez Ferrin. E di Andrés ¿Se un día a
Ferrin se lle plantexase o dilema de decidir entre marxismo e
galeguismo con que se quedaría? E o outro respondeulle A
pregunta non ten sentido. Eu non sei se a pregunta tiña sentido
ou non, pero para min, o dilema entre galeguismo e cristianismo
tampouco ten sentido para min. O cristianismo axudoume a
entender o misterio da Encarnación e mesmo o da Trinidade: Se
Deus é vario, a variedade da natureza e do xénero humano, a
variedade de linguas e culturas, non é unha maldición, é algo
divino". |
III. Non é moi abondosa a producción
literaria feminina en Galicia, e en galego presuposto do galeguismo
que se estudia neste libro, pero xa
vai habendo unha realidade vizosa. Xa non son os tempos ermos de
Rosalía ou Francisca Herrera. Carmen Blanco fixo unha recolleita no seu
libro Literatura galega de muller, e tiven tamén a ocasión de falar
con ela sobre o tema. Certamente, parte das escritoras galegas non se
definen cristiás, e algunhas maniféstanse claramente á marxe; pero
Carmen Blanco, que non se sitúa entre as mulleres crentes, recoñece
que un grupo importante si o son. Así mo comenta:
"En liñas xerais, o cristianismo e
o catolicismo son bases ideolóxicas omnipresentes na maioría das
autoras das xeracións de preguerra como Francisca Herrera, Filomena
Dato ou Carmen Prieto Rouco, e aínda as pertencentes á xeración da
postguerra, como Dora Vázquez e Pura, a súa irmá. Pero nas figuras
máis próximas ao canon e, polo tanto máis consideradas, como a propia
Pura, en ocasións, ou Luz Pozo, a súa relixiosidade estaría ubicada
nunha heterodoxia; en parte común ao pannaturalismo galaico e con
particularidades específicas que habería que estudiar en cada caso.
Polo que fai referencia ás creadoras das xeracións máis recentes,
como Xohana Torres, María Xosé Queizán, Margarita Ledo e un
sennúmero que non vou enumerar, a súa obra semella claramente
materialista, como corresponde ao signo dos tempos". |
Xa se verá como estas apreciacións de
Carmen Blanco non son de todo exactas. Con toda seguridade no que se
refire a Luz Pozo, que se define actualmente non só como cristiá,
senón mesmo como católica. Haberá ocasión de escoitar a confesión
de fe doutras escritoras como Helena Villar e Marica Campo, coas que
tamén tiven ocasión de falar. Máis aínda ¿é un signo dos tempos
maioritario a increnza? Eu teño serias e abondosas razóns para
dubidalo, outra cousa é manter unha fe cun credo concreto, consecuente
e practicante.
1. A mesma Pura Vázquez (Ourense 1918),
unha mestra que ten numerosa obra poética publicada, manifesta unha fe
cristiá aparentemente clara en versos coma os desta "Prega",
aínda que fora escrita hai case corenta anos:
"Po-la herbiña miuda, pol-a raíz
do toxo,
pol-o vento do Norte, pol-a pinga da choiva,
pol-as fitas do millo, pol-a escama dos peixes,
¡lévame par-a os valos, Virxe Nosa Señora!
Polo celme regato, pol-o fío da lúa,
pol-a mágoa do pobre, pol-o canto da rula (...)
pol-a voz das fontelas, pol-o chío dos paxaros,
¡lévame pra Galicia, Virxe Nosa Señora!"(56)
|
Teresa Barro (A Coruña 1936) é
presentada por Carmen Blanco, no libro aludido, como representante
"dunha corrente case insólita no pensamento feminista galego, que
conxuga o feminismo radical diferencialista co humanismo
cristián". Segundo Carmen Blanco, no feminismo galego independente
habería dúas liñas: a "corrente materialista", representada
por María Xosé Queizán, e a "corrente espiritualista",
representada por Teresa Barro (57). Teresa Barro, asentada en Londres, está
segundo me informa Carmen Blanco vinculada a grupos cristiáns da
capital británica.
A este respecto, destacan dous breves ensaios seus publicados en
Grial:
"A creación da muller no Xénesis.
