María Carmen
Martínez Purriños

A Coruña, 1978. Estudou na Facultade de Ciencias da Educación da súa cidade natal. Exerceu como mestra de Educación Infantil e Primaria en diversos colexios públicos dende o ano 2002 e actualmente continúa traballando como mestra nun centro educativo da cidade da Coruña.
Escribiu e publicou o libro A rosa dos ventos no ano 2019, no que podemos atopar unha colección de poemas adicados a describir paisaxes, sentires, emocións..., algúns cunha temática máis intimista e outros máis social pero todos eles tratando de expresar sentimentos e realidades en linguaxe poética que pretenden chegar ó corazón e á alma de todas as xentes que algún día os poidan ler.
En 2020 publicou o seu novo poemario, Axóuxere de maio, no que trata de espertar sentimentos e sensacións, evocando imaxes e querendo transmitir mensaxes en linguaxe máxica, con verbas sinxelas e sentimentos profundos, con musicalidade e emoción.
No ano 2023 publica o libro Ronsel de beiramar. Trátase dun libro de poemas con parte narrada e tamén documentada. Pretende ser un xeito de achegamento á cultura mariñeira e ó mundo do mar dende a ollada da cidade de A Coruña, onde se dorme co arrolo do son das ondas. Para este traballo contou con varias colaboracións de persoas que comprenderon o desexo da autora de navegar polo camiño da aprendizaxe dos temas de mar e barcos a través dos versos e conversas. Tamén no ano 2023 se publica o libro Historias de encantar, un libro para crianzas, obra colectiva na que Carme Martínez Purriños participa xunto con outros moitos autores e autoras da Galiza e Portugal achegando cada escritora e escritor as súas achegas ó facer común.
Namorada da cultura galega, das nosas tradicións e o noso idioma. Entre as súas afeccións podemos destacar ademais da literatura e a poesía tamén a música galega, coñecendo as maneiras de tocar algún dos instrumentos máis típicos da nosa cultura.

[Marzo, 2023]