Pura
Salceda

Filla de emigrantes galegos, naceu en Cidade de México en 1961. Dende os tres anos reside en Barcelona. É doutora en Filoloxía Románica e licenciada en Filoloxía Hispánica, ambas as dúas titulacións pola Universidade de Barcelona. A súa tese de licenciatura leva por título Ramón Otero Pedrayo na revista "Nós", publicada en (1991); e a tese de doutoramento Narrativa e dramática na revista 'Nós' (1920-1935), en 2000.

Ten sido profesora dos cursos de Lingua e Cultura Galegas en Cataluña, patrocinados pola Xunta de Galicia, en diversos centros galegos de Cataluña e na Universidade de Barcelona.

É tradutora galego/catalán/castelán, e participou en diversos proxectos educativos sobre cultura galega na editorial Vox (Básica Escolar Vox. Galicia, vols. I e II, Biblofraf, 1994) e para a editorial Edebé. No campo da lexicografía galega colaborou en Vox. Diccionario Esencial Galego-Castelán/Catellano-Gallego (Larousse Editorial) e no Actual Atlas de Xeografía Universal Vox (Larousse Editorial, 2009).

Foi Secretaria Xeral da Asociación Colexial de Escritores de Cataluña/Associació Collegial d'Escriptors de Catalunya (ACEC), de 2010 a 2017.

Iniciou a súa andaina literaria en 2003 coa publicación, en colaboración con Andrés Aberasturi, de Hola, de dónde eres? Manual urgente para navegar en los chats.

No campo da poesía en 2005 aparece o seu primeiro libro en castelán: Versos de perra negra, prologado por Luis Eduardo Aute, ao que seguirá Mares Online (2008), con prólogo de Luis Alberto de Cuenca; e De ti y de mí, en Las mejores historias de amor (2012). En catalán publicou L'amant circumstancial / El amante circunstancial (2014) e Un Llop estrany / Un Lobo extraño (2017). En 2010 coordinou a antoloxía Erato bajo la piel del deseo. Antología de poesía erótica, na que se inclúen poetas en lingua galega, catalá e castelá. En galego sae ao prelo o poemario A ollada de Astarté, en 2007; e Dois corpos nus, despíndose/Dous corpos nus espíndose, a dúas voces co poeta portugués Casimiro de Brito, en 2016. En 2026 publica No Círculo / En el Círculo.

Na narrativa en castelán son da súa autoría Alicia en Penumbra. Historia de Perra Negra, (2018); e o relato "Atrapados", en Otra vez ayer. Relatos desde la cabaña (2020). En galego: O paxaro de nácara (2019); e o relato "A noite do poeta", en O libro da rosa (2022). A súa novela A dous pasos do Edén gañou o VII Premio de novela Vilar Ponte, en 2025.

[Maio, 2026]