Un estudio feminista" (36, 1972) e as "Cartas a
Rosalía". O primeiro, a pesar do ambicioso do título, é un
estudio cativo, pero manifesta defender un punto de vista feminista e
cristián, "descubrindo" que do relato bíblico non se saca
unha subordinación da muller ó varón, senón unha situación de
igualdade (58). As "Cartas a Rosalía", ensaio máis amplo que deu
lugar a un libro co mesmo título, tocan os polémicos temas da
liberdade sexual da muller, a prostitución, o divorcio e o aborto;
reivindicacións clásicas dun movemento de liberación da muller que
Teresa Barro cre que non debera ser tan simplista. Non se manifesta tan
pacata como ve Carmen Blanco, e si crítica cunha Igrexa machista,
gobernada por célibes "que pouco poden saber destas
materias", o que debía levalos a estar máis calados, di. O ensaio
desta feminista galeguista manifesta unha muller respectuosa da súa fe
cristiá:
"As leises
divinas non son caprichosas; están pensadas para impedir que
nos inxuriemos os uns ós outros, para evitar o odio, a
enemistade e o abuso. O sexto mandamento, que se convertiu en
sinónimo do ridículo gracias ás tonterias dos que estaban
chamados a guiar almas e non o fixeron, básase en que quen
fornica usa e abusa de outro ou outra, utiliza seres humáns
como se foran ouxetos depositados no mundo para o seu pracer.
Non é unha lei ñoña; é unha lei de respeto á integridade
propia e allea... A Igrexa tinxiu toda a sexualidade de desprezo
á muller... Daí que agora a muller empeza a se rebelar, non
saiba como sair do paso e non diga máis que insipideces que non
convencen a ninguén" (59). |
E fala con
valentía da cuestión do aborto:
"Téndese sempre
a pensar que oporse ao aborto é sinónimo de beatería
católica, pero non é así. Dentro do Movemento de Liberación
da Muller hai grupos ateos que rechazan o aborto por razóns
simplemente humáns e non relixiosas. As que o defenden din que
'temos dereito ó corpo'. Afirmación moi atractiva, que encerra
nembargantes un sofisma... O aborto non é exercicio dun
dereito, senón abuso dun poder: o poder do máis forte, do
máis grande, do que pode elexir... As mulleres non podemos
pensar, nen por un momento, que temos dereito a todo, incluso a
matar, por moi xustificado que pareza estar"(60). |
Tamén Pura
Lorenzana (Chantada 1914) manifesta un feminismo galeguista e
crente, comprometido co nacionalismo. Trátase dunha historiadora
universitaria, vinculada na postguerra ó Patronato Rosalía de Castro,
e "ubicada no catolicismo e no nacionalismo de dereitas",
segundo me conta Carmen Blanco. É particularmente importante unha
conferencia que pronunciou en 1931 para a Xuventude Católica Feminina
de Santiago ( Suplementos de Nós, A Coruña 1931) invitando ás
mozas á abrazar as ideas galeguistas. "O seu discurso é unha
defensa das ideas do nacionalismo católico do momento", comenta
Carmen Blanco. Isto dicía Pura Lorenzana xa daquela:
"Sinto later no
meu peito todo-los anseios da patria, como galegas que sodes
vosoutras dispostas a defender e honrar Galiza atendédeme,
compañeiras no santo amor da Terra, unha súprica, un prego:
amade a Galiza con afervoamento e agarimo mais fondo, amádea
con reverencia mais sincera, pero non a amedes porque seña
grande, nin porque seña bela.... e se a vedes tremer pola perda
dos seus ideais, dexenerazón dos costumes ou relixión,
restauradea; ... pra que así podamos procramar con orgulo
diante do mundo enteiro ¡Terra a Nosa!". |
Neste eido do
feminismo tamén é importante un breve ensaio de Nieves Herrero
publicado máis recentemente en Encrucillada co título
"Teoloxía feminista". Para Nieves Herrero, antropóloga e
profesora da Universidade de Santiago, "Un feminismo que está a
revisar e cuestiona-la sociedade en xeral, e en particular, a
producción teórica que reproduce un mundo inxusto para as mulleres,
debe enfrontarse tamén coa Teoloxía"(61). De feito, a teoloxía
feminista xa o está facendo, cuestionando e revisando a simbólica
xudeu- cristiá; particularmente denúnciase a figura do Deus Pai como
mecanismo de lexitimación sacralizante da superioridade do varón.
"A partir daquí imponse a subversión simbólica, a busca doutra
imaxe de Deus por diferentes camiños"(62).
