Rafael
Laso Lorenzo

Nacín unha noite de invernía o 25 de xaneiro do ano 1965 en Xinzo de Limia (Ourense), a vila atravesada polo antigo Lethes que facía perder a memoria aos bebedores das súas augas ou a aqueles que tiveran o valor de atravesalas, e que supoño iría rebosante naquelas datas.

Ata os once anos e a carón das historias de meigas, mouros e tesouros dos meus avós (que sin sabelo foron os primeiros en inculcarme a miña querencia polos contos) xoguei naquela inmensa chaira que algún día estivo ateigada pola auga da lagoa. Esa foi a idade na que me trasladei a Vigo, cidade que talvez me teña absorbido por enteiro e na que resido dende entón (agás unha pequena paréntese en Redondela).

Son Enxeñeiro Técnico Industrial pola E.U.E.T.I. de Vigo, na especialidade de Electricidade (Centrais e Redes) e Grado en Enxeñaría Eléctrica pola Universidade de León.

Agora compaxino o traballo na empresa privada coa miña actividade profesional por conta propia. Aos poucos, vou escribindo algunha cousa. E de cando en vez (en verdade, cada vez menos) pinto.

Na escrita empecei na adolescencia, pero tomeino máis en serio co inicio dos relatos de verán de La Voz de Galicia.

O meu primeiro relato é un pequeno conto que leva por título "O espello" e que despois de ver a luz nas páxinas do citado diario, foi publicado no volume colectivo Relatos de Verán 2002-La Voz de Galicia pola Editorial Ir Indo na súa colección Narrativa.

Logo viñeron os contos "O soño" (Relatos de Verán 2003) e "As catro estacións" (Relatos de Verán 2005). Todos eles poden verse na páxina web do diario.

Entre medias, no ano 2004 publiquei un pequeno libro técnico de título Estudio comparativo entre os Regulamentos Electrotécnicos de Baixa Tensión 1973 e 2002, editado por Instalectra (Asociación de Empresarios de Instalacións Eléctricas de Pontevedra) e tamén varios artigos de tipo técnico no eido da miña actividade profesional. Despois rematei a escrita da miña primeira novela, polo de agora inédita e gardada nun caixón do que non sei se chegará a saír para ver a luz.

Coa miña segunda novela, acadei no ano 2005 o Premio do III Certame de Narrativa Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense. Leva por título Por que Baldomero Quintáns? que vén de ser publicada recentemente (Xuño 2006).

Cun relato longo arredor do mundo da inmigración ilegal, que agardo vexa a luz polo mes do Nadal, acadei o Premio de Narrativa do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López na súa XII edición (2006) e organizado polo Concello de Paradela (Lugo).

No ano 2007 acadei o primeiro premio do certame de narrativa "Airiños do Xunco" do Concello de Cervo na súa XXIII edición.

E así, pouco a pouco, fun tentando meterme no máxico mundo da escrita. Seguindo a escribir, ás veces todos os días, outras ós poucos, xa que logo as obrigas profesionais ocupan moita parte das horas do día. Malia as dificultades, saíron novas novelas e libros, algunhas ó mercado e outras ó caixón, na espera de que lle chegue o intre de ver a luz.

No ano 2010 quedei finalista no premio de Narrativa Pura e Dora Vázquez. Neste mesmo ano, coa historia que se conta no meu Unha vida de ra, quedei finalista do Premio Martín Sarmiento. E como os que escribimos adoitamos facelo de todos os temas que se nos ocorren e na extensión que precisamos, no ano 2011 gañei o Certame de Microrrelato Carlos Casares do Liceo de Ourense. Despois, no 2013, acadei o accésit do Premio de Novela Curta Vila de Negreira.

Dende outubro do 2014 colaboro co xornal dixital Dende a Limia cos meus artigos de... todo un pouco.

Non sei que libros novos poderán vir no futuro, mais niso andamos.

[Setembro, 2015]