Óscar Reboiras Loureiro (Rianxo, 1979) é doutor en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa no mundo do márketing dixital e da comunicación corporativa. Un bo día decide que é o momento de escribir outro tipo de textos. Por iso se apunta a un taller de escritura impartido por Antón Riveiro Coello, do que sae un libro coral, Liñas compartidas (Toxosoutos, 2019). Ese mesmo ano publica o ensaio O cronista imposible. Wenceslao Fernández Flórez (Vía Láctea).
Recibiu o premio Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira (2020), o terceiro premio de narrativa do Certame Literario de Ames (2021 e 2022), o primeiro premio no Certame de Microrrelatos de Vilalba (2022), o segundo premio de relato breve Manuel Murguía (2024) ou o primeiro premio de poesía María Mariño (2024). No 2022 gaña o II Premio de Novela Galicia Rural, grazas ao que publica a súa primeira novela, A agonía das folerpas (Galaxia). En 2024 recibe o premio de literatura infantil Carlos Mosteiro pola obra Cando o mundo é azul.
Obra individual:
- O cronista imposible. Wenceslao Fernández Flórez (Vía Láctea). 2019
- A agonía das folerpas (Galaxia). 2022
Obra colectiva:
- Liñas compartidas (Toxosoutos). 2019
- Relatos na rúa 8 (Editorial Elvira). 2021
- Microrrelatos. Premiados no III e IV Certame [2021-2022] do Concello de Vilalba (Alvarellos). 2022
- Historias de Barbantia. 17 relatos de autoras e autores do Barbanza (Galaxia). 2024
[Xaneiro, 2025]