2. LUZ POZO GARZA é das poetas actuais galegas recoñecidas nas
que a presencia do relixioso é máis palpable na súa producción
literaria. Unha relixiosidade que, contrariamente ó que se ten escrito,
é cristiá e católica. Ben é certo, que Luz Pozo recoñece que
"Hoxe en día síntome católica, aínda que pasei por moitas
fases". Non en van é filla dun librepensador republicano reprimido
polos feixistas, aínda que moi respectuoso coa relixión.
Luz Pozo naceu no ano 1922 en Ribadeo; estudiou
Filosofía e Letras, Maxisterio e Piano. Na actualidade está retirada
na Coruña, tras anos de actividade na docencia. É correspondente da
Real Academia Galega, directora desde hai moitos anos da revista
literaria Nordés, e ten acadado diversos premios literarios, en
poesía e ensaio. Entre as súas obras poden citarse os poemarios en
castelán: Anfora (1949), El vagabundo e Cita en el
viento; en galego: O paxaro na boca (1952), Verbas
derradeiras (1976), Concerto de outono (1981), Códice
Calixtino (1986) e Prometo a flor de loto (1992), a súa obra
máis transida de relixiosidade. En ensaio publicou: A bordo de
"Barco sin luces (1990) e Alvaro Cunqueiro e "Herba
aquí ou acolá" (1991); ademais doutros publicado en Grial
sobre a "Negra sombra" de Rosalía, Alvaro Cunqueiro, Otero
Pedrayo, Franco Grande, etc.
Respecto do galeguismo dime: "Sempre fun
galeguista, aínda que non afiliada. Vivino na miña casa; a pesar de
que os meus pais viviron moitos anos en Castela e no extranxeiro".
O contacto coa fala e a cultura da aldea, onde tiña unha tía, marcou
decisivamente a súa vida.
Ferrin dixo que a poesía de Luz Pozo é
"unha arela de beleza absoluta, unha arela de absoluto". E un
pensa naquel verso impresionante de Díaz Castro: "A beleza feriume
para sempre". Luz Pozo non dubida en dicir que tamén a ela lle
impresiona sobre maneira este verso de Díaz Castro; e, como ocorrera
posiblemente no caso do poeta de Guitiriz, tamén ela é lectora de San
Xoán da Cruz, o místico que se manifesta nos seus versos "ferido
polo Amado". "Aprendín moitos versos del de memoria",
aínda que recoñece ser máis lectora de Frei Luis de León,
particularmente as súas Odas.
"Esa poesía
paréceme marabillosa. Encóntrome moi identificada con ela.
Toda poesía que sexa elevación, que sexa altura, que sexa
beleza, que sexa espiritualidade, que sexa un achegamento á
divinidade, ... séntome sempre identificada con ela". |
Hoxe, Luz Pozo
séntese católica, aínda que recoñece unha evolución marcada pola
súa crise de adolescencia, pola
persecución do seu pai, debido ás súas posturas republicanas e
socialistas (fora primeiro de Izquierda Republicana e logo radical
socialista), a morte do seu irmán na Guerra Civil e a postura da Igrexa
nela. Tan só tiña catorce anos en 1936, pero eses acontecementos
marcárona. O seu pai, inspector veterinario, chegou a ir preso ó
cárcere e foi destituído do seu cárrego, polo que tras a guerra van a
Marrocos. "Debido a eses traumas alonxeime bastante da práctica
relixiosa. Dicía que Deus non me escoitaba, que estabamos abandoados da
man de Deus". As súas lecturas de Renán e os racionalistas
protestantes tamén tiveron non pouco que ver coa nova postura, pois
atopaba dificultade para casar fe e razón, "dúas maneiras
diferentes para coñecer a verdade", recoñece hoxe. Tras moitos
avatares, hoxe atópase a gusto na Igrexa e séntese feliz, aínda que
non deixe de recoñecer as moitas equivocacións que tivo no pasado e no
presente: "Iso pasa en tódalas relixións dime. O que hai que
ter en conta son os valores cristiáns, a forma de conformación deses
valores".
A morte do seu home, o tamén poeta Eduardo Moreiras, fíxolle
redescubrir e afondar na realidade do sentimento relixioso, como busca
da inmortalidade e do absoluto. Nun tempo fora polo camiño da
espiritualidade oriental, particularmente o budismo, polo que tiña
grandes simpatías Eduardo Moreiras. Cítame Luz Pozo ó Dalai Lama, e
manifesta atopar puntos comúns entre o budismo e o cristianismo, ata no
mesmo sacramento da penitencia, ou confesión. Parece dicilo con medo de
crebar o dogma, pero eu ben sei que a verdade non ten patente de
exclusividade nunha relixión ou noutra. Particularmente, tamén no
cristianismo a confesión auricular naceu nos mosteiros, entre os
monxes, como ocorre coa experiencia semellante dos lamas tibetanos.
