Centro de Documentación da AELG
Navia, nai - Meu pai é comunista
Núñez, Toño

 

Meu pai non vai á misa.

Meu pai traballa os domingos:

é comunista.

Meu pai ten unha fouce.

Comunista.

Meu pai ten, polo menos, dous martelos.

Marxista.

Meu pai ten un arado de pau.

Leninista.

Pero tamén ten unha vaca.

Capitalista.

E cuatro fillos que manter.

Masoquista.

Meu pai…

Meu pai arrea feixes de toxos,

gadaña a herba de Curbeira,

bota e recolle a colleita.

Meu pai érguese ás seis da mañá

e vai plantar pinos pro icona.

Meu pai foi a Francia clandestino

a traballar na madeira

e non cobrou unha peseta.

Meu pai…

Pobre meu pai,

non entende os meus versos.