Suso
Lista

Suso Lista Neira (Corme, 1962)

Pasou a súa infancia entre Corme e a Universidade Laboral de Cheste (Valencia) na que estivo internado desde os 11 ata os 14 anos para cursar a desaparecida EXB. Con 16 anos embarcou como mariño mercante e percorreu toda Europa e o Norte de África. Aos 25 anos deixou a maleta de navegante atlántico para se instalar definitivamente en Corme e traballar como percebeiro. Desde aquela alterna esta profesión coa de actor, guionista, director radiofónico e docente teatral.

Participou en series de TV como Mareas vivas, Padre Casares e Libro de familia ou películas como Celda 211. Desde 2009 exerce de actor e guionista da serie de curtametraxes Para mariñeiros, nós.

Do ano 2005 ao 2011 mergullouse no mundo dos blogs con Suso Lista Espacio Emocional e Literario dun Percebeiro do Roncudo. En Radio Roncudo dirixiu programa cultural O Embigho da Fin do Mundo. No ano 2013 gañou o Premio da Audiencia do VII Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega coa obra O demo nunca dorme.

[Outubro, 2014]