Nacín en Vigo en 1967 e saín de Galicia para estudar xa con 18 anos. As circunstancias fixeron que non volvera ter aquí a miña residencia, mais teño casa e fico longas tempadas. Estudei Filosofía coa idea de escribir novelas, nunca tiven na cabeza outro xénero, e despois fixen o doutorado en Estética tamén para aplicala á Literatura. Deixei entón a tese sen escribir e estudei Creación Literaria para ter máis recursos técnicos. Impartín sempre clases de Creación Literaria en distintos centros e traballei para editoriais como tradutora e asesora. En todo ese percorrido houbo algún tempo onde deixei de ler e escribir na procura de realidade e fun empresaria. E de todo iso saíron novelas e contos.
Por circunstancias que todos coñecemos en Galicia, aínda que na miña familia sempre se falou galego, eu nunca o fixen e descoñecía a súa Literatura até que un día caeu nas miñas mans A fronteira infinda de Ferreiro e xa non a deixei de ler. Nunca me sentira a gusto escribindo en castelán e aínda que escribir en galego obrigoume ao esforzo de estudar o que non me aprenderon, non podo deixar de sentir que estou escribindo na miña lingua, e por riba nunha lingua chea de recursos para a comunicación literaria. Ogallá ninguén teña nunca máis que sufrir estas esquizofrenias.
Neste momento estou retomando a tese sobre unha teoría da novela que estame a axudar moito a comprender este xénero en perigo de extinción. Tamén aproveito a miña residencia en Madrid para argallar proxectos que unan Galicia cos galegos que vivimos fóra, e por suposto doulle voltas a unha novela que polo de agora non sei facer.
[Decembro, 2011]