Centro de Documentación da AELG
Navia, nai - E tu calado
Núñez, Toño

Polo Miño baixaba a morte.

E tu calado.

A noite

durmiuse nas cuncas dos teus ollos calados.

Durmiuse pre sempre.

Pre sempre

as túas maus

deixaron orfas as maus miñas.

E tu calado.

O sangue

callou nas veas do teu corpo calado.

A cor de cadáver

aniñou nas túas meixelas caladas.

Callou pre sempre.

Aniñou pre sempre.

Pre sempre

a miña mirada quedou baleira de ti,

os meus oídos xordos de palabras túas.

Baleira pre sempre.

Xordos pre sempre.

Pre sempre…

E tu calado.

 

 

(A meu avó Xosé, que se suicidou nas augas do Miño cando eu tiña mui poucos meses)