Nacín o 14 de Marzo de 1952, en Betanzos (A Coruña). Os meus catro primeiros anos residín en Rábade (Lugo), onde meus pais dispuñan dun establecemento de confiteria. Aos catro anos trasladeime con meus pais a A Coruña, onde abriron outro negócio de pasteleria, no número 14 da rúa de San Agustín. Si, efectivamente, na casa onde residía Dª Gala Murguía de Castro, filla pequena de Manuel Murguía -que tamén vivira e morrera neste domicílio- e de Rosalía de Castro.
Dona Gala vivia no primeiro piso este edifício. Queria-me muito e eu, que era un neno, lembro-a como unha señora mui maior. Fina, a súa asistenta, tamén me tiña muito cariño e sorprendia-se de que eu, sendo tan cativo e castelán-parlante de cidade, entendera o galego (e mesmo soubera algunhas palabras deste idioma) que falaba a súa sobriña pequena, que viña da aldea.
A vivenda de Dona Gala era unha casa antiga de paredes e tabiques anchos, con chan de madeira e dimensións considerabeis. Eu residia con meus pais -e, dende os seis anos, tamén con meu irmán pequeno- na pranta baixa, habilitada como establecemento de confiteria e vivenda.
Dona Gala posuía unha bibilioteca, que non recordo se a herdara dos seus pais; e que donou tampouco recordo a quen (Se cadra á Biblioteca do Concello de A Coruña...¿Ou talvez á Real Academia Galega?). Ás veces, tiña visitas de xente máis ou menos ilustre. Agora lembro somentes a D. Xoán Naia, daquela cronista oficial de A Coruña.
A filla de Rosalía regalou-lle, creo que eran as obras completas da súa nai, a meus pais. (Xunto con outro libriño pequeno, que coido que eran os Cantares Gallegos). Eu, na miña infáncia, xa me convertera nun ávido lector e aproveitei para ler, cando menos, que lembre agora, algúns textos da poetisa galega.
Neste senso, polo demáis, xa tiven tamén un bon mentor da fala e lectura galegas. En efecto, na casa que estaba a carón da miña, residía nada menos que o que pasaria a ser o Mestre Ramiro Cartelle. A súa família e maila miña matiñamos unha amizade mui estreita.
Ramiro, ademais de mostrar uns orixinais, sorprendentes e fermosos disfraces polo antroido, foi un excelente pianista, como músico, profesor e compositor. Nós disfroitabamos ao escoitá-lo falar en bon galego, cando utilizaba o teléfono da nosa casa. Porque Cartelle, ademáis de ser un home bon, era culto, dispuña dunha boa biblioteca e destacaba como galeguista comprometido. Se non me engano, foi un dos membros fundadores da Asociación Cultural "O Facho", sita na Coruña.
A Ramiro debo, asemade, parte da miña iniciación no idioma, literatura e cultura galegos. De certo, sendo eu ainda ben cativo, regalou-me un libriño que contiña contos de Castelao, Otero Pedrayo, Dieste, etc. Xunto a esta obra, agasallou-me con outra de textos teatrais de Shakespeare para nenos. Tamén iniciou así, portanto, a miña inquietude polo teatro. Afición que eu desenvolvería -estimulado polo amigo, veciño e, desde enton, compañeiro profesional, Antón Francisco Simón- e, un lustro máis tarde, tamén, como autor e director.
Polo que parece, empecei a falar -e bastante correctamente- cando ainda era mui cativo. Aprendin antes que a andar, que disque adoitaba acontecer á inversa. De calquera xeito, tamén aprendin a ler axiña e convertin-me nun lector mui ávido; de tebeos -El Capitán Trueno, Supermán, etc- ou novelas do Oeste e policiacas, ademáis de outros xéneros: Rob-Roy, El último mohicano, etc. tamén gostaba do cinema.
Tras dun episódio efímero na Grande Obra de Atocha, sendo ainda un cativiño mui pequeno, fixen a miña primeira aprendizaxe nun par de modestas escolas privadas. Ata que, aos nove anos de edade, entrei a cursa-lo Ingreso no Coléxio de Salesianos.
Cos cregos estiven ata remata-lo Bacharelato Superior e maila Reválida. Fixen-o pola modalidade de "Ciencias", que me recomendaron na miña casa, porque tiña más "saidas". De calquera xeito, desconcertado e sen orientación sobre os estúdios superiores ou carreira universitária que me convenceria cursar, tendo en conta, ademáis, o meu talante independente, decidin procurar algún traballo, para conseguir amiña autonomia económica respecto da família.
Pensei, daquela, en preparar-me somente con algo de mecanografia e contabilidade para traballar como administrativo. Mais un amigo da infáncia, estudiante de Comércio, convenceu-me para que seguira tamén os seus estúdios. Ao dispór do Bacharelato Superior, convalidarian-me bastantes asignaturas e poderia face-la Peritaxe Mercantil nun par de anos. Asi contaria tamén cunha carreira média...
Esta asignatura, a Economia, axudaba-me bastante a entende-lo mundo. Xa, daquela, eu era consciente do que se coñecia como "crise da civilización occidental". O que pasa é que para entender ésta e procurar-lle solucións non abondaba con saber de Economia. A crise era máis ampla e profunda...
