Rosa
Suárez Redondo

Naceu en Asados, Rianxo, en 1965. Estudou Maxisterio e Filoloxía Inglesa en Santiago de Compostela e obtivo un Master of Arts in English na University of Kansas, nos Estados Unidos de América.

Catedrática de Inglés de Ensino Secundario, a súa carreira profesional desenvolveuse nas aulas, onde impartiu castelán como lingua estranxeira e máis inglés, principalmente.

No exercicio da súa profesión e grazas a diversos programas europeos, ten gozado en especial de propiciar encontros internacionais que creasen vínculos interpersoais e que fixesen máis amplos os horizontes do alumnado e os seus propios. Na actualidade reside na súa aldea natal en Rianxo.

En 2024 debutou coa súa primeira novela, A miña vida noutro lugar, publicada pola editorial Toxosoutos, na que dá voz ás mulleres do rural galego da súa xeración que puideron facer estudos superiores e grazas a iso coñecer outras xentes e outros lugares, mulleres que como ela carecían de referentes claros no seu imaxinario persoal .

LIBROS:

- A miña vida noutro lugar. Editorial Toxosoutos, 2024

PREMIOS:

- Finalista na XXIX Edición do Premio San Clemente por A miña vida noutro lugar.

[Decembro, 2025]