Pedro
Fernández Núñez

Ourensán de nacemento (Campobecerros, 1945) e vigués de adopción. Estudou economía na Universidade de Bilbao. Ingresa por oposición no Corpo de Economistas AlSS do Estado e ocupou varios cargos como funcionario público, no Goberno Civil de Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e Ministerio do Interior. Deu clase en varios centros oficiais da cidade olívica como profesor de economía: no Instituto de Ensino Medio, Estudos Empresariais, Relacions Laborais e foi profesor universitario durante máis de 30 anos. Comentarista económico na cadea COPE e na Televisión Española. Asesor fiscal e empresario. Articulista sobre temas económicos en Atlántico Diario e Faro de Vigo.

Como profesor universitario foi desenvolvendo un labor de investigación sobre a economía e a sociedade galega non só no presente senón tamén no pasado, coordinando equipos de análise social. Durante este longo período realizou estudos e traballos sobre Galicia con absoluta imparcialidade e fóra de análises e interpretacións políticas, con especial atención ás razóns do atraso económico de Galicia. Esta experiencia é o que o conduciu á elaboración do libro Galicia, viaxe ó pasado, sobre a historia social e económica galega, como un resumo e síntese da súa visión dos problemas de Galicia a través do tempo, e que é o resultado do esforzo de investigación de todos os seus anos como economista e profesor.

Pronunciou varias conferencia relativas ao mundo galego. Comentarista e columnista dos principais diarios galegos, tivo unha longa experiencia da nosa realidade, unha realidade que reflicte neste libro, que conta con fotografias, cadros e debuxos, o que dá máis animación e interese á súa lectura. Tivo unha boa acollida, xa que se carecía de traballos breves relacionados coa historia de Galicia e contén textos apoiados por datos concretos e números, con rigor científico, ao tempo que tamén é de lectura entretida. Pode ser usado incluso como material de ensino en colexios. Foi distribuído aos Centros Galegos no mundo, polo que a súa lectura e coñecemento está garantido.

Ao autor de Galicia, viaxe ó pasado chámalle a atención que Galicia, cunha traxectoria tan claramente definida, diferenciada do resto do estado, non tivera máis participación, un papel máis importante na historia de España, na súa economía: sempre estivo lonxe, distante, ás veces co paso cambiado. Está seguro de que esta situación vai cambiar porque Galicia ten un gran capital humano que deu mostras de traballo, esforzo, sacrificio e capacidade por todo o mundo na emigración. Polo tanto ergueráse das súas propias cinzas industriais, para poñerse en pé, e nunha frenética carreira contra o reloxo dará o salto á Galicia moderna e pisando o acelerador a fondo saberá chegar a tempo ao futuro.

Agora sae ó mercado o seu novo libro, esta vez en castelán, unha novela, Maestro de Campobecerros, un mestre rural loitando por sobrevivir na posguerra.

[Maio, 2017]