Portanto, acabei o primeiro curso de Profesorado Mercantil -tiña 19 anos- e entrei en crise; própria da adolescéncia, pero, asemade, no relativo ás miñas inquietudes de coñecemento e formación. Ademáis, as Ciencias non se me daban mal -como tampouco as Artes-, pero preferia as Letras... E, entre éstas, algunha forma de coñecemento de envergadura, que me permitira entende-lo mundo con maior amplitude e profundidade que a própria Economia. (A pesares da releváncia que ten ésta no "materialismo histórico e dialéctico", ou filosofia elaborada por Marx e Engels, na que tamén me iria iniciando, ainda que non de xeito dogmático e excluinte).
Asi que pensei que poderia satisfacer as miñas inquedanzas coa Filosofia. Cando llelo comuniquei aos meus pais, disgostaron-se. Dixeron que era unha mágoa que deixara unha carreira brillante; ademáis... Non podian afrontar-los gastos dunha carreira universitária e a pensión e alimentación miñas noutra cidade: Santiago de Compostela. Porque, asemade, haberia que sufraga-los estúdios do meu irmán, seis ano smáis novo ca min e que, co tempo, se fixo catedrático de galego-portugués.
Disque "a necesidade agudiza o inxénio". Asi que procurei o centro de estúdios máis económico para cursa-lo C.O.U., ou "Curso de Orientación Universitária". E atopeino nos mesmos Salesianos; polo que convencín aos meus pais para que me sufragaran este curso.
Asi o fixen. Un pouco deprimido ás veces, porque tiña a sensación de retroceder ao pasado. O C.O.U. viña ser un curso semellante ao Preuniversitário (Preu), que se podia cursar nos meus tempos anteriores, tras remata-lo Bacharelato Superior. Viña ser como un curso de preparación universitária...
Mais o C.O.U. estaba máis actualizado e orientaba mellor cara escolle-los estúdio suniversitários. Certamente, tras rematar este curso -onde din a miña primeira conferéncia: "Un sentido de la vida"-, con vinte anos de edade, e despois de ter realizado unha completa bateria de test psicolóxicos por un psicólogo profesional, acertaron de cheo coa miña vocación universitária. ¡Nen que llelo tivera dito eu mesmo! Efectivamente, a orientación final cara os meus estúdios universitários era a seguinte: Filosofia Pura, Psicoloxia ou História.
Plantexei-me que a Filosofia Pura teria menos "saidas": como profesor e/ou escritor. A Psicoloxia era máis práctica e factíbel para viver dela profesionalmente. E a História -que tamén poderia exercer como profesor e escritor- parecia-me mui necesária para entende-lo mundo e esa "crise da civilización occidental" que estabamos a viver. De certo, boa parte dos meus escritos están concebidos desde unha perspectiva histórica...
E a "crise da civilización occidental", tras coñecer e experimetnar tamén o ourentalismo, as paraciéncias, as relixións, o esoterismo e o resto das correntes contraculturais, xunto á miña experiéncia e compromiso políticos, cheguei á conclusión de que se trataba da decadéncia e declive da sociedade industrial e o tránsito ou emerxéncia da sociedade tecnolóxica, xunto ao comezo da Era espacial. (Ou, por outra banda, tamén, segundo a Astroloxia, o tránsito da Idade dos Peuixes á de Acuário... Mais tendo en conta semade, en definitiva, o risco dun cataclismo ecolóxico a escala planetária).
O ano que cursei C.O.U., polo demáis, foi tamén mui creativo. Dediquei-me a cantar, acompañado da miña guitarra, na época tardia do movimento galego e comprometido de "Voces Ceibes". Ainda que eu cantaba, non só en galego, mais tamén en castelán e portugués. Traballei asemade con tres grupos de teatro aficionado -Anónimo Talía e Tespis-, como actor, autor e director. A inquietude por escreber xa ma suscitara na Escola de Comércio un íntimo amigo meu, cando tiña entre 17 ou 18 anos de edade...
Anos despois, ademáis de impartir algunhas conferéncias e traballar en muitas cousas, tamén de administrativo, colaborei nalgunha revista e na prensa, sobre tudo en La Voz de Galicia. Alén diso, escrebin e publiquei várias obras de teatro: Lenda antiga dun home que querera voar (1979) -gañadora do I Prémio de Teatro Breve da Escola Dramática Galega de A Coruña-; Obradoiro de Alquimista (ata agora sen publicar); A história xamáis contada de Brancaneves e o rei Artur -Mención Honorífica no VIII Concurso Nacional de Teatro Infantil O Facho (1988)-; e Cibernautas: Revista Galega de Teatro, nº 38, ano 2004. (Ademáis, teño algún relato curto e poesia, en castelán, polo momento sen publicar).
