INVESTIRME DE AMOR Desexei compartir o mundo dos meus soños e descifrar as formas do desexo. As lelías intactas que no vento fan murales tristuras. Ou debuxan fantasmas de mulleres fermosas. Das cidades de palla sumidas na preguiza. Investirme de amor e intactas fermosuras e correr solitaria engadantes ribeiras. Afirmar o meu ser na luz e nas arumes. Na chuvia que nos cala esbarando perfecta e recibir a lúa nas fenestras sen vidros. Guindar as vestiduras nun universo azul e sentir como a pel é a pura perfección, que o corpo é un anxo doce que nos ata no gozo. No hemisferio amoroso da festa dos que se aman, no país da caricia e da celeste carne. MEDIO DlA Estala a luz. Ardente mediodía. Todo o cheiro do mar chouta na brisa, nun golpear de escuma e néboa acesa. E péchanseme os ollos deslumbrados na porcelana gris deses celaxens. Un nimbo se demora. Case nube. Cecais renace Venus, fermosísima deusa espida esquivándose en realces pola banda do Sur. Polos espellos. Rízanse ondas na praia adolescente. Brízanse nos brocados das buxainas onde a deusa se baña sempiterna. OS ESPECTROS Os espectros demúdanse na espesa tebra fria. Buscan onde apousar, fronteiras sen fantasmas. Esa incitante marca no patético mapa das lasitudes, súmase coas obsidianas verdes do cruel vaticinio, da víctima morrendo. Dunha calpa micénica xurde un día calquera: Unha avidez de séculos cercena a indefensa barreira, a rexia cámara milenia, dos escombros. Cariátides que anuncian cortexos mortuorios. E un cortexo de luxo para un cadabre heleno que cal un faraón descende ó catafalco. So quedan os xemidos e a lucerna apagada. Os muros derrumbados na chaira sen rodeos. A imaxe dunha flor xa murcha e despeitada. A lembranza consume o osíxeno, a ilación. A prumaxe do branco trócase xa, fatídica. So quedan os augurios. Un epitafio eterno. Unha canle de bágoas. Unha interrogación. SILENCIARIOS DA MORTE Os silenciarios cobren as vestiduras opulentas. As teas misteriosas. Os aciagos adornos. As alfaias brillantes. Os poetas da estirpe da estirpe desexada son poetas helenos. Cantaron ós atridas cantigas de atributos. Máscaras enigmáticas van indagando a morte. Son peles desprendidas de lendas e de soños. E sosteñen as loitas desde a fronte das tebras. Foron tal vez uns reis. Loitadores. Xa só son camiños e franxas de sombras acabadas. Xa nada os voltarían e os deuses morrerán a feito nise círculo de fantasmas e máscaras. ISTE FERVOR DE TOTEMS E DE LOITO Chégasme nos acougos. Nos silencios. Nos susurros da brisa do amplo sur Mesmo que un aire denso me ennovelas, e traspásasme ós mundos das ausencias. Só un indicio cramando me desboca en mágoas de penumbras e desazos. Porque sei que estás perto e me embebedas niste fervor de totems e de loitos. Souben dise teu doce poderío. Ise prenderme ós xugos das nostalxias. A unha insidia incitante de mapoulas. Foron ráfagas leves dos arumes, de améndoas e cerdeiras a axugarme. Acércaste cos froitos doutros días. Cos teus cofres do amor. Coas primaveras. Xuventude pras miñas vellas ramas. Lucernas sinuosas como estrelas, para volcarme irta nos relembros. OS CADROS Os cadros son feitizos. A pura levidade. Percibimos os mitos e as creencias insólitas. Pegadas entre as tebras. As míticas sinais. Delirio dos mosaicos. De marmóreos linteles. De feridas palabras. Os paneles dos anxos acadando na cor o escorzo da beleza. Imaxe alucinando nas lucernas e as néboas. Campánula ou glicina das morriñas celestes. Suave. Divina lume lambendo nos solpores. Eu apresaba os símbolos nos ámbitos dos ríos. Na fragante cadencia repetida da choiva. Polo espacio flotaban profundos noite a noite os cadros