O seu libro Prometo a flor de loto é para ela un canto á esperanza e
á resignación cristiá ante a morte e o máis aló, con ocasión do
pasamento de Eduardo Moreiras. Confesa aceptar mellor a idea cristiá da
resurrección que a idea hinduísta-budista da reencarnación das almas;
aínda que lle pareza moi enriquecedora a visión espiritual destas
relixións. Nese libro podemos atopar versos coma os do poema
"Disputa da alma e o corpo", onde manifesta esta fe na vida
alén da morte:
"As leis da continxencia
quedaron transgredidas
e a morte e a esperanza confundidas.
A figura cinguida
perfectamente seria
O lenzol sudario
no reino inconsumido da carencia (...)
Derramadas sustancias
en fráxiles lucencias
O espírito no Espírito
na onda mística da única conciencia
O amor ó corazón á derradeira rosa
dona eis-Dómine-vitam aeternam" (63). |
Ou estes outros de "Cidade do
sacramento", nos que a poetisa, consciente de que o seu home non
era amigo de entrar con ela a rezar nas igrexas, achégase á catedral
de Lugo a orar ante o misterio do Sacramento, do que é tan devota. Vexa
o lector de que maneira a autora manifesta a súa fe en que Cristo
resucitado é quen "de superar a cinza" e de "anular o
tempo" e "incendiar a morte", facéndose presente na
Eucaristía:
"Prometín
volver a esta cidade ...
Onde noutrora deambulamos transidos
dunha chuvia insistente e hostil
Presentín que un día voltaría soa a pregar por ti
Na catedral hai un rumor luído
unha memoria escura e indefensa
un silencio como de loito puro
Un sol sacramentado que expón o seu misterio
de vencer a materia
de superar a cinza
na insistencia da luz
na aurora consumada
Veño á cita eucarística do reino
para anular o tempo
para incendiar a morte
para pregar por nós"(64) |
Tamén "in
memoriam" de Eduardo Moreiras son os seus versos nas primeiras
páxinas do número monográfico que lle dedicou a revista Nordés
(maio de 1992). Uns versos con sabor á poesía de Frei Luis de León:
"Ben sei que
asumirías a música divina
como última beleza.
Pois agora que habitas as veladas esferas
xa nada é transitorio.
E os espacios celestes onde a luz se contempla
no supremo silencio da morte
fican lonxe do pranto". |
"En min hai unha compoñente que
pode ser mística, que está aí permanentemente", dime na súa
conversa; por iso é unha gran lectora dos clásicos da poesía mística
como Santa Teresa de Xesús, San Xoán da Cruz, Frei Luis de León, ...
e a súa cruz no peito é para ela moito máis que un adorno: "É
un símbolo vivo auténticamente de fe e de esperanza". Luz Pozo
contrapón a riqueza da simboloxía católica e o seu espírito máis
lúdico, fronte á austeridade protestante. Para ela, as igrexiñas
sinxelas é afastadas son un espacio privilexiado para o encontro con
Deus; por iso recoñece non ser moito "de comunidade", aínda
que acepta o valor da comunidade, e sabe que Igrexa é ante todo
comunidade. Ama o silencio, pero tamén a oración sinxela e popular da
xaculatoria, esa exclamación relixiosa breve.
Igualmente, este amor ós símbolos lévaa a apreciar en gran maneira os
sacramentos, particularmente a eucaristía; sobre a que líamos nos
versos máis arriba: "Un sol sacramentado que expón o seu
misterio/ de vencer a materia":
"Para min a eucaristía é algo
esencial. Paréceme algo incriblemente grande, se non fose divina, como
obra material tan só sería algo xenial. Pensar que está alí Cristo
presente e contigo é algo inenarrable. Os que estivemos alonxados diso
e volvemos apreciámolo máis, sentímolo máis fondamente". |
No mesmo sentido vai a atracción pola
figura humana e simbólica de Xesús Cristo e a súa nai, María.
