Manuel
Dios Diz

É mestre, hoxe xubilado, especialista en Ciencias Humanas, profesor de instituto (IES de Cacheiras, 2013), licenciado en Xeografía e Historia. Fixo os cursos de doutorado en Estudos Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
É o fundador e foi Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985).
Naceu en Santiago de Compostela o 14 de xaneiro de 1953, na rúa da Troia nº 15. Está casado con Elena Leis Veiga. Teñen unha filla, Iria, e dúas netas, Berta e Martina.
É autor de numerosas Unidades Didácticas dirixidas ao profesorado: Declarar a paz, reclamar os nosos dereitos (1990); Educar para a Paz, globalmente (2002); Sobre a violencia nos medios de comunicación: unha educación necesaria (2004); Educar nos afectos, frear a violencia (2005).
Tamén escribiu varios libros: Cine para convivir, 2001, Editorial Toxosoutos; La paz como cultura. Fuentes y recursos de una pedagogía para la paz, 2010, Editorial Milenio. En colaboración, Acción titorial, transversalidade e resolución de conflictos, 2002, USC; o En son de Paz, 1996, Toxosoutos...).
É autor, igualmente, de numerosos artigos en revistas profesionais e en prensa.
Director de documentais como: En son de Paz, de Saga TV; Cultura de Paz, con Ficción Producciones (2005) e coguionista de Por nada, Ficción Producciones (2009), unha curta de ficción sobre a violencia xuvenil e o ciberacoso, obras premiadas en diversos festivais.
Foi membro do Comité Asesor Internacional do Chamamento pola Paz da Haia (Hague Appeal for Peace), da Asociación Internacional de Educación para a Paz (Teachers for Peace), da rede internacional Trascend, da Asociación AIPAZ, rede de centros de investigación para a paz do estado español, así como vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz que preside D. Federico Mayor Zaragoza e do Secretariado Internacional do Foro Mundial de Educación (FME).
Manuel Dios Diz recibiu o Premio á promoción de condutas tolerantes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola súa experiencia “Educar para a Paz, globalmente” (2002).
Impartiu e compartiu numerosos cursos de formación do profesorado en servizo, en Galicia, no Estado e a nivel internacional. En Galicia colaborou habitualmente cos CEFORES (Centros de Formación e Recursos) e dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado da Consellería de Educación sobre distintos aspectos como son: A Educación para a Paz, recursos e dinámicas de aula; Cine para convivir, Cine e historia; Transversalidade, Educación afectivo-emocional, Educación para a convivencia, Plan Galego de Convivencia Escolar; Cultura de Paz, Conflitividade e convivencia escolar, Cultura de Paz, Violencia nas redes sociais e en internet, sobre o ciberacoso...
Entre os anos ‘70 e ’90 tivo un papel moi destacado na constitución e desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego, primeiro na universidade, logo no ensino, e tamén no movemento obreiro, formando parte das executivas do ensino (Sindicato Galego do Ensino e a Investigación) e confederais da CXTG (Confederación Xeral de Traballadores Galegos), da Intersindical Galega (ING e INTG) e da CIG, até o ano de 1994, en que decidiu dedicarse plenamente á súa profesión de educador.
Entre eses mesmos anos militou activamente en organizacións de oposición á Ditadura como Longa Marcha e Información Obreira, Partido Comunista de Unificación e logo no Partido do Traballo de Galicia. Tamén na UPG, un ano, e en Esquerda Galega.
Foi membro do Consello Escolar do Estado durante dúas lexislaturas e anteriormente unha do Consello Escolar de Galicia en representación do profesorado galego. Participou activamente no movemento sindical educativo a nivel internacional durante os anos ‘80, representando o sindicalismo galego na Federación Internacional de Sindicatos do Ensino (FISE), no Congreso Sindical Mundial da FSM en Berlín e na constitución oficial da Internacional da Educación (IE) en Estocolmo.
Máis recentemente, foi Vicepresidente da Conferencia Mundial para a Paz, a Solidariedade e o Desenvolvemento, que co auspicio da ONU e da UNESCO, patrocinou a Xunta de Galicia no ano 2005 e presidiu, no marco da devandita Conferencia, o Congreso Mundial de Educación e Cultura de Paz, que tivo lugar no mes de maio de 2005 en Compostela coa presenza de varios premios Nobel da Paz.
Foi tamén Director da Fundación Cultura de Paz en Galicia e membro do Consello Internacional do Foro Mundial de Educación (FME), que forma parte do Foro Social Mundial (FSM).
Promoveu a constitución e a celebración do I Foro Social Galego, que agrupou a case un cento de asociacións e movementos sociais de Galicia.
Recibiu o Premio “Fagamos as paces”, concedido polo Institut Internacional per la Pau da Generalitat de Catalunya polo seu documental “En son de Paz" no marco do III Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos (2005), e foi tamén finalista dos Premios Mestre Mateo ao mellor documental galego dese mesmo ano.
Representou a Fundación Cultura de Paz no Foro Mundial de Educación (FME) de Caracas 2006 e no Foro Social Mundial (FSM) dese mesmo ano na capital venezolana. Tamén no Cumio pola Paz Colombia en 2009.