lapislázuli das galernas do mar. A ONDA DOE E DOE Afogamos o pranto. Respiramos a vida. O sol que asoma agora. O cumio carmesí Na entraña desta sangue que renace e latexa fecundándonos ríos de socavadas veas. Cando os séculos bradan e se detén a hora onda esas beiras bravas. Quizáis no fin da historia que cada quén arrastra. A onda trai a dura voz. A que vive, nas chamas e nos brados dos pechados abismos do sufrir. E o furor e as treguas das auroras. E todo é coma un ímpetu para ganar a luz e a morneza das lúas en coitelo pintadas cando nada se salva: Verdades nin mintiras. NON QUIXERA PERDER ISTES RELEMBROS Non quero que me atrapen as arañas, do esquecemento. Os fíos que devoran dentro de nós. Os que antes viviramos. Nin a extraña ardentía asuma os esqueceres nas moradas do espírito abatendo as lembranzas. Mellor arder á costas do silencio. Voltar ó oscuro de dentro do nacer, non ser nada. Vivir entre as pobrezas dos lagoeiros secos. Quero a loita tenace co ise insondable olvido das estancias pechadas. Sen fiestras nin petunias e sen soños de luz nin o ouro dunha estrela. Vivir sen acadar os altos paraísos onde os soños arrolan. Gozar dun espertar co sol no corazón. Voltar á leda vida que nos abraza. As luces do vagalume, os ortos propagando a ledicia no centro de mín mesma, na renacida entraña. OUTRA PECHADA PORTA Outra pechada porta para os leóns da pedra. Son de pedra e parecen un sibilino signo para guardiáns do Arte fantasmal e micénico. Son sibilinos. Son esotéricos. Arte, puro e concebido quizáis nun espellismo. Sinésico reflexo de algo que non existe. Que induce a escalofrío, sobresalto e tortura, ata no mais lonxano. Futura concepción. O SECRETO DOS BOSQUES Entramos no secreto do poderoso bosque. Das follas enredándose con aneles de lúa e debuxos quiméricos de espacios e gacelas. Con azúis intactos. Brancuras alongadas que ás veces finxen nubes ou sabáns de hemisferios. Polos bosques comprímense as dimensións. Alónganse as puras perpectivas que alimentan distancias: (Da rosa e da perfecta orquídea estamos preto). Perdémonos nos bordes das horas e os alisios, nos que árvores e flores son arquitectos válidos para arder nos solpores cos arrolos das follas. Amingóanse as lúas, pronde os veos difusos se extenden como as sombras. Moldes de anterga alquimia, acendendo a dozura na colmea dos labres. CONTRADICCIONS Cal o diamante é dura esta voz mineral. lnmodelable voz cal arxila mordente. Cal coral incrustada no corpo dun aroma. Bebo as augas dun río que sorte. Que refresca desde as fontes da vida ó aire que me chega, seu dilatado són no exilio das palabras. Fago inscripcións na pedra e poemas que morren no ventre laxo e fondo da alquitara do vento, que sorte axilizado cara o mundo ruín a tentas pola anguria dos inzados valeiros. Cando regreso ó espacio das caducas idades nas que escribo as verdades, as solemnes certezas, os vellos pesadelos bótanme sorpresivos na infusa caudalencia da códea doutros mundos. REVERTO NO QUE ESCRIBO Cal o pedrusco indura no soño mineral, da inmodelable voz desa arxila mordente cal diamante incrustado na amolecente brisa. bebo auga do teu cántaro que refresca. Que sorte desde os fondos da vida. Do aire que me chega con dilatado berro no exilio das palabras. Fago inscripción coas xemas. Poemas disonados no ventre cristaíño de alquitaras e ventos. Con vellos pesadelos de mundos caducados, sintíndome entrañada na axilizada arxila. Entro nos montañíos con pasos sorpresivos, nise mundo de angurias. De valeiros inzados. Reverto no que escribo. Nas voilentas certezas, nas cativas verdades cal paxaro fuxindo pra inmensa e caudalenta códea que supervive. |