Santiago
Esteban Radío

Santiago Esteban Radío naceu na "Farmacia" de Barrantes, concello de Ribadumia. Licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Exerceu a docencia en todos os niveis educativos. Foi profesor de Lingua e Literatura Galega na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Pontevedra da Universidade de Santiago do 1973 a 75 e da Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Ourense da Universidade de Vigo de 1992 a 1998, e impartiu a mesma materia en diversos institutos de Ourense e Pontevedra.

Autor de diversas obras individuais: Didáctica da lingua e literatura galega (1986), O vocabulario galego-castelán no ensino en Galicia. Unha aproximación socio-lingüística (1997), esta obra foi traducida ao castelán polo mesmo autor co título: El vocabulario básico castellano-gallego en la enseñanza en Galicia. O estudio: O teatro de Manuel María está editado na obra Barriga Verde de Manuel María da que el fixo tamén a edición e introdución. Na 3ª edición da obra colectiva: Problemática das linguas sen normalizar. Situación do Galego e alternativas, fixo o "Prólogo: Que é a AS-PG" e "Análise do Decreto de bilingüismo de 1979"; "Estudio sociolingüístico sobre a normativización e normalización do galego", e "Análise da Lei de Normalización Lingüística (1983)".

Santiago Esteban Radío foi o pioneiro en Galicia da renovación pedagóxica con obxectivos nacionalistas: renovación da metodoloxía educativa; introdución da lingua e da cultura galega no sistema educativo, pois en 1976 estaba fora; normalización da lingua galega; espallamento, coñecemento e defensa da cultura galega, todo este traballo estivo dirixido "na procura dun ensino en galego" no horizonte dun ensino galego: nacional, científico e popular. Para conseguir estes obxectivos organizou a partires de 1976 as Xornadas do Ensino de Galicia e fundou en 1977 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega AS-PG da que foi o primeiro presidente. Organizou durante tres anos a "Escola de Verán do Noroeste. O Bierzo" en Villafranca del Bierzo, froito dela foi a realización de cursos de lingua galega en Ponferrada e que puxeran profesores de galego en varios centros educativos de O Bierzo. En períodos posteriores creou o Instituto Galego de Socio-Pedagoxía IGSP e organizou as Xornadas Pedagóxicas Galegas. Impartiu multitude de conferencias e seminarios. Creou en1980 "O ENSINO, Revista Galega de socio-pedagoxía e socio-lingüística" e en 1983 o traballo de editor levouno a fundar Galiza editora, na que conseguiu facer un fondo editorial de mais de trinta libros.

[Marzo, 2012]