Pepe
Carballude

Achegamento á vida e obra de Pepe Carballude

PEPE CARBALLUDE naceu no ano 1956. na parroquia de Rubín, Concello da Estrada. Criouse coma calquera neno de aldea do seu tempo. Ía á escola e colaboraba no cativo labor do campo da casa: acompañaba as vacas, apañaba a herba seca, fendía leña e facía de sancristán na súa parroquia. O mestre atopou no rapaz certa inclinación á lectura e curiosidade por estudar e saber e iso fixo que recomendase na casa, que estaría ben solicitar unha bolsa de estudo e que se encamiñase por aí. Na casa eran cinco irmáns e un pai emigrante polo que a axuda facía moita falta. Deste xeito e á idade de 11 anos, Pepe Carballude vai interno a un colexio de Ourense e no seu instituto Ramón Otero Pedrayo estuda o bacharelato.

Da súa infancia, Pepe evoca sempre o poder de feitizo que tiveron para el dúas veciñas, que vivían practicamente na casa. Francisca e Rosa contáronlle vidas de santos, lendas, contos de aparecidos, historias da guerra civil e de aquí procede o seu interese polo imaxinario colectivo da nosa terra. Costumes, tradicións, cantos de cegos, romances e o realismo máxico das nosas tradicións orais son un elemento temático moi presente na súa obra como en: Gazafellos, Andainas de Pedro Chosco,…

Outro factor importante vén sendo a ausencia do pai, o feito da emigración, a pobreza do campo e da nosa sociedade en xeral, moi desfavorecida e sen prestixio político nin social dan pulo á obra desta temática, destacando as negativas actitudes da sociedade, as discriminacións e as diferenzas entre as persoas. Nestas obras predomina polo tanto a ironía, a sátira, o humor e a crítica social. Así neste apartado estaría a novela que lestes Maldito DNI e outras como Historia do home can, Romaxe de desventuras e a máis recente titulada Marxinados.

Na súa estadía en Ourense e no seu paso polo instituto, Carballude vai descubrir unha Galicia vista desde o plano cultural, literario, social e político que lle era descoñecida. A través dos seus profesores entra en contacto con escritores e poetas galegos vivos como E. Blanco Amor, C. E. Ferreiro e asiste as súas conferencias e recitais. Destaca unha profe, Carmen Usof, que lle aprende historia desde a literatura e Paco Rodríguez, que lle pasa autores e obras de literatura galega amais de amosarlle unha Galicia autónoma e diferente.

Á hora de facer os estudos universitarios o noso autor quere estudar Latín e isto vai ser todo un acontecemento na familia e no seu entorno. Non se sabe moi ben para que serve o latín…na casa van aceptando e entre os veciños algún pensa que estuda para crego. A súa paixón polo mundo clásico vaise converter nun núcleo temático da súa obra. Mitoloxía, héroes clásicos, aventuras, estuturas iniciáticas de procura da identidade individual e colectiva vanse ver en obras como O deus desaparecido, O talismán dos druídas, A fraga misteriosa, De como o santo dos croques se fai peregrino. Estes títulos combinan interese clásico, mundo celta e materia de Bretaña.

Realiza as oposición de profe de Latín , instálase en Carballo e xa convertido en pai de familia, achégase á literatura infantil con gozo e pracer inspirado polas propias fillas. Os títulos dedicados aos máis novos son Os enredos de Olalla, Andrea quere ser maior, O xílgaro pintor e Mimos e mais mimos. Neles trata o conflito dos ciúmes, os desexos de superar a infancia e o coidado da natureza.

Outra liña temática presente no noso autor é a literatura de misterio centrada na actualidade. Así vaise aproximar ao problema da droga consumo e distribución, na obra Investigación 091, ao desastre ecolóxico vivido por el en Carballo, SOS, que trata do embarrancamento do buque Casón na Costa da Morte, Paisaxe con fondo gris, que se centra na pobreza económica e intelectual do franquismo. E en Xograres dun tempo novo recrea o compromiso político e o labor educativo e divulgativo das Misións Pedagóxicas no tempo da II República.

Que destaca a crítica da obra do noso autor?

- Eficaz combinación de fantasía e realidade.
- Realismo e humor
- Botar man da tradición oral e rescatala para os mundos de hoxe
- Emprego de recursos narrativos como a polifonía, simultaneísmo, anacronía
- Emprego de recursos mitolóxicos, pictóricos e históricos xuntamente cos literarios.
- Diálogos e dinamismo para as diferentes escenas e descricións
- Riqueza lingüística e combinación dos diferentes rexistros.
- Vocabulario tradicional e enxebre que axuda á ambientación da novela e caracterización dos personaxes

Que le Pepe Carballude unha e outra vez

- Metamorfoses de Ovidio.
- Eneida.
- Ilíada.
- Cervantes e Quevedo.
- Cunqueiro e Casares.
- García Márquez.