Rematado C.O.U., puxen-me en disposición de inicia-la carreira de Filosofia e Letras. Ainda non tiña decidido cal era a especialidade que ía escoller. Pero, polo plan antigo de estúdios, os dous primeiros anos eran de "comúns" e non se escollia a especialidade ata o terceiro curso. Se empezaba o novo plan que estaba previsto, non obstante, a especialidade comezaria desde o primeiro curso; correspondendo os tres primeiros anos á Diplomatura e os dous seguintes -5 en total- á Licenciatura (Posteriormente, poderia-se face-lo Doutorado).
Como a família non podia costear-me os gatos que implicarian os novos estúdios, solicitei unha beca para o Burgo das Nacións, en Santiago, tanto para o comedor como para residéncia. Mais, nese mesmo curso, inaugura-se, en A Coruña, o Coléxio universitário, onde tamén se impartirá o primeiro curso de Filosofia e Letras.
Case cando vai iniciar-se o novo curso, non dispoño ainda de respota á miña solicitude de beca par ao Burgo das Nacións (que non chegará ata o mes de Novembro ou Decembro). Daquela, ainda que nen sequer se sabe se vai continua-lo mesmo plan de estúdios ou iniciarse o novo, decido matricular-me no Coléxio Universitário de A Coruña...
Como xa me pasara no Primeiro ano de Profesorado Mercantil, agora, en Filosofia e Letras, os meus compañeiros tamén me elixen Delegado de Curso. O plan de estúdios é o antigo, polo que se encontra desfasado. Portanto, xurden conflictos académicos...Pero tamén políticos, xa que nos encontramos no tardofranquismo e hai axitación contra a dictadura por parte do movimento estudiantil.
Conflictos académicos e políticos que tamén se producen no Coléxio Universitário de A Coruña, nos que, asemade, estou implicado, mesmo como protagonista. Entre os involucrados, asemade, se encontra a que, pouco despois, será miña esposa. De certo, casei aos 21 anos e logo tiven un fillo: Brais. Pero afastei-me dez anos despois e divorciei-me bastantes anos máis tarde.
Como Delegado de Curso e, portanto, máximo responsábel, son represaliado, tanto desde o ponto de vista académico, como político. No primeiro aspecto, cando prácticamente só falta un mes para que remate o curso, mediante amaños burocráticos, comunica-se-me que eu, realmente, teño de face-los meus estúdios en Santiago de Compostela.
Máis, cando chego a esta cidade, advirte-se-me que xa non podo dispór da beca de comedor e residéncia do Burgo das Nacións. Vários amigos e compañeiros de estúdios acollen-me na súa pensión como "polizón". En canto á comida, vou arranxando-me como podo, con axudas e cos recursos escasos de que dispoño. Polo demáis, somente podo examinar-me de dúas asignaturas (que aprobo, mesmo con sobresainte en Filosofia...).
Pero, posteriormente, tamén me suprimen as prórrogas por estúdios e debo incorporar-me ao servzo militar. Teño sorte relativa, porque o destino me corresponde en Ourense, pero vou fichado por motivos políticos...
Remato o servizo militar e traballo en actividades diferentes, sobre tudo de administrativo. Xurde a posiblidade e Manuel Lourenzo anima-me a profesionalizar-me en teatro, xunto a outros compañeiros, en 1979; primeiro na Escola Dramática Galega e, despois, na Compañia Luis Seoane, en ambos os dous casos en A Coruña.
Dende entón, entre outros ofícios, veño traballando profesionalmente como actor -teatro, dobraxe, cine e T.V.-, autor teatral (xunto a colaboracións como escritor e sobre temas diversos, en prensa e revistas) e director e monitor, tamén en teatro. Neste sentido, son membro da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena de Galiza (AADTEG) e tamén formo parte, prácticamete desde a súa fundación, da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
CURRÍCULOS MEUS:
- Gran Enciclopedia Gallega, tomo 35.
- Catálogo de Dramaturgos Galegos -1973/2004-. Xunta de Galicia.
- Diccionário de Teatro Galego (1671-1985), Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor. Ed. Sotelo Blanco.
- O Teatro Galego Contemporáneo (1936-1996), Pedro P. Riobó. Ed. Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor".
- Revista Galega de Teatro nº 13-xullo de 1996/Revista Galega de Teatro nº 38-Primavera de 2004.
OBRAS PUBLICADAS
- Lenda antiga dun home que quererá voar. Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 8-1979.
- A história xamáis contada de Brancaneves e o Rei Artur. Asociación Socio-Pedagóxica Galega- 1998.
- Cibernautas. Revista Galega de Teatro, nº 38. 2004.
- A sociedade tecnolóxica e o reto ecolóxico, Bubok Editorial, 2024.
SOBRE "CIBERNAUTAS"
- Presentación do texto en "Libreria Lume", A Coruña, o 13 de Agosto de 2004. Reseñas en prensa acerca de este acto: La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, e La Opinión.
- Reseña de Cibernautas: Páxina Literaria, de Xulio Valcárcel, El Ideal Gallego, 15 de Agosto de 2004.
SOBRE A SOCIEDADE TECNOLÓXICA E O RETO ECOLÓXICO
- Reseña e crítica de Xulio Valcárcel no suplemento dominical de El Ideal Gallego, en xullo e setembro de 2024.
A Coruña, Xaneiro de 2025