Montse
González Álvarez

Montse González Álvarez (Magadán) naceu en Lugo en 1972. Licenciada en Filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como normalizadora lingüística no Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo.

En 2016 ve a luz a súa primeira obra en solitario, Chorimas serodias, un poemario marcadamente intimista onde a poeta bebe das temáticas recorrentes na literatura do XIX como o amor e o desamor, o paso do tempo, a morte e a evasión da realidade, abeirándose no seu universo de maxín e fantasía. No libro poden apreciarse claras referencia á poesía rosaliana, así como ao simbolismo borgiano; destaca, asemade, a utilización harmoniosa que fai dos latinismos e cultismos ao estilo do culteranismo gongorino, presentes en toda a súa obra.

Con anterioridade participa en varias publicacións colectivas nas que dá a coñecer a súa obra lírica: Deixei de escribir para min cando cederon as bisagras da alma, ao tempo que ofrece numerosos recitais.

Libros colectivos: Alén do silencio, 2014; Un libro de libros, 2014; Galiza-Moçambique: numa linguagem e numa sinfonía, Roteiro das artes internacional, 2016; Angola-Galiza: sementes da lingua, 2017; Antoloxía Brasil-Galiza, (no prelo) e Manuel María: libro de homenaxe; Mondoñedo É Poesía 2014-2018, Asociación As San Lucas-Mondoñedo, 1.ª edición, maio 2018.

Libros colectivos en formato dixital: Poemas pendurados de Farolas. Lumes nunca máis! Estraperlo Culturalia GZ, 2018; As Rosalías abriron a fiestra, Estraperlo Culturalia GZ, 2018.

Asemade, as súas colaboracións colectivas están presentes no “Grupo colectivo CE-ARTE”, de Lugo, entre novembro de 2013 e marzo de 2014.

Actualmente é a coordinadora do programa de radio Verso a Verso, sección da emisora online Openradio.es: un limiar aberto á poesía desde os clásicos ata a poesía actual presentada na voz de poetas xa consagrados e tamén, como non, de todas as persoas que comezan a achar o seu lugar no panorama literario.

[Marzo, 2018]