Obra:

O xílgaro pintor, 1987, Galaxia (narrativa infantil).

Os gazafellos, 1987, S. M. (narrativa infantil).

Andainas de Pedro Chosco, 1989, S. M. (narrativa infantil).

O talismán dos druídas, 1989, Galaxia (narrativa xuvenil).

Investigación 091, 1989, S. M. (novela xuvenil).

Os enredos de Olalla, 1990 (narrativa infantil).

O deus desaparecido, 1991, S. M. (narrativa).

A fraga misteriosa, 1992, S. M. (narrativa xuvenil).

A historia do home-can, 1993 S. M. - Everest (narrativa infantil).

S.O.S., 1994, Galaxia (novela xuvenil).

Romaxe de desventuras, 1997, Edebé-Rodeira (narrativa xuvenil).

¡Maldito D.N.I.!, 1998, Xerais (novela xuvenil).

Andrea quere ser maior, 1999, Everest Galicia (narrativa infantil).

Os enredos de Olalla, 1999, Everest Galicia (narrativa infantil).

Mimos e máis mimos, 1999, Galaxia (narrativa infantil).

Paisaxe con fondo gris, 2001, Galaxia (novela xuvenil).

De como o Santo dos Croques se fai peregrino, 2002, Premio Barco de Vapor. SM (narrativa infantil).

De como o Santo dos Croques se fai peregrino, 2020, Hércules de Ediciones

Os Gazafellos, 2006, Galaxia (narrativa xuvenil).

Miña avoa ten 13 anos, 2006, Tambre (narrativa infantil).

Xograres dun tempo novo, 2009, Everest Galicia (narrativa xuvenil).

Marxinados, 2014, Galaxia (narrativa xuvenil).

A pintora libertaria, 2021, Galaxia (coll. Costa Oeste)

Divulgación

A vida diaria dos romanos, 2021, Colección Seica. Ed Xerais

Traducións do latín a LG

Fábulas de Fedro, 1988, Xunta de Galicia. Con Rosa García Vilariño e Xosé María Liñeira.

Sobre a vellez; Sobre a amizade, de Cicerón, 2005, Xunta de Galicia.

[Maio de 2021]

Nacín na aldea de Rubín, na Estrada, Pontevedra, o 15 de Agosto de 1956. Tanta presa tiña por chegar que me presentei o día da festa e xa comín á mesa cos festeiros. Disque a madriña Consuelo paraba a xente que ía para a misa cantada e dáballe a grande nova. A pobre non podía disimular o contento que lle producía o seu primeiro netiño.

Na nosa casa non había libros nin enciclopedias. Por iso lin poucos contos de pequeno, pero, á hora de durmir, Rosa e Francisca, as mulleres que lles botaban unha man a meus pais nos trafegos do campo, contábanme unha chea de historias de lobos adoecidos, de pantasmas que volvían a este mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos. Meus irmáns e mais eu quedabamos toda a noite a soñar con aqueles relatos. Coido que de aí prendeu en min o meu gusto por fabular.

Os primeiros anos paseinos na aldea, axudando nos labores da terra e xogando cos outros rapaces sempre que podíamos. No verán, mentres os pais durmían a sesta, bañabámonos no río que pasaba polo fondo das brañas onde se podían atopar sacos con gatiños ou cadelos afogados. De vez en cando axexabamos cómo se bañaban as rapazas e despois escolliámolas de mozas. Normalmente elas non sabían nada. Outras veces dábasenos por entrar nas hortas dos veciños a coller froita, a mesma que tiñamos nas nosas; pero a roubada sabía mellor. Tamén andabamos ós niños de paxaro ou pillabámolos con paxareiras, armabámoslles ás troitas de noite, xogabamos ó fútbol; corríamos coa chinga... E ademais eu era o sancristán. Así matabamos a folganza.

Cando cumprín doce anos, marchei para Ourense. Estudiaba no instituto e vivía interno nun colexio menor. Era a primeira vez que saia ó "estranxeiro" e doeume moito. Pola noite lembrábame da casa da aldea, ruín pero agarimosa, dos irmáns, dos amigos, do can que me axudaba a tornar o gando, da troula... Na cidade non había nada diso. Non tiña queixa, pero faltábame a garula dos meus. Metinme de cheo nos libros e rematei o bacharelato no ano 1975. En Ourense coñecín algúns dos escritores que máis admiro: Blanco Amor, Carlos Casares, Méndez Ferrín... Foi todo un descubrimento porque eu pensaba que todos os escritores estaban mortos, por iso saían nos libros.

