María
Álvarez Landesa

Comecei a escribir na area da praia de Samil nun prolongado devalo de inverno. Tiña tres anos. Desde entón, fiquei sempre no mundo das palabras. Co tempo decidín licenciarme en Filoloxía Hispánica na USC, para mergullarme nos libros e continuar coa creación propia. Tamén porque elixín ser docente para aprender cada día un pouco máis nas aulas.

No ano 2021 participei nun Obradoiro impartido por Eli Ríos ao abeiro da AELG e do Concello de Santiago. De alí xurdiu o colectivo de escrita feminista Comadres das Letras, do que formo parte desde os seus inicios.

Da man das miñas comadres publiquei o poemario Como dúas crebas (Medulia Editorial, 2022).

No 2024 saíu do prelo Os pozos elegantes das clavículas (Alvarellos Editora).

Creo que a miña palabra medra cando escribo coas compañeiras, por iso gusto de formar parte de libros colectivos. Poderedes atoparme en:
- Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina (Tempo Galiza Editora, 2024). Antoloxía de AA.VV.
- Contármonos (Alvarellos, 2023). Libro das Comadres das Letras.

Tamén tiven algún recoñecemento:
- Finalista en aRi(t)mar co poema “Ser mar” (edición do 2023).
- Segundo premio do VIII Certame de poesía Manuel María, organizado pola Casa de Galicia en Gipuzkoa (2023).
- Terceiro premio do certame de micropoemas Vilariñas, organizado polo colectivo NPG (2022).

[Decembro, 2024]