
Quixen nacer na festa do Loreto de Vilariño (Cespón – Boiro) do 1983, pero o destino decidiu que saíse ao mundo unha semana despois para celebrar o día dos Milagres de Amil. Foi toda unha casualidade, porque miña nai xa tiña o meu nome decidido de antes por unha moza que fora a raíña das festas de Boiro.
Medrei na aldea e estudei na escola unitaria ata os sete anos cunha mestra marabillosa que sabía que as nenas e os nenos tiñamos dereito a correr polo monte e gabear polas pedras. Despois, fun estrear o colexio de Cespón onde comecei a escapar da LOXSE ata rematar COU. Estudei filoloxía e doutoreime na USC para quedar en Compostela, con idas e vidas, durante quince anos. Nese tempo, vivín en Inglaterra e na fantástica Illa de Man, que deixou unha pegada fonda no meu corazón. Desa experiencia saíu a tradución ao galego Contos da Illa de Man (2023). Volvín para a casa matriz no 2016, cando ía nacer o meu segundo fillo.
Eu sempre escribín. Mellor ou peor, pero sempre. Gañei concursos literarios de nena e a miña primeira obra narrativa A osa menor publicouse no volume Contos dos nenos da ONCE. Dende entón, seguía publicando na revista do instituto, na das festas de Boiro ou gardando os escritos nun caixón. No 2004, varias persoas con intereses culturais e literarios fundamos a Asociación Cultural Barbantia e revolucionamos a comarca. Son autora de varios artigos no seo desta asociación, que marcou a miña viaxe no estudo do folclore. Publiquei o meu primeiro libro, O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza, no 2009, e seguiuno Da Moura á Sheela-Na-Gig. Reflexións sobre significado, orixe e evolución no 2016. Nunca parei de escribir artigos e libros sobre tradición e, por motivos profesionais, lingüística e ensino, en galego, castelán e inglés. Co tempo, virei máis cara a pedagoxía e levo uns anos na Universidad Internacional de La Rioja sendo profesora de ciencias da educación, onde podo combinar a miña curiosidade polo entorno, a diversidade lingüística, a inclusión e o afán de transmitir información. A fundación da asociación de trastornos do espectro autista no Barbanza - BarbanTEA, no 2024 marcou outro fito na miña produción científica e tamén literaria e, no 2025, saíu á luz Vítor é autista xunto con Rosa Araújo, un libro no que quixemos explicar ao alumnado de primaria o que é o autismo de maneira comprensible.
En marzo do 2026 gañei, con Laura Pérez Delgado, o IV Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi con Paio e o gatipedro, un conto que saíu da petición dun dos meus fillos para axudar coas visitas incómodas do gatipedro que teñen moitas crianzas.
Obra en galego:
Libros:
Torrado Cespón, M. (2009). O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza. Toxosoutos.
Torrado Cespón, M. (2016). Da Moura a Sheela-Na-Gig. Reflexións sobre significado, orixe e evolución. Toxosoutos.
Torrado Cespón, M. (Trad.) (2023). Contos da Illa de Man. Medulia.
Torrado Cespón, M. (2026). Paio e o gatipedro. Galaxia. – en prensa.
Araújo García, R., Torrado Cespón, M. (2025). Vítor é autista. Concello de Boiro
Araújo García, R., Torrado Cespón, M. (2026). Vítor é autista. Deputación da Coruña. – en prensa.
Participación en libros:
Torrado Cespon, M. (2001). A Osa Menor. En Contos dos Nenos (pp. 77- 84). ONCE.
Torrado Cespón, M. (2011). Adro. En D. González Couso (trad.) Rip van Winkle. Toxosoutos.
Torrado Cespon, M. (2026). Boas prácticas de coordinación escola-comunidade para a inclusión do alumnado no espectro autista. O caso BarbanTEA. En A. Rodríguez Guimeráns (ed.) O TEA na escola e a comunidade: recursos, experiencias e prácticas innovadoras. Dyckinson. – en prensa.
Artigos:
Torrado Cespón, M. (2008). Unha pequena viaxe etnográfica polo Barbanza. Anuario de Estudos do Barbanza, 4. 161-171. https://www.barbantia.es/www/cont/wp-content/uploads/2011/03/interior-anuario-2008.pdf
Torrado Cespón, M. (2010). Algunhas reflexions sobre o papel da muller na crenza o mal de ollo. Os casos galego e británico. Andaina, revista de pensamento feminista, 55, 18-21. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3251769
Torrado Cespón, M. (2011). Actualización da Noia de Ruth Matilda Anderson: fotos de onte e hoxe. Anuario de Estudos do Barbanza, 7, 35-48. https://www.barbantia.es/www/cont/wp-content/uploads/2013/02/anuario_barbantia_2011.pdf
Torrado Cespón, M. (2011). Exemplos de elementos vexetais en rituais contra as enfermidades. Exemplos das Illas Británicas e Galicia. Andaina, revista de pensamento feminista, 58, 36-39. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3695227
Torrado Cespón, M. (2022). O Moddey Dhoo da Illa de Man. Reflexións sobre a figura do urco máis alá de Galicia na literatura e no folclore. Anuario de Estudos do Barbanza, 18, 59- 66. https://www.barbantia.es/www/cont/wp-content/uploads/2023/10/Anuario_18-Barbantia-2022-rrss.pdf
Torrado Cespón, M. (2024). A parroquia de Cespón no cancioneiro popular. Anuario de Estudos do Barbanza, 20, 85-92. https://www.barbantia.es/www/cont/wp-content/uploads/2026/01/ANUARIO_2024rrss.pdf
Torrado Cespon, M., Brandón Torrado, R. (2025). As cruces de pedra no Rianxo de Castelao. Anuario de Estudos do Barbanza, 21, 233-248. https://doi.org/10.5281/zenodo.18174462
Artigos xornalísticos
Torrado Cespón, M. (26 set. 2008). Hambrela, aldea celta. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2008/09/26/hambrela-aldea-celta/0003_7171616.htm
Torrado Cespón, M. (31 oct. 2008). Reflexos do festivo. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2008/10/31/reflexos-do-festivo/0003_7272144.htm
Torrado Cespón, M. (3 oct. 2023). Cando more unha árbore. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2023/09/30/span-langglcando-morre-unha-arborespan/0003_202309B30E3991.htm
Torrado Cespón, M. (23 mar. 2024). A derradeira viaxe do Ondarroa. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2024/03/23/span-langgl-derradeira-viaxe-do-ondarroaspan/0003_202403B23E2991.htm
Torrado Cespón, M. (28 sep. 2024). Morte no cruceiro de Pazos. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/boiro/2024/09/28/morte-cruceiro-pazos/0003_202409B28E2991.htm
Torrado Cespón, M. (28 xun. 2025). Outes, entre mocións e tensión política. La Voz de Galicia. https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/outes/2025/06/28/span-langgloutes-mocions-tension-politicaspan/0003_202506B28E2991.htm
Noutros idiomas
Ver:
[Abril de 2026]