Despois fun estudiar Filoloxía Clásica a Compostela, a miña vocación desde terceiro de bacharelato. O mundo antigo, de lendas e deuses caprichosos, atraíame moito. Alí afondei na lectura de escritores gregos e latinos como Homero, Sófocles, Virxilio, Ovidio, Horacio... A eles débolles unha estética e un xeito de contar.

No ano 1980 licencieime en Filoloxía Clásica e marchei a dar clase a Cabeza del Buey (Badajoz). Ó ano seguinte aprobei as oposicións de agregado de Latín e destináronme a Vilagarcía. Despois volvín a Badajoz, desta volta a Don Benito. Aquel ano fíxenme catedrático de Latín e pasei a Carballo. Na actualidade estou no I.E.S. "Xosé Neira Vilas" de Perillo-Oleiros (A Coruña).

[Xuño, 2010]

Nacín na aldea de Rubín, na Estrada, Pontevedra. Tanta presa tiña por chegar que me presentei o día da festa e xa comín á mesa cos demais festexeiros.

Na nosa casa non había libros. Por iso lin poucos contos de pequenos, pero teño sentido unha chea de historias de lobos adoecidos, de pantasmas que volvían a este mundo ou de mouros gardiáns de tesouros fabulosos. Cada día, á hora de durmir, contábanme unha. Desde aquela sempre soñei con ser quen de escribir contos coma aqueles.

Pero non podía escribir. Había que estudiar.

Primeiro estiven nunha escola rural, onde imperaba aquilo de que "a letra con sangue entra". Aínda así aprendín a lista dos reis godos, os ríos de Asia, as capitais de Europa e algunhas cousas de tanta utilidade coma estas. Pouco de historia e xeografía de Galicia. Seguramente porque o máis achegado ben se ve e non o hai que estudiar.

Así fun tirando e conseguín marchar para o instituto. En Ourense. Interno. O que mellor recordo de alí son os guateques dos sábados pola tarde. Aqueles bailes con rapazas doutros colexios da cidade foi para min todo un descubrimento. Debín de quedar tan pampo coma cando o home puxo o pé na lúa por primeira vez. Naquel internado aprendín as sutiles artimañas para facer a petaca nas camas dos compañeiros, a extratéxica técnica para loitar con almofadas contra os colexiais dos outros cuartos ou as habilidosas artes de brincar polas fiestras para mercar bocadillos de tortilla no Eirociño. Tamén aprendín literatura, latín, grego, lingua, francés... Alí fixen moitos dos mellores amigos que aínda teño hoxe. E soñei as aventuras máis grandes que pode soñar un neno. Sen dúbida a máis arelada era que chegasen as vacacións para ir á casa. Ese día erguíame cedo e aló marchaba para coller o Castromil. Choutaba polas rúas coma se me tocase a lotería.

Pero aínda non podía escribir. Había que estudiar.

Rematado o C.O.U. (era o segundo ano que existía), pasei a Santiago. Matriculeime en Filoloxía Clásica. O mundo dos gregos e latinos sempre me cautivou. Sen embargo a carreira que me agardaba era outra cousa. Veña teoría. Teoría de lingüística, teoría de literatura, teoría de lingua. Teoría, teoría e teoría. Aínda así familiariceime con Homero, Virxilio, Horacio, Tito Livio, Catulo, Tibulo, Tácito, Heródoto, Platón e unha chea de escritores que me acompañaron desde aquela.

Pero aínda non podía escribir. Había que estudiar.

Por fin rematei a carreira e comecei a traballar nun instituto de Badajoz. Daquela, coma Sócrates, souben que non sabía nada e púxenme a aprendelo. Exiliado en terras extremeñas, coma Castelao, entregueime ó estudio con máis ansias ca método, con máis entusiasmo ca orientación. E debín estudiar moito porque xa aquel mesmo ano saquei agregadurías de latín e mandáronme para Vilagarcía. Alí, ademais de ensinar a lingua do Lacio, tiven que dar música. Pero eu de música non tiña nin idea e parecíame pouco ético esixirlles ós demais o que tampouco sabía eu. Daquela embarqueime de cheo en preparar catédras e saqueinas ó cabo de dous anos. Destináronme a Carballo.

Daquela xa puiden escribir.

E comecei presentándome ó II Concurso do Barco de Vapor, no que quedei finalista. Desde entón estou enganchado na literatura. E niso sigo.

[Febreiro, 2002]