Participou de maneira moi activa na redacción do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar de Galicia, así como no deseño do Observatorio Galego da Convivencia Escolar de Galicia, aprobados pola Consellería de Educación. Foi asinante do Acordo Interinstitucional para o seu desenvolvemento en representación do Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz), presentado oficialmente polo Presidente da Xunta, D. Emilio Pérez Touriño, o 30 de xaneiro de 2007, Día Escolar pola Paz.
Coordinou o Ciclo de Diálogos pola Paz durante o curso 2007/2008, celebrados en Compostela e A Coruña, entre novembro e xuño, en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e a USC, sobre o proceso de paz no País Vasco, coa participación de destacadísimas personalidades de ámbito estatal e internacional.
E no ano 2008, nos Diálogos Altermundialistas, entre os meses de outubro e maio, en Santiago e Vigo.
É coautor da ferramenta didáctica da serie documental e para televisión titulada “Linatakalam” (Falemos), producida por IBISA TV. Dirixiu a realización dun novo Documental titulado “Cultura de Paz” con Ficción Producciones en 2007.
Desde o 30 de xaneiro de 2007, foi membro do Observatorio Galego da Convivencia Escolar na cota de personalidades de recoñecido prestixio proposto pola Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria. Foi cesado polo Conselleiro Jesús Vazquez en decembro de 2010, na recomposición do organismo como consecuencia do cambio de goberno.
Foi Secretario Coordinador do Comité Organizador do Foro 2010, presidido por Federico Mayor Zaragoza.
En 2009 foi nomerado Vicepresidente do Consello de Dirección da Fundación Cultura de Paz.
Coordinou o Foro 2010 en Santiago de Compostela, tres congresos internacionais e unha reunión de alto nivel, entre eles, o Foro Mundial de Educación temático sobre Cultura de Paz.
No final de 2010 publicou en castelán La paz como cultura: fuentes y recursos de una pedagogía para la paz na Editorial Milenio.
Foi vicepresidente da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, inaugurada oficialmente pola Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, o 9 de decembro de 2010, no marco do Foro 2010 celebrado en Santiago de Compostela.
Foi promotor, en representación do SGEP, da Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, que quedou pendente en trámite parlamentario.
En decembro de 2011 foi nomeado membro do Observatorio Estatal da Convivencia Escolar na cota de personalidades de recoñecido prestixio polo Ministro de Educación, D. Ángel Gabilondo.
O 1 de setembro de 2012 reincorporouse á docencia na súa praza de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, no IES de Cacheiras, en Teo, praza na que se xubilou da docencia regrada o 14 de xaneiro de 2013, día en que fixo 60 anos.
Foi covoceiro e cofundador de Ecogaleguistas (Espazo Ecosocialista Galego). Pechou a candidatura de AGE (Alternativa Galega de Esquerda) pola provincia da Coruña nas eleccións autonómicas de 2012.
Continuou coa súa intensa actividade educativa e divulgadora, especialmente como presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, na vicepresidencia da Cátedra UNESCO de Cultura de Paz e Dereitos Humanos da USC, e na Fundación Cultura de Paz.
O día 29 de novembro de 2013, en Barcelona, na sede do ICIP, foi escollido Presidente de AIPAZ, a asociación que agrupa a práctica totalidade dos centros e institutos de investigación e de educación para a paz do Estado Español.
Na lexislatura da infamia (2011-2015) do Concello de Santiago de Compostela, entrou a formar parte activa de COMPOSTELA ABERTA, participando nas súas asembleas e debates constituíntes, sendo un dos seus covoceiros. Colaborou na elaboración do seu Manifesto Fundacional, dos seus Principios de Funcionamento, na campaña “Que Concello Queres”, no Código Ético e no Regulamento de Primarias Abertas. Compartiu, polo mesmo, os seus obxectivos e a idea de empoderar a cidadanía para auditar e limpar o Concello de podremia e indignidade. Por iso, e para iso, presentou a súa candidatura para as eleccións municipais de maio de 2015. Formou parte da candidatura municipal de Compostela Aberta, que conseguiu o goberno municipal de Santiago de Compostela en maio de 2015, como forza máis votada (10 concelleir@s) e foi nomeado Conselleiro de Educación e Cidadanía, responsabilidade que desempeñou durante toda a lexislatura, até maio de 2019, no goberno presidido polo Alcalde Martiño Noriega (2015-2019). Tamén foi Deputado Provincial na Diputación Provincial da Coruña entre 2015 e 2019 por Compostela Aberta.
En 2022 coordinou o libro colectivo Adeus ás armas. Que foi do pacifismo?, editado polo Foro Obencomún, que contén 21 olladas incómodas de activistas, investigadore@ para a paz, educador@s e académic@s, con Prólogo de Federico Mayor Zaragoza.
En 2023 coordinou a edición en castelán do mesmo libro, con 30 olladas incómodas, titulado: ¡Abajo las armas! ¿Dónde está el pacifismo?, publicado por Alvarellos Editora.

[Febreiro, 2025]