María Nieto (A Coruña, 1979) é xornalista, escritora e directora de comunicación.
Comezou a súa carreira profesional como xornalista no ano 2000, e dende entón vén desenvolvendo proxectos en diferentes ámbitos: radio, televisión, prensa, prensa en liña, gabinete político, comunicación corporativa... Dende 2013 dirixe a axencia e-Me Comunicación, especializada en proxectos culturais e sociais e comunicación corporativa, desempeño que compaxina co seu labor como escritora.
Participou en diferentes publicacións ensaísticas como A Cidade dos Xornalistas (Asociación da Prensa da Coruña, 2009), Torre de Hércules, tesouro da humanidade (Asociación da Prensa da Coruña, 2013), Cidade das Mulleres, veciñas ilustres da Coruña (Asociación da Prensa da Coruña, 2021), colabora como sinatura convidada en diferentes medios, como xornalista e como articulista de opinión, e participou en diferentes certames literarios (finalista de Relatos en Cadena de Cadea SER en 2021, e finalista do concurso de relatos eróticos Diversual en 2021).
Dende 2022 forma parte da comisión lectora do Premio Torrente Ballester, convocado pola Deputación da Coruña.
En 2021 publicou o seu primeiro poemario, Lo que pudo haber sido, lo que es, lo que nunca será (Zasbook 2021). Hogar (Aliar Edicións 2023) foi a súa primeira novela, tras ela publicou dentro da antoloxía A Sombra do Mal (Embora, 2024) e Cómo decir te quiero sin palabras (En los cuernos de la luna, 2024).
[Xaneiro, 2025]