Un riu. Un castelo. Unha ponte.
Unhos fillos que sementan fillos lonxe.
Unha muralla de tesos acinchados.
Dous feridos de taberna nunha noite.
Unha praza. Un muín. Unha fonte.
Unha copa de país no Buchinche.
Unha feira morrendo sen remedio.
Unha moza solteira por despiste.
Un borracho. Un afogado. Un folgazán.
Un cemiterio lóbrego en Penasinceira.
Unha paisaxe parda no setembro.
Unha paisaxe rexa en primavera.
Unha igrexa. Un cura. Unha campá.
Unha muller lavando no Alargo.
Unha truita collida no Curbeira.
Un inverno longo coma un parto.
Unha viúva. Un vello. Un tolo.
Unha xeada amoreada vinte días.
Unha porta pechada ás once da mañá.
Un fatado de cais de romaría…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un pescador ca cesta ó lombo.
Un burro tirando dun arado.
Unha estrada retorta. Un paporroibo.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un encoro que ha de vir unha noite.
Unhos veciños armados de berros.
Unhos políticos decidindo dende lonxe.
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Un agora de vellos e de mortos.
De esquecemento e de abandono.
Un porvir negro como un corvo…
Un neno. Unha vaca. Un pranto.
Navia. Un pobo. O meu pobo.