"Esas figuras atráenos porque somos seres humanos que
necesitamos humanidade en todo, mesmo na relixión". Por iso, na
súa fe cristiá a figura esencial é Cristo, o Pai parécelle
"demasiado inconmensurable"; o Deus Creador non é o que máis
peso ten na súa fe. Non lle preocupan particularmente as relacións
entre a ciencia e a fe, aínda que, boa lectora de Jung, alude ás
relacións entre materia e espírito, que se comunican no vértice a
modo de iconos contrapostos. "Todo está feito para camiñar en
evolución cara ó espírito", dime Luz Pozo, como lectora, tamén,
de Teilhard de Chardin. Esa espiritualidade maniféstase hoxe nos
valores da solidariedade e a entrega ós demais, e tamén na fame de
Deus.
Cristianismo e galeguismo son vividos sen
meirande reflexión nin artellamento teórico por Luz Pozo, pero si
manifesta emocionarse nas celebracións en galego: "Atopo nelas a
Deus de xeito máis próximo a nós". Mesmo maniféstame a poetisa
que o seu galeguismo axudoulle á súa fe. E ten nun lugar preferente na
súa biblioteca a Biblia galega, que le frecuentemente; particularmente,
como non podía ser menos, os "Salmos" e o "Cantar dos
Cantares".
Luz Pozo Garza confésame finalmente que non
lle ten medo á morte porque xa leva anos preparándose para ela de
xeito paseniño.
"Penso que
recibirei a morte sen traumas. Pero quero que me axuden a ben
morrer, acompañándome nos derradeiros momentos con oracións,
falándome do Espírito nese tránsito. Díxenlles os meus
fillos que a min non me deixen morrer así de calquera xeito,
senón léndome cousas espirituais. Eu non quero morrer sen
enteirarme. Quero que veña o sacerdote e me poña os
sacramentos e me fale de Cristo que me ven recoller.
Quero que me enterren pola Igrexa con tódolos ritos católicos.
Mesmo me gustaría que me cantaran en latín no meu
enterro". |
Esta poetisa da
Coruña sabe, en fin, que a morte cristiá pode ser dramática, pero non
tráxica, porque a vida, e non o vacío, está despois da morte. Nisto,
como no do enterro con latines e gregoriano, ten unha semellanza con ese
outro gran galego que foi Don Ramón Otero Pedrayo.
3. HELENA VILLAR JANEIRO, escritora en prosa e en verso, é de
Becerreá (Lugo), onde naceu no ano 1940, e exerce a docencia en
Santiago. Ten no seu haber diversos premios literarios, algúns
compartidos co seu home Xesús Rábade Paredes: o do Patronato Rosalía
de Castro, o de Galicia de Poesía (1981) e de Novela (1980), etc.
Publicou: Alalás, Símbolos de Galicia, O sangue na
paisaxe, Morrer en Vilaquinte, O libro de María (de
particular interese para a súa dimensión relixiosa), Rosalía no
espello, Ero e o capitán Creonte, ... Para Filgueira
Valverde, o que máis lle debe a literatura galega ó labor do binomio
de escritores Rábade Paredes-Villar Janeiro é a calidade do galego que
empregan, tanto en prosa coma en verso: "Rabade Villar (así, sen
guión) é xa un fito na historia do galego literario" (65).
Pero, ademais de galeguista, Helena Villar é
unha persoa fondamente crente. Velahí a súa confesión persoal,
mergullada na súa realidade histórica:
"Eu son unha
persoa mística polas características psicolóxicas miñas,
sempre fun unha persoa relixiosa, xa desde moi pequena, a pesar
de que a miña familia estaba bastante distanciada da relixión.
A miña nai nunca fora unha persoa moi de igrexa e o meu pai,
aínda que fora sancristán e estudiante de cura, quedou mo
marcado na Guerra Civil polo que consideraba era un
posicionamento hostil da Igrexa contra algún familiares que lle
mataron inxustamente.
Antes de cumprir os dous anos fixen de anxo nunha cerimonia do
Corpus. Fixen a Primeira Comunión ós seis anos, ulindo a
cinamomo, por iso os cinamomos húlenme a Deus. Recibín a
Confirmación marabillando ó Señor bispo mediante o meu
coñecemento relixioso. Arredor dos 21 anos, cando fixen as
oposicións de Maxisterio, tiven unha experiencia relixiosa moi
forte, que me levou a querer ser monxa de clausura, carmelita;
pero logo perdín o interese. Posta de mestra na miña aldea de
becerreá, tiven moito trato cos curas e colaborei moito nas
cousas das igrexas.
