(1929 - 2012)

Manuel
Dourado Deira

MANUEL DOURADO DEIRA naceu na freguesía de Santa Eulalia do Araño, municipio de Rianxo, provincia de A Coruña, o 30 de agosto de 1929, no seo dunha humilde familia labrega. El mesmo practicou a labranza na casa de seus pais ata a súa pubertade.

A pesar desta situación de illamento nun mundo rural onde imperaba o noventa e moitos por cento de analfabetismo, foi constante a súa inquietude cara o rutilante mundo da cultura, cuxos verdadeiros beneficios el intuía, pero vivía na máis absoluta ignorancia respecto das dimensións do que el pretendía e, sobre todo, das dificultades que tiña que superar e vías de acceso que debía emprender. Pese a todas esas dificultadas, sempre se sentiu orgulloso das súas orixes.

Por eso, nos seus comezos, non lle quedou outro camiño de acceso a ese marabilloso mundo que o do autodidactismo nunha desesperada busca de se abrir paso cara ese seu soño dourado. Para eso, tivo que se procurar medios materiais mínimos para facer fronte aos costes que ese afán conlevaba, para el imprescindible, pero tan distante, dificultoso e incerto nas súas perspectivas de futuro. A este respecto, a familia non Ile podía valer economicamente. Por eso, percorreu Galicia, coma músico de aldea, tocando en bandas e orquestras populares para se poder pagar os estudos. Dese modo, comezou a despegar daquela cerrazón ambiental e foi superando a súa propia soidade e a incomprensión daquel ambiente rural e ignorante que o tilaba de louco por pretender algo tan distinto do que nese ambiente se consideraba normal.

Por tales razóns, en máis dunha ocasión, veuse interpelado despectivamente por grupos que, naquel tempo, se irrogaban o dereito exclusivo de ter estudos. Como anécdota ilustrativa, sirva a seguinte: En certa ocasión, dous señoritos con carguiños oficiais, trataron de se burlar das súas orixes e das súas pretensións de se abrir paso cara esa ilusionante utopía de alcanzar o mundo da cultura. El replicou: Xa vexo que presumen vostedes de descender de altas e ilustres castes. Eu non son dos que Adescenden; eu son dos que Aascenden.

Despois dun Ensino Primario rudimentario, fragmentado polas fatídicas incidencias da Guerra Civil do 36, superou esas carencias con don José Bandín Figueira, Mestre sen oposición que recalou pola súa parroquia natal de Asados, colindante coa de Santa Eulalia do Araño. A este Mestre debe a apertura das vías que o levaron aos estudos de Bacharelato, nos que se graduou con Premio Extraordinario, e de Maxisterio en Santiago de Compostela, carreira que simultaneou cos estudos na Facultade de Dereito que lle permitiron obter tamén o título de Licenciado en Dereito pola Universidade Compostelá. A súa vocación predominante foi a docencia, á que se dedicou con verdadeiro apaixonamento creativo. A outra gran paixón é a de escribir. As circunstancias fixeron que se decantase moi especialmente polo periodismo, particularmente o periodismo de opinión.

Fixo os seus primeiros piniños neste tipo de periodismo de opinión en La Noche, de Santiago. A partir de 1970, simultaneou periodismo de información co de opinión en El Faro de Vigo e La Voz de Galicia, sobre temas das populosas comarcas de A Barbanza e A Arousa, que abranguían desde Sanxenxo a Muros. Algúns dos seus máis polémicos comentarios sobre a realidade socio-política imperante tiveron bastante repercusión na Galicia da Diáspora arxentina (periódico Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires) e nas emisións radiofónicas do programa dominical Sempre en Galiza patrocinado polo Padroado de Cultura Galega de Montevideo.

Dende 1988, foi colaborador habitual de El Correo Gallego e de O Correo Galego (na actualidade, Galicia Hoxe), tarefa que simultaneou como membro do Consello de Redacción de Encrucillada, Revista Galega de Pensamento Cristián, onde publicou algúns dos seus máis interesantes estudios coma O Simposio de Profesores Cristiáns, Unha Ocasión Perdida? (nº 44, 1985); a serie de relatos vivenciais baixo o título xenérico Primeiras Experiencias dun Mestre Novato (Nºs. 61, 64, 65, de 1989, e n° 58, de 1990); Celibato Opcional, Celibato Ritual Obrigatorio (N° 73, 1991); Düssel: Un profeta da Redención Latinoamericana? (N° 75, 1991); Antón Avilés de Taramancos: Poeta, Patriota e Crente Cósmico (N° 77, 1992); Movemento polo Celibato Opcional (MOCEOP) (N° 83, 1993); Narcotráfico: Hidra e Couza da Convivencia (N° 87, 1994), ou o estudo sobre Cultura da vida e da Morte: Accidentes e Víctimas Evitables: Custos e Remedios (N° 106, 1998), por citar algúns dos máis salientables.

Foi galardoado co premio de periodismo Ruta Xacobea 1991. Publicou o libro Conversas con Teresa Castelao (Anecdotario dun século de vida) (Sotelo Blanco Edicións, S.L., 1999). Un segundo libro sobre Maruxa Villanueva, unha Agalega de excepción, que se titula A Mestresa da Casa-Museo: Unha Rosalía rediviva, Editado pola Excma. Deputación Provincial de A Coruña en 2009.

Terminou un terceiro libro sobre Castelao, que se titula O primeiro retorno de Castelao. O tema central é aquel busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, doado polo PADROADO DE CULTURA GALEGA DE MONTEVIDEO, que tantos conflictos de resonancia política provocou en setembro de 1975, cando o Réxime Franquista, eterno inimigo perseguidor da figura de Castelao, estaba dando os últimos coletazos. Era aquel dramático momento das execucións de Burgos.

Continuou até o seu pasamento cunha sección fixa no xornal Galicia Hoxe, da Editorial Compostela.

[Xuño, 2011]