Sonia
Villapol

Sonia Villapol Salgado. (Bretoña, A Pastoriza, Lugo, 1977).
Formación e traxectoria profesional. Licenciada en Bioloxía Molecular e Biotecnoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela no 2002. Máster e Doutorado en Neurociencias pola Universidade Autónoma de Barcelona no ano 2007.
Traballou en París durante a súa etapa posdoutoral, na Universidade Pierre e Marie Curie VI (CNRS) e no Hospital Robert Debré (INSERN). Chegou aos EE.UU. no ano 2010, onde comezou a traballar coma investigadora posdoutoral nos Institutos Nacionais de Saúde (NIH) e no Centro de Medicina Rexenerativa e na Universidade dos Servizos Uniformes de Ciencias da Saúde (USUHS) en Maryland. No ano 2014, conseguiu unha praza de profesora de Neurociencias na Universidade de Georgetown, en Washington D.C., e no ano 2018 trasladouse a Houston (Texas), onde é na actualidade xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de Investigación do Hospital Methodist de Houston (Texas), compaxinando con profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York. Publicou máis de 70 artigos científicos, incluíndo capítulos de libros e revisións bibliográficas. A súa investigación achegou descubrimentos relacionados coa búsquea de tratamentos contra os procesos inflamatorios no sistema nervioso, coma o uso da melatonina, probióticos, sartans ou na administración de tratamentos ao cerebro aplicando as nanopartículas. As liñas abertas de investigación no seu laboratorio na actualidade están enfocadas na mellorada recuperación dos danos craneoencefálicos, ictus, enfermidades dexenerativas coma o alzhéimer ou o impacto da Covid persistente a nivel neurolóxico.


Outros Méritos:
Sonia Villapol traballou en máis dunha ducia de institucións académicas en España, Francia e EE.UU. Foi mentora de máis de 60 estudantes universitarios, de doutoramento, médicos residentes, ou investigadores posdoutorais. O seu laboratorio recibe financiamento dos Institutos Nacionais de Saúde (NIH), de fundacións privadas, do departamento de defensa de EE.UU., da fundación americana de alzhéimer e de danos cerebrais. A doutora Villapol é revisora permanente do panel de neuroxenética Molecular do NIH, e de varios mecanismos de financiación de institucións académicas. É editora de Springer, Elsevier ou Frontiers, ademais de membro das Sociedades de Neurotrauma e Neurociencia dende o ano 2008. A súa investigación centrouse nos últimos 20 anos no estudo do dano cerebral, a inflamación no cerebro, a neurodexeneración, a conexión do cerebro coa microbiota intestinal, as aplicacións da nanomedicina terapéutica en enfermidades neurolóxicas coma o alzhéimer, ictus, traumatismos craneoencefálicos, ou mesmo nos efectos do Covid no cerebro a curto e longo prazo.
Traballou co equipo internacional de investigación da Covid liderando o equipo de neuroloxía, e foi fundadora e presidenta da comunidade de científicos españois dos Estados Unidos (ECUSA) en Texas.
Foi elixida coma “Referente Galega” por parte de Executivas Galegas, seleccionada como candidata a “TOP10 Mulleres Líderes no Exterior”, nomeada Lucense do ano 2020, e pregoeira das San Lucas 2021 en Mondoñedo. No 2022 a asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María outorgáronlle o 16 o Hectómetro Literario no Paseo dos Soños de Vilalba, e asignóuselle o seu nome á Aula do Laboratorio de Bioloxía e Xeoloxía do I.E.S. Pedregal de Irimia, e á biblioteca do Colexio Público de Bretoña. Colaborou en varias asociacións xuvenís e culturais que fomentaban a cultura galega e a lingua. No 2023 creou o Programa de Mentorado “Latexos pola Ciencia” asignado ós estudantes de bacharelato que desexen iniciar carreiras de investigación científica. Escribe en prensa escrita e participa difundindo ciencia en diversos medios de radio, TV, ou prensa escrita e imparte charlas sobre as súas investigacións en España, EE.UU. ou Latinoamérica. No ano 2023, a editorial XERAIS publicou o seu primeiro libro de divulgación científica ConSciencia: A Ciencia que nos rescatou da Pandemia.

[Decembro, 2023]