
Chámome Sol Rivas López, e tamén Sol Mariño, apelido que tomo recuperando a liñaxe materna que se perde. Nacín na cidade de A Coruña o 15 de abril de 1986 e vivimos en diferentes lugares de Galicia ate que asentamos en Vimianzo, onde agora volto a morar. Aquí comecei a escola, aprendín a andar en bicicleta, a ir soa polos carreiros e a perderlle o medo ao mar da Costa da Morte.
Volto á Coruña na adolescencia e comezo a facer teatro nun grupo amador conducido por Flor Maceiras e Lino Braxe, experiencia que me marcou fortemente e continuou a espertar en min o gusto pola poesía e a escena. Con Lino Braxe, colaborarei ao longo dos anos noutras ocasións. Fotografías da miña autoría acompañaron o seu poemario Baixo o sol de Mesina (Ed.Caldeirón 2008), e participei como actriz en O Paseo das Esfinxes, de Luisa Villalta no 2018.
Estudei en Barcelona Comunicación audiovisual e fotografía e continúo co teatro entrando a formar parte do grupo independente Humanfuzz conducido por Silvia de Medeiros. Comezo a escribir breves textos dramáticos e levar a escena os meus poemas. O monólogo Xeada, fragmento do cal aparece en As alas da Serpe, representámolo en Barcelona en diversas ocasións, e leveino logo a Bos Aires, cando me despracei alí.
Dende o 2009 ao 2016 moro entre Arxentina e Brasil. Durante anos vivín dun xeito bastante nómade, con longas tempadas viaxando en bicicleta e autostop e asentando nalgunhas outras grandes cidades como Porto Alegre e Rio de Janeiro, tamén en zonas naturais afastadas, experiencias que me deixaron profunda pegada. Traballei como costureira, vendendo fotografías, poemas e tamén comida en rúas e feiras, como modelo vivo para pintores/as, e como estatua viva coa miña marioneta Chispita, tamén como xornaleira no campo de Rio Grande do Sul. Establezo ademais, dende o 2011 un forte vínculo coa Capoeira Angola, a cal seguirei practicando unha vez retornada. Durante estes anos escribín gran parte do poemario As alas da serpe, meu primeiro libro publicado, que editarei con Aira Ed. no 2023.
Sempre levei comigo a Nikon Fm3 analóxica. Concibo a miña escrita poética e o meu traballo fotográfico como fortemente ligadas reflexo do cal amosa As alas da serpe, que inclúe algunhas fotografías e mantén diálogo co traballo fotográfico Nada me pertence, tudo faz parte de mim, presentados xuntos en varias ocasións. Así como en NÚAS .nosso estranho amor., escolma fotográfica que segue medrando e que acompañei de xeito performático incluíndo imaxe e poesía na súa inauguración no Atelier fotográfico na Coruña, no 2024.
Voltar a Galicia e re-atoparme aquí foi un proceso longo e nada doado.
Fago a formación de Socorrista e traballo como tal durante uns anos. Comezo o laboratorio multidisciplinar aínda en activo Cando Chove e Fai Sol, adicado á serigrafía téxtil onde combino debuxo, fotografía e poesía para deseñar e estampar manualmente as miñas creacións.
Múdome á vila de Corme onde imparto obradoiros de Capoeira Angola, realizo varios murais e obradoiros de muralismo para crianzas pola zona. Alí decido publicar e remato de escribir As alas da serpe.
Coa publicación deste poemario recupero o pracer de levar a miña poesía á escena e As alas da serpe vira tamén recital musicado na compaña dos músicos Pablo Caamiña, coa guitarra e zanfona e Marta Seco, na voz e violín.
No verán do 2024 gaño unha estadía como escritora en residencia na cidade de Graz (Austria) promovida por Asociación Escrita Creativa 1863 e o Concello da Coruña, para traballar no meu próximo poemario.
Na actualidade formo parte do espectáculo poético musical A Confabulación crisálide, con Manuel Rivas e de novo Pablo Caamiña na música, presentado no 2025 no festival Barcelona Poesía.
Colaborei en O Salto diario e a revista Luzes, participo do Sto Lat_Taller de arte_Laboratorio de ideas de Gosia Trebacz na cidade da Coruña, onde desenvolvemos diversas actividades artísticas e conduzo o obradoiro CORPO A TRAVÉS. Obradoiro de escritura e movemento, cun grupo permanente, e experiencias tamén en asociacións e centros educativos.
[Abril de 2026]
