Ramona
Giráldez Domínguez

Ramona Giráldez Domínguez, nada na Cañiza o 15 de marzo de 1954, é unha poeta galega.

Aínda que nada na Cañiza só viviu nesta vila uns meses, debido a que seu pai, mestre republicano, tiña alí a praza. Despois dun periplo por diversos lugares a familia instálase definitivamente en Santiago de Compostela cando a autora ten nove anos, onde estuda Bacharelato no IES Rosalía de Castro.

Licenciouse en Filoloxía Hispánica, e posteriormente na subsección de Galego-Portugués da Universidade de Santiago de Compostela. Profesora agregada de Lingua e Literatura Galega desde 1983 e catedrática da mesma materia desde 1996, impartiu clases en institutos de Vilagarcía de Arousa e Cambados; e desde os anos 1990 no IES Monte das Moas da Coruña.

En 2018 publicou o libro de poemas Tardes de domingo, con ilustracións de Luz Arufe.

A temática da súa poesía é intimista, con elementos paisaxísticos que ocupan un segundo plano, ambientando o desamor e a melancolía, e con matices de saudade e desacougo.

En "A modo de introdución" dise:

As tardes dos domingos.
As tardes dos domingos son poemas sobre a saudade e a soidade.
Sobre o amor e o desamor. Sobre a nostalxia dos amores perdidos e dos nunca consumados.
Tardes de rúas solitarias, ventás sobre terrazas e tellados, sobre tendais de roupa ao vento e antenas parabólicas.
Tardes de chuvia esvarando nos cristais ou de solpores luminosamente vermellos no mar.
E sempre constante a presencia dunha ausencia.
A presencia dunha ausencia que é, realmente, o sentido último da saudade.

En 2021 publicou As fotos da retina: un limiar e 49 relatos.

En 2024 volveu publicar poesía, A cohesión da auga: "A cohesión refirese á atracción que teñen as moléculas por outras do seu mesmo tipo, e as moléculas de auga teñen forzas cohesivas fortes, grazas á súa habilidade para formar pontes de hidróxeno entre elas".

[Xullo de 2024]