Ese misticismo funo verquendo logo na miña poesía, e empecei a
escribir. Seguín cunha relación coa Igrexa. Casada cunha
persoa agnóstica, aínda que respectuosa coa relixión,
chegamos a facer xuntos algunha obra de carácter relixioso.
Chegan os nosos fillos, María e Abelardo, para os que fixen
poemas, oracións e cancións, para cantarlle e que aprenderan.
María era moi relixiosa...
Pero, pola época da transición española, por culpa de certos
sermóns e de certos curas, acabei totalmente afastada da
práctica relixiosa, da Igrexa oficial. Danme pena como se fan
os enterros e as demais celebracións. E dáme pena
particularmente o divorcio entre a Igrexa e o galego, é o que
menos lle perdoo. Podo perdoarlle a miña Igrexa certas visións
trasnoitadas, pero non lle perdoo ese divorcio, que me parece
unha burla de cara ó país.
Sen embargo, descubrín a nova Igrexa Galega e tiven ocasión de
ser cooficiante nas Romaxes de Crentes Galegos, unha experiencia
na que me sentín especialmente digna na miña Igrexa, o que
revitalizou a miña fe cristiá.
Hoxe sigo tendo ese espírito místico e contemplativo, que
posiblemente fose unha razón de crencia, e aínda me atrevo a
dicir que por razóns estéticas". |
"A Deus
deberíanlle os seus ministros permitir que respectase a lingua que
falaron os mortos", escribiu nunha ocasión (66). "Nun pobo tan
relixioso como é o galego, os curas están distorsionando o Espírito
dime na conversa, sobre todo pola súa traición á lingua". O
seu home Rábade Paredes, engade que é unha miopía por parte de certos
galeguistas o posicionamento contra o elemento relixioso galego:
"As relacións entre o galeguismo e
a Igrexa deberon ser máis estreitas. Pero hoxe estamos nun momento
oportunísimo para establecer esa ponte, por parte de algúns curas que
son bós representantes do pobo, os mellores curas do país, aínda que
estean distanciados da xerarquía. Eles poden ser a ponte entre o
galeguismo e a xerarquía eclesiástica para que a Igrexa deste pais se
encarne na realidade da Terra.
Non houbo entendemento porque non houbo coñecemento da realidade. O
galeguismo non tivo un coñecemento pragmático da realidade
sociolóxica de Galicia, se o tivese teríase aproximado antes á
Igrexa, aínda que so fose por conveniencia política, cousa que non
fixo. Certo nacionalismo segue sen entender socioloxicamente o país, e
o peso da relixión nel. E ten que entendelo para chegar a unha
transformación real da realidade". |
Helena Villar séntese hoxe moi cristiá,
a pesar dun certo distanciamento da Igrexa, que a leva a non sentirse,
as veces, "moi católica". Foi ela a que compuxo con letra e
música unha popular canción que se canta nas igrexas do país,
"Teño un amigo eu":
"Teño un amigo eu
que é mariñeiro e pescador.
Teño un amigo eu.
Chámase Deus e é o Señor.
Eu quero ser mariñeiro
Eu quero ser pescador
e hei cruzar con valentía
polo mar do seu amor"(67) |
Vive
a Deus coma un interlocutor que se pon en contacto coa persoa, un
pai-nai magnánimo que é máis forte que a mesma morte, aínda que non
comprende moi ben o tema da resurrección."A idea da resurrección
ou da inmortalidade é unha idea que me seduce e me achega moito á
relixión". Amante dos símbolos, como Luz Pozo, é tamén amiga
dos sacramentos, particularmente da eucaristía, que lle parece un
símbolo riquísimo; o malo é atoparse a gosto nas celebracións da
eucaristía, cousa que lle resulta case imposible nunha lingua
prexuiciosamente allea.
4. MARICA CAMPO DOMINGUEZ, nacida no Val do Mao-Incio en 1948,
exerce a docencia no ensino público en Xove. Confésase crente de toda
a vida ("Tería que facer moitas máis reflexións para non crer
que para crer"), pois esta mestra e escritora galega veu ó mundo
nunha familia moi relixiosa. O que non quita que sufrira unha fonda
evolución na súa fe, que ela considera purificadora. "O Deus que
me deu a miña familia non me gustaba, porque era moi terrorífico.
