
Nacín en Boiro (A Coruña) en 1956 e pasei a miña primeira infancia nun lugar chamado Saltiño, a carón da praia de Barraña. Cursei os estudos de Bacharelato no Seminario Menor de Belvís e licencieime en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela en 1978.
Fun lector de Lingua Española no Lycée d’État de Corbeil-Essonnes durante o curso 1978-79. Empecei a traballar no ensino público en 1980 en Ferrol. Despois de aprobar as oposicións de Francés impartín clases en institutos de A Coruña, Pontevedra, Chapela (Redondela) e Marín.
Durante o curso académico 1993-94 o Ministerio de Educación concedeume un ano sabático que me permitiu facer estudos de posgrao na Universidade Paris III (Sorbonne Nouvelle).
Rematei a miña carreira docente en 2016 no Instituto Valle-Inclán de Pontevedra, cidade na que resido actualmente.
Escribín poesía dende a adolescencia, aínda que de modo moi intermitente a partir dos primeiros anos noventa, con longos períodos de inactividade. No ano 2020, durante a pandemia, retomei a escritura. Logo, unha serie de circunstancias propiciaron a reelaboración e selección dun feixe de poemas escritos ao longo de case corenta anos. Vinte deles viron a luz nun poemario que leva por título Os Camiños da Memoria, editado no mes de xuño de 2025 pola editorial Medulia. Antes diso, só tiña algún poema publicado en medios dixitais.
[Novembro, 2025]
