Marcos
Seixo

Marcos Seixo Pastor (Lugo 1959). Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesor de Lingua e Literatura Galega no Instituto Valle Inclán de Pontevedra. Reside en Cuntis, onde realiza un intenso labor na Asociación Cultural O Meigallo, que alterna coa actividade musical, que veu desenvolvendo en distintos grupos de música tradicional até integrarse en Quinta-Feira que fusiona a tradición con outras tendencias. Ocúpase tamén da coordinación da revista cultural A Taboada, na que ten publicado traballos de carácter histórico, literario e etnográfico. Despois de diversos artigos en prensa, foi autor en 1988 da primeira biografía que se publicou sobre Blanco Torres, así como editor e prologuista da recompilación da súa obra en prensa en galego. Sobre o mesmo escritor ten publicado outros estudos en distintas obras colectivas. As súas colaboracións en prensa (artigos de opinión, crítica literaria, semblanzas...) están espalladas por distintos xornais galegos: Faro de Vigo, A Nosa Terra, Tabeirós Terra, Agália, Terra Bárdica, Novas da Galiza ou na páxina de Vieiros...

Como investigador da traxectoria e obra de Xoán Xesús González encargouse da edición e introdución dalgunhas das súas obras. Publicou ademais unha condensada biografía do mesmo escritor en 2007 na colección "Galegos na Historia" de edicións Ir Indo, e un traballo máis dilatado en 2008, A loita permanente de Xoán Xesús González, da editorial A Nosa Terra.

Participou como poñente no Congreso da Memoria que tivo lugar en Narón en decembro de 2003 e cuxas actas foron publicadas en 2005 co título de A represión franquista en Galicia. A partir deste encontro, e en unión de recoñecidos investigadores como Dionisio Pereira, Xoán Carlos Garrido, Alberte Maceira, Manuel Igrexas, Matías Rodríguez..., fundan a Comisión pola Memoria Sinhor Afranio, e organizan charlas en distintos concellos da provincia de Pontevedra (Lalín, A Estrada, Silleda, Cuntis, Cerdedo). Ademais do Congreso da Memoria de Narón tamén ten participado como relator noutros actos como as Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a ASPG, as xornadas sobre Blanco Torres celebradas en Cuntis e a Homenaxe a Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela, organizadas pola Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza na vila de Silleda en 2006.

É ademais colaborador individual e investigador da Páxina Web Galicia Encantada (así como da Revista de Investigación) na que ten incluído algún traballo relativo Navia de Suarna, o corazón dos Ancares lugueses, onde pasou os seus primeiros anos, que deixaron unha fonda pegada nel, como o demostra parte da súa obra, e que son a causa da continua necesidade de voltar varias veces ao ano a pasar tempadas naquelas terras. Tamén inclúe algún relato sobre Cuntis, concello onde se asentou despois dunha infancia itinerante motivada pola profesión do seu pai (médico rural). Neste concello reside actualmente, concretamente en Castrolandín, ao pé do castro que dá nome ao lugar, e que está a ser escavado pola Universidade de Santiago en colaboración coa fundación Terra Termarum, da que forma parte como vocal.

Aínda que de adolescente ten escrito algúns pequenos poemas, dos que unicamente conserva algúns na memoria, a súa vocación comeza no terreo da investigación e dos textos didácticos elaborados para o traballo de aula cos seus alumnos/as. E foron o Orballo da media noite e o seu autor Roberto Blanco Torres os desencadeantes dun labor de compilación e investigación ao longo dos anos que acharía proxección editorial en 1998 cando a RAG decide concederlle a este poeta o Día das Letras Galegas 1999. Con este motivo acepta a proposta de edicións A Nosa Terra, publicando unha biografía e varios traballos máis que en anos posteriores lle abriron as portas para a edición de estudos de carácter historiográfico, de crítica literaria, etnografía... En 2007 colabora co proxecto do Consello da Cultura Galega titulado Xornalistas con opinión, publicando no volume Vinte Biografías as correspondentes a Xoán Xesús e Blanco Torres, incidindo no aspecto xornalístico e achegando unha selección de artigos de cada un dos autores para o segundo volume: Escolma de Textos. Achegou ademais unha colaboración para o libro de homenaxe a Neira Vilas e as súas Memorias dun neno labrego.

Ver o seu blog "Memoria de Cuntis" en http://www.blogoteca.com/

OBRAS INDIVIDUAIS

- Roberto Blanco Torres (eds. A Nosa Terra).

- Xoán Xesús González. Canteiro, xornalista, escritor e político (eds. Ir Indo).

- Roberto Blanco Torres. Xornalismo Irmandiño (eds. A Nosa Terra).

- Xoán Xesús González. A Modelo de Paco Asorei (eds. Xerais).

- Xoán Xesús González. Felisa (eds. Fervenza).

- A loita permanente de Xoán Xesús González (eds. A Nosa Terra).

OBRAS COLECTIVAS

- Roberto Blanco Torres. Vida, obra e pensamento (eds. Fouce).

- Roberto Blanco Torres. O Combate Incesante (eds. A Nosa Terra).

- Alma de beiramar (AELG).

- Roberto Blanco Torres. Vida e obra (eds. Xerais).

- A represión franquista en Galicia. Actas do Congreso da Memoria de Narón (2003).

- Homenaxe a Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela (Xunta de Galiza).

- Xornalistas con opinión (Consello da Cultura Galega/eds. Galaxia).