Tiven que botalo pola ventá. Ademais precisa non cadraba coa bondade
da xente da miña casa". De carácter rebelde, pasou pola
inevitable crise de fe adolescente. Pero logo decide meterse monxa,
mesmo das de clausura; aínda que acaba nas relixiosas do Divino
Maestro. Coas monxas fai os estudios de Maxisterio e de Teoloxía; pero
deixaas moi cedo. As veces manifesta un contencioso coa súa Igrexa,
fronte a que é crítica e discrepante, pero segue a confesarse
católica e practicante, e mesmo di: "Non podo calar en público a
miña fe".
"O único que me rescata da miña
desesperación existencial é o pensamento na piedade de Deus, da que
nos deu noticia Xesús. Percibo a existencia dun xeito bastante
dramático e moitas veces a vida deixa de me seducir. Daquela só me
sostén o amor ós que quero e a esperanza no Deus de Xesús". |
Polo que respecta ó seu galeguismo, ten
unha orixe máis serodia, na súa estancia no Colexio Público de Castro
de Rei, cando coñece a un cura galeguista: Xosé Manuel Carballo, que
xa apareceu nestas páxinas. "En Castro de Rei descubro a lingua
como a única realidade coa que podía expresar esta terra. ¿Como
nomear a realidade da Terra nunha lingua allea?". Le
apresuradamente ós autores galegos e comeza a escribir versos en
galego, publicando algúns en Encrucillada hai xa máis de dez anos.
Coñece tamén ó grupo musical Fuxan os ventos, vinculado a Mato, un
cura de Lugo, e componlle as letras dalgunhas das súas cancións:
"Muller" (Sementeira), "Mencer" e "Canción
para adurmiñar a lembranza" (Quen a soubera cantar), "Fame,
soidade e bágoas" (Noutrora). Algunhas delas son tan
impresionantes como estes versos de "Mencer":
"Disque vai frío nos montes
galegos,
disque vai vento na beira do mar;
disque morreu a esperanza no pobo,
disque o futuro non pode agromar.
Lerias e lerias dos abafantes
dos que se empeñan o pobo afogar!:
ti e máis eu, todos nosoutros, somos Galicia,
e aínda estamos por enterrar!
Temos futuro, temos mañán,
xa que Galicia está a despertar!"
|
Recentemente publicou algúns dos seus
poemas no libro Tras as portas do rostro (A Coruña 1992). Pero son os
seus versos publicados en Encrucillada, os que tratan máis directamente
o tema relixioso, desde a perspectiva galega. Así "A Palabra de
Deus ecoaba lizgaira"(31, 1983), a modo de glosa do Prólogo do
evanxeo de san Xoán; "Rorate caeli desuper" (35, 1983) e
"Lembranzas para un Nadal ferido" (40, 1984). Eis uns versos
do primeiro dos poemas citados:
"A Palabra era en Deus e era a orixe
das cousas,
o comezo de todo: falaba Deus e había.
Topaba arreo a carne radicais impotencias
xunto a un anceio eterno a emergullar co sangue.
Que difícil ser Deus e te-las máns atadas
coa ligame irrompible da liberdade humana.
que difícil ser home con un soño alugado
a imposibles querencias como de Deus xurdidas" |
Sen esquecer que un dos Himnos da
Liturxia das Horas (a oración oficial dos clérigos e monxas) é da
súa autoría:
"Loado sexas, Deus nas túas obras,
loado por poñer tanta beleza
nos montes e nos rios e nos prados,
no chan e no alto ceo desta terra.
Loado sexas na suor de esforzos
que ergueron este mundo pedra a pedra.
Loanza de quen loita, xeneroso,
pra ser fillo e señor da nosa terra. (...)
Loado sexas, Deus, en toda a vida,
loado por chamarnos á túa festa.
Loado sexas, Deus, pola túa gloria,
loado sexas, Deus, louvado sexas".
|
¿Fe e galeguidade? "Se son crente e
son galeguista dime Marica non preciso conxugar nada. Son termos que
se enriquecen mutuamente". En definitiva, Marica é unha cristiá
galeguista porque sabe que a fe non se pode vivir lonxe da realidade.
"O galeguismo axúdame a entender e amar á miña xente de xeito
concreto. ¿Como amar a Deus a quen non ves, se non amas á xente á que
si ves?".
Son unhas boas palabras para rematar este libro sobre galegos e
cristiáns, enraizadas na realidade galega e no Xesús dos